Caza de baleas en Galicia
A caza de baleas en Galicia debeu comezar, como nas outras costas atlánticas europeas e do Pacífico, en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao ano 3000 a.C.[1] Durante moito tempo xa se pensara que esta caza era de orixe prehistórica, aínda que sen ningunha proba real até que recentemente varias pinturas rupestres en Francia e España foron recoñecidas como representando escenas deste tipo de caza.
En Galicia non se conta con documentos históricos relacionados coa caza de cetáceos até o século XIII, pero é razoábel pensar que xa se practicaba varios séculos antes. A dicir de Valdés Hansen, as baleas, especialmente a balea franca, foi unha especie máis de pesca para os mariñeiros galegos. Durante sete séculos, Galicia foi un país de baleeiros, e dos que fan historia. A caza e comercialiación de cetáceos para o seu uso na fabricación de produtos importantes, desde o aceite que alimentaba a iluminación anterior á chegada da electricidade, até as barbas requiridas para pezas de vestir de luxo en Cataluña ou as baleas de paraugas e parasois, até a comercialización da carne e de produtos usados en farmacia e cosmética, tivo grande incidencia no desenvolvemento urbano de toda Galicia. Non só lle deu proxección exterior e renome mundial, senón que tamén contribuíu ao crecemento económico e de poboación de toda a súa franxa atlántica, e mesmo hai portos galegos que naceron da actividade baeeira, como o de Burela (Lugo) ou o de Suevos (Punta Langosteira).[2]
Inicialmente limitábase á captura de animais na costa, pero co paso dos séculos, a técnica de caza comezou a mellorar, usándose pequenas embarcacións en mar aberto para asustaren os cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería usábase para capturar especies de cetáceos relativamente pequenas, como caldeiróns, belugas, narvais e toniñas.[3]
Idade Media
[editar | editar a fonte]Aínda que pouco se sabe do fidalgo Pedro Fernández de Andrade, II Señor de Pontedeume, Ferrol e Vilalba entre 1397 e 1407, si que é ben coñecida a usurpación que fixo da granxa da Reparada (posteriormente coñecida como de Covas, Ferrol) que era dominio dos monxes de Sobrado. Esta granxa incrementara moito a súa importancia desde que, en 1286, o rei Sancho IV de Castela, O Bravo, lle concedera ao mosteiro de Sobrado o décimo da baleaxe (a pesca da balea) que se matase no porto de Prioiro, que pertencía á granxa.
Dado que o couto da Reparada lindaba con Ferrol, que era señorío dos Andrade, estes sempre trataron de ampliar os seus dominios coas propiedades da granxa. Ante a usurpación de Pedro Fernández de Andrade, o rei Xoán I de Castela obrigouno a que lle devolvese a granxa aos monxes. Porén, os seus descendentes sempre fixeron intentos para apoderarse dela ou, polo menos, da súa mellor parte, o porto e o monte de Prioiro. Os monxes de Sobrado, cansos de loitaren cos Andrade, acabaron cedéndolles o referido porto, que aínda posuían a comezos do século XIX, cando se aboliron os dereitos señoriais.
O porto de Prioiro era un dos máis importantes que había na Idade Media no norte da Península Ibérica para a matanza e despezamento de baleas que se capturaban nas costas galegas, aínda que é de supoñer que non fose o único. O seu maior desenvolvemento alcanzouse nos séculos XIII e XIV, e eran, principalmente mariñeiros biscaíños e guipuscoanos os que se encargaban das faenas, xa que eran os máis famosos cazadores de baleas francas do golfo de Biscaia, até o punto que esta especie, Eubalaena glacialis, se coñece tamén en distintas linguas como balea vasca ou balea dos vascos.[2]
Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Ao longo da Idade Moderna, durante os séculos XVI e, sobre todo, XVII, Galicia foi o caladoiro de baleas máis importante da Península Ibérica. As bases baleeiras máis importantes localizábanse na comarca da Mariña lucense, nos portos de Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao e Bares e, no litoral atlántico, destacaban os de Caión e Malpica, na Costa da Morte.[4]
A caza, daquela aínda artesanal, aproveitaba a migración das mandas de baleas francas que pasaban polo mar Cantábrico desde as súas zonas de alimentación, no Atlántico norte, entre os meses de outubro a marzo, cara ás zonas de reprodución, en augas cálidas meridionais. A frota baleeira, integrada por unha chalupa principal (bote con cuberta e dous paus) e outras auxiliares, tiña o aparello preparado para saír ao mar tan pronto como o atalaieiro lles dese aviso de balea á vista. As chalupas galegas medían entre 6 e 8,5 m de eslora e portaban dous paus, coas súas correspondentes velas; a tripulación compoñíase de 46 ou 47 homes. O animal era suxeitado cun arpón de ferro, lanzado á man e, para esgotalo, acometíano con sangradeiras, semellantes ao arpón, pero coa punta lanceolada, destinadas a desangralo. Ambos os aparellos ían atados a unha estacha (cabo de cánabo). Unha vez morta, a balea era trincada (amarrada) entre varias embarcacións e levada a terra para o seu despezamento. Para tal fin usábanse diversos tipos de coitelos e machadas; a graxa ou saín fundíase xeralmente na mesma praia ou nas súas proximidades, en grandes caldeiros, para despois envasala en toneis para a súa comercialización.[4]
Temos unha descrición contemporánea das faenas dos cazadores de baleas galegos.
