Saltar ao contido

Mar de Tornquist

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O mar de Tornquist ou océano de Tornquist foi un antigo océano paleozoico situado entre os paleocontinentes de Avalonia e Báltica hai entre 600 e 450 millóns de anos. O mar desapareceu subducindo a súa codia baixo os continentes e deixou unha sutura que se estende polo norte de Europa (zona de Tornquist).

Evolución xeolóxica

[editar | editar a fonte]

LENDA. Mapa do marco tectónico de Europa
Caledoniano (Laurentia)
Caledoniano (Báltica)
Herciniano
Alpino
Alpes
Cárpatos
Escudo ucraíno
Pireneos
Apeninos
Dinárides
Atlas
Escudo Báltico
Macizo Londres-Brabante
Cordilleira Bética


Probablemente se formou ao mesmo tempo (c. 600 millóns de anos) que o océano de Xápeto. Gondwana, incluíndo Avalonia ata o Ordovícico temperán, estiveron separados de Báltica durante o Cámbrico. Probablemente se pechou durante o Ordovícico tardío durante a época da oroxenia Shelveiana do oeste de Inglaterra.[1]

Existen probas faunísticas, paleomagnéticas, paleoxeográficas e de rutas de migración polar aparente da época do peche de Avalonia oriental (Inglaterra e sur de Irlanda) e Báltica.[2]

A colisión Báltica-Avalonia tamén tivo como resultado que o océano Reico deixou de expandirse ao sur de Avalonia hai uns 450 millóns de anos, e houbo un enorme magmatismo en Avalonia, unha xigantesca precipitación de cinzas sobre Báltica, e metamorfismo na zona que actualmente é o norte de Alemaña.[3]

Sutura actual

[editar | editar a fonte]

A sutura resultante do peche do mar de Tornquist pode verse no leste de Inglaterra e no Distrito do Lago inglés como un arco de rochas ígneas pertencente ao Ordovícico. A serie volcánica do leste de Inglaterra, as Ardenas e o Cinto de Filitas do Norte orixinouse entre o mar de Tornquist e o océano Reico durante o Ordovícico e Silúrico.[1]

Onde colisionaron finalmente Báltica e Avalonia hai agora unha sutura coñecida como Zona ou Liña de Teisseyre-Tornquist; nomeada así polo nome do seu descubridor, o xeólogo polaco Wawrzyniec Teisseyre e polo xeólogo alemán Alexander Tornquist. Ese liñamento aínda marca a transición entre, por unha parte, o cratón precámbrico do leste e norte de Europa e, por outra parte, os oróxenos paleozoicos do oeste de Europa e o Mediteráneo. É unha porción dunha ampla zona de deformación que discorre a través de Europa, desde as Illas Británicas ao mar Negro, coñecida como Zona de Sutura Transeuropea.[4][5]

Referencias
  1. 1,0 1,1 McKerrow et al. 2000, p. 12
  2. Torsvik et al. 1993, Summary; Torsvik & Rehnström 2003, 8. Avalonia and Baltica convergence and the tale of K-bentonites, pp. 77–80. Torsvik et al. 1993 propuxeron unha colisión "pre-Wenlock (Silúrico temperán)" pero (por exemplo) Torsvik e Rehnström 2003 modificaron o momento ata o Ordovícico tardío.
  3. Nance et al. 2010, 3.2. Closure and collision, pp. 7–8
  4. Teisseyre & Teisseyre 2002, p. 841; Aquí Tornquist é identificado erradamente como un "magnetólogo sueco"
  5. Grad, Guterch & Polkowska-Purys 2005
Bibliografía