Saltar ao contido

Sófocles

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Modelo:BiografíaSófocles

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(grc) Σοφοκλῆς Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacementoc. 496 a. C. Editar o valor en Wikidata
Colonus (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Morte406 a. C. Editar o valor en Wikidata (89/90 anos)
Atene, Antiga Atenas (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoLiteratura, drama e política Editar o valor en Wikidata
Lugar de traballo Grecia Antiga Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónescritor de traxedia, sacerdote, escritor, dramaturgo, político Editar o valor en Wikidata
Xénero artísticoTraxedia grega Editar o valor en Wikidata
Obra
Obras destacables
Familia
FillosAriston, Iophon Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fontePequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Encyclopædia Britannica Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0814668 Allocine: 86484 IBDB: 8711
BNE: XX999398 Musicbrainz: 30ca43f6-fd7b-4d13-8017-9da6279fa048 Discogs: 648023 IMSLP: Category:Sophocles Find a Grave: 86250225 Genius: Sophocles Editar o valor en Wikidata

Sófocles (en grego Σοφοκλής, Sophoklēs, pronunciación grega clásica: [so.pʰo.klɛ̂ːs]), nado en Colono, Atenas (Grecia) no 496 a.C e finado na mesma cidade no 406 a.C., foi un poeta tráxico da Antiga Grecia, autor de obras como Antígona ou Edipo rei. Sitúase, xunto con Esquilo e Eurípides, entre as figuras máis destacadas da traxedia grega. De toda a súa produción literaria só se conservan sete traxedias completas, que son de importancia capital para o xénero.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Fillo dun rico armeiro chamado Sófilo, aos dezaseis anos foi elixido director do coro de rapaces para celebrar a vitoria de Salamina [1]. No 468 a.C. -con só 28 anos- deuse a coñecer como autor tráxico ao vencer a Esquilo no concurso teatral que se celebraba anualmente en Atenas durante as festas Dionisias, concurso no que o dominador nos anos precedentes fora Esquilo.

Estatua de Sófocles, copia do orixinal do século IV a. C., Museos Vaticanos.

Comezou así unha carreira literaria sen parangón: Sófocles chegou a escribir sobre 120 obras para os festivais [2], nos que se adxudicou unhas 24 vitorias, fronte ás 13 que lograra Esquilo. Converteuse así nunha figura importante en Atenas, e a súa longa vida coincidiu co momento de máximo esplendor da cidade, a chamada Pentecontecia [3].

Da súa enorme produción, con todo, consérvanse tan só sete traxedias completas: Antígona, Edipo rei, Áiax, As Traquinias, Filoctetes, Edipo en Colono e Electra. Tamén se conserva un fragmento dun drama satírico, Os Sabuesos.

Amigo de Herodoto e de Pericles, non mostrou demasiado interese pola política, a pesar do cal foi elixido dúas veces estratego e participou na expedición ateniense contra Samos (440 a.C.), acontecemento que recolle Plutarco nas súas Vidas paralelas.

A súa morte coincidiu coa guerra con Esparta na guerra do Peloponeso, que iría significar o principio do fin do dominio ateniense coa derrota absoluta de Atenas no ano -405. Cóntase que o propio deus Dioniso ordenou ó xeneral espartano Lisandro que permitiera un enterro en paz. Lisandro non atendeu a indicación e Dioniso tivo que ordenarllo por segunda vez. Foi entón cando Lisandro soubo quen era o morto e, sabendo que se trataba de Sófocles, acordou unha tregua para que se puidesen celebrar debidamente os seus funerais.[4]

A Sófocles débense a introdución dun terceiro actor na escena [5], o que daba maior xogo ao diálogo; e o feito de dotar de complexidade psicolóxica ao heroe da obra. En Antígona, por exemplo, opón dúas leis: a da cidade (promulgada polo rei, Creonte) e a dos deuses. Creonte prohibe render honores a Polinices e enterrar o seu cadáver, porque se levantou contra a cidade, Tebas, mentres que a lei dos deuses esixía respectar os mortos. Antígona quere dar sepultura ao seu irmán morto, fronte da oposición do tirano [6] Creonte, quen ao negarlle sepultura pretende dar exemplo á cidade. A tensión do enfrontamento mantén sempre a complexidade e o equilibrio, e o destino tráxico abátese sobre os dous, pois tamén a ambos corresponde a Hybris, pecado de soberbia (orgullo excesivo)[7].

