Saltar ao contido

Touca (alga)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Touca
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
(sen clasif.) Archaeplastida
Filo: Rhodophyta
Clase: Rhodophyceae
Orde: Bangiales
Familia: Bangiaceae
Xénero: Porphyra
Especie: Porphyra umbilicalis, Porphyra linearis, Porphyra purpurea, Porphyra tenera.

(L., J. C. Agardh, C.Agardh)

Touca no seu medio natural
A touca forma unha pel escura sobre as rochas na baixamar

Touca é o nome común dado ás macroalgas comestibles do xénero Porphyra, pertencentes á clase das algas vermellas ou Rodófitas. Medran na parte superior da zona intermareal, en rochas batidas polas ondas, sobre as que chegan a formar unha pel escura, brillante e estaladiza cando seca.

As follas marinadas e secas destas algas, prensadas ou esfareladas, son coñecidas co nome comercial Nori, procedente do xaponés.[1][2]

Características

[editar | editar a fonte]

Alga de aspecto xelatinoso, con talos irregularmente lobulados, de aspecto membranoso, cor castaña ou avermellada (aínda que desecada presenta un ton por veces amarelado). Os talos están constituídos por unha única camada de células, desenvolvéndose a partir dun pé central[3]. Aparecen na primavera, verán e outono.

A P. umbilicalis é unha alga de tonalidade violeta escura, e de pequeno tamaño (entre 15 e 30 cm. de diámetro). Ten forma de lámina moi fina e translúcida, e no seu centro ten un disco de fixación ás rochas en forma de embigo (de aí o nome umbilicalis). A P. linearis é unha especie similar pero máis longa e estreita. Nas rochas próximas ás praias aparece a P. purpurea, aínda máis grande e de cor case negra[1].

As Porphyra presentan no seu ciclo de vida unha alternancia de xeracións heteromórficas (a fase haploide é morfoloxicamente diferente da fase diploide). O talo (forma máis visíble da alga) corresponde á xeración haploide, que se pode reproducir asexuadamente a través da formación de esporas que crecen de xeito que replican o talo orixinal. Reprodúcense tamén de forma sexuada (por regra xeral na primavera), a través da formación de gametos masculinos e femininos en cada talo (cada talo produce só un tipo de gameto). Os gametos femininos son fertilizados aínda no talo polos gametos masculinos liberados (que non posúen modos de locomoción propios). A estrutura formada despois da fertilización, agora diploide, é denominada de carpogonio, que despois de mitoses sucesivas dá orixe aos carpósporos. Estes carpósporos en forma de cuncha asentan en substratos, xerminan e dan orixe a unha estrutura filamentosa (xeración diploide), morfoloxicamente diferente da estrutura talosa que caracteriza a fase haploide. Esta estrutura, no fin do verán comeza a formar o conchosporanxio, onde, a través de meioses, se forman os conchósporos que dan orixe á fase talosa, recomezando así o ciclo.

As diferenzas son tan grandes entre estas dúas fases que se pensaba que esta fase filamentosa correspondía a unha especie diferente de alga, cuxo nome científico era Conchocelis rosea. Actualmente é recoñecida como a fase diploide da Porphyra.[4][5]

Especie espallada por toda a bacía do Atlántico Norte, sendo común na costa noroeste europea, nos Azores, Bermudas e na costa leste do Canadá e os Estados Unidos de América, e aínda nas costas temperadas do Atlántico Sul e Alasca[6],.

Uso alimentario

[editar | editar a fonte]

Sendo algas comestibles son aproveitadas para alimentacion humana polas comunidades costeiras de diversas zonas do mundo, practicamente por todas as que teñen contacto con ela.

En Asia e no Pacífico

[editar | editar a fonte]

A especie Porphyra tenera é amplamente cultivada no Extremo Oriente para a obtención de follas secas comestibles, produto coñecido cos nomes de 海苔 (nori) en xaponés; 海苔 (hǎidài) en chinés; e 김, (kim ou gim) en coreano[2][7]

A palabra xaponesa nori na súa orixe quere dicir alga. Pero co tempo pasou a designar o produto comestible elaborado con ela. É unha das tres algas máis consumidas como alimento no mundo, xunto coa kombu e a wakame.

