Marinho Chagas
Marinho Chagas | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Francisco das Chagas Marinho | ||
Nacemento | 8 de febreiro de 1952 | ||
Lugar de nacemento | Natal | ||
Falecemento | 31 de maio de 2014 | ||
Lugar de falecemento | João Pessoa | ||
Altura | 1,78 m. | ||
Posición | Lateral esquerdo | ||
Carreira xuvenil | |||
1967–1969 | Riachuelo | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1969 | Riachuelo | ||
1969–1970 | ABC | 25 | (4) |
1970–1972 | Náutico do Recife | 60 | (8) |
1972–1977 | Botafogo | 74 | (10) |
1977–1978 | Fluminense | 28 | (10) |
1979 | New York Cosmos | 24 | (8) |
1980 | Fort Lauderdale Strikers | 19 | (3) |
1980–1983 | São Paulo | 54 | (2) |
1983–1984 | Bangu, [[]], [[]]) e polo [[]] | 6 | (0) |
1984–1985 | Fortaleza | 14 | (1) |
1985–1986 | América de Natal | 7 | (0) |
1986–1987 | Los Angeles Heat | 16 | (2) |
1987–1988 | Harlekin Augsburg | ||
Total | 327 | (48) | |
Selección nacional | |||
1973–1977 | Brasil | 28 | (4) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Francisco das Chagas Marinho, máis coñecido como Marinho Chagas, nado en Natal o 8 de febreiro de 1952 e finado en João Pessoa o 31 de maio de 2014, foi un futbolista brasileiro. Irreverente e polémico, está considerado un dos mellores laterais esquerdos da súa época e un dos maiores ídolos da historia do Botafogo, club co que disputou 183 partidos, marcando 39 goles. Tamén destacou noutros clubs como o Fluminense ou o São Paulo, e foi internacional coa selección brasileira, coa que tivo unha destacada actuación no Mundial de 1974, no que Brasil quedou cuarto.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na cidade de Natal, no estado brasileiro de Río Grande do Norte. Comezou a súa carreira como futbolista no Riachuelo, pasando logo polo ABC, co que gañou o Campionato Potiguar de 1971, e polo Náutico do Recife.
En 1972 fichou polo Botafogo, no que militou durante os seguintes cinco anos. Lateral esquerdo hábil e innovador, foi considerado un dos mellores xogadores do mundo na súa posición, e foi un dos primeiros laterais que subían de xeito habitual ao ataque, en vez de limitarse só ás tarefas defensivas.[1] Converteuse nun ídolo do Botafogo,[2] sendo galardoado en dúas ocasións coa Bola de Prata, e xogando co club carioca recibiu as súas primeiras convocatorias para a selección brasileira. Disputou un total de 183 partidos co club, marcando 39 goles, moitos deles de falta.[1]
Durante a súa estancia no club alvinegro, despois do Mundial de 1974, foi probado polo Schalke 04 alemán nun partido ante o Bayern de Múnic. A continuación o club de Gelsenkirchen levou a cabo unha votación entre os seus afeccionados para decidir se contrataban ou non ao xogador, pero nunca se deu a coñecer o resultado da mesma, e o futbolista continuou no Río de Xaneiro.[3]
Entre 1977 e 1978 xogou no Fluminense, co que marcou outros 39 goles, en só 93 partidos.[1] A continuación chegou á North American Soccer League, disputando unha primeira tempada nas filas do New York Cosmos, onde compartiu equipo con xogadores como o seu compatriota Carlos Alberto Torres, a lenda alemá Franz Beckenbauer, o italiano Giorgio Chinaglia, o histórico centrocampista neerlandés Johan Neeskens ou o defensa galego Santiago Formoso. Rematou a liga no primeiro posto da Conferencia Leste e caeu nas semifinais do play-off polo título ante os Vancouver Whitecaps. Marcou 8 goles nos seus 24 partidos co club, e foi elixido no segundo mellor equipo ideal da tempada.
Ao ano seguinte militou nos Fort Lauderdale Strikers de Florida, onde tivo como compañeiros entre outros ao dianteiro alemán Gerd Müller e ao centrocampista peruano Teófilo Cubillas. Xogou 19 encontros co equipo, anotando 3 goles, e os Strikers remataron a tempada como subcampións tras perder na final dos play-offs diante do Cosmos por 0-3 ante o Cosmos. Marinho non xogou a final.