Edipo rei é a máis soada das súas traxedias, e así Aristóteles considerábaa na súa Poética como a máis representativa e perfecta das traxedias gregas, aquela na que o mecanismo catártico final alcanza o seu mellor clímax. Tamén é unha inmellorable mostra da chamada ironía tráxica, pola que as expresións dos protagonistas adquiren un sentido distinto do que eles pretenden; así sucede con Edipo, empeñado en achar o culpable da súa desgraza e a da súa cidade, e abocado a descubrir que este culpable é el mesmo, por transgredir, outra vez, a lei da natureza e do sangue ao matar o seu pai e xacer coa súa nai, aínda que sen coñecer estas relacións de parentesco.

O enfrontamento entre a lei humana e a lei natural é central na obra de Sófocles, da que probablemente sexa verdade afirmar que representa a máis equilibrada formulación dos conflitos culturais de fondo aos que daba saída a traxedia grega.

Análise literaria

[editar | editar a fonte]

O teatro de Sófocles como forma literaria

[editar | editar a fonte]

Do punto de vista formal, pódese dicir que unha traxedia sofoclea estándar presenta a seguinte estrutura: un prólogo, que nos proporciona por medio dunha tirada relativamente curta de versos recitados (frecuentemente en trímetros iámbicos) os precedentes do argumento da obra; a párodo ou momento en que o coro fai a súa entrada, bailando e cantando, á que seguen os diversos episodios recitados a cargo dos actores. No transcurso dos sucesivos episodios os actores fan progresar a acción dramática. Intercalados entre un episodio e outro sucédense diversas intervencións do coro: os estásimos, nos que o conxunto do coro ocupa o seu correspondente lugar na orquestra bailando sobre o propio terreo e cantando un tipo de composición lírica de métrica recargada. Os intervalos entre episodios e estásimos permiten solucionar de pasada o problema técnico do cambio de vestiario dos diversos actores [8]. Estas partes corais ou líricas chamadas estásimos adoitan presentar a forma de responsión estrófica, é dicir, normalmente comézase cunha estrofa, á que segue a súa antístrofa ou segundo canto (cuxo esquema métrico, número de versos etc., se corresponde estritamente coa estrofa) e ambas as unidades adoitan pecharse cun refrán chamado epodo. Exposta así a formulación da obra, esta péchase coa despedida do coro, que abandona tamén maxestosamente a escena cantando o chamado éxodo.

Esta arquitectura artística vese loxicamente enriquecida coa existencia doutras subunidades menores que contribúen a facer do conxunto unha obra de literario refinamento. Por medio delas, o poeta contrapón ideas, argumentos, caracteres ou situacións do xeito máis artístico. Estes son os conceptos de agón ou enfrontamento entre personaxes que defenden ben un punto de vista, ben o seu contrario, en diálogos entrecortados e moi vivos como as esticomitías, onde a cada personaxe corresponde o emprego dun verso alternativo, que ás veces se resolven en interrupcións verbais (antilabái), a resis ou tirada de versos recitados a cargo dun personaxe, amebeos (diálogo lírico entre un actor e algún membro do coro) etc.

Elementos conceptuais

[editar | editar a fonte]

Tematicamente, o teatro grego recorre aos antigos mitos das sagas heroicas, como reflexo da tradicional vinculación entre o teatro e as súas orixes relixiosas. De feito, do total de 32 traxedias conservadas datadas no século -V, nada menos que 24 se centran en catro grandes sagas de personaxes mitolóxicos (a Troiana, a de Tebas, a de Micenas e a de Heracles). Parece que nestas sagas mitolóxicas se concentran de xeito simbólico, mediante translacións metafóricas máis ou menos conscientes, os principais arquetipos do comportamento humano. É probable que na época de Sófocles os núcleos míticos tradicionais xa acadasen un grao notable de complexidade: por exemplo, na saga de Edipo poden estar superpostos ou entrelazados diversos elementos míticos: o neno que é exposto [9] no monte (representación metafórica da criatura de orixe divina); o éxito e a ruína de Edipo (translación do ciclo do crecemento e morte da natureza); ou o conflito entre Edipo e Laio, que non sería o tema do «conflito de xeracións». En calquera caso pódese chegar a pensar que os antigos dramaturgos, sobre todo no caso de Sófocles, se decataron de que os mitos posuían unha forza especial que os facía singularmente aptos para lles dar un tratamento poético e dramático.

