Saltar ao contido

Marín

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Revisión feita o 27 de febreiro de 2017 ás 15:04 por Prevert (conversa | contribucións) (Demografía: corrixo problema de visualización en Modelo:Hab info)
Marín
Logo de Marín
Bandeira de Marín
Escudo de Marín
Casa do concello.
Situación
Xentilicio[1]marinense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Pontevedra
ComarcaComarca do Morrazo
Poboación25.359 hab. (2014)[2][3]
Área36,7 km²[3]
Densidade690,98 hab./km²
Entidades de poboación75[4]
Capital do concelloMarín
Política (2015)
AlcaldesaMaría Pilar Ramallo Vázquez (PPdeG)
ConcelleirosBNG: 3
PPdeG: 11
PSdeG-PSOE: 4
Outros: MVM-SON 3
Eleccións municipais en Marín
Uso do galego[5] (2011)
Galegofalantes23,14%
Na rede
http://www.concellodemarin.es
editar datos en Wikidata ]
Plano da vila de Marín.

Marín é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente xeografica e administrativamente á comarca do Morrazo, pero integrado socioeconomicamente na zona urbana de Pontevedra. Segundo o IGE en 2014 tiña 25.359 habitantes. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «marinense».

Xeografía

O municipio de Marín ten unha superficie de 36,7 km², inferior á media dos concellos de Galicia (que é de 93,57²) e dos da provincia de Pontevedra (que é de 71,57 km²), pero a súa situación entre o mar e a montaña proporciona un gran contraste e variedade de paisaxes. Conta con 8 quilómetros de costa, que forman parte da marxe sur da ría de Pontevedra.

Marín está situado na península do Morrazo, na marxe meridional da ría de Pontevedra, a 7 km de Pontevedra e 27 de Vigo. Linda ao norte coa ría de Pontevedra, ao leste co concello de Pontevedra, ao sur cos de Vilaboa e Moaña e ao oeste co concello de Bueu.

As alturas maiores do concello están no leste, o monte Xaxán (600 m) e Cotorredondo (500 m). A partir delas, o relevo descende en pendente cara a costa, na que alternan os acantilados e as praias, debido á alternancia de faixas de xistos e granitos. A illa de Tambo está situada a pouco máis dun quilómetro do porto e é de propiedade pública desde hai pouco, xa que antes pertencía á Armada Española. Con todo, a súa xurisdición correspóndelle ao concello de Poio.

Hidrografía

Marín conta co río Lameira, que atravesa soterrado parte do casco urbano, e co Loira, desembocando ambos os dous na ría de Pontevedra.

Praias

No litoral do concello de Marín hai gran cantidade de praias, das cales tres contaron con bandeira azul no ano 2015: Portocelo, Mogor, Aguete, ademais de Lapamán, que comparte co concello de Bueu.[6]

A praia de Portocelo é a máis oriental e a que conta con mellores servizos, como duchas, restaurante e vixilancia. Malia ser inclinada de máis, é acolledora e dista pouco do núcleo urbano, ao redor dun quilómetro, o que favorece a marcha a pé dos bañistas. Entre a praia e o núcleo está a Escola Naval, e entre ambas as dúas existe un eucaliptal de bastantes anos, que xa aparece na película Botón de Ancla.

A praia de Mogor atópase a uns 600 metros da anterior. Ten uns 400 metros de lonxitude e tamén conta con servizos de duchas, vixilancia e restaurante. Nas súas proximidades están os famosos petróglifos de Mogor, que contan cun centro de interpretación dende verán de 2015[7].

A praia de Aguete está a pouco máis de 4 quilómetros do centro da vila e é a máis grande de todo o concello, cuns 900 metros de lonxitude. Ten tamén servizos de ducha e vixilancia, e conta con varios restaurantes e bases nas súas inmediacións. No seu extremo máis occidental sitúase o porto deportivo do Real Club de Mar de Aguete, na punta Chirleu, onde se realizan diversas probas de vela ao longo do ano.

A seguinte trátase da praia de Loira, a uns 600 metros de Aguete e situada na desembocadura do río do mesmo nome.

Clima

A temperatura media anual é de 14,4 °C, e oscila entre os 9,3 °C en xaneiro e os 19,8 °C en xullo. Só tres meses ao ano (decembro, xaneiro e febreiro) teñen unha temperatura media inferior a 10 °C. Chove bastante (1.800 mm), especialmente a finais de outono e inverno. En xuño descenden bruscamente as precipitacións e son febles durante os tres meses de verán para volver aumentar en setembro. Disto derívase un clima suave, que permite a presenza de árbores tipicamente mediterráneas coma a laranxeira, o limoeiro, kiwi etc.

