Saltar ao contido

Paola Frassinetti

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPaola Frassinetti

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(it) Paula Frassinetti Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento3 de marzo de 1809 Editar o valor en Wikidata
Xénova, Italia Editar o valor en Wikidata
Morte11 de xuño de 1882 Editar o valor en Wikidata (73 anos)
Roma, Italia Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepneumonía Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa católica Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónrelixiosa cristiá, monxa Editar o valor en Wikidata
Orde relixiosaOrde dos Predicadores Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa11 de xuño Editar o valor en Wikidata


Paola Frassinetti, nada o 3 de marzo de 1809 e finada o 11 de xuño de 1882, foi unha relixiosa católica italiana fundadora da congregación das Irmás de Santa Dorotea. Beatificada en 1930, foi canonizada co título de santa Paula en 1984.

Segundo a súa biógrafa Riccarda Chini, Frassinetti foi "unha muller sinxela ao ollos do mundo, unha moza sen cultura que foi elixida por Deus para espertar na igrexa un novo formato que presentase á xuventude os valores pedagóxicos do Evanxeo".

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu e foi bautizada o 3 de marzo de 1809 nunha rúa (Borgo Lanauioli, agora inexistente) ao leste do centro de Xénova (Italia), na actual zona de Carignano. Quedou orfa de nai (Angela) con tan só 9 anos e foi coidada por unha tía que se mudou á súa casa.

A adolescencia pasouna na casa, aprendendo do pai Giovanni Battista Frassinetti, un home que tiña un comercio de tecidos, e dos seus catro irmáns, sobre todo do máis vello Giuseppe Frassinetti. Este irmán foi ordenado sacerdote en 1827, aos 22 anos, e foi designado párroco de Quinto al Mare, unha pequena vila da costa ligur, hoxe incorporado a Xénova. Paola tiña daquela 18 anos. Os seus tres outros irmáns tamén acabaron sendo sacerdotes.

En 1828, o crego Giuseppe pensou que a súa irmá podería ser de valiosa axuda para el no traballo e quixo levala canda el. O pai aceptou de mala gana[1] pensando na fráxil saúde de Paola, que se beneficiaría de ir vivir preto do mar.

A fundación da escola

[editar | editar a fonte]

Xunto co irmán, abriu en Quinto al Mare, dentro da igrexa de Santa Clara, unha escola para nenas pobres. Nese labor axudárona outras cinco mulleres da comunidade. Segundo a súa biógrafa Riccarda Chini, alí Frassinetti "revelou as calidades dunha boa educadora: dedicación, sagacidade, intuición, paciencia, tacto, bondade, intelixencia e un gran corazón". A escola converteuse tamén en centro social da actividade para mozas, como Mariana Danero[1], que empezaron a crear unha pequena comunidade de mozas vencelladas á parroquia e interesadas no ensino. Esta primeira comunidade chamouse "Fillas da Santa Fe".

Paula e as súas amigas non tiñan o dote requirido para entrar nunha comunidade de freiras que xa estivese creada. Ademais, non querían vivir illadas senón compartindo a pobreza e a amizade mentres facían o seu labor de educación relixiosa.[1]

A comunidade atopou un certo rexeitamento na vila de Quinto, que incluso fixo que o seu irmán repensase o seu apoio, pero Frassinetti seguiu adiante[1]. Axiña alugaron unha casa coa axuda de amigos e deseguido abriron unha escola de seu para nenas pobres, onde acolleron algunhas orfas. Malia todo o lugar era pequeno de máis para acollelas a todas[1] e moitas non soportaban a austeridade daquela vida, pero se algunhas se retiraban outras se incorporaban.

No ano 1835, Luca Passi, un sacerdote amigo de Giuseppe Frassinetti, visitounos en Quinto al Mare e propúxolle incorporarse ao seu proxecto persoal: unha serie de casas de axuda, orientadas ás mozas pobres, que combinaba aspectos de asistencia social e de educación. O proxecto de Passi denominábase Sociedade Pía de Santa Dorotea. A colaboración entre Frassinetti e Passi deu lugar á orde pedagóxica das Irmás de Santa Dorotea.

A expansión da orde

[editar | editar a fonte]

Foi outro amigo, Luigi Sturla, quen lle propuxo dirixir unha escola de cativas pobres que abrira en Xénova no barrio de San Teodoro. Reunida coas compañeiras, consensuaron que irían a esa nova escola Marina Danero e Teresa Albino, que eran as colaboradoras máis achegadas a Frassinetti.[1] Así iniciábase un proceso que acabaría por levar por varios continentes a misión de Paola Frassinetti ou, nas palabras da súa biógrafa, "o seu don"[1].

En 1841 trasladouse a Roma, onde proseguiron o seu proxecto de abrir escolas: estableceron centros en sete parroquias distintas da capital católica. Coas súas compañeiras aprendía as mozas o catecismo e dáballes escola. Aínda que aberta a todas as mozas, Frassinetti prefería[1] as nenas pobres, que definía como ” pura imaxe de Deus, sen marco”.[1] Nunha casa máis ampla que estaba preto da catedral de Santa María a Maior, abriu un internado. Máis tarde trasladouse á igrexa de Santo Onofre, onde o papa Pío IX lle encargara que transformase nun internado unha casa de acollida que alí había. A escola de Santo Onofre transformarase na sede da orde.

Os conflitos políticos que ocupan a vida en Italia nese momento non serán positivos para a orde, que tivo que pechar algunhas casas. En 1866 establécense as primeiras casas fóra da Península Itálica, no Brasil e logo en Portugal. O 11 de xuño de 1882 falecía en Roma á idade de 73 anos deixando 21 casas e 369 irmás.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]

Paola Frassinetti cría na posibilidade da muller de contribuír á transformación da sociedade[1]. Cría que lles era necesaria unha preparación humana e cristiá que lles permitise inserirse no seu tempo con sentido crítico, asumindo novas responsabilidades sociais[1].

Santificación

[editar | editar a fonte]

O 19 de maio de 1891 iniciouse o proceso ordinario sobre a súa fama de santidade. O 20 de marzo de 1906 desoterráronlle o corpo, que atoparon incorrupto e flexible[1]. O corpo está depositado en Roma, na Casa Xeral da orde, que se atopa na salita de Sant'Onofrio, 38 (costa de Santo Onofre, 38).

O 8 de xuño de 1930 foi beatificada polo Papa Pío Xl.

O 11 de marzo de 1984 foi declarada santa polo papa Xoán Paulo ll.

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 Chini, Riccarda. Paula Frassinetti: Un don de Dios. Doroteas.