Saltar ao contido

Shahnameh

Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Shahnameh (en persa: شاهنامه, Šāhnāme), tamén coñecido como Shahnama, Shahnameh, Shahname ou Shah-Nama, ademais de como "O Libro dos Reis" ou "A Épica dos Reis", é unha grande obra poética épica escrita polo poeta persa Ferdowsi entre os anos 977 e 1010. Trátase da epopea nacional do mundo de fala persa,[1] e conta a historia e mitoloxía de Irán dende a creación do mundo até a conquista de Irán polas forzas islámicas no século VII.

Cuns 50 000 dísticos ou versos de dúas liñas,[2] o Shahnameh é un dos poemas épicos máis longos.

Historia e características

[editar | editar a fonte]

Ademais da súa importancia literaria, o Shâhnameh, que foi escrito case na súa totalidade en persa, foi clave para revivir a lingua persa logo da influencia exercida polo árabe. Esta obra voluminosa, é considerada polos falantes de persa como unha obra mestra da literatura, que tamén recolle a historia de Irán, os seus valores culturais, as súas relixións ancestrais (zoroastrismo), e un sentido profundo de patria. Ferdowsi conclúe o Shâhnameh nun momento no cal a independencia nacional fora ameazada. Aínda que existen varios heroes e heroínas memorábeis de características clásicas nesta obra, o grande heroe é Irán.

Ibn al-Athir chamouna o "Corán Persa", a pesar de que este título non é de uso corrente entre os falantes de lingua persa, pero nalgunha medida ilustra a importancia que este libro representa para todos os falantes de lingua persa, incluíndo Afganistán e Taxiquistán, para outros falantes de persa de Asia Central, Paquistán e mesmo na China, na India, e para os iranianos que viven fóra do seu país desde a revolución de 1979.

Este libro é tamén importante para os 200 000 zoroastrianos que quedan no mundo, porque o Shâhnameh permite relacionar os comezos do zoroastrismo coa derrota do último rei zoroastriano a mans dos invasores árabes.

Shâhnameh.

Existe certa controversia entre con respecto ás fontes do Shahnameh. A épica de Ferdowsi probablemente está baseada nunha versión en prosa que podería proceder dun compendio de vellas historias persas, feitos históricos e lendas. Non obstante, hai unha forte pegada e influencia da literatura oral, o que se manifesta no estilo narrativo.

Algúns dos personaxes da épica son de orixe indo-iraniana, e existen referencias a eles en fontes tan antigas como o antigo Avesta ou mesmo no Rig Vedá hindú. O Shahnameh foi escrito en persa medio (Pahlavi), que nesa época estaba en remisión.[3]

O Shahnameh de Ferdowsi, un poema épico con máis de 60 000 pareados, baséase principalmente nunha obra en prosa do mesmo nome compilada polo poeta nos seus primeiros anos en Tus, a rexión da que era nativo. Este Shahnameh en prosa á súa vez era en gran medida unha tradución dunha obra en Pahlavi, unha compilación da historia dos reis e heroes de Persia desde tempos míticos até o reinado de Khosro II (590-628), pero tamén contén material adicional que continúa a historia coa caída dos Sasánidos a mans dos árabes a mediados do século VII. O primeiro en comezar a versificación desta crónica da Persia lendaria e preislámica foi Daqīqī-e Balkhī, un poeta da corte dos Samánidas, quen completou uns 1000 versos antes de falecer. Estes versos, que contiñan o xurdimento do profeta Zoroastro, foron posteriormente incorporados por Ferdousí, co debido recoñecemento, no seu propio poema.

O Shahnameh relata a historia de Persia, comezando coa creación do mundo e a introdución das artes da civilización (o lume, a cociña, a metalurxia, o dereito) aos Arios - pobos iranios e conclúe coa conquista de Persia polos árabes. A obra non é estritamente cronolóxica, aínda que existe un certo fluxo de acontecementos a través do tempo. Algúns dos personaxes viven por centos de anos (ao igual ca algúns dos personaxes da Biblia), pero a maioría viven vidas de duración normal. Hai moitos xas que aparecen e que se eclipsan, ao igual que heroes e viláns, que tamén transcorren polos relatos. As únicas imaxes que subsisten ao longo da obra son as do Grande Irán, e unha sucesión de amenceres e solpores, ningunha das cales é exactamente igual á outra, e que ilustra o paso do tempo.