Doutro lado, o mito posúe unha rica versatilidade que facilita múltiples xeitos de aproximación. De feito, o propio Sófocles dálle un tratamento persoal e ás veces libre. Un exemplo diso é a comparación entre o Filoctetes da súa obra homónima e o outro Filoctetes da Pequena Ilíada, ademais doutros personaxes como o papel que outorga a Crisótemis da súa traxedia Electra, a Ismene na súa Antígona ou ao propio Neoptólemo no seu Filoctetes [10].

Outro aspecto importante é o que se refire ao papel dos oráculos e a presenza dos deuses nos seus dramas. Así en Áiax, aínda que propiamente non existe un oráculo, o divino Calcante vaticina que o heroe é xoguete da ira e da burla divina [11].

Segundo as súas palabras [de Calcante], a cólera da divina Atenea só o alcanzará durante este día.
Áiax, vv 755-757 [12]

Pola súa banda, n´As Traquinias o oráculo sabe predicir a desgraza de Heracles. Deianira -esposa de Heracles- di ao seu fillo Hilo:

Sabes acaso, fillo, que me deixou oráculos dignos de crédito con respecto a esa terra?... Que ou ben está a piques de alcanzar o fin da súa vida, ou ben de levar unha vida feliz o resto da súa existencia se obtén esta vitoria.
As Traquinias, vv 76-77, 79-81

E máis adiante reitérao a mesma Deianira:

Dicía que tales feitos, decretados polos deuses, porían fin aos traballos de Heracles, segundo anunciara en certa ocasión a vella aciñeira en Dodona [13] por boca das súas sacerdotisas.
As Traquinias, vv 170-173

Á súa vez, en Antígona os avisos de Tiresias a Creonte reflicten a desaprobación divina da súa conduta. Afirma Tiresias:

Saberalo se escoitas os sinais da miña arte.
Antígona, vv 998-999

En Edipo rei hai dous oráculos: o que coñece Edipo sendo novo segundo o cal será asasino do seu pai e marido da súa nai (razón pola que Edipo foxe da casa dos que cre os seus pais, en Corinto, para ir parar a Tebas), e o que relata Iocasta referido ó seu marido Laio:

Dunha volta chegoulle a Laio un oráculo -non direi que do propio Febo [14], senón dos seus servidores-, que dicía que o seu destino era morrer á mans do fillo que iría nacer de min e de el.
Edipo rei, vv 712-715

Á súa vez, en Electra os oráculos non serven máis que para reafirmar o forte carácter e a decidida vontade da protagonista. Pola súa banda, en Filoctetes non hai propiamente oráculos, senón máis ben unha profecía varias veces retomada, segundo a cal a cidade de Troia non caería en poder dos gregos sen o concurso de Filoctetes e o seu arco. Finalmente, en Edipo en Colono o oráculo que se anuncia é logo retomado varias veces. Di Edipo:

El [Febo] cando anunciou todas aquelas desgrazas, faloume deste descanso ao cabo de moito tempo, ... e alí chegaría o termo da miña infausta vida.
Edipo en Colono, vv 86-92

En xeral, pódese observar que o papel dos oráculos representa en Sófocles, máis que unha forza que se sobrepoña á figura do heroe, un poder que require e necesita o propio carácter e personalidade do protagonista, ou sexa, segundo Guzmán Guerra, que "o oráculo non induce ao personaxe a actuar, senón que é a propia compulsión do heroe á acción a que dá pleno sentido á execución do oráculo emanado da divindade" [15]. Respecto da credibilidade que Sófocles outorga aos oráculos pódese dicir que é moi probable que, como tantas persoas relixiosas da súa época, lle dese credibilidade, aínda que o verdadeiramente importante é que a presenza de oráculos nas súas obras é debida a razóns literarias e dramáticas. De feito, non falta a crítica aos oráculos nos textos sofocleos. Así, tres veces fala Iocasta en Edipo rei contra a validez dos oráculos: "Ningún dos asuntos dos mortais está afectado pola arte adivinatoria" (vv. 709-710), "En materia de adivinación eu non podería dirixir a mirada nin a un lado nin a outro" (vv. 856-857) e "Escoita a este home e observa en qué quedaron os respectables oráculos do deus" (vv. 952-953).

