Saltar ao contido

Movemento (música)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

En música e, sobre todo, na música clásica, un movemento é unha parte dunha composición ou forma musical máis ampla previsto para ser executado en sucesión con outros dela, aínda que propiamente posúa un inicio e un final. O exemplo clásico é o da sonata que, na súa forma clásica, adoita conter tres movementos.

Uso do termo

[editar | editar a fonte]

Como dentro dunha peza de música dunha lonxitude considerable adoitan existir distintas partes e estas posúen distintas velocidades, moitas veces úsase o termo movemento e a palabra italiana que o indica para referirse a cada unha destas partes. Por exemplo, pode dicirse que a sonata Quasi una fantasia de Beethoven, máis coñecida como Claro de Lúa, consta de tres movementos chamados adagio sostenuto, allegretto e presto agitato.

Regras acerca dos movementos

[editar | editar a fonte]

As diferentes formas musicais teñen distintas normas sobre o número de movementos requiridos. Con todo, hai moitas excepcións á regra. Por exemplo, a Sinfonía n.º 6 de Beethoven e a Sinfonía fantástica de Hector Berlioz teñen cinco movementos, cando o convencional nunha sinfonía dese período é ter só catro.

Tamén é posible enlazar dous ou máis movementos sen interrupción como, por exemplo, os movementos terceiro e cuarto da Sinfonía n.º 5 de Beethoven ou da Sinfonía n.º 2 de Sibelius. Incluso todos os movementos dunha peza poden soar consecutivamente sen interrupción algunha como, por exemplo, nas sinfonías n.º 11 e n.º 12 de Shostakovich.

Os concertos barrocos, pola súa banda, adoitaban ter tres movementos (allegro, adagio e allegro) aínda que, por exemplo o primeiro dos concertos de Brandenburgo ten catro.

Condutas na interpretación dos movementos

[editar | editar a fonte]

Nun concerto público, o convencional é aplaudir ao final da obra completa e non entre os movementos. Con todo, debe considerarse que durante o clasicismo foi lugar común aplaudir despois de cada movemento. De feito, ás veces o aplauso era tan intenso e fervoroso que os directores simplemente repetían o movemento.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]