Marco Xunio Pera
Nome orixinal | (la) Marcus Iunius Pera |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | década de 300 a. C. Roma Antiga |
Morte | p. século III a. C. Roma, Italia |
Senador romano | |
valor descoñecido – valor descoñecido | |
Cónsul romano | |
230 a. C. – 230 a. C. Xunto con: Marco Emílio Bárbula (pt) | |
Ditador romano | |
Censor romano | |
Actividade | |
Ocupación | político da Roma antiga, militar da Roma antiga |
Período de tempo | Media República Romana |
Familia | |
Familia | Junii Perae (en) |
Pais | Décimo Xunio Pera e valor descoñecido |
Marco Xunio Pera (en latín, Marcus Iunius D. f. D. n. Pera) foi un político da República romana na época anterior e durante a Segunda Guerra Púnica. Chegou ao consulado no 230 a. C. e á censura no 225 a. C. Foi nomeado ditador rei gerundae causa no 216 a. C. coa misión de rexeita-las tropas cartaxinesas que invadiran a peniínsula itálica baixo o mando de Haníbal.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Carreira política
[editar | editar a fonte]Pera, foi nomeado como un dos cónsules para o ano 230 a.C. Durante o seu mandato, el e o seu colega Marco Emilio Barbula levaron a cabo varias campañas contra as tribos locais na Liguria.[1] Tamén foi elixido censor para o ano 225 a. C. con Caio Claudio Centón como colega.[2][3] A principal realización do seu mandato foi a realización dun censo e Tito Livio, atendendo a ese censo escribiu que, daquela, había un total de 270 213 cidadáns.[4]
Era fillo do cónsul Décimo Xunio Bruto Pera, e formaba parte da gens Xunia e era da familia dos Pera.
Segunda guerra púnica e ditadura
[editar | editar a fonte]Durante a invasión de Italia por Haníbal durante a Segunda Guerra Púnica, o xeneral cartaxinés destruíu un exército romano de 85 000 soldados na batalla de Cannae no 216 a.C. Como consecuencia, un dos cónsules, Lucio Emilio Paulo morreu nela e o outro, Caio Terencio Varrón, logrou escapar a Venusia, e puido reunir o que quedada do esnaquizado exército en Canusium.[5]
Trala noticia do desastre, Pera foi nomeado ditador rei gerundae causa,[6] con Tiberio Sempronio Graco como magister equitum.[7][8] Inmediatamente instituíu unha leva para substituír os homes mortos en Cannae e armou un exército cidadán de catro lexións a partir da recruta de rapaces menores de idade e de comprar e armar a 8.000 escravos voluntarios con fondos públicos[9] e tamén se reforzou coas aportacións dos aliados.[10] A seguir, cancelou as débedas de tódolos homes que se alistaron nos exércitos e tamén alistou a delincuentes[11] e condenados por un delito capital a cambio de anula-las penas.[12][13][14][15] Conseguiu xuntar, en total, 25 000 homes armados[16] e, aínda que non chegou a se enfrontar con Haníbal en ningunha batalla campal durante o seu tempo ao mando, tratou de recuperar Casilinum onde deixou o seu magister equitum mentres el regresaba a Roma para repetir os auspicios.[7][17]
Zonaras informou que Pera fora enganado por Haníbal mentres espiaba o seu campamento. Así, despois de ordenar aos seus homes que copiasen os horarios dos cartaxineses –para non verse sorprendidos–, foi atacado por un destacamento do exército de Haníbal. Cando as tropas de Pera rexeitaron a ofensiva e se retiraban, pensando que os cartaxineses tamén descansarían, produciuse un segundo ataque do groso da forza cartaxinesa que Haníbal mantivera en reserva.[18]
A súa ditadura, tamén foi significativa polo nomeamento simmultáneo de Marco Fabio Buteón, como segundo ditador, durante seis meses e sen magister equitum;[19] sendo a única ocasión na historia romana na que isto sucedeu. Con Pera fóra en campaña, Buteón foi seleccionado para nomear novos senadores para o Senado pois o seu número diminuíra moito tras Cannae.[7] Segundo Tito Livio, Buteón, estaba incómdo con esta situación de dous ditadores e, tras completar, a súa tarefa, dimitiu.[20]
Cómpre ter en conta, que foi a derradeira en que se nomeou un ditador rei gerundae causa, pois dende o 202 a.C., a ditadura desapareceu de Roma e foi substituída polo senatus consultum ultimum, mediante o que o Senado quedaba facultado para que, en caso de emerxencia, autorizase aos dous cónsules a adoptar calquera medida necesaria en defensa da integridade da República romana.