Demografía

  • 2005: 26.103 persoas segundo o Padrón (1 de xaneiro de 2005)
  • 2003: 24.825 persoas segundo o Padrón municipal de habitantes.
  • 2014: 25.329 persoas segundo o Padrón municipal de habitantes.
Censo total 2014 25.329 habitantes
Menores de 15 anos 3.777 (14,9 %)
Entre 15 e 64 anos 16.796 (66,3 %)
Maiores de 65 anos 4.756 (18,8 %)
Evolución da poboación de Marín   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
9.228 13.194 17.592 22.647 25.706 25.969 25.864 25329
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

A poboación está fortemente concentrada, para o que adoita ser habitual en Galicia, no núcleo urbano que conta con case 17.000 veciños. A poboación estranxeira, que en 2014 era de 1.048, procede na súa maior parte de América do Sur (37,05 %) e África (35,10 %), especialmente marroquinos, seguido moi de lonxe pola Unión Europea (14,07 %) e Asia (8,36 %).

Demografía Idade media Homes Mulleres menor de 15 anos entre 15 e 64 anos 65 ou máis anos
ano 2014 42,2 anos 40,8 43,7 14,9 % 66,3 % 18,8 %

Economía

Porto de Marín: Pantaláns novos de baixura.

O porto de Marín é o terceiro peirao pesqueiro e de tráfico de contedores galego, aínda que a pesca é a su actividade económica principal. O seu porto pesqueiro conta con importantes plantas conxeladoras e unha considerable frota de altura, sendo o porto máis importante tanto a nivel rexional (o primeiro de Galicia en capturas, por diante do porto de Vigo e tamén do da Coruña) como a nivel nacional, cun tráfico de 2 millóns de toneladas no ano 2002, especialmente importante no desembarco de pescada, ollomol e xurelo[Cómpre referencia].

Poboación ocupada por sectores e sexo (IGE, 2001)

  Total Agricultura,
gandería,
caza e
silvicultura
Pesca Industria Construción Servizos
Homes 6109 50 1492 930 908 2729
Mulleres 3309 34 103 256 53 2863

A maior parte das empresas sitúase no sector servizos (en concreto no apartado de Comercio, reparación de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores e artigos persoais e de uso doméstico). O sector da construción tamén engloba un volume relevante, e finalmente, a industria só é manufactureira.

Desde o punto de vista formativo, o nivel dos traballadores ou persoas en idade de facelo é baixo ou medio baixo, é dicir que unha porcentaxe importante da poboación, o 58,5 %, ou ben non rematou os seus estudos elementais ou ben só posúe estes estudos. Un 2,2 % que non sabe ler nin escribir e un 12,2% só iniciou os seus estudos, para abandonalos a idade moi temperá.

Historia e cultura

Petróglifos de Mogor

Os primeiros restos evidentes de asentamentos humanos son os megálitos neolíticos, moitos deles situados en torno á Lagoa de Castiñeiras. Posteriormente, da idade do bronce destacan os abundantes conxuntos de petróglifos, sendo excepcional o conxunto de Mogor, un dos primeiros coñecidos da Galiza e un dos máis famosos con moita diferenza: esta estación rupestre está formada por varios grupos de gravados, entre eles algúns dos escasos labirintos atopados na Galiza.

Castro da Subidá

Da cultura castrexa consérvanse varios castros. Entre eles o máis importante é o castro da Subidá, entre o alto da Porteliña, as Sete Espadas e Cidrás. Foi parcialmente escavado e algúns dos seus restos metálicos pódense ver nas vitrinas do Museo de Pontevedra. Ademais deste destacan tamén o Castelo de Ardán, o Castro de Pidreiras, en Campo, e o Castelo do Barbudo, en Macenlle.

Marín chamouse antigamente San Xiao de Ancorados por ancoraren alí os barcos de liña. O padre Sarmiento di que o seu nome ten que ver coa palabra latina para mar, mare.

No século XII dona Urraca concedeulle o reguengo propiedade de Diogo Arias Deza. Á morte deste, pasou a ser propiedade do mosteiro de Oseira en 1151. No Antigo Réxime as parroquias de Ardán, O Campo e Piñeiro pertencían a Cangas. E por breve espazo de tempo Piñeiro constituíse en concello propio en torno a 1822. Desde Marín houbo sempre unha forte emigración cara a América, especialmente nos séculos XVI e XVII, que non cesou até o XX.