A preparación para o seu consumo é maioritariamente o marinado e secado, vendéndose en forma de láminas ou esfarelada.

As láminas úsanse na cociña xaponesa para enrolar arroz e vexetais para formar os coñecidos como rolos maki (maki sushi). Tamén se consome en ensalada.

En Europa

[editar | editar a fonte]

Nos países celtas úsase a touca ou nori atlántica para elaborar diversos pratos tradicionais. No País de Gales e Irlanda aínda hoxe se usa para facer pan de algas, ou laverbread [8][9]. Os mineiros de Gales son grandes consumidores, con 200 toneladas secas anuais [10]. Outra preparación en Escocia e Irlanda é cocida até que se torna tenra, rebózandoa entón con fariña de avea e fritíndoa en graxa de porco.

Nas Illas dos Azores é coñecida polo nome común de erva-patinha-castanha, e é utilizada para alimentación humana en xeral en pratos de arroz e en guisados de peixe, mais tamén en sopas, tortillas e croquetas[3].

A diferencz da xaponesa, a nori atlántica é polo momento unha alga silvestre. No Xapón cultívase desde o século XV, e practicamente toda a súa produción provén dos cultivos[10].

En Galicia, malia ter unha distribución irregular nas rías e costa aberta, é recollida e comercializada para o consumo humano por varias empresas produtoras[10][11][12].

Propiedades nutriticionais e de saúde

[editar | editar a fonte]

Ten acción antibacteriana, rebaixa os índices de colesterol e serve de bioindicadora nos estudos de contaminación[1].

Valores nutricionais típicos da Touca (Nori atlántico) (cantidades cada 100 g) [10].

Como é habitual nas algas, destaca o seu baixo contido en graxas, sendo ademais principalmente insaturadas, con ácidos graxos esenciais como o omega 3 e omega 6 que axudan á diminución do nivel de colesterol. Tamén axuda na prevención de carencias de minerais.[10].

A touca é excepcionalmente rica en pro-vitamina A, superando a todas as verduras e hortalizas, contén máis do triplo que a cenoura. Tamén acada altos valores no seu contido de vitamina B12[10].

  1. 1,0 1,1 1,2 Bárbara, I.; Cremades, J. (1993). Guía de las algas del litoral gallego. A Coruña: Concello da Coruña - Casa das Ciencias. (en castelán)
  2. 2,0 2,1 Abbott, Isabella (1986). Algae and human affairs. Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-32115-0. 
  3. 3,0 3,1 Ana Isabel Neto, Ian Tittley e Pedro Raposeiro, Flora Marinha do Litoral dos Açores. Horta: Secretaria Regional do Ambiente e do Mar, 2005 ISBN 972-99884-0-4). (en portugués)
  4. Brodie, J.A. and Irvine, L.M. 2003. Seaweeds of the British Isles. Volume 1 Part 3b. The Natural History Museum, London.ISBN 1-898298-87-4
  5. Thomas, D. 2002. Seaweeds. The Natural History Museum, London. ISBN 0-565-09175-1 (en inglés)
  6. Porphyra umbilicalis Kützing na AlgaeBase.
  7. Kain, J.M. (1991). Cultivation of attached seaweeds. in Guiry, M.D. and Blunden, G. 1992. Seaweed Resources in Europe: Uses and Potential.. John Wiley and Sons, Chichester. ISBN 0-471-92947-6.  (en inglés)
  8. Penclawdd produce laverbread Arquivado 21 de xullo de 2011 en Wayback Machine.(en inglés)
  9. Parsons pickles produce laverbread Arquivado 15 de setembro de 2021 en Wayback Machine.(en inglés)
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 Fernández Saa, C. (2002) Algas de Galicia. Alimento y Salud
  11. "Algamar en Redondela". Arquivado dende o orixinal o 09 de xullo de 2012. Consultado o 25 de xullo de 2011. 
  12. Porto-Muiños en Cerceda

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]