Las matan de la siguiente manera: se suben a una atalaya a la punta de una sierra que cae sobre el mar y de allí ven de lejos saltar una gran cantidad de agua para arriba haciendo mucha espuma, y cuando la ballena tiene la mitad del cuerpo fuera del agua, la atalaya da aviso a los marineros, los cuales armando sus barcas y poniendo dentro mucha cantidad de cuerdas y unos cabos atados a unos dardos arponados se van a ellas (...) como se sienten heridas van luego muy bravas mar a dentro llevando metidos aquellos arpones y los pescadores, dándoles siempre cuerda, las siguen hasta que ya desangradas y perdida aquella furia las traen tirando de ellas hasta tierra, donde haciendo grandes fuegos sacan de ellas mucho aceite.Bartolomé Sagrario de Molina (Ldo. Molina), Descripcion del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, Mondoñedo, 1550.
Na primeira metade do século XVII en portos como San Cibrao, Foz ou Burela a industria baleeira deu lugar a un produtivo intercambio comercial co resto da área cantábrica, chegando incluso até Francia.[4] Pero despois, entre finais do século XVII e principios do século XVIII, a caza de baleas en Galicia foi esmorecendo por varias razóns, debido a que levaron á sobreexplotación e á case extinción do único mamífero mariño que se cazaba daquela nas nosas augas, a balea franca.[2] O portos baleeiros aumentaran considerabelmente, aumentou o número de barcos (mesmo viñan barcos franceses), e os barcos aumentaron a súa tonelaxe, até que a caza desapareceu.
Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]Os fomentadores cataláns
[editar | editar a fonte]No Antigo Réxime, as terras cultivadas pola poboación agraria (a maioría da poboación en Galicia) eran propiedade da Igrexa e da nobreza, tendo os campesiños que pagar os foros aos fidalgos.
Pero contra 1750 cambiaron as cousas, coa chegada dunha serie de burgueses cataláns para dedicarse á industria da salgadura de peixes (especialmente sardiña), para o que introduciron novos barcos (traiñeiras) e, sobre todo, artes de pesca, o que produciu numerosos enfrontamentos cos pescadores locais.
As súas factorías instaláronas en soares (aforados á nobreza e ao clero), en primeira liña de praia, en enseadas abrigadas e de fácil acceso para as embarcacións. Para facérense con estas propiedades, os cataláns recorreron a diferentes modalidades de contrato: alugaban, lograban unha cesión ou conseguían que se lles outorgase un foro.
Os fomentadores cataláns non se dedicaban só á industria da salgadura, senón que reproducían os esquemas de comportamento social propios da nobreza galega e chegaron a comprar terras e rendas forais á clase privilexiada, pero empobrecida, do antigo réxime.[5] Co paso do tempo, e a mestura das familias dos fomentadores, inicialmente endógamas, con familias galegas, daría orixe a até entón practicamente inexistente burguesía galega.
Na segunda metade do século XIX comeza en Europa a caza industrial de baleas, coa aparición de dúas innovacións técnicas que reactivaron a actividade: a invención do canón lanza arpóns polo noruegués Sven Foyn, e o seu perfeccionamento, o arpón explosivo, e a mellora dos buques con propulsión a vapor e casco metálico. Até entón, a caza fora artesanal, implicando moitos máis riscos.
A finais do século XIX chegan as industrias conserveiras, que en pouco tempo foron substituíndo as de salgadura, que se completou nas primeiras décadas do século XX.
