Saltar ao contido

Nobreza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Unión nupcial entre un nobre chinés e unha nobre xaponesa.

A nobreza constitúe un grupo social exclusivo comunmente de carácter hereditario cun status privilexiado recoñecido pola autoridade. Na Europa preindustrial era un dos tres estamentos medievais e do Antigo Réxime, xunto co clero e o terceiro estado e como estamento privilexiado da sociedade baseaba eses privilexios nunha suposta superioridade moral ou racial.

No estado feudal, nobre era que posuía un feudo, e que estaba unido aos seus servos por relacións de vasalaxe, mas na Idade Moderna os reis adxudicaron numerosos títulos sen terras ou dominios asociados. O instauración da nobreza supuxo a imposición nas sociedades romanizadas da antiga división social indoeuropea longo tempo desaparecida, mas que se conservou polos pobos xermánicos. Esta división estruturaba a sociedade en tres grupos hereditarios de guerreiros, sacerdotes e traballadores. Tanto a sociedade romana como moitas das anteriores sobre as que se impuxo a súa cultura xa perderan esta estruturación e deran lugar a certa mobilidade social.

Tipos de nobreza

[editar | editar a fonte]
Afonso X de Castela.
  • Nobreza Inmemorial, nobreza inexistente en España, refírese a aquelas grandes familias cuxos orixes remontar á queda do Imperio Romano. Estas Familias son, por exemplo, as ramas descendentes dos duques de Vasconia e dos duques de Septimania. É dicir, a casa de Béarn, de Bigorre, de Cominges, de Carcassonne, de Beziers, de Foix, de Tolosa, de Rouergue, de Turenne, de Limoges... Esta nobreza nin se outorga nin se pode acceder a ela. É a nobreza real, xa que o resto dos tipos de nobreza refírese a non nobres feitos nobres por concesión dun soberano.
  • Nobreza de privilexio que é a que concedía o monarca de cada nación ou Estado como recompensa de servizos prestados ao Estado ou accións gloriosas, podendo ser persoal ou transmisíbel.
    • Persoal cando se concede unicamente a un suxeito para que dela goce mentres viva e desaparece co seu falecemento.
    • Transmisíbel cando a tenencia é para a persoa a quen se outorga e para os seus descendentes de forma que pasa a todos os graos en liña recta (normalmente por vía masculina).
  • Nobreza de sangue , nobreza herdada dos maiores e é a que vén por liñaxe que se herda daqueles a quen se concedeu por privilexio.
Duque de Rougé de Caylus

Outro criterio é o que distingue:

  • Alta nobreza, os grandes de España ou pares de Francia e os títulos (duque, marqueses, condes)
  • Baixa nobreza, que en España está representada polos fidalgos, escudeiros, infanzóns etc. que unicamente gozaban da súa condición privilexiada, pero non tiñan por que ter rendas para soster un modo de vida compatible con tal condición.

A condición de señor dun señorío ou feudo, dependendo do tamaño ou riqueza deste, normalmente daba os recursos necesarios para manter unha forma de vida compatíbel coa nobreza: é dicir, o non traballar. O grao de cabaleiro, que normalmente coincidía coa pertenza a unha Orde Militar ou Orde de Cabalaría, podía proporcionar rendas suficientes ou non (había cabaleiros de mogollón, aos que había que manter na sede da orde). Outras situacións polas que un nobre podía adquirir rendas que lle permitisen acceder á alta nobreza eran a posición na Corte -nobreza cortesá-, ou na guerra, aínda que a función militar da nobreza, moi importante na Idade Media, perdeuse na Idade Moderna co exército profesional ou mercenario.

Títulos nobiliarios

[editar | editar a fonte]