De regreso a Brasil gañou co São Paulo o Campionato Paulista de 1981, o título máis destacado da súa carreira, superando na final ao Ponte Preta por 1-1 e 2-0. A súa actuación persoal nesa tempada valeulle unha terceira Bola de Prata. Despois de pasar por varios equipos brasileiros máis (Bangu, Fortaleza, América de Natal) e polo Los Angeles Heat estadounidense, puxo fin á súa carreira como xogador cunha breve etapa en Alemaña, onde xogou no BC Harlekin de Augsburgo, da división afeccionada máis baixa do país, a "C-Klasse". O club fora creado polo empresario Peter Eiba, que fichou, ademais de a Marinho Chagas, a algunhas antigas celebridades menores da Bundesliga co obxectivo de levar o equipo ata a elite do fútbol alemán, cousa que nunca aconteceu.[3]
Trala súa retirada regresou a Natal, onde se presentou como candidato á alcaldía da cidade polo Partido Liberal, sen éxito. Uns anos antes tivera unha pequena incursión no mundo da música, publicando o sinxelo Eu Sou Assim.
En 1991 foi contratado como adestrador do El Paso Patriots, un equipo afeccionado da Southwest Independent Soccer League dos Estados Unidos.[4]
Selección brasileira
[editar | editar a fonte]Foi internacional coa selección brasileira en 24 partidos oficiais (ademais doutros 8 non oficiais) e marcou catro goles. Debutou nunha derrota nun amigable ante Suecia en xuño de 1973. Foi convocado por Zagallo para o Mundial de 1974, onde disputou todos os partidos como titular, formando xunto a Luís Pereira, Marinho Peres e Nelinho (substituído por Zé Maria nos partidos finais) unha defensa moi sólida que só encaixou catro goles en sete partidos. O equipo brasileiro acabou cuarto.
Xogou o seu último partido co Brasil en xuño de 1977 ante Iugoslavia.
Vida persoal e morte
[editar | editar a fonte]Despois de anos batallando contra o alcoholismo, o que lle provocou varias doenzas, faleceu o 31 de maio de 2014 en Coronel João Pessoa, por unha hemorraxia dixestiva.[5] No momento da súa morte, traballaba como comentarista deportivo nunha emisora de Natal. Tiña 62 anos de idade.
Foi pai de tres fillos, dous homes e unha muller.
Palmarés
[editar | editar a fonte]São Paulo
- Campionato Paulista (1): 1981.
ABC
- Campionato Potiguar (1): 1971.
Brasil
- Copa Roca (1): 1976.
- Copa Rio Branco (1): 1976.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 "Marinho Chagas". lendasdofutebol.com (en portugués). Consultado o 13 de outubro de 2022.
- ↑ "Marinho Chagas". Botafogo de Futebol e Regatas (en portugués). Arquivado dende o orixinal o 13 de outubro de 2022. Consultado o 13 de outubro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 Redelings, Ben (9 de marzo de 2019). "So bizarr scheiterte Marinhos Wechsel zu S04" (en alemán). Consultado o 13 de outubro de 2022.
- ↑ "Renegades' Sunbelt Outdoor Slate Set". Tulsa World (en inglés). 7 de abril de 1991.
- ↑ "Lateral da seleção de 74, Marinho Chagas morre aos 62 anos em João Pessoa" (en portugués). 1 de xuño de 2014. Consultado o 13 de outubro de 2022.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Marinho Chagas: Ex-lateral do Botafogo, Fluminense e São Paulo, por Rogério Micheletti: en Terceiro Tempo: Que fim levou? (en portugués).
- Datos do xogador na North American Soccer League (en inglés).
- Nados no estado de Río Grande do Norte
- Nados en 1952
- Finados en 2014
- Futbolistas do Brasil
- Defensas de fútbol
- Xogadores do Clube Náutico Capibaribe
- Xogadores do Botafogo
- Xogadores do Fluminense FC
- Xogadores do New York Cosmos
- Xogadores do São Paulo FC
- Xogadores do Bangu Atlético Clube
- Xogadores da selección de fútbol do Brasil
- Xogadores do Mundial de Fútbol de 1974