Marín estivo sempre á sombra de Pontevedra, se ben a partir do século XVII cobrou maior importancia o seu porto, xa que o de Pontevedra quedou cegado, sen calado útil para o tráfico portuario.

A vila foi ocupada polas tropas napoleónicas durante a Guerra de Independencia española. O 4 de abril de 1809, as Alarmas do Morrazo, lideradas por J. Antonio Gago de Mendoza y Freire, asaltaron o forte de San Fernando e renderon a gornición francesa. Nesas datas, estiveron fondeadas no porto as fragatas inglesas Venus e Libeli que facilitaron armas e municións ós sublevados.

  • A Marín non vou/ que durmín no chan, levántanse os homes a seis da mañán./ A Sanxenxo si/ que durmín na cama,/ levántanse os homes cando lles da a gana.
  • Eu pidíralle unha rosa/ a unha nena de Marín,/ púxose tan colorada/ que a pedirlla non volvín.
  • Xa fun a Marín,/ xa pasei o mar,/ xa comín laranxas/ do teu laranxal [8].
Mapa de Marín.

Singularidade relixiosa

Durante o século XIX intensificáronse as relacións comerciais con Inglaterra, froito do cal chegaron misioneiros protestantes, destacando a Thomas Blamire, co que o concello se converteu nun foco de expansión protestante nas rías Baixas.

Na actualidade, a congregación evanxélica é das máis numerosas de España,[Cómpre referencia] e tamén é o concello con maior porcentaxe de habitantes afíns a esa confesión (o 10 %, segundo fontes da mesma Igrexa Evanxélica de Marín). A súa maior congregación en canto a número de fieis reúnese no centro da poboación, nun edificio de gran aprecio arquitectónico polo seu estilo catalán decimonónico, e por ser centenario (inaugurado o 31 de decembro de 1899). Outras congregacións a mencionar son a Igrexa Evanxélica de Seixo, que se reúne noutro edificio centenario en Seixo, e outra congregación de corte pentecostal no centro de Marín.

Cultura

A imaxe de Marín, capital da cigala, está asociada á papeleira de ENCE (aínda que estas instalacións industriais atópanse dentro do concello de Pontevedra) e á Escola Naval Militar, creada en 1943 e que ocupa a parte central do núcleo urbano cunhas instalacións de 241.000 m². Son tradicións relevantes a danza das espadas.

Festas

En Marín celébranse moitos eventos culturais, e os máis importantes son:

As Festas do Carme (16 de xullo), que é o evento máis importante da vila coa celebración de numerosos actos ao longo dos 10 días que dura a festividade.

A Festa de San Miguel (29 de setembro), nela celébrase a "Danza das espadas", na que os mareantes da vila percorren as súas rúas marcando os pasos coa música das gaitas, unidos uns a outros polo que denomínanse as "espadas".

A festa da Sidra e da mazá en Santo Tomé de Piñeiro, onde os produtos desta terra son a base da festa, que conserva este produto típico da zona mediante a celebración que xunta a todos os veciños e veciñas da parroquia co fin de degustar varios pratos que fan coas mazás.

O Entroido, onde todos os marinenses e demais visitantes bótanse á rúa cos seus disfraces a celebrar o entroido. Conta con moitas actuacións nas súas rúas ademais de desfiles e concursos. Destaca como día grande deste Entroido, o chamado "Enterro da sardiña", onde disfrazados cos seus traxes de loito e cunha grande tristura despídense do cadáver da sardiña. Tamén son importantes nestas festas as charangas, que compoñen cancións de temas de actualidade.

Política e goberno

Dende maio de 2011, o concello é gobernado por María Pilar Ramallo Vázquez (PPdeG) con maioría abosoluta, a máis holgada da historia da democracia neste concello. Anteriormente o alcalde era Francisco Veiga Soto (PSdG - PSOE) en alianza co BNG.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes de Marín.

Parroquias

Parroquias de Marín
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Marín

Ardán (Santa María) | O Campo (Santa María) | Marín (San Xián) | Marín (Santa María do Porto) | Mogor (San Xurxo) | San Tomé de Piñeiro (San Tomé) | Seixo (Nosa Señora do Carme)

Lugares de Marín

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Marín vexa: Lugares de Marín.

Notas

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Marín".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  6. ADEAC (ed.). "Relación de praias galardoadas coa bandeira azul en 2014" (PDF). Consultado o 8 de marzo de 2015. 
  7. La Voz de Galicia (ed.). "El Centro de Interpretación de Mogor abrirá sus puertas en verano y para citas en invierno". Consultado o 8 de marzo de 2015. 
  8. Fermín Bouza-Brey: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II], px. 176.

Véxase tamén

Bibliografía