Saltar ao contido

Lingua maltesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Maltés
Malti
Falado en: Malta
Total de falantes: 430.000
Familia: Afroasiática
 Semítica central
  Árabe
   Árabe magrebí
    Árabe siciliano
     Maltés
Escrita: alfabeto latino
Status oficial
Lingua oficial de: Malta Malta
Regulado por: Consello Nacional da Lingua Maltesa
maltés: 'Il-Kunsill Nazzjonali tal-Ilsien Malti'
Códigos de lingua
ISO 639-1: mt
ISO 639-2: mlt
ISO 639-3: mlt
Mapa
Status

O maltés está clasificado como "en estado seguro" polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[1]

O maltés[2] é unha lingua semita, relacionada coa lingua árabe - en particular, do dialecto do norte de África. É falada en Malta como lingua oficial, e por comunidades maltesas noutros países. É a única lingua semita que se escribe co alfabeto latino.

O país foi sempre unha estratéxica illa-fortaleza entre as beiras oriental e occidental do Mediterráneo. A lingua maltesa procede do árabe, con préstamos turcos para termos navais, aínda que evolucionou ata converterse nunha nova lingua, e é a lingua oficial na illa de Malta. O seu sistema de escritura non é actualmente árabe senón, desde o século XVIII, romano, aínda que ata a expulsión dos xudeus en 1492 o maltés escribiuse ocasionalmente en caracteres hebreos. Debido ao seu illamento, desde o século XIII está libre de toda diglosia.

Á parte de Malta e Gozo, tan só un ou dous nomes de lugar poden, de modo cauteloso, adscribirse aos períodos que preceden á conquista árabe do ano 870. Este feito demostra que as illas estaban habitadas ou que albergaban un número reducido de poboación durante gran parte da dominación árabe (aproximadamente desde o 870 ata 1090). Entre a súa captura por gobernantes normandos de Sicilia e a chegada dos cabaleiros de San Juan de Xerusalén (1090–1530), as illas pertenceron a sicilianos e españois. Durante a segunda metade desta etapa, o siciliano era unha lingua moi estendida entre as capas máis elevadas da Igrexa e do laicado, e probablemente tamén entre comerciantes cualificados e artesáns. O vocabulario do actual maltés está repleto de sicilianismos; de feito, a maior parte do léxico relacionado con actividades da pesca e da construción é de orixe siciliano.

O texto en maltés máis antigo, titulado Cantilena, é un poema de 20 versos. Composto aproximadamente en 1460–85 por Petro de Caxaro. Existen tamén outros textos de ao redor da segunda metade do século XVII, pero terían que pasar máis de cen anos para que a escritura en maltés fose unha actividade sistemática. Foi Mikiel Anton Vasalli (1764-1829) o intelectual que sostivo que o maltés era unha parte importante da cultura maltesa e que debía ser a lingua nacional, polo que é considerado como "o pai da lingua maltesa" polas súas achegas tanto ao estudo lingüístico do maltés como pola súa loita pola dignificación da lingua. ​No século XIX, escritores locais e administradores estranxeiros, tales como J. Hookhain Frere, impulsaron o uso literario do maltés. A principios do século XX comezou a madurar e a fixarse un modelo estándar obra da Għaqda tal-Kittieba tal-Malti (Alianza dos Escritores do maltés), cuxa gramática e ortografía foi xeralmente aceptada. Xurdiron autores recoñecidos pola súa calidade como Dun Karm Psaila (1871-1961), considerado o poeta nacional de Malta. Tras a independencia (1964), o ritmo, amplitude e calidade das publicacións en maltés aumentou considerablemente. Na actualidade, edítanse diarios, semanarios e outras publicacións en maltés (ademais de tres diarios e tres periódicos dominicais en inglés).

As mostras léxicas máis antigas perviven en nomes de lugares e alcumes achados en documentos notariais e doutro tipo (escritos en siciliano e latín) que datan de finais do século XIV. Para máis indicios sobre a descrición da linguaxe medieval tardía, temos que recorrer ao estudo dos documentos xudeoárabes contemporáneos de orixe maltesa; con todo, sería precipitado equiparar a linguaxe presente nestes textos co maltés. A chegada dos cabaleiros en 1530 foi pronto seguida da tuscanización de Sicilia e, a partir desta data, un italiano de base toscana suplantou o siciliano como lingua de cultura e da administración nas illas. O italiano desempeñou este papel durante todo o período dos cabaleiros da Orde de Malta (1530–1798) e durante gran parte dos anos de colonización británica (1800–1964), pero o inglés comezou a desprazalo paulatinamente no século XIX da administración.

  1. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para maltés.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre lingüística é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.