O Pai Tempo, unha imaxe símil a Saturno, é un recordatorio da traxedia da morte e a perda, á que sucede un novo amencer, traendo consigo a esperanza dun novo día. No primeiro ciclo da creación, a maldade é externa (o demo). No segundo ciclo obsérvase o comezo do odio familiar, o mal comportamento, e a maldade penetrando a natureza humana. O fillo máis vello do Shāh Fereydūn sente avaricia e envexa cara ao seu irmán máis novo, que é inocente, e pensando que o seu pai o favorece a el, mátao. O fillo do príncipe asasinado vinga a morte do seu pai, e todos vense inmersos nun sanguento ciclo de morte e vinganza.

No terceiro ciclo preséntanse unha serie de shahs con debilidades. Hai unha historia como a de Fedra na mitoloxía grega do Shāh Kay Kāūs, a súa esposa Sūdāba, e a súa paixón e rexeitamento polo seu medio fillo, Sīyāvash.

No seguinte ciclo todos os personaxes son egoístas e malvados. Esta épica é a máis escura de todas as épicas, boa parte da cal posúe algún tipo de resolución e catarse. Este ton parecería ser reflexivo de dous temas: a conquista de Persia polos árabes, e os últimos días do zoroastrismo persa. A relixión antiga está pragada de herexías, e dalgún xeito a visión optimista de Zoroastro sobre a habilidade do home para elixir deulle as costas á vida e ao mundo. Aquí hai abundancia de mala sorte e destino malfadado.

A visión de Zoroastro sobre a condición humana maniféstase na caracterización das numerosas figuras da obra, tanto masculinas como femininas. Zoroastro destaca o libre albedrío dos humanos. Todos os personaxes de Ferdousí son complexos, pois ningún é un arquetipo ou un monicreque. Os mellores personaxes cometen erros, e os peores teñen momentos de humanidade.

Argumento

[editar | editar a fonte]

O Shahnameh é un gran monumento de poesía e historia, e é principalmente o relato poético do que Ferdowsi, os seus contemporáneos, e os seus predecesores consideraban a historia antiga de Irán. Moitos deses relatos xa existían en prosa, por exemplo o Shahnameh de Abu Mansur Abd-al-Razaq. Só unha pequena proporción da obra de Ferdowsi, en distintas seccións do Shahnameh, é completamente da súa autoría. Ademais das descricións detalladas de varias escenas e fenómenos, esta obra expresa as súas reflexións sobre a vida, as súas crenzas relixiosas e éticas e a súa admiración pola virtude, o seu eloxio aos seus patróns e as referencias que empregou. O resto da obra divídese en tres partes sucesivas: a "idade mítica", a "idade heroica" e a "idade histórica".

A idade mítica

[editar | editar a fonte]

Despois dun comezo de invocación a Deus e á Sabedoría, o Shahnameh brinda unha descrición da creación do mundo e do ser humano segundo as crenzas dos sasánidas. Esta introdución continúa coa historia do primeiro humano, Keyumars, que tamén foi o primeiro rei despois dun período en que deambulou pola montaña. O seu neto Hushang, fillo de Sīyāmak, descobre o lume por accidente e establece a festa de Sadeh na súa honra. Nesta sección preséntanse as historias de Tahmuras, Jamshid, Zahhāk, Kaveh, Fereydūn e os seus tres fillos Salm, Tur e Iraj, e o seu neto Manuchehr. Esta sección do Shahnameh é relativamente breve, cun total de 2100 versos, o que representa o catro por cento de toda a obra, e narra os sucesos coa simplicidade e mestría dunha obra histórica. Naturalmente, a forza e a beleza da poesía de Ferdowsi contribuíron en gran medida a realzar o relato deste período facéndoo atractivo e cheo de vida.

A idade heroica

[editar | editar a fonte]

Case dous terzos do Shahnameh están dedicados á "idade dos heroes", que abrangue dende o reinado de Manuchehr ata a conquista de Alexandre o Grande (Sekandar). A principal característica deste período é o destacado papel que desempeñan os heroes Sagzi (Saka) ou Sistānī que forman a columna vertebral do Imperio persa. Garshāsp é mencionado brevemente xunto co seu fillo Narimān; Sām (fillo deste último) é un paladín de Manuchehr durante o seu reinado en Sistān. Os seus sucesores foron os seus fillos Zāl e Rostam, os máis bravos entre os bravos, e despois Farāmarz.

O Shahnameh describe con mestría e precisión a sociedade feudal en que vivían con boato. En efecto, as descricíons dos mestres son tan vívidas que o lector se sente partícipe e observador achegado aos sucesos. O ton é épico e enérxico, mentres que a linguaxe é extremadamente rica e variada.