Gladiadores
[editar | editar a fonte]Segundo Lívio,[21] Marco Xunio Pera e o seu irmán, Décimo, considéranse historicamente como os pioneiros en retoma-lo vello costume etrusco de realizar sacrificios humanos para honrar a un familiar falecido. Segundo Lívio, trala morte do seu pai no 264 a.C., o famoso político romano Xunio Bruto Pera, os dous decidiron honralo resucitando un costume que consistía na loita (naquel momento, improvisada) de gladiadores (supostamente escravos) quen deberían morrer, de xeito honroso, honradamente loitando na area. Esta tradición era coñecida como munus. Este espectáculo que ofreceron os irmáns Xunio Pera é coñecido como o primeiro munus da historia romana e o inicio do que se converterían, co paso dos anos, nos "xogos romanos", cuxo resultado máis rechamante foi o Coliseo. Esta primeira loita tivo lugar no Foro Boario. Ese día, Décimo e Marco honraron ao seu pai con tres parellas de gladiadores que loitaron ata a morte, cedendo a ofrenda de sangue esixida polo antigo costume etrusco. Despois deste suceso, tódalas familias nobres romanas seguiron o exemplo e o costume estendeuse polos dominios romanos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Broughton 1951, p. 226
- ↑ Broughton 1951, p. 231
- ↑ "Fasti Capitolini". attalus.org (en inglés). Consultado o 23 de outubro de 2023.
- ↑ Tito Livio 1868
- ↑ Broughton 1951, p. 247
- ↑ Tito Lívio (1993), p. 227 (Libro XXIII, 14, 2)
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Broughton 1951, p. 248
- ↑ Tito Livio (1993), p. 193 (Libro XXII, 57.8)
- ↑ Tito Lívio (1993), p. (Libro XXII, 57,9–11)
- ↑ Tito Lívio (1993), p. 194 (Libro XXII, 57.9)
- ↑ Smith (1870), p. 185
- ↑ Gabrielli, C. (2003). "Lucius Postumius Megellus at Gabii: A New Fragment of Livy". The Classical Quarterly (en inglés) 53 (1): 247–259. ISSN 1471-6844. doi:10.1093/cq/53.1.247.
- ↑ Fastos Capitolinos
- ↑ Tito Livio (1993), p. 194 (Libro XXII, 57-59)
- ↑ Tito Livio (1993), p. 227 (Libro XXIII, 14.3)
- ↑ Tito Livio (1993), p. 228 (Libro XXIII, 14.5)
- ↑ Tito Lívio (1993), p. 238 (Libro XXIII, 19.3)
- ↑ Zonaras, 9.3.
- ↑ Tito Livio (1993), p. 244 (Libro XXIII, 23.3)
- ↑ Tito Lívio (1993), p. 245 (Libro XXIII, 23.7)
- ↑ Tito Livio, Ab urbe condita, Libro XXII, 57
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Broughton, Thomas Robert Shannon (1951). The magistrates of the Roman republic. Vol. 1 (en inglés). Nova York: American Philological Association.
- Smith, William, ed. (1870). Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Vol. III (en inglés). Boston: Little, Brown and Company.
- Tito Livio (1993). Historia de Roma desde su fundación. Libros XXI-XXV. Colección: Biblioteca Clásica Gredos, nº 176 (en castelán). (Tradución e notas de José Antonio Villar Vidal). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-1608-5.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Predecesor: Marco Pomponio Matón e Caio Papirio Masón |
Cónsul da República Romana con Marco Emilio Bárbula 230 a. C. |
Sucesor: Lucio Postumio Albino e Cneo Fulvio Centumalo |