Saltar ao contido

Vacaloura

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Escornabois
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Coleoptera
Suborde: Polyphaga
Infraorde: Scarabaeiformia
Superfamilia: Scarabaeoidea
Familia: Lucanidae
Subfamilia: Lucaninae
Xénero: Lucanus
Especie: L. cervus
Nome binomial
Lucanus cervus
(Linnaeus, 1758)
Distribución das vacalouras en Europa. A cor sombreada indica as areas onde xa está extinta.
Distribución das vacalouras en Europa. A cor sombreada indica as areas onde xa está extinta.

Distribución das vacalouras en Europa. A cor sombreada indica as areas onde xa está extinta.
Escornabois ou vacaloura macho (Lucanus cervus).
Vacaloura, carouca ou escornabois femia (Lucanus cervus).

A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois[1] (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais.

A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos. As larvas desta especie teñen un apetito moi voraz: de tan só un gramo de peso, poden comer nun só día 22,5 centímetros cúbicos de madeira. As larvas alcanzan un tamaño cosiderábel, chegando incluso a 10 centímetros de longo.

Os adultos aliméntanse do zume das árbores e de zume de froitas maduras. A vida trala metamorfose é moito máis curta cá da larva: tan só de quince días a un mes. Poden voar, alcanzando velocidades de ata 6 km/h.

Existen diversas teorías sobre como se aparean, aínda que a máis probable é que os machos se agrupen en torno ás femias e as disputen en combates que poden chegar á morte dun dos contrincantes.

As femias poñen os ovos en fendas nas árbores, e estes eclosionan ao redor de dúas ou catro semanas despois de ser postos.

Este insecto é considerado o maior escaravello de Europa. O tamaño oscila entre 30 e 90 milímetros no caso dos machos e 28 e 45 milímetros nas femias.

A especie está en regresión debido á perda do seu hábitat e á caza, pois é un exemplar moi prezado.

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

Actualmente a vacaloura ou escornabois é un insecto protexido, xa que está en perigo de extinción[2].

[editar | editar a fonte]

Os cornos da vacaloura, por semellanza cos cornos dos animais domésticos ou os dentes cairos do porco ou do xabaril ou os esporóns dos galos, todos eles armas de defensa, son considerados en Galicia amuletos protectores e moi usados para protexerse contra as meigas e o mal de ollo [3]. Lévanse no peto ou pendurados sobre o peito, dentro dunha bolsiña; no caso dos meniños, un destes cornos atado no pulso protéxeos contra o enganido (raquitismo).

Non teño medo ós teus ditos
nin medo do teu meigallo
que ando cunha vacaloura
e catro dentes de allo.[4]

Usados con este fin protector coñécense tamén como licorno e alicorno. En Ponte Caldelas botan o corno nun cacharro con auga e poñen a parte enferma por riba deste: se se debe a un aire de animal inmundo, do corno botarán gurgullas subindo á superficie [5].

Botando un destes cornos na auga na que se amasa o pan, crese que leveda máis.[6].

O anel de alicorno é aquel que se fai engarzando un fragmento de corno de vacaloura. Crese que se se remexe coa man a comida dos porcos, coa anel posto, estes non enfermarán [7]. Este anel tamén protexe ó portador contra o mal de ollo e as enfermidades.

Se se lava a mordedela dunha cobra ou de calquera animal pezoñoso con auga na que se tivo unha vacaloura, destrúese a ponzoña e a ferida cura.

A auga de cocer flores e follas de sabugueiro, fiúncho e ruda cun corno da vacaloura obtense un feitizo de amor[8]:

Sabugueiro de folla repinicada...
collereiche un ramallo na madrugada...
Cocereiche con cornos de vacaloura
con fiuncho e con ruda dos arredores,
da ermida feituqueira da Virxen loura
pra facer un feitizo pros meus amores.

Crese tamén que as femias poden aforca-los pitos coas mandíbulas, de onde reciben o nome popular de escornapitos [9].

O entomólogo Luís Iglesias Iglesias ten unha detallada descrición das loitas entre os machos deste insecto, e conta como poden terminar coa morte dos dous contrincantes ante a indiferenza da femia[10].

O insecto é o protagonista da canción "Carmiña Vacaloura", composta por Maestro Reverendo para o programa infantil-xuvenil Xabarín Club da Televisión de Galicia.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Escornabois.
  2. Web de Adega
  3. RODRÍGUEZ LÓPEZ:140, 202; CURT; CAMBADOS:66; RISCO:82; LENCE-SANTAR:130).
  4. CABANILLAS.
  5. LIS QUIBÉN:38.
  6. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ: s. v. anel
  7. RODRÍGUEZ GONZÁLEZ: s. v. anel. Na voz alicornio, non obstante, defíneo como o cairo de xabaril cunha base de prata, utilizado como amuleto para curación milagreiras. Quizais de aí veña a denominación cruzada do corno da vacaloura como dente de alicornio.
  8. BOUZA BREY.
  9. CURT. Este autor comenta que tamén en Cataluña se cre o mesmo, o que explica os nomes cataláns de escachapullets ou aforcapolos.
  10. "Notas entomolóxicas: insectos de Galiza", en Nós nº 53, 15.05.1928, px. 91-92.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • BOUZA BREY, Fermín (1922): "Pra facer un feitizo" en Nós 12,25.08.1922; 10.
  • CABANILLAS, Ramón (1951): Antífona da Cantiga. Galaxia, Vigo.
  • Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
  • CURT MARTÍNEZ, José: Galicia viva: la fauna gallega y algo más.
  • LENCE-SANTAR, Eduardo (1941): Etnografía mindoniense. Ed. de Armando Requeixo. Follas Novas, Santiago de Compostela 2000.
  • LIS QUIBÉN, Víctor: La medicina popular en Galicia. Akal, Pontevedra, 1980 (1ª ed. 1949).
  • RISCO, Vicente (1961): "Apuntes sobre el mal de ojo en Galicia" en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares XVII, 1961, 66-92.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio (1958-1961): Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo I (1958), II (1960), III (1961).
  • RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús (1974): Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]