Tihama
Tipo | coastal plain (en) chaira | |||
---|---|---|---|---|
Situado na entidade xeográfica | Península de Arabia | |||
Localización | ||||
División administrativa | Al Hudaydah, Iemen (pt) | |||
| ||||
Bañado por | Mar Vermello | |||
Características | ||||
Altitude | 690 m | |||
Tihama é unha chaira costeira da península de Arabia que se acha xunto ao mar Vermello e esténdese entre o golfo de Aqaba e o estreito de Bab el-Mandeb, seguindo a costa de Arabia Saudita e o Iemen. Máis a miúdo, recibe este nome entre a cidade árabe de Yeda e o sur do Iemen.
Esta rexión, estreita e alongada, está formada por dunas e chairas áridas, con excepción dalgúns oasis. A costa é perigosa para os barcos, e os portos son escasos e espazados, sobre todo no norte. Está dividida en tres partes: a parte norte é coñecida como Tihama do Hiyaz as terras baixas entre o mar Vermello e as montañas do interior entre o golfo de Aqaba e a cidade de Yeda. O antigo reino de Hiyaz comprendía as cidades de Medina e A Meca. A parte central é coñecida como Tihama do Asir, introducida no século XX, pola provincia de Asir, ao suroeste de Arabia Saudita.[1] A parte sur denomínase Tihama do Iemen, entre Jizán e o estreito de Bab el-Mandeb. Algúns xeógrafos fana continuar cara ao leste, pois o sur do Iemen forma parte da mesma ecorexión de deserto costeiro nubrado da península árabe.
En 1997 foron descubertos restos arqueolóxicos en Tihama, ao oeste do Iemen, na localidade de al-Mutaynah, concretamente, cinco megalitos de granito de 20 toneladas, que se dataron entre o 1800 e 2400 a. C., ferramentas de cobre e obxectos de obsidiana como raspadores e coitelas que poderían formar parte dunha tardía era do bronce iemení.[2]
Flora
[editar | editar a fonte]A maior parte da chaira está formada por dunas e é moi calorosa e inhóspita. A maior parte ao norte de Zabid, no Iemen, está exenta de árbores. Porén, algúns lugares posúen unha densa matogueira composta case exclusivamente por Acacia ehrenbergiana, e pode asumirse que é a vexetación natural de Tihama. Hai parcelas de Salvadora persica, e vellas árbores de Balanites aegyptiaca, así como colonias de palmeiras salvaxes Hyphaene thebaica e plantacións de palmeira datileira Phoenix dactylifera[3]
Historia
[editar | editar a fonte]A poboación de Tihama, zaraniq, mostra a influencia do próximo Corno de África: unha parte importante ten entre os seus devanceiros a escravos africanos, as mulleres non levan veo e levan coloridos vestidos (no Iemen) e a casa tradicional é a choza redonda con tellado de palla.[4] A maioría son sunnitas.
En tempos históricos, a Tihama iemenita dependeu dos reinos de Najrán, Himyar e Aksum. Baixo a colonización turca, os guerreiros da tribo iemení dos zaraniq, pel escura, barba tinguida con henna, libraron feros combates contra os otománs.[5]
En 1928, as tribos zaraniq, pro-idrisíes, reveláronse contra o imán Yahya Ibn al-Husayn, rei do Iemen entre o 1926 e 1948, e reclamaron un estado independente coa cidade de Al Hudayda como capital.[6] O tratado de Taif, en 1934, sentenciou que o sur de Tihama pasaría a formar parte do Iemen. O acordo fronteirizo de Yedda, do ano 2000, ratificou que o Iemen concedía definitivamente as provincias de Asir, Najrán e Yizán a Arabia Saudita.[7]
En decembro de 1982, o terremoto de Dhamar de 1982, afectou a toda a rexión e deixou uns 3.000 mortos en Tihama.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Arabia", on Encyclopædia Britannica.
- ↑ "Yemeni Megaliths". Archaeological Institute of America.
- ↑ Hepper. "Were There Forests in the Yemen?". 9 (1979). JSTOR 41223217.
- ↑ Historical Dictionary of Yemen. The Scarecrow Press. 1995.
- ↑ "El increíble salto al camello de la tribu Zaraniq".
- ↑ Yemen: the Search for a Modern State (2016 ed.). Routledge.
- ↑ "Saudí-Yemeni Border: A Line in the Sand". Arquivado dende o orixinal o 15 de xaneiro de 2018. Consultado o 27 de febreiro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- André Gingrich, Johann Heiss, Josef Zötl, Tribale Gesellschaften der südwestlichen Regionen deas Königreiches Saudi Arabien: sozialanthropologische Untersuchungen, Verlag der Österreichischen Akademie der Wissenschaften, 2006 - 713 Seiten.