A suma desde dous feitos sentou as bases da resurrección da industria baleeira en Galicia.
O século XX
[editar | editar a fonte]En 1924 reimplantouse en Galicia a caza de baleas, con carácter plenamente industrial. Nese ano establecéronse no país dúas compañías baleeiras.
Unha delas foi a Compañía Ballenera Española, creada en 1914 con capital noruegués, aínda que non comezou a súa actividade até a fin da primeira guerra mundial. Os seus inicios foron na zona do estreito de Xibraltar, abrindo a que chegaría a ser famosa factoría de Caneliñas, na parroquia da Ameixenda (Cee) en 1924.
O outra foi a Sociedad Anónima Corona, con sede en Vigo e asociada a outra compañía norueguesa, que obtivo autorización para a caza de balea en decembro de 1923 e o ano seguinte comezou a súa actividade en Cangas, co buque-factoría Alfonso XIII, que fondeaba na enseada de Barra e na ría de Aldán; este buque era abastecido polas capturas dos barcos Corona I, Corona II, Corona III e Corona IV.
Debido á crise provocada pola guerra civil española e a segunda guerra mundial a industria baleeira galega estivo parada. Pero nos anos 1950 reaparece a caza de cetáceos, sendo Galicia o único lugar de España onde se practicou esta actividade neses tempos. En 1945 a empresa Industrias Balleneras (IBSA) restaura a factoría de Caneliñas, e en 1955 nace a empresa Balea C. B., participada a partes iguais por Massó Hermanos, Barreras e IBSA. A súa factoría, que estivo activa até 1985, foi instalada no lugar de Balea (Cangas), aproveitando material da desmantelada factoría de Benzú (Ceuta).
Estas compañías tiñan tres factorías en terra: Morás (Xove), Caneliñas (Cee) e Balea (Cangas), que eran abastecidas por até cinco barcos baleeiros: Lobeira, Carrumeiro, Ibsa I, Ibsa II (que foron afundidos con explosivos nun atentado no porto de Marín en 1980[6]) e Ibsa III.
Os operarios das baleeiras estaban moi ben remunerados. O seu salario fixo podíase incrementar en 8000 pesetas por cada exemplar cazado, todo un luxo para a época. Das baleas e cachalotes aproveitábase todo, como do porco. Os traballadores incluso vendían as vísceras para exquisiteces gastronómicas, ou o aceite, que a RENFE utilizaba como combustíbel e como engraxante de máquinas ferroviarias.[7] Algúns[quen?] opinan que a carne de balea era un manxar exquisito, cun sabor que semellaba o da carne de tenreira.[8]
A última factoría baleeira de Galicia (e, por tanto, de España), a de Caneliñas, pechouse en 1985.[7]
A moratoria acordada significa unha vitoria importante para todos os grupos ecoloxistas de España e para cantos no mundo enteiro pensan que o home debe saber compartir o Planeta e explotar racionalmente os seus recursos porque as actividades da especie humana en ningún caso deben significar a extinción de ningunha outra especie viva.Penas Patiño, X. M. e Piñeiro Seage, A. (1989), Op. cit. na bibliografía.
Entre o esquecemento e a reconciliación
[editar | editar a fonte]Esquecemento
[editar | editar a fonte]Poucos recordos quedan na actualidade en Galicia da actividade baleeira, a pesar da importancia que tivo e dos poucos anos transcorridos desde a súa desaparición. Apenas algunhas ruínas das factorías e dos seus peiraos, que pouco a pouco van desaparecendo, e uns poucos obxectos relacionados coa captura e o despezamento daqueles grandes animais.