Caracteres dramáticos

[editar | editar a fonte]

É un tópico entre os estudosos da obra de Sófocles afirmar que en boa medida o seu teatro é un teatro de caracteres. De feito, o título de todas as traxedias conservadas (salvo As Traquinias) corresponde co dos protagonistas correspondentes: Antígona, Edipo, Áiax. Cada unha destas figuras emerxe como un auténtico coloso e arquetipo humano.

En Edipo rei, a figura de Edipo é verdadeiramente singular. Encarna o problema da autoidentificación, que se expón nos termos dicotómicos do parecer/ser. Edipo desexa coñecer a verdade, custe o que custe, e na súa procura da verdade toparase con tres personaxes da súa contorna palaciana: Iocasta, a súa nai e esposa; Creonte, o seu cuñado, e o adiviño Tiresias. Diante de Iocasta, Edipo autoproclámase con, talvez, a mellor definición que ao longo do tempo coñeceu o noso personaxe: «Fillo da Fortuna» [16]. Diante o adiviño, Edipo móstrase confiado e autosuficiente, xa que pola súa propia intelixencia foi capaz de adiviñar o enigma da Esfinxe, e seguidamente promete diante dos seus súbditos, sen outro concurso que a súa mesma intelixencia, librar a súa cidade da peste que a arrasa. As relacións de Edipo e o cego adiviño Tiresias son ao principio de respecto, aínda que aos poucos se van cargando de desconfianza e de mutuo receo, para concluír nunha aberta acusación. Ante as reticencias de Tiresias a dar explicacións, Edipo conclúe que o adiviño foi cómplice do crime de Laio:

Has saber que me parece que ti axudaches a maquinar o crime, e leváchelo a cabo no que non foi darlle morte coas túas mans. E se puideses ver, eu diría incluso que este acto foi só obra túa.
Edipo rei, vv. 346-349.

Sófocles forza o enfrontamento entre os dous personaxes cada vez máis, ata o punto de que Tiresias chega a dicir a Edipo:

E posto que agora me aldraxaches de ser cego, dígoche: aínda que ti tes vista, non ves en que grao de desgraza estás, nin onde habitas, nin con quen convives.
Edipo rei, vv. 413-415

Con todo, a pasaxe que mellor representa a forza dramática do enfrontamento entre ambos os caracteres atópase pouco máis adiante:

E dígoche: ese home que andas buscando desde hai un tempo, con ameazas e con proclamas por cousa do asasinato de Laio, ese tal está aquí. Dise que é estranxeiro establecido aquí, pero logo sairá á luz que é de estirpe tebana, e non se alegrará de tal sorte. Cego, cando antes tiña vista, e pobre en lugar de rico, camiñará sobre terra estraña tenteando o camiño cun bastón. Será manifesto que el mesmo é, á vez, irmán e pai dos seus propios fillos, fillo e esposo da muller da que naceu, así como asasino do seu pai. Entra e reflexiona sobre todo isto. E se me pillas en mentira, di entón que xa non teño razón na arte adiviñatoria.
Edipo rei, vv. 450-463

Tamén a moza Electra é outro dos caracteres de Sófocles moi ben perfilado. A súa vida carece de sentido desde que o seu pai Agamenón caera asasinado pola súa nai Clitemnestra, e sobre todo porque día a día vai comprobando que a súa única esperanza (o regreso de Orestes, o seu irmán) se desvanece aos poucos.

