Parafilético
En filoxenia (e tamén en lingüística) un grupo é parafilético cando inclúe o antepasado común dos seus membros, pero non a todos os descendentes deste. Esta situación denomínase parafilia (do grego παρά pará, "ao lado", "os que están ao lado", "cerca de", e φυλή phylé, "tribo", "grupo de individuos"). Un grupo parafilético fórmase cando a un clado (póla evolutiva) se lle subtraen un ou máis grupos holofiléticos.[1]
As clasificacións tradicionais están cargadas de grupos parafiléticos, como criptógamas, invertebrados ou pónxidos. En cada un destes casos o grupo defínese pola exclusión dun grupo menor dentro doutro maior: as criptógamas son as plantas excluíndo as fanerógamas; os invertebrados, os animais se quitamos os vertebrados; os pónxidos son os antropoides cando quitamos os homínidos. Así, cada grupo aparece definido negativamente, por características que lle faltan, en vez de maneira positiva, polas características que comparten os seus membros.
A lexitimidade do uso de grupos parafiléticos na clasificación é moi discutida. Os que o defenden fano só para aqueles casos en que resulta un grupo de características ben definidas. Os que se opoñen alegan que só os grupos holofiléticos son lexítimos nunha clasificación evolutiva.
Baixo un certo concepto os grupos parafiléticos son chamados monofiléticos (grupos convexos, grupo de especies e o seu antepasado común, pero non todos os descendentes dese antepasado), igual que os holofiléticos (grupo que contén o antepasado común, todos os organismos que descenden del, e ningún outro organismo máis).
Uso dos grupos parafiléticos
[editar | editar a fonte]Os grupos parafiléticos utilizáronse moito nas taxonomías tradicionais e mesmo hoxe. Os partidarios da cladística non aceptan as agrupacións parafiléticas. Outros argumentan que os grupos parafiléticos dun clado excepto un clado menor con características moi diverxentes, son necesarios para unha clasificación comprensiva que inclúa os grupos extintos, xa que cada especie, xénero, familia etc. tivo que necesariamente orixinarse a partir doutra. Ereshefsky sinala que os taxons parafiléticos son o resultado dunha evolución por anaxénese (toda a poboación cambia a outra con características novas e desaparece a orixinal).
Por exemplo, os procariotas son parafiléticos porque o grupo exclúe a gran liñaxe de organismos que evolucionaron a partir deles, os eucariotas, aínda que o establecemento dos procariotas como grupo é moi útil porque ten unha significativa distinción claramente definida (non teñen núcleo celular) con respecto aos seus descendentes nucleados. Deste modo, aínda que os procariotas non son un clado, o termo é moi útil.
O termo grao evolutivo utilízase ás veces para eses grupos.[2]
Lingüística
[editar | editar a fonte]En lingüística histórica tamén se utiliza o concepto de linguas parafiléticas para comparar a orixe dos distintos idiomas a partir doutros idiomas anteriores, dun xeito similar a como fai a cladística cos seres vivos. Por exemplo, as linguas formosanas forman un grupo parafilético das linguas austronesias, xa que o termo se refire ás nove pólas da familia de linguas austronesias que non son linguas malaio-polinesias e están restrinxidas á illa de Taiwán (Formosa).[3]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Colin Tudge (2000): The Variety of Life. Oxford University Press. ISBN 0-19-860426-2.
- ↑ Richard, Dawkins (2004). "Mammal-like Reptiles". En Houghton Mifflin Company. The Ancestor's Tale, A Pilgrimage to the Dawn of Life. Boston. ISBN 0-618-00583-8.
- ↑ Greenhill, Simon J. e Russell D. Gray (2009): "Austronesian Language and Phylogenies: Myths and Misconceptions About Bayesian Computational Methods," in Austronesian Historical Linguistics and Culture History: a Festschrift for Robert Blust, editado por Alexander Adelaar e Andrew Pawley. Canberra: Pacific Linguistics, Research School of Pacific and Asian Studies, The Australian National University.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Clasificación científica
- Holofilético
- Monofilético
- Polifilético
- Taxonomía
- Carl von Linné
- Clado
- Taxon
- Sistema de clasificación de Engler
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Funk, D. J. e Omland, K. E. (2003): "Species-level paraphyly and polyphyly: Frequency, cause and consequences, with insights from animal mitochondrial DNA". Annu. Rev. Ecol. Evol. Syst. 34: 397–423. Artigo en PDF Consultado o 15/01/2013.