Por exemplo, no Museo Massó, que inclúe unha espléndida colección de libros antigos, cartas mariñas e de navegación, mapas e instrumentos de navegación, decretos de regulación marítima asinados por Filipe II, prezadas réplicas de navíos de guerra dos séculos XVI e XVII, miniaturas de barcos autóctonos do Morrazo construídos polo patriarca Massó Palau, pinturas de Urbano Lugrís, unha colección de modelos de naves históricas e de instrumentos de navegación antigos, e a Cosmographia de Claudio Tolomeo de 1490, ademais da sala dedicada á etnografía de Bueu onde se reúne e expón unha ampla mostra de aparellos de pesca e marisqueo, como liñas, poteiras, nasas e, moi especialmente, todo o relacionado coa dorna de Bueu ou dorna polbeira (dedicada á pesca do polbo), a sección dedicada á carpintaría de ribeira onde se expoñen os diferentes instrumentos e ferramentas que se utilizaban neste case desaparecido oficio, do instrumental empregado nos traballos complementarios á pesca, como redaría, calafataría e cabulería, das máquinas antigas utilizadas para a conserva do peixe, desde a fabricación da lata atá a saída da conserva... da factoría baleeira que os Massó tiñan na veciña vila de Cangas apenas se exhibe unha colección do instrumental para a caza e despezamento dos cetáceos, entre os que destaca un canón de arponeo e diferentes tipos de arpóns.[9]
Non sen razón queixábase Valdés Hansen de que o último barco de IBSA sexa hoxe un museo flotante en Noruega onde, a diferenza de Galicia, «si se preocuparon de salvalo do despezamento para recuperar, rehabilitar e difundir» a singular e rica historia dunha industria de vital importancia económica e social para o litoral atlántico do norte de España. «Aquí pecamos de non valorar e esquecer un oficio tradicional durante séculos», lamenta o historiador, que anhela que, a semellanza doutros lugares do mundo, se recupere o patrimonio industrial das vellas factorías baleeiras da Costa da Morte ou do Morrazo que aínda resisten, a duras penas, o paso do tempo.[2]
Cara á paz social
[editar | editar a fonte]Cando se prohibiu a caza de baleas en Galicia, en 1985, en pleno auxe económico de IBSA e a eclosión das exportacións baleeiras galegas ao Xapón, a diferenza do que ocorrera con outras pescarías, golpeadas polas crises e vítimas de restricións por sobreexplotación, a morte da industria baleeira non foi "pola desaparición" dos cetáceos na Fisterra peninsular, segundo Valdés Hansen, senón que "foi imposta por unha decisión política". Como o sector naval, os baleeiros galegos (únicas factorías que permanecían abertas en España) "pagaron" a entrada na UE cando, baixo a presión ecoloxista, prohibiuse toda captura, e a reconversión á pesacaría alternativa do peixe espada foi un fracaso total.[2]
Porén, hai que recordar que a presión ecoloxista e a decisión do goberno non estaban faltas de fundamento, como quedou dito máis arriba. De todos os xeitos non é de estrañar que os antigos traballadores das baleeiras, especialmente os de Cee, en cuxa factoría de Caneliñas se chegaran a despezar 200 cetáceos ao ano, suspirasen por que se volvese permitir a caza, como naquela época na que o desemprego na comarca era unha anécdota, xa que sería unha boa alternativa fronte ao paro actual.[7]
A balea na cultura de Galicia
[editar | editar a fonte]Heráldica
[editar | editar a fonte]As baleas aparecen representadas nos escudos de armas de numerosos lugares, como tal Castro Urdiales e Laredo (en Cantabria) ou en Zarautz e Getaria (en Guipúscoa). Por proximidade, cómpre citar tamén a Biarritz e Hendaia (xa en Francia).
En Galicia só se representa no escudo da Laracha.
Escudo de armas do concello da Laracha
[editar | editar a fonte]De azur, torre de prata mazonada de sable e aclarada de goles sobre terraza de sinople e sostida de ondas de prata e azur; flotante, unha balea de sable. Bordura de sinople con dúas espigas de ouro. Ao timbre, coroa real pechada.[10]
Toponimia
[editar | editar a fonte]Na costa de Galicia, concretamente nas Rías Baixas hai tres lugares con nome de Balea:
- Balea, lugar da parroquia de Darbo, no concello de Cangas, na comarca do Morrazo.
- Balea, lugar da parroquia de San Vicente do Grove, no concello do Grove, na comarca do Salnés.
- Balea Marítima, lugar da parroquia de San Vicente do Grove, no concello do Grove, na comarca do Salnés.
Amais, na parroquia de Baredo (Baiona) existen os microtopónimos de Balea e Punta Balea.
As baleas na literatura
[editar | editar a fonte]- Anxos Sumai (2007): Así nacen as baleas. 2ª ed. Vigo: Editorial Galaxia. Narrativa. Colección: Literaria, 168 páx. ISBN 978-84-9865-022-8.[11]
As baleas na literatura popular
[editar | editar a fonte]Refraneiro
[editar | editar a fonte]Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Alá no medio do mar/ sospiraba unha 'ballena'/ e nos sospiros decía:/ quen ten amores ten pena [14]
- Eu teño cinco xustillos/ todos cinco 'emballenados',/ tamén teño cinco amores,/ catro viven engañados [15] [16]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ The history of whaling
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Vadés Hansen, F. (2010).
