Saltar ao contido

Balea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Mysticeti»)
Baleas
As baleas non son un taxón, son un grupo informal da infraorde dos cetáceos
Información
Clasificación dos cetáceos
Familias consideradas baleas

As baleas son un diverso grupo de mamíferos mariños placentarios. Son un grupo informal dentro da infraorde dos cetáceos, usualmente excluíndo ós golfiños e focénidos. As baleas, golfiños e focénidos pertencen á orde dos artiodáctilos e os seus parentes máis achegados son os Hippopotamidae, diverxendo hai 40 millóns de anos. Crese que as dúas subordes de baleas, os misticetos e os odontocetos, se separaron hai 34 millóns de anos. As baleas abranguen oito familias existentes: Balaenopteridae (os rorcuais), Balaenidae (baleas verdadeiras), Cetotheriidae (balea pigmea), Eschrichtiidae (balea gris), Monodontidae (belugas e narvais), Physeteridae (o cachalote), Kogiidae (balea anana) e Ziphiidae (zifios).

As baleas son criaturas de mar aberto, onde realizan tódalas fases do seu ciclo biolóxico. A súa adaptación á vida baixo a auga é tan extrema que non son quen de sobrevivir en terra. O seu tamaño varía dende os 2,6 m e 135 kg dun cachalote anano até os 29,9 m e 190 toneladas da balea azul, que é a meirande criatura que xamais existiu. O cachalote é o meirande depredador dentado da terra. Varias especies amosa dimorfismo sexual, no que as femias son meirandes que os machos. Os misticetos non teñen dentes, e no seu canto teñen barbas, unhas estruturas como pelos que expelen a auga e reteñen o krill e o plancto do que se alimentan. Empregan os pregues da gorxa para expandir a boca e botar un gran grolo de auga. Os balénidos teñen testas que poden representar até o 40% da súa masa corporal para tomar auga. Por outra banda, os odontocetos, teñen dentes cónicos deseñados para capturar peixes ou téutidos. Os misticetos teñen un desenvolvido sentido do "olfacto", mentres que os odontocetos teñen un ben desenvolvido sistema de audición. O seu oído, que está adaptado tanto para a auga como o aire, está tan ben desenvolvido que poden sobrevivir mesmo se son cegos. Algunhas especies, como os cachalotes, están moi adaptados a vivir a grandes profundidades e capturar luras, as súas presas favoritas.


[editar | editar a fonte]

No imaxinario tradicional galego, a balea es un animal de tamaño xigantesco e que berra de tal xeito que mete medo tanto a mariñeiros como á xente do interior.

San Brandán celebrando misa sobre a illa-peixe

Crese que só existe unha balea en todo o mar, e que pare unha cría cada cinco anos. Coincidindo co momento do parto, as mulleres embarazadas corren perigo de abortar, porque se considera que a balea está directamente relacionada co Mal. Cando a balea sente que vai morrer, diríxese a varar na costa, quedando no mar o baleato. Curiosamente, esta lenda foi recollida a provincia de Ourense, concretamente en Sabadelle, do concello do Pereiro de Aguiar

Do gran tamaño do animal dá idea o feito de que fose confundido cunha illa, cando estaba a dormir aboiando no mar. Éa lenda de San Brandán, un monxe irlandés do século VI que navegou para evanxelizar novas terras. Nun momento determinado, en augas das Illas Canarias, atopan unha illa deserta e totalmente desprovista de vexetación e deciden deterse alí para celebrar misa e, rematada esta, prenden lume para quentarse. Pero de socate notan que a illa comeza a moverse, polo que escapan correndo cara ao barco. A suposta illa era unha balea que termina mergullándose e desaparecendo.

Noutra ocasión, outra balea atemorizaba ós habitantes da Mariña lucense e, concretamente, ós mariñeiros que se dedicaban á caza de baleas do porto de San Cibrao (en Cervo). Cando o soubo o bispo de Mondoñedo, San Gonzalo, achegouse á praia onde nadaba a balea. Esta, ó velo chegar, acaroouse ata onde a profundidade non implicaba risco de varamento e bispo e balea puxéronse a falar. Cando remataron, o bispo bendixo ó animal, subiu a unha barca e achegouse onda a balea. A balea abriu a boca e o bispo penetrou nela, para saír ó pouco cunha imaxe da Virxe nas mans. É a Virxe de Vilaestrofe, que se conserva na igrexa de San Román de Vilaestrofe, do concello de Cervo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • O'Connell, M.; Berrow, S. (2015). "Records from the Irish Whales and Dolphin Group for 2013". I. Nat. J. 34 (2): 154–161. 
  • VAQUEIRO, Vítor: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagres, ed. Galaxia, Vigo 2011, 71, 92, 231.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]