Traballo infantil
A explotación infantil refírese ó traballo de nenos en calquera sistema de produción económica dun país, unha rexión ou no mantemento económico dun grupo ou clan familiar. A explotación infantil é un feito que azouta en especial a países en vías de desenvolvemento, se ben tamén implica ós países industrializados.
Concepto
[editar | editar a fonte]Pódese falar estritamente de "explotación infantil" nos seguintes casos:
- Tódolos nenos e nenas menores de 12 anos que desempeñan calquera actividade económica de produción que afecta o seu desenvolvemento persoal ou o goce dos seus dereitos.
- Nenos e nenas en idades comprendidas entre os 12 e os 14 anos que realizan calquera traballo que implique un risco e sexa evidentemente perigoso.
- Todos aqueles menores de idade vítimas das peores formas de explotación infantil:
- Nenos e nenas vítimas do tráfico.
- Que sofren calquera forma de escravitude.
- Obrigados a prostituírse.
- Recrutados pola forza, obrigados ou inducidos a realizar actividades ilegais ou que ameazan a súa integridade.
É pertinente o uso do concepto "explotación infantil" en vez do xenérico de "traballo infantil" na medida en que existen formas de traballo nas que participan nenos, nenas e adolescentes e que non necesariamente implican formas de explotación ou abuso, como son os traballos formativos propios das culturas ancestrais ou o traballo de vacacións (temporal) de colexiais nas sociedades urbanas.
Causas
[editar | editar a fonte]As razóns son múltiples:
- Marxinación social e extrema pobreza: a familia en xeral carece das condicións necesarias de subsistencia e fai que os nenos traballen para manter a economía familiar. Esta situación só se pode resolver cunha decidida vontade estatal de desenvolver a nación e protexer á familia.
- Redes de explotación infantil: múltiples redes do crime organizado traballan en todo o planeta para usar ós nenos e nenas nos seus propósitos económicos, como a mendicidade e a prostitución.
- Conflitos armados: en situacións desastrosas de orde pública, os nenos e nenas son vítimas de todo tipo de abuso.
Cifras
[editar | editar a fonte]Os datos da UNICEF din que arredor de 246 millóns de nenos e nenas son obxecto de explotación infantil no planeta, e deles tres cuartas partes (171 millóns) o son en condicións ou situacións de perigo. Porén, segundo o estudo Protección infantil contra o abuso e a violencia: Explotación infantil de UNICEF, o 70 % dos nenos e nenas traballadores do mundo fano no sector da agricultura.
Por outra parte máis de 50 países recrutan menores de 18 anos e ármanos para a guerra (2006).
Erradicación do Traballo Infantil
[editar | editar a fonte]Estímase que en Latinoamérica preto do 70 % de nenos e nenas que traballan fano no sector rural. Se ben a agricultura, xa sexa familiar de subsistencia ou comercial, pode non ser unha actividade perigosa en si mesma, hai moitos nenos, nenas e adolescentes que traballan neste sector en situación de risco e en moitos casos de extrema explotación.
En determinadas condicións o traballo infantil na agricultura pode implicar explotación infantil, así como riscos físicos, debido á manipulación de herbicidas e pesticidas, ó uso de maquinaria pesada ou instrumentos punzo-cortantes, por adversidades climáticas e moitas veces por longas xornadas de traballo. Os nenos e nenas expóñense tamén á violencia nos lugares de traballo por parte dos adultos con consecuencias psicolóxicas como o abuso e o estrés ocasionado pola presión de cumprir con determinadas cotas de produción.
Todo isto leva a que moitos deles abandonen a escola ou deban combinar o estudo con longas xornadas no campo, o que afecta seriamente ó seu rendemento educativo e por tanto á súa formación.
A ONU e a erradicación do traballo infantil
[editar | editar a fonte]A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou en 2002 o 12 de xuño como o Día Mundial Contra o Traballo Infantil co obxectivo de concienciar ás persoas sobre a magnitude deste problema e potenciar a adopción de medidas para erradicalo [1] [2].
A eliminación do traballo infantil foi unha das prioridades das organizacións das Nacións Unidas desde os seus inicios, a fin de previr e combater a explotación infantil.
Desde os seus inicios a Organización Internacional do Traballo (OIT) das Nacións Unidas baseou a súa acción na estipulación da idade mínima de admisión ó emprego como criterio para definir e regulamentar o traballo infantil. Tamén promove un enfoque flexible, que permite ós países abordar progresivamente o problema a partir de estratexias orientadas ó fortalecemento das capacidades nacionais e á atención prioritaria de nenos, nenas e adolescentes vítimas das peores formas de traballo infantil.
Ademais en 1992 a OIT creou o Programa Internacional para a Erradicación do Traballo Infantil (IPEC, polas súas siglas en inglés), unha iniciativa de cooperación técnica dedicada exclusivamente a previr e combater o traballo de nenos e nenas.
Se ben nos ámbitos oficiais hai consenso en torno a estes obxectivos, existen voces discrepantes, como as dos movementos de nenos, nenas e adolescentes traballadores que cuestionan o enfoque de erradicación do traballo infantil, entre outras razóns porque non considera as características culturais de moitos pobos e nacións que integran o traballo infantil como unha estratexia pedagóxica e de socialización. Consideran que o enfoque oficial da ONU criminaliza a quen son vítimas de determinadas condicións sociais e se resiste a considerar a opinión dos que di favorecer, os nenos, nenas e adolescentes traballadores.
