Metuxalén
Metuxalén[1] (en hebreo: מתושלח) é a persoa máis lonxeva que se menciona no Antigo Testamento. Na Xénese 5:27 afírmase que acadou a idade de 969 anos: "Foron, pois, os anos de Metuxalén, novecentos sesenta e nove anos; e morreu".
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Na Xénese menciónase coma fillo de Henoc[1] e pai de Lámec[1] (á súa vez, pai de Noé), a quen enxendrou con 187 anos. O seu nome converteuse nun sinónimo xeral aplicado a calquera criatura de idade avanzada, usado en frases como: "ter máis anos ca Metuxalén" ou "ser máis vello ca Metuxalén". Unha lectura atenta do Antigo Testamento revela que Metuxalén debeu finar no ano do Gran Diluvio.
Segundo o demógrafo James Vaupel, a esperanza de vida comezou a aumentar en 1840 coa diminución da mortandade infantil e mortandade adolescente e continuou imparábel, nun aumento medio de dous anos e medio cada década, co alongamento da vida madura.[2][3] Para Vaupel a esperanza de vida dos nenos nacidos tralo ano 2000 chegará aos 100 anos no século XXII.[3]
Os nosos coñecementos actuais sobre a duración da vida dunha célula lévannos a supor que o límite natural de lonxevidade no ser humano está por baixo dos 150 anos. O récord Guinness da persoa máis vella fica no rango dos 112 a 122 anos, mais o proceso para distinguir os individuos supercentenarios dos mitos de lonxevidades extraordinarias é complicado, pois os rexistros de nacemento de finais do século XIX son moitas veces cuestionábeis.
Algunhas investigacións sosteñen que as idades extraordinarias dos patriarcas bíblicos son resultado de erros na tradución: os ciclos lunares confundíronse cos solares, e as idades reais son 13,5 veces menores. Logo, en resumidas contas, Metuxalén acadou unha idade de: 969/13,5: 72 anos, que é unha cifra alta tendo en conta a esperanza de vida daquela. Neste sentido, crese que os seres humanos vivían preto de mil anos, até que, despois do diluvio, Deus acurtou a súa idade (Xénese 6:3. E dixo Yahweh: "Non contenderá o meu espírito co home para sempre, porque certamente el é carne; mais serán os seus días cento vinte anos").
Segundo o xudaísmo a primeira persoa que envelleceu foi Abraham pois naceu após o diluvio, sendo as persoas anteriores ás choivas máis lonxevas.
Morte antes do Diluvio
[editar | editar a fonte]Segundo o Antigo Testamento, no Libro da Xénese 5:21-27, afírmase:
"21Henoc tiña setenta e cinco anos cando lle naceu Metuxalén. 22Andou o camiño con Deus. Despois de lle nacer Metuxalén viviu aínda trescentos anos, e tivo outros fillos e fillas. 23Por xunto viviu trescentos sesenta e cinco anos. 24Andou o camiño con Deus e logo desapareceu, porque Deus o levou. 25Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec. 26Despois viviu setecentos oitenta e tres anos, e tivo outros fillos e fillas.27Por xunto viviu novecentos sesenta e nove anos, e logo morreu."[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 A Biblia. Revisada por Xosé Fernández Lago (2ª ed.). Vigo: SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos). 1992. p. 13. ISBN 84-7337-040-6.
Metuxalén tiña cento oitenta e sete anos cando lle naceu Lámec
- ↑ A esperanza de vida e James Vaupel no programa “Redes”, en A. demografía
- ↑ 3,0 3,1 La esperanza de vida en el futuro. Claves para aumentar la esperanza de vida, Redes, RTVE, 6/6/2011
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Metuxalén |