Real Forza Aérea do Canadá
Real Forza Aérea do Canadá | |
---|---|
Royal Canadian Air Force Aviation royale canadienne | |
Activa | 1 de abril de 1924 |
País | Canadá |
Rama | Forza Aérea |
Papel | guerra aérea |
Tamaño | 391 aeronaves 12 074 persoal regular 1 969 reserva 1 518 civís |
Páxina web | rcaf-arc.forces.gc.ca |
A Real Forza Aérea do Canadá (RCAF en inglés e ARC en francés) é a forza áerea e espacial do Canadá.[1] O seu rol é o de "proporcionar ás Forzas do Canadá un poder aéreo relevante, receptivo e efectivo".[2] A RCAF é un dos tres comandos dentro das Forzas Armadas do Canadá unificadas. En 2020 a Real Forza Aérea do Canadá estaba formada por 12 074 soldados regulares e 1 969 reservistas, apoiados por 1 518 civís, e operaba 258 aeronaves tripuladas e 9 non tripuladas.[3] O tenente xeneral Al Meinzinger é o actual comandante da Real Forza Aérea do Canadá e o xefe do Estado Maior da Forza Aérea.[4]
A Real Forza Aérea do Canadá é a responsable de todas as operacións de aeronaves das Forzas Canadenses, de facer cumprir a seguridade do espazo aéreo do Canadá, e de proporcionar aeronaves para apoiar as misións da Real Armada do Canadá e do Exército do Canadá. A RCAF é socia da Forza Aérea dos Estados Unidos na misión de protexer o espazo aéreo continental baixo o Comando de Defensa Aeroespacial de América do Norte (NORAD). A RCAF tamén proporciona os principais recursos aéreos e é a responsable do Programa Nacional de Busca e Rescate.
A RCAF ten as súas raíces na Forza Aérea do Canadá, formada no ano 1920. A Forza Aérea do Canadá recibiu o apelativo real en 1924 de mans do rei Xurxo V para formar a Real Forza Aérea do Canadá. En 1968 a RCAF fusionouse coa Armada e o Exército, co obxectivo de unificar todas as forzas do Canadá. As unidades aéreas dividíronse entre distintos comandos: Mando de Defensa Aérea (ADC; interceptores), Mando de Transporte Aéreo (ATC; transporte, busca e rescate), Mando Móbil (cazas tácticos, helicópteros), Mando Marítimo (guerra antisubmarina, patrulla marítima), así como o Mando de Adestramento (TC).
En 1975 disolvéronse algúns comandos (ADC, ATC, TC), e todas as unidades aéreas pasaron a estar baixo un novo mando coñecido sinxelamente como Mando Aéreo (AIRCOM). O Mando Aéreo volveu ao seu nome histórico en agosto de 2011.
A Real Forza Aérea do Canadá operou na segunda guerra mundial, na guerra de Corea, e na guerra do Golfo, así como en varias misións da ONU para o mantemento da paz e en varias operacións da OTAN. Como membro da OTAN, a RCAF estivo presente en Europa durante a segunda metade do século XX.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Government of Canada, National Defence (2020-09-18). "DND/CAF Joint and Combined Space Program". www.rcaf-arc.forces.gc.ca. Arquivado dende o orixinal o 22 de outubro de 2020. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Government of Canada, National Defence (2015-01-06). "Chapter 1: Shape Fundamentals (B-GA-403-000/FP-001 Canadian Forces Aerospace Shape Doctrine)". www.rcaf-arc.forces.gc.ca. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2020. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ Defence, National (2021-03-11). "Commander Royal Canadian Air Force (RCAF)". www.canada.ca. Consultado o 2022-01-25.
- ↑ "Royal Canadian Air Force command changes hands". Skies Mag (en inglés). Consultado o 2022-01-25.