Pero gran parte da miña vida foise quedando atrás sen que se cumpran as miñas esperanzas. E non aguanto máis; sen os meus pais consómome, sen que ningunha persoa amiga me protexa, senón que, coma se fose unha estranxeira indigna, administro a casa do meu pai. E así, cun vestido impropio, vago en torno a mesas baleiras.
Electra, vv. 185-192

Pero o trazo que mellor define o verdadeiro carácter da protagonista é a súa sede de vinganza, similar ao sentimento da honra que posúe Áiax ou á lealdade á súa familia de Antígona. A mesma Electra exclama:

Meu pai coñeceu a súa morte avergoñante polas mesmas dúas mans que se apropiaron da miña vida converténdome en cativa. Destruíronme, a eles o gran deus do Olimpo queira procurarlles o padecemento de penas vengadoras e oxalá non consigan gozar do triunfo tras cometer tales actos.
Electra, vv. 205-212

Unha das escenas máis famosas é a da anagnórese[17] ou escena de recoñecemento en que, por fin, ambos os irmáns se recoñecen tras o doloroso momento irónico en que o pedagogo narra o falso relato da morte de Orestes nunha carreira de carros:

Tras incineralo nunha pira, uns cidadáns de Focea designados para este fin traen nunha pequena urna de bronce o gran corpo feito triste cinza, para que obteña unha tumba na terra paterna.
Electra, vv 757-760

Á súa vez, Áiax é o mellor dos heroes que acudiron a Troia, logo de Aquiles, certamente, aínda que enlouquece ofuscado por Atenea. Sófocles dános o seu perfil nos seguintes versos Áiax:

Ves ao intrépido, ao animoso, ao que en destrutores combates non tremeu xamais? A min, terrible polas miñas mans, entre animais que non producen temor? Ai de min, motivo de mofa! Como fun aldraxado! ... E agora, que debo facer? Eu que son claramente aborrecible aos deuses, ao que o exército dos helenos odia, e Troia enteira, así como estas chairas, detestan... O nobre debe vivir con honra ou con honra morrer. Xa oíches todo o que teño que dicir.
Áiax, vv. 365-368, 457-459, 480-481

Pola súa banda, o Heracles da obra As Traquinias é un personaxe que aparece contraposto ao da súa esposa. Mentres Deianira se mostra como permanente namorada e admiradora do seu marido, Heracles parece non quererse máis que a si mesmo e as súas fazañas. Doutro lado, Deianira é unha persoa tímida e medorenta, dependente sempre de Heracles, a quen considera o mellor dos maridos posible:

Desde que fun unida a Heracles como esposa elixida, alimento sempre temor tras temor en constante preocupación por el.
As Traquinias, vv. 28-30

Hai tempo o centauro Neso deulle o seu propio sangue como se fose infalible elixir para o día en que o amor do seu marido fraquease. Entendendo Deianira que chegou o momento de recuperar o afecto de Heracles (pois este regresa a casa coa súa concubina Iole), envíalle a modo de agasallo unha túnica empapada co sangue do centauro. Deste xeito, desde a súa mellor vontade, Deianira provoca a morte involuntaria do seu querido esposo. A personalidade de Heracles, pola contra, é ben distinta. A súa vida foi unha continua aventura de esforzos e viaxes. Doutra parte, trátase dun heroe, pois a súa ascendencia é divina en canto que fillo do propio Zeus, aínda que outros trazos do seu carácter son menos positivos: cando novo, era pendenciero, violento, bébedo e larpeiro, raiando no grotesco.

Finalmente, Filoctetes é un personaxe elexíaco, ó que os gregos, instigados polo astuto Ulises abandonaran nunha illa ferido tras ser picado por unha cobra:

Estas cousas fixeron comigo, fillo, os Atridas e o violento Odiseo, a quen queiran os deuses olímpicos permitir que sufran algún día penas que sexan expiación ás miñas.
Filoctetes, vv. 313-316

