Saltar ao contido

Vodú

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O vodú[1] é unha relixión politeísta orixinaria do golfo de Benín e que se estendeu ao Caribe a través da trata de escravos.

Nado en Dahomey, saltou ao Caribe coa trata de escravos negros. Foi unha relixión perseguida, polo se recubriu do culto católico aos santos e así permaneceu durante séculos ao longo das diferentes etapas políticas de Haití. Non foi ata 1986 que foi legalizado pola Constitución[2].

Existe unha deidade suprema xemelga[3], Wamu-Lisa, pero non recibe culto. Quen o reciben son os lwa ou loa, xenios sobrenaturais (Legba, Ogu, Barón samdi, Ezili freda, Primo azaka, Mamá Brigitte etc.) que serven de intermediarios entre a parella suprema Wamu-lisa e a humanidade, tendo cada un deles unha "personalidade" diferente e múltiples modos de ser louvados (por cancións, bailes, símbolos rituais etc.). Non existe unha estrutura relixiosa homoxénea con dogmas e os sacerdotes vodú o ("ougan", homes; ou mabo, mulleres) teñen a función de pórse en contacto cos loas.

Os lwa ou loa aparecen reagrupados en familias chamadas "nacións", divididas en diversos ritos; cada rito distínguese por un cerimonial particular con saúdos, oracións, aclamacións, bailes, instrumentos musicais e certos animais para o sacrificio:

  • Rito Rada: espíritos de Dahomey considerados como lwa bos ou loas de Guinea, constituíndo o rito principal do vodú polo que as cerimonias de iniciación fanse de acordo con el.
  • Rito Petro: os loa deste rito proveñen da súa maioría dos escravos integrados na República Dominicana e son especialmente vengativos e usados en prácticas máxicas, chamadas loa amargos. A este rito que rexe o elemento do lume, pertencen Ogu Feray; igualmente pertencen outros loa Rada e Kongo no seu aspecto violento.
  • Rito Kongo: corresponde ós loa de orixe bantú, menos populares que os Rada e que son recoñecidos polo sacrificio canino e pola exuberancia dos sacrificios.

A clasificación dos loa nos ritos non é moi estrita e hai ritos secundarios que se asocian aos xenios doutro rito; de aí que non todos os loa teñan a mesma importancia. Existe unha xerarquía, un lwa considerado como xefe: Legba, ou Papá Legba (coñecido en Cuba como Elegba' ou Ogu e en Brasil Eshu), abrindo o camiño dos lwa aos humanos. Situado xerarquicamente despois de Legba aparece Ogu o vermello, seguido de Barón samedi.

Existe tamén un culto aos defuntos (a quen teñen que coidar pola paz dos vivos así como servir de conselleiros e dar coñecementos sobre plantas ou conceder riqueza) e aos xemelgos, que teñen gran poder pola súa identificación co deus andróxino Mawu-Lisa.

Prácticas

[editar | editar a fonte]

Fanse reunións nos templos onde se levan a cabo cerimonias de contactos cos loa para poder seren protexidos por eles. Ofrécense sacrificios cruentos e báilase ao ritmo dos tambores sagrados; neste bailes as persoas que entran en transo dise que son "cabalgados" por un loa e isto é signo do éxito da cerimonia.

Sen a protección dos loa o home atópase a mercé de varias forzas espirituais que lle poden facer dano.

Arte vodú

[editar | editar a fonte]

O vodú comezou a expresarse coa arte a través da danza, a literatura (mitoloxías) e a pintura haitiana. En 1906 Antoine Innocent úsao de modo positivo nunha novela (Mimola) e nos anos 50 Jacques Stephen Alexis no seu libro Les arbres musicians evoca unha atmosfera de misterio. En 1988 René Depestre obtivo o premio Renaudot con Hadriana de tous mes rêves.

Nas pinturas relixiosas vodú tiveron unha grande influencia as cromolitografías católicas na elección de cores, tonalidades e harmonía das cores, pero os vèvè (símbolos dos loa feitos con fariña ou borra do café) son elementos básicos do vudú e parecen ter unha acción máis determinante na pintura haitiana. Na liturxia vodú cada cor representa un loa (Legba o vermello, Zaka o azul, Barón Samedi o negro e o violeta, Dambala o branco etc.) á parte de ter un significado propio e a pintura sofre esa influencia. Por outra banda as liñas teñen un valor cósmico: a horizontal é a materia, a cruz o encontro do espírito e a materia signo de Legba e Xesús e a circunferencia símbolo de Dambala e do home que se converte no centro de todo.

Nas chamadas artes aplicadas, fanse figuras dos loa a partir de metais recortados con siluetas, así como a decoración dos templos (oufó) con pinturas de vèvè e de santos católicos (que en realidade son loas), así como os motivos xeométricos que inzan toda a superficie dos poteau-mitan.

  • Asson: marca da sacerdotisa (manbo) ou sacerdote (ougan) feita dunha cabaza oca con sementes e vértebras de cobra dentro.
  • Bòkò: outro dos nomes dos sacerdotes vodú.
  • Dessounen: ritos de desligamento do iniciado do seu loa protector unha vez morto o crente.
  • Govi: cántaro que contén espíritos.
  • Gwo-bon anj ou Grande Anxo Bo: unha das dúas "almas" dunha persoa.
  • Lwa ou Loa: espírito do culto vodú.
  • Loa rasin: espírito familiar.
  • Manjé-Iwa: cerimonia do vodú na que se fan ofrendas de comida e bebida ós espíritos.
  • Oufò: templo vodú.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para vodú.
  2. "Vodoo and politics in Haití" Laguerre M.S. MAcmillan Press,1989.
  3. "Le vaudou" Laënnec Hurbon, ed Gallimard 1994 París.