Entre as historias que se relatan nesta sección atópase o romance de Zal e Rudāba, as sete etapas (ou traballos) de Rostam, Rostam e Sohrāb, Sīyāvash e Sudāba, Rostam e Akvān Dīv, o romance de Bižan e Manīža, as guerras contra Afrāsīyāb, o relato de Daqiqi da historia de Goshtāsp e Arjāsp, e Rostam e Esfandyār.

Cómpre salientar que a lenda de Rostam e Sohrāb que se presenta no Shahnameh, comeza como é costume cun detallado preludio lírico. Aquí, Ferdowsi atópase no cumio do seu poder poético e amosa todo o seu potencial como un consumado mestre na arte de narrar historias. Os preto de mil versos desta traxedia conforman un dos contos máis emotivos da literatura mundial.

A idade histórica

[editar | editar a fonte]

Unha breve mención á dinastía arsácida de Partia segue á historia de Alexandre e precede á de Ardashir I, fundador da dinastía sasánida. Despois descríbese a historia sasánida con gran precisión. A caída dos sasánidas e a conquista de Irán polos árabes relátanse de xeito romántico e cunha linguaxe sumamente poética. Aquí, o lector pode facilmente ver a Ferdowsi en persoa lamentándose pola catástrofe, e sobre o que chama a chegada do "exército das tebras".

Segundo Ferdowsi, a edición final do Shahnameh contiña uns sesenta mil dísticos, mais isto é só un número aproximado; a maioría dos manuscritos confiables que chegaron ata a actualidade permitiron preservar uns cincuenta mil. Nezami-e Aruzi indica que a edición final do Shahname enviada á corte do sultán Mahmud de Ghazni foi armada en sete volumes.

A mensaxe do Shahnameh

[editar | editar a fonte]
Relevos en pedra do Shahnameh en Tus, onde Ferdowsi está soterrado.

O estilo de Ferdowsi é o dun poeta consumado. A súa linguaxe épica é rica, emotiva e suntuosa. Os trazos persoais que posúe o Shahnameh evitan que se converta nun árido relato de narrativas históricas. Ningunha historia foi lida en Irán con tanta avidez, crida con tanto convencemento e atesourada ardentemente como esta. É unha historia que influíu enormemente sobre os seus lectores. Ferdowsi triunfou onde tantos líderes militares e relixiosos fracasaran. De feito, Ferdowsi está seguro da inmortalidade e transcendencia da súa obra mestra e así o conta nos seus versos.

Ferdowsi non espera que o seu pase sobre os sucesos históricos de forma indiferente, senón que lle pide que considere os temas con coidado, para así comprender as causas do ascenso e da caída dos homes e as nacións e aprender do pasado para mellorar o presente e formular mellor o futuro.[4]

A mensaxe transmite o Shâhnameh é a idea de que a historia do imperio Sasánida era un todo inmutable e completo: comezou con Keyumars, o primeiro home, e rematou co seu sucesor número cincuenta, Yazdegerd III, seis mil anos de historia de Irán. A tarefa de Ferdowsi foi evitar que esta historia perdese a súa conexión coas futuras xeracións iranianas.

  1. Ashraf, Ahmad (30 de marzo de 2012). "Iranian Identity iii. Medieval Islamic Period". Encyclopædia Iranica. Consultado o 11 de decembro de 2018. 
  2. Lalani, Farah (13 de maio de 2010). "A thousand years of Firdawsi's Shahnama is celebrated". The Ismaili. Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2014. Consultado o 24 de maio de 2010. 
  3. Safa, Zabihollah (2000). Hamase-sarâ'i dar Iran, Tehran 1945. 
  4. Mutlaq, Jalal Khaleqi (1993). "Iran Garai dar Shahnameh" [Iran-centrism in the Shahnameh]. Hasti Magazine (Teherán: Bahman Publishers) 4. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Abolqasem Ferdowsi, Dick Davis trans. (2006), Shahnameh: The Persian Book of Kings ISBN 0-670-03485-1.
  • Davis, Dick, (translator), The Legend of Seyavash, (Penguin, 2001, Mage Publishers 2004)
  • Levy, Reuben (translator), The Epic of the Kings: Shah-Nama, the National Epic of Persia, (Mazda Publications, 1996)
  • Hassan Anvari, Ancient Iran's Geographical Position in Shah-Nameh (Iran Chamber Society, 2004). [1]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]