Os diversos protagonistas do teatro de Sófocles son seres doentes, que por veces non teñen culpa do que lles acontece, senón que sofren polo simple feito de seren humanos; o heroe enfróntase co seu destino, xa preestablecido, e vese na compulsión de ter que actuar. Pero en Sófocles a dor ennobrece, e sobre todo insignia. Só se aprende sufrindo. É máis, este sufrimento do protagonista debe vivilo en soidade, é unha dor non compartida, fronte á que nada pode valer o consolo do amigo nin a comprensión da familia. É, en suma, unha dor intransferible; o heroe cae en desgraza individual (monoúmenos), non colectiva (como é frecuente en Esquilo), nun novo trazo do teatro sofocleo. Díxose -entre outros Lasso de la Vega- que a dor do heroe sofocleo é unha dor «sen saída». Non se trata dun sufrimento con expectativas nin esperanzas de liberación, como pode ser o sentimento doloroso dun cristián. O campo léxico que Sófocles utiliza para expresar este sentimento é riquísimo e de múltiplos matices. Desta dor sen escapatoria e sen transitividade deriva esoutro sentimento tan do heroe sofocleo como é a súa soidade. Áiax morre en soidade ao facérselle insoportable o menoscabo da súa honra: en soidade acaba a súa existencia, nunha soidade paradigmática; Edipo quedará na máis absoluta soidade no decisivo momento de recoñecer a súa identidade; Electra sofre soa días e noites esperando polo seu irmán; morre só Heracles, e só e abandonado nunha illa deserta malvive a súa dor o desgraciado Filoctetes. Finalmente, só desaparece Edipo en Edipo en Colono.

Un exemplo desa soidade encárnase en Filoctetes neste fragmento, cando explica a Neoptólemo o que lle pasara:

Oh, fillo, oh rapaz nacido do teu pai Aquiles. Eu son aquel de quen talvez oíches dicir que é o dono das armas de Heracles, Filoctetes, o fillo de Peante, a quen os dous xefes do exército grego e o rei dos cefalonios [Ulises] abandonaron de xeito vergonzoso, indefenso, consumido por cruel enfermidade, mordido pola sanguenta picadura dunha víbora matadora de homes. Meu fillo, aquí deixáronme só co meu mal e marcharon tras recalar neste lugar coa frota procedente da mariña Crisa. Axiña que viron que estaba dormido logo dun forte temporal, xunto á beira, nunha cova abovedada, ben contentos que marcharon e me abandonaron, deixándome, coma se fose un esmoleiro, tan só uns tristes farrapos e tamén algo de alimento. Mínima axuda que oxalá sexa a que eles gocen! ¿Imaxinas, fillo, cal foi o meu espertar do soño unha vez que aqueles xa marcharon? Cantas bágoas derramei, canto lamentei a miña desgraza...!
Filoctetes, vv. 260-278

A ironía tráxica: o conflito entre realidade e aparencia

[editar | editar a fonte]

O termo «resulta» difícil de definir, pero unha posibilidade é dicir dela que é aquela situación do discurso na que o sentido literal das palabras do que fala posúen para el un significado distinto, e case contrario, do sentido con que o entende o seu interlocutor ou o seu auditorio. A ironía verbal está próxima ao paradoxo fáctico.

No teatro de Sófocles atópase tanto a primeira como a segunda, e de feito a Sófocles considéraselle o auténtico mestre da ironía tráxica, pola que o home que parece alcanzar o cume da súa fama se precipita de inmediato nas máis míseras desgrazas físicas ou morais. Así, pódese considerar como o colmo do irónico/paradoxal que Edipo, que desde a súa honestidade intelectual parece vivir só para descubrir a verdade, sexa o último que se decata precisamente da gran verdade que xa todo o mundo coñece: que é el o asasino de seu pai, Laio, o amante de súa nai, Iocasta, e que é ao mesmo tempo pai e irmán de seus irmáns, e fillo e esposo de súa nai. Sabíao o adiviño Tiresias, sabíao o coro, sabíao súa nai. Por sabelo, sabíano ata os espectadores [18]; todos menos el, que noutras ocasións foi o mellor sabuxo que poida saír á caza da verdade.

Outro caso de situación irónica é a escena na que interveñen Edipo, o mensaxeiro chegado de Corinto e o antigo pastor á mantenta de como verbaliza cada un deles a identidade de quen sexa Edipo (Edipo Rei vv. 950-1072).

