NTSC
NTSC (National Television System Committee) é o sistema de televisión analóxica usado nos Estados Unidos e que se estendeu ao resto de Norteamérica, Centroamérica e as Antillas, a maioría dos países de Suramérica, Birmania, Corea do Sur, Taiwán, Xapón, Filipinas e algúns países de Oceanía. Do NTSC derivouse o sistema PAL que utilizan ou utilizaron a maioría dos países.
Desenvolvemento
[editar | editar a fonte]A FCC estadounidense estableceu un comité en 1940 para lograr un estándar nacional para a recepción da televisión, a NBC viña utilizando o sistema da RCA de 441 liñas pero outras compañías como Philco ou DuMont preferían estándares de entre 605 e 800 liñas. O primeiro estándar NTSC definiuse en 1941 con 525 liñas e 30 imaxes por segundo pero non tiña provisión para a televisión en cor polo que en 1953 se adoptou unha versión modificada que permitía a compatibilidade dos televisores en branco e negro cos novos en cor. Coa adopción da televisión dixital nos Estados Unidos substituíno definitivamente polo ATSC o 12 de xuño de 2009 e outros países teñen previsto substituílo en anos vindeiros.