Rondó
O rondó (adaptación da palabra francesa "rondeau") é unha forma musical baseada na repeticióndun tema musical. François Couperin definíao como unha forma que se basea nun "tema principal que reaparece e que se alterna con diferentes temas intermedios, chamados couplets".[1][2][3]
Xeneralidades do estilo
[editar | editar a fonte]O trazo típico de calquera rondó é a volta ao tema principal despois de cada digresión, a cal proporciona contraste e equilibrio, tendo en conta que o número e a lonxitude destas son sempre diferentes. Hai diversas formas de rondó (lentos, rápidos etc.) pero o máis habitual é o que funciona como derradeiro tempo dunha sonata, onde a calidade predominante é xerar unha sensación de fluidez continua.
Nun rondó, o tema principal (A) adoita desenvolverse tres veces ou máis. Estas repeticións altérnanse cos temas musicais ou os episodios, chamados contrastes:
- A. Tema.
- B. Primeiro episodio noutra tonalidade (de dominante ou relativo maior/menor).
- A. Repetición do tema principal.
- C. Segundo episodio noutra tonalidade.
- A. Repetición do tema (ás veces con variacións).
A forma de rondó pode tamén considerarse, de certo modo, como unha forma de lied composta. Con todo, mentres no lied as partes se presentan xuxtapostas sen pasaxe de transición, no rondó xeralmente aparecen frases de paso que as ligan. Esta característica dálle ao rondó un aspecto formal máis compacto e unitario. En lugar de frases independentes, compóñense normalmente grupos de temas que poden presentar na súa estrutura formal organizacións tipo lied menores.[4]
O rondó na historia da música
[editar | editar a fonte]Na música tardomedieval o rondó foi unha forma concreta de canción profana. A súa estrutura musical era ABAAABAB e a do texto ABCADEAB. Pervive un gran número de rondós compostos na área francoflamenga do século XV.
O roindó era unha forma moi atractiva para os compositores os clavecinistas barrocos do século XVII e principios do século XVIII. Couperin utilizou un tema principal que ocupaba uns oito compases e dous ou tres episodios máis ou menos da mesma extensión. No período clásico, Haydn, Mozart e Beethoven incorporaron o rondó ao cerradeiro movemento das súas sonatas. É o que se denomina "sonata rondó", cuxa estrutura se empregou para as sonatas instrumentais, a música de cámara e as sinfonías.
Atópanse mostra diso tanto na música de Couperin como na obra máis recente do estadounidense Walter Piston, e un exemplo é o último tempo da sonata número 9 en re maior para piano de Haydn, onde se observa que cada vez que regresa á parte A, aparece variada, obtendo diferentes versións en cada aparición e logrando nas súas obras sempre un novo interese, malia as numerosas repeticións.
Algúns rondós coñecidos
[editar | editar a fonte]- Marc-Antoine Charpentier: preludio do Te Deum H.146.
- Jean-Baptiste Lully: preludio introdutorio du Te Deum LWV 55 (1677).
- Wolfgang Amadeus Mozart:
- Cuarto movemento da Pequena música de noite.
- Terceiros movementos do cuarto concerto para coro e do concerto para clarinete.
- Ludwig van Beethoven:
- Terceiros movementos da oitava (Patética) e da décimo cuarta (Claro de Lúa) sonatas para piano.
- Terceiro movemento do quinto concerto para piano (O Emperador).
- Terceiro movemento do concerto para violín.
- Johann Nepomuk Hummel: final do seu concerto para trompeta.
- Franz Schubert: final de La jeune fille et la mort.
- Felix Mendelssohn: movemento final do segundo concerto para violín.
- Georges Bizet: overtura de Carmen.
- Jean Sibélius: terceiro movemento do seu concerto para violín.
- Gustav Mahler: quintos movementos das súas quinta e sétima sinfonías.
- Joaquín Rodrigo: derradeiro movemento do seu Concerto de Aranxuez.
Notas
[editar | editar a fonte]Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cole, M. The rondo finale: evidence of the Mozart-Haydn exchange?. Mozart Jahrbuch, 1968-70.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Formas musicales: Rondó Arquivado 02 de marzo de 2017 en Wayback Machine.. En Melomanos.com