E igual de irónico resulta o caso de Electra, cando Orestes finxe que a urna que trae nas súas mans contén as súas propias cinzas. Como non ten que lle resultar a Electra o colmo da ironía que ela, que viviu toda a súa vida coa única esperanza de ver o día en que regrese Orestes, ve agora desconsolada que aparece un forasteiro que anuncia non a chegada do ansiado Orestes, senón as cinzas do seu cadáver nunha diminuta urna? Outro tanto sucede n´As Traquinias (vv. 610-614), cando Deianira está contribuíndo a destruír e aniquilar a quen tanto ansía conservar, a Heracles:

Pois así tiña eu prometido que, se algún día o vía entrar na casa san e salvo ou o sabía con toda certeza, habería de enfeitalo con este vestido e mostraríao aos deuses como novo sacerdote de sacrificios con nova investidura.

No seu conxunto, Edipo en Colono é unha peza onde se fai menor uso da ironía, como sucede tamén en Antígona.

A ironía de Sófocles, en conclusión, non é unha simple ironía retórica, senón unha ironía esencial, existencial.

Clásicos en Galego 22:
Áiax e Electra.

Serie de Edipo

[editar | editar a fonte]

Outras obras

[editar | editar a fonte]
  1. Batalla que enfrontou a gregos e persas no 480 a.C., coa vitoria dos primeiros.
  2. Aristófanes de Bizancio coñeceu 130 obras atribuidas a Sófocles pero consideraba apócrifas 17 delas.
  3. Chámase Pentecontecia ó período de cincuenta anos de prosperidade de Atenas sobre as outras polis gregas, que comprende desde a derrota dos persas na Segunda Guerra Médica (480-479 a.C.) ata o inicio da Guerra do Peloponeso (433 a.C.), que marca o comezo do declive ateniense.
  4. Dunha biografía anónima que acompaña a edición das súas obras", en Sófocles. Tragedias (tradución e notas de Assela Alamillo), Gredos 2021, pp. 97-98.
  5. Nas traxedias de Esquilo só participaban dous actores simultaneamente, ademais, por suposto, do coro.
  6. Nótese que tirano é a palabra grega equivalente a rei, sen o actual matiz despectivo.
  7. A hybris é un concepto grego que pode traducirse como «desmesura» e que alude a un orgullo ou confianza nun mesmo esaxerados, resultando a miúdo nun merecido castigo.
  8. Téñase presente que no teatro grego tódolos papeis estaban representados por homes, varóns, e que tan só había en escena, simultaneamente, dous ou tres actores, que debían caracterizarse dos diferentes personaxes da obra.
  9. Para os gregos, expoñer unha persoa significaba abandonala no monte para que morrera.
  10. Estas discrepancias no relato resultan habituais entre os diferentes autores clásicos.
  11. É a deusa Atenea, resentida contra Áiax porque este fixo de menos aos deuses e, concretamente, a ela mesma, rexeitando a súa axuda.
  12. A numeración dos versos, aquí e no sucesivo, tómase da edición das traxedias completas de Sófocles da editorial Gredos, 2021.
  13. Nesta cidade de Dodona, ó oeste de Grecia, existía un afamado santuario de Zeus que manifestaba os oráculos polo murmurio das follas das aciñeiras sagradas ou polo voo das pombas. As sacerdotisas eran chamadas pombas, que é como as denomina Sófocles.
  14. Apolo, no seu templo de Delfos.
  15. Introdución ao teatro grego, Antonio Guzmán Guerra, Alianza Editorial, Madrid, 2005.
  16. Pero eu, que me teño a min mesmo por fillo da Fortuna, a que dá con xenerosidade (Edipo rei, vv. 1080-1081).
  17. Momento no dous personaxes, separados polo paso do tempo e as circunstancias, reencóntranse e recoñçecense.
  18. A inmensa maioría das traxedias gregas desenvolvían momentos concretos de mitos coñecidos de abondo polos gregos, que sabían de seu a orixe, o desenvolvemento e o desenlace das sagas e dos personaxes.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