- ↑ Prehistoric Inuit whalers affected Arctic freshwater ecosystems
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Museo Provincial do Mar San Cibrao, Lieiro, Cervo (Lugo).
- ↑ Sen dúbida a máis ilustre destas vendas foron as que realizaron Josefa Montenegro y Sacro e Dolores Peña Montenegro, a avoa e a nai de Valle-Inclán, ao catalán Manuel Llauger Peña.
- ↑ Antonio Ojea (29 de abril de 1980). "Hundimiento provocado de dos balleneros en Marín". El País (en castelán).
- ↑ 7,0 7,1 7,2 Los últimos cazadores de ballenas. La última factoría ballenera de España, situada en Cee, cesó su actividad tras renunciar a nuevas moratorias para la caza de cetáceos Diario La Voz de Galicia, 24 de marzo de 2012.
- ↑ Aínda que outros, que a probaron cando se vendía nas prazas de abastos alá polos anos 1960 dicían que si, pero que os filetes parecía que estaban fritos en "aceite de peixe".
- ↑ Historia do Museo en Museo Msasó.
- ↑ Boletin de la Real Academia de la Historia. Tomo CLXXVI. Nº III. 1979
- ↑ Premio de narrativa breve Repsol YPF do ano 2007. Premio Xosé María Álvarez Blázquez da Asociación Galega de Editores á mellor autora, 2007. Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, 2008. Traducida ao castelán como Así nacen las ballenas, 2010, Vigo: Faktoría K., 160 páx. ISBN 978-84-9695-795-4.
- ↑ Adela Leiro Lois (dir): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986, 26.
- ↑ Adela Leiro Lois (dir): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986, 26.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Penzol-Galaxia, Vigo 1973, 35.
- ↑ José Pérez Ballesteros: Cancionero popular gallego y en particular de la provincia de la Coruña 1885-1886; reed. facs. Akal, Madrid 1979, tomo I, px. 12.
- ↑ Ramón Cabanillas: Antífona da cantiga. Galaxia, Vigo 1951, 106.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Tobío Fernández, L. (1927): "Aportazón ó estudo da historia da pesca da balea nas costas da Galiza", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos I, 89-93.
- Penas Patiño, X. M. e Piñeiro Seage, A. (1989): Cetáceos, focas e tartarugas mariñas das costas ibéricas. Santiago: Xunta de Galicia. Consellería de Pesca, Dirección Xeral de Formación e Promoción Social Pesqueira. ISBN 84-453-0072-5.
- Schokkenbroek, Joost C. A. (2008): Trying-out: An Anatomy of Dutch Whaling and Sealing in the Nineteenth Century, 1815-1885. Amsterdam: Aksant Academic Publishers. ISBN 978-90-5260-283-7.
- Tönnesen, J. N. & Arne Odd Johnsen (1982): The history of modern Whaling. Londres: C. Hurst & Co. ISBN 978-0-905838-23-6; Canberra: Australian National University Press. ISBN 978-0-7081-0749-2; Berleley: University of California Press. ISBN 0-520-03973-4.
- Valdés Hansen, F. (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX). A Coruña: Fundación Barrié de la Maza. ISBN 978-84-95892-78-2.
- Lage-Seara A. (2022): "A Mariña, un puerto de Ballenas", Mundiario.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- A caza de baleas no Cantábrico (en varios idiomas, entre eles o galego)
- Web do instituto de investigación dos cetáceos sitio web do Bottlenose Dolphin Research Institute (en inglés).
- Web da CEMMA Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños.
- En defensa dos Mamíferos Mariños SGHN.
- Web da Asociación Delphis. Investigación, divulgación y conservación de animales marinos. (en castelán).
- Web da International Whaling Commission. (en inglés).
- Museo Provincial do Mar San Cibrao, Lieiro, Cervo (Lugo). (en castelán)
- Páxina web do museo Massó.
- Greenpeace: :Action against Spanish Whaler Ibsa III (GP04RD) Arquivado 18 de outubro de 2019 en Wayback Machine.
- Hundimiento provocado de dos balleneros en Marín Diario El País (España), 29-04-1980 (en castelán).
- Treinta años de los hundimientos. La Voz de Galicia, 23-05-2010 (en castelán).
- Un ballenero de museo que emigró de Galicia Faro de Vigo, 15-01-2012 (en castelán).