Por que non deben traballar os nenos
[editar | editar a fonte]- O traballo entorpece o libre desenvolvemento do neno e a nena: quítalle tempo ou entorpéceo/a no estudo.
- O traballo non permite ó menor ser un neno ou nena, quitándolle espazo e tempo para a diversión.
- O traballo atenta contra os dereitos fundamentais do neno.
- O traballo pode pór en risco a súa saúde mental e física, con labores que poden entorpecer o crecemento ou atrofiar o seu corpo.
- Os nenos non teñen aínda o criterio para tomar decisións, polo tanto, o neno ou nena que traballa están sempre obrigados a facelo, a non ser que os titores dos nenos consintan ou os obriguen a traballar a partir dos 16 anos.
Traballos perigosos
[editar | editar a fonte]Os "traballos perigosos" son actividades que poñen en perigo a vida e a saúde mental ou física do traballador. En cada nación deben existir lexislacións que garanten a protección do obreiro que realiza traballos perigosos. En calquera caso, estes non poden ser realizados por menores de idade baixo ningunha circunstancia. Algúns destes traballos perigosos son:
- Explotación mineira.
- Traballos que manipulan produtos químicos, como os pesticidas na actividade agraria.
- Manipulación de maquinaria pesada e perigosa como materiais corta-punzantes ou eléctricos.
- Traballo nas diferentes construcións de edificios.
- Traballos relacionados con accións bélicas de todo tipo.
- Traballos relacionados coa manipulación de armas.
Traballos sospeitosos
[editar | editar a fonte]Traballos que non teñen un risco para a vida, pero que constitúen un abuso dos dereitos do neno son aqueles que lle esixen traballar ocultos á luz pública, en situacións infrahumanas, en longas xornadas de traballo e pouca remuneración e que obstaculizan o normal desenvolvemento do seu crecemento. Entre eles están:
- Nenos e nenas que traballan no servizo doméstico.
- Nenos e nenas que traballan en plantacións.
- Nenos e nenas que atenden negocios como camareiros.
- Nenos e nenas que venden cousas nas rúas.
- Mendicidade infantil.
Traballos contra a dignidade humana
[editar | editar a fonte]Traballos que atentan contra o normal crecemento do neno ou nena e van en contra da súa dignidade e respecto persoal, converténdose ademais en abuso infantil:
- Prostitución.
- Pornografía infantil.
- Exhibicionismo.
- Uso militar de nenos.
A explotación infantil por rexións
[editar | editar a fonte]Se ben as cifras coinciden case sempre cos países en vías de desenvolvemento ou países pobres, os países industrializados están implicados neste drama debido a que en moitas ocasións adquiren produtos manipulados por nenos e nenas dos países en vías de desenvolvemento. Por outra parte a constante onda migratoria que chega ós países industrializados implica un alto número de menores de idade, e moitos deles acaban vivindo en ambientes marxinais nos países ricos, véndose obrigados a traballar para gañarse a vida. As rexións vistas en porcentaxe de nenos que traballan do total de menores de idade segundo o informe da UNICEF son:
- Asia e Oceanía: 19 %.
- África subsahariana: 29 %.
- Latinoamérica e As Antillas: 16 %.
- Oriente Medio e África setentrional: 15 %.
- Países industrializados: 2,5 millóns de nenos e nenas.
Normativa internacional
[editar | editar a fonte]Aínda que para moitas persoas parece claro que os nenos e nenas non deben traballar senón ir á escola, isto non reflicte a realidade da protección social que se dá á infancia no mundo. Os sistemas xudiciais de moitos países da terra son en xeral bastante indiferentes ante este drama, e as porcentaxes de nenos e nenas traballadores parece aumentar máis que diminuír. A Organización Internacional do Traballo fixou no seu Convenio número 138 que só os nenos e nenas maiores de 12 anos poden traballar, pero só en actividades que non "entorpezan a súa formación". Nalgúns países os rapaces de entre 12 e 18 anos deben ter un permiso asinado polos seus pais ou titores para traballar. Moitos países contemplan castigos xudiciais a empresas que contratan nenos e nenas, pero se ben estas son fáciles de controlar, as formas máis degradantes da explotación infantil están en mans do crime organizado e actividades ilícitas.
Prevención da explotación infantil
[editar | editar a fonte]A vontade política dos estados é a única forma de combater este mal global. Só se poderá evitar a explotación infantil denunciando a todo adulto que estea cometendo o delito de empregalos.
Ante todo os países industrializados deben comprometerse a non adquirir produtos manufacturados por nenos, pero deben comprometerse á vez en axudar ó desenvolvemento dos países pobres e en vías de desenvolvemento para que os nenos non sexan obrigados a traballar.
Filmografía
[editar | editar a fonte]- El corazón de la tierra, dirixida por Antonio Cuadri, narra unha das primeiras manifestacións que houbo en España en 1888 a consecuencia da explotación infantil nas minas de Río Tinto.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Traballo infantil |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Unicef Internacional Arquivado 11 de decembro de 2007 en Wayback Machine. (en castelán)
- Pequenos traballadores reportaxe da BBC (en castelán)
- Traballo infantil (en castelán)
- ↑ "Día Mundial contra el Trabajo Infantil. 12 de junio" (en castelán). Consultado o 2022-11-22.
- ↑ "Hoy, 12 de junio, se celebra o Día Mundial contra el Trabajo Infantil", en La Voz de Galicia 12.06.2019.