Traducións ao castelán
  • Tragedias: Áyax, Las Traquinias, Antígona, Edipo Rey, Electra, Filoctetes, Edipo en Colono, Tradución e notas de A. Alamillo Sanz. Introdución de J. S. Lasso de la Vega. Rev.: C. García Gual. Editorial Gredos. Madrid, 2021 (1ª edición, 4ª reimpresión). ISBN 978-84-249-0099-1.
  • Fragmentos, Intr., trad. y notas de J. M.ª Lucas de Dios. Rev.: F. Rodríguez Adrados. (1ª edición). Editorial Gredos. Madrid, 1983. ISBN 978-84-249-0892-8
  • Áyax, Las Traquinias, Antígona, Edipo Rey, introdución, tradución e notas de José Mª. Lucas de Dios. Alianza Editorial. Madrid, 2001.
  • Electra, Filoctetes y Edipo en Colono. Introdución, tradución e notas de Antonio Guzmán Guerra. Alianza Editorial. Madrid, 2001.
  • Tragedias. Vol. I. Edipo Rey, Edipo en Colono. Editorial Alma Mater (CSIC). 1984. Texto revisado e traducido por Ignacio Errandonea.
  • Tragedias. Vol. II. Antígona, Electra. Editorial Alma Mater (CSIC). 1991. Texto revisado e traducido por Ignacio Errandonea.
  • Tragedias. Vol. III, Ayante, Filoctetes y Las Traquinias. Editorial Alma Mater (CSIC). Texto revisado e traducido por Ignacio Errandonea.
  • Antígona, tradución de Genaro Godoy. (1ª edición). Editorial Universitaria. Santiago de Chile, 1968.
Ensaios e lecturas de divulgación
  • Arnott, P. An introduction to the Greek theatre. Nova York, 1965.
  • Arnott, P. Public and performance in Greek theatre. Londres, 1984.
  • Baldock, M. Greek tragedy. An introduction, Londres, 1992.
  • Bieber, M. The history of the Greek and Roman theatre. Princeton, 1962.
  • Díaz Regañón, J. M. Los trágicos griegos en España'. Valencia, 1956.
  • Díaz Tejera, A. Ayer y hoy de la tragedia. Ed. Alfar. Sevilla, 1989.
  • Dover, K. J. Aristophanic comedy. Londres, 1972.
  • Easterling. Knox (eds.). Historia de la literatura clásica de Cambridge. Gredos. Madrid, 1990.
  • Ghiron-Bistagne, E. Recherches sur les acteurs dans la Grèce ancienne. París, 1976.
  • Gil, Luis. "Comedia ática y sociedad ateniense". Estudios Clásicos, XVIII. 1974. Páxinas 61-82.
  • Gil, Luis. "Aristófanes". Gredos. Madrid, 1996.
  • Green, R.; Handley, E. Images of the Greek theatre, Londres, 1995.
  • Highet, G. La tradición clásica'. México, FCE, 1954.
  • Lasso de la Vega, J. "Realidad, idealidad y política en la comedia de Aristófanes". Cuadernos de Filología Clásica, IV, 1972, 9-89 (recollido no seu libro De Safo a Platón, Barcelona, Planeta, 1976. Páxinas 243-325).
  • Lasso de la Vega, J. Los temas griegos en el teatro francés contemporáneo. Universidad de Murcia. Murcia, 1981.
  • Lesky, A. La tragedia griega. Labor. Barcelona, 1966.
  • Lesky, A. Historia de la literatura griega. Gredos. Madrid, 1976.
The dramatic festivals of Athens, Oxford, 19882.
Dythiramb, tragedy and comedy, Oxford, 1962.
  • Rachet, G., La tragédie grecque, París, 1973.
  • Ragué i Arias, M. J., Lo que fue Troya. Los mitos griegos en el teatro español actual, Madrid, 1992.
  • Rodríguez Adrados, Francisco
Fiesta, comedia y tragedia, Barcelona, Planeta, 1972.
Teatro griego y teatro actual, Madrid, Alianza, 1999.
  • Romilly, J. de, La tragédie grecque, París, 19822.
  • Taplin, O., Greek tragedy in action, Berkeley - Los Ángeles, 1978.
  • Trendall, A. D. - Webster, T. B. L., Illustration to the Greek drama, Londres, 1971.
  • Vara, J., Origen de la tragedia griega, Cáceres, Universidad de Extremadura, 1996.
  • Walton, J. M., Greek theater practice, Londres, 1980.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]