Banquete de Conxo

banquete organizado en 1856 polos estudantes liberais en homenaxe ao "terceiro estado"

O Banquete de Conxo, tamén coñecido como Banquete Democrático de Conxo, tivo lugar o 2 de marzo de 1856 na carballeira do antigo mosteiro do concello de Conxo, integrado dende 1925 no concello de Santiago de Compostela. O banquete foi organizado polos estudantes liberais en homenaxe ao terceiro estado, e constituíu un xesto de irmandade entre a clase traballadora e os estudantes.

Mosaico conmemorativo no clareiro onde tivo lugar o Banquete de Conxo.

Características

editar

Coincidindo co décimo aniversario dos Mártires de Carral (a sublevación de militares galegos contra o ditador Narváez que acabou co fusilamento de todos eles),[1] os organizadores do banquete buscaban promover unha xuntanza interclasista na que estivesen presentes estudantes e artesáns.[2] O acto suscitou o enfado dos sectores máis poderosos da Compostela da época.[3] Funcionou como un atentado contra o esquema social tradicional preconcibido, de modo que estudantes (de clases podentes, a maioría) e artesáns compartiron pan e mesa.

Organizado entre outros por Luís Rodríguez Seoane (que daquela tiña 19 anos de idade), sábese que ao banquete asistiron Aurelio Aguirre (22 anos) e Eduardo Pondal (21 anos). Alí recitaron, os tres, uns versos en castelán da súa autoría.[4] O brinde de Pondal foi publicado por La Oliva 24 días despois do banquete, o día 26 de marzo,[5] e de novo tralo seu pasamento, en 1917, no Boletín de la Real Academia Gallega.[6]

Orde e fraternidade. A historia do Banquete de Conxo en Nós Televisión.

O Banquete de Conxo converteuse nun acontecemento de grande importancia simbólica e real dentro da historia de Galicia, transformándose nunha parte significativa da memoria colectiva. De aquí xurdiu a xeración que logo promoveu o Rexurdimento pleno da cultura galega.[7].

Aínda se especula se a poeta galega máis recoñecida, Rosalía de Castro, que nesa altura tiña 19 anos, estivo presente ou non, ao ser natural da vila e emigrar a Madrid cando comezaron as represalias contra os participantes do mesmo.[8]

 
Ensaio de actores para obra conmemorativa do banquete.

No século XXI

editar

En Santiago de Compostela o nome dunha rúa conmemora o evento: rúa do Banquete de Conxo.

En 2021 o grupo musical Verto incluíu un debuxo alegórico do banquete na portada do seu álbum Embora, deseñada por Mundo X.[9]

No 2022 o carballo do bosque do banquete de Conxo participou na competición Árbore europea do ano.[10]

 
Bosque de Conxo

Dilixencias contra a Xunta pola destrución do bosque

editar

En 2024 un xulgado de Compostela e a Fiscalía Europea instruíron dilixencias penais contra a Xunta de Galicia por obras que ameazan o bosque do Banquete e a ribeira do Sar, zona Patrimonio Mundial da UNESCO. A Xunta foi acusada de incumprir os principios de boa xestión financeira dos fondos europeos, de prevaricación administrativa e delitos contra o patrimonio histórico-artístico polas obras que afectan o contorno do mosteiro de Conxo, declarado BIC.[11] Ecoloxistas en Acción e Conxo Aberto solicitaron a paralización cautelar para evitar danos maiores.[11]

Galería de imaxes

editar
 
Brinde de Luís Rodríguez Seoane.[4]
 
Brinde de Pondal.[12]
 
Brinde de Aguirre.[13]
  1. Parque Fluvial de Santiago Arquivado 20 de setembro de 2020 en Wayback Machine. Concello de Santiago de Compostela.
  2. "Banquete de Conxo". Diccionario enciclopédico galego universal 7. La Voz de Galicia. 2003-2004. p. 108. ISBN 84-7680-429-6. 
  3. Rey, Raquel (30/03/2009). "Revivimos o Banquete de Conxo". A Nosa Terra. Archived from the original on 02/04/2009. Consultado o 12/4/10. 
  4. 4,0 4,1 Gacía, Monse (5/1/2017). "Hallan el «brindis» que faltaba del Banquete de Conxo de 1856". La Voz de Galicia (Santiago de Compostela). Consultado o 5/3/2017. 
  5. "Brindis. Pronunciado en el célebre banquete que tuvo lugar en Santiago entre estudiantes y artesanos" La Oliva. A. I, n.º 16. 26/3/1856 (en castelán).
  6. Pondal, E. (1917). "Brindis pronunciado en el banquete democrático de Conjo en 6 de Marzo de 1856". Boletín de la Real Academia Gallega (en castelán) (116): 204–205. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2018. Consultado o 05 de agosto de 2020. 
  7. "Os últimos carballos do Banquete de Conxo" Arquivado 07 de agosto de 2020 en Wayback Machine.. Alvarellos Editora
  8. Rosalia de Castro (1837 - 1885) Biografía na Biblioteca Virtual Galega.
  9. Rocktotal.com 18/4/2021 (en castelán).
  10. "European Tree of the Year – Oak of Conxo's Banquet Forest". www.treeoftheyear.org. Arquivado dende o orixinal o 19 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-02-19. 
  11. 11,0 11,1 "Abren dilixencias penais contra a Xunta da Galiza pola destrución do bosque do Banquete de Conxo". Nós Diario. 2024-11-11. Consultado o 2024-11-12. 
  12. "Brinde de Pondal no Banquete de Conxo". Real Academia Galega. 6/3/13.
  13. "Localizan en el Museo de Pontevedra un manuscrito inédito con 50 poemas de Aurelio Aguirre" Pontevedra Viva, 24/4/2013.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar