Pezosiren
Pezosiren Rango fósil: 49 Ma-46 Ma Eoceno temperán | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Esqueleto montado | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Pezosiren portelli' Domning, 2001 |
Pezosiren portelli é unha especie de sirenio basal do Eoceno temperán de Xamaica, de hai 50 millóns de anos. É a única especie do xénero Pezosiren. O espécime tipo está representado por un esqueleto fósil atopado en Xamaica, descrito en 2001 por Daryl Domning,[1] un paleontólogo mariño da Universidade Howard en Washington, D.C.. O seu nome procede do grego πεζός (pezos), 'de pé', 'camiñante', e Σειρήν (Seirēn, latinizado a Siren), 'serea'[1] Crese que este animal tiña un estilo de vida anfibio similar ao dos hipopótamos, e é un exemplo de forma transicional entre os mamíferos terrestres e os acuáticos dentro da liña evolutiva dos sirenios.[2]
P. portelli ten o cranio típico e a forma básica do corpo dos modernos sirenios, como os manatís e dugongos, pero tamén ten catro extremidades, non modificadas aínda en aletas, con pés ben desenvolvidos que aínda estaban adaptados a camiñar por terra.
Descubrimento
[editar | editar a fonte]Na década de 1990, atopáronse vertebrados fósiles en depósitos de albufeira en Seven Rivers en Xamaica grazas aos traballos de Daryl Domning e colegas. O sitio é rico en fósiles e proporcionou centos de ósos de vertebrados principalmente acuáticos, un rinoceronte primitivo e posiblemente un primate. En 2001, Domning describiu un sirenio que camñaba procedente deste sitio, dándolle o nome de Pezosiren portelli, baseándose nun esqueleto case completo. É o primeiro sirenio cuadrúpede e considérase unha forma de transición entre os sirenios terrestres e mariños. P. portelli tiña catro patas perfectamente adaptadas a camiñar en lugar de aletas, pero á vez tiña o cranio, dentes e costelas típicas dos sirenios "normais" completamente acuáticos. As súas pesadas costelas proporcionábanlle lastre, o que indica que era semiacuático, quizais como un hipopótamo. O sitio de Seven Rivers non só é un dos moi raros exemplos de depósitos non situados en covas nas Indias Occidentais, senón tamén o máis antigo descuberto ata agora, cunha idade datada entre o Eoceno temperán e o tardío, tal como lla atribuíu Robinson en 1988.[3] A presenza deste mamífero terrestre en Xamaica pode explicarse como unha proba da existencia dunha ponte terrestre no Eoceno que conectaba Norteamérica co Arco mexicano, o Bloque Chortis, a crista de Nicaragua, e Xamaica. Sexa cal for a orixe dos sirenios, esta especie non tivo un impacto posterior na historia dos mamíferos das Antillas, porque Xamaica quedou submerxida pouco despois e desapareceron todas as formas terrestres. O resto da fauna fósil acompañante consiste principalmente en vertebrados acuáticos (peixes, crocodilianos e tartarugas) e unha especie de rinoceronte (do xénero Hyrachyus).[4]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Domning, D. P. (2001-10-11). "The earliest known fully quadrupedal sirenians". Nature (Nature Publishing Group) 413 (6856): 625–627. PMID 11675784. doi:10.1038/35098072.
- ↑ Prothero, Donald R. 2007. Evolution: What the Fossils Say and Why It Matters. With original illustrations by Carl Buell. New York, Columbia University Press.
- ↑ Robinson, E. (1988). "Late Cretaceous and early Tertiary sedimentary rocks of the Central Inlier, Jamaica". Journal of the Geological Society of Jamaica 24: 49–67.
- ↑ Domning, D. P.; Emry, R. J.; Portell, R. W.; Donovan, S. K.; Schindler, K. S. (December 1997). "Oldest West Indian Land Mammal: Rhinocerotoid Ungulate from the Eocene of Jamaica". Journal of Vertebrate Paleontology (Society of Vertebrate Paleontology) 17 (4): 638–641. JSTOR 4523853. doi:10.1080/02724634.1997.10011013.