Saltar ao contido

Novembro na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.

O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de novembro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Hai varias denominacións populares do mes de novembro. Moi común é a de San Martiño (ou mes de San Martiño). Por celebrarse neste mes o día de defuntos, recibe os nomes de mes dos mortos ou, simplemente, mes morto [1]; tamén mes das ánimas. E, por caer neste mes o día de Santo André, tamén recibe o nome de mes de San Andrés ou, simplemente, San Andrés [2].

Tan identificado está novembro coas castañas que no Incio e en Quiroga chaman Castañal ó propio mes [3].

O día 1, día de Tódolos Santos, tamén serve para darlle nome: Santos ou mes de Santos.

Acontecementos

Os acontecementos máis característicos deste mes son a mata do porco e o magosto, que se celebran a partir do 11 de novembro, san Martiño.

Outra data significativa é o día de defuntos, 2 de novembro, no que se visitan os cemiterios para levar flores ós familiares falecidos. En Tui tiñan o costume de botar un gran troncoo ó lume na noite de defuntos para que as ánimas dos devanceiros mortos puidesen vir quentarse (Eladio Rodríguez González, s. v. día). En Cambados dise que non se debe ir ó mar neste día para evitar coller nas redes a mortos ou os seus restos.

Por terras de Mondoñedo era costume no século XVI que os rapaces e mozos ían percorrendo a aldea, de porta en porta, cantando como en Nadal e pedindo pan, carne, patacas, viño, etc. para os defuntos, se ben logo comían todo o recollido nas súas casas. Esta práctica foi condenada polo Sínodo do bispado de Mondoñedo en 1541 (Eladio Rodríguez González, s. v. día).

Léxico

  • Sanmartín ou martiño peixeiro (Alcedo athis), paxaro que vive nas beiras dos ríos.
  • Sanmartín: ave mariña, tamén chamada pardela furabuchos (Puffinus puffinus). A etimoloxía do nome parece relacionada coa época do ano no que a ave está presente en Galicia, no outono, perseguindo os bancos de sardiña.
  • Sanmartiño é o nome dun peixe acantopterixio (Zeus faber), tamén chamado samartiño, martiño, martuxo, galo do mar ou peixe galo.

Locucións

  • Andar enganado coma un porco no mes de santos: dise de quen non se decata de que o están enganando e buscando a ruína, a pesar de que se faga con boas palabras.

Refraneiro

  • A cada porco chégalle o seu san Martiño [4].
  • A cada porco lle chega o seu San Martiño [5].
  • A horta de san Martiño mantén o dono a mais do veciño.
  • A todo porco chégalle o seu San Martiño.
  • A todo porco lle chega o seu san Martiño.
  • A todo porquiño lle chega o seu san Martiño.
  • A tódolos porcos lles chega o seu San Martiño.
  • Andar barquiñas, andar axiña, non vos colla o cordonazo de santa Catalina [6].
  • Antes de san Martiño, pan e viño; dispois de san Martiño, fame e frío [7].
  • Ata o san Martiño, inda pinga o ramalliño; despois de san Martiño, fame e frío.
  • Ata san Martiño, pan e viño. De san Martiño adiante, fame e frío.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, fame e frío bastante.
  • Ata San Martiño, pan e viño; de San Martiño pra diante, pan e frío bastante [8].
  • Bendito mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés [9].
  • Bendito mes que empeza con Santos, media con san Uxío, e remata con san Andrés [10]
  • Bieito mes que entra con Santos, meia con San Uxío e remata con San Andrés [11].
  • Cada porco ten o seu san Martiño [12].
  • Cando Santos acaba, o inverno empeza [9].
  • Castañas, noces e viño fan a ledicia de san Martiño.
  • De san Martín en diante, frío e fame.
  • De san Martiño para adiante fame e frío.
  • De Santos a Nadal é o inverno natural.
  • De Santos a Navidá é inverno de verdá [9].
  • De Santos a Navidá hai inverno de verdá.
  • De Santos ás Navidás hai sequía de verdá.
  • De Santos ó Nadal é o inverno natural.
  • Deixa a auga e bebe viño, dispois do San Martiño [13].
  • Dende Santos a Nadal é inverno natural [9].
  • Desde Santos a Natal é inverno caroal.
  • Despois de san Martiño, deixa a auga e bebe o viño.
  • Despois de San Martiño, deixa a agua e bebe viño.
  • Día de san Martiño, proba o teu viño [7][14].
  • Día de San Martiño, todo o viño é bo viño [15].
  • Dispois de San Martiño deixa a iauga e bebe o viño [16].
  • Dispois do San Martiño, deixa a auga e bebe o viño [17].
  • Ditoso mes que empeza con Santos e remata con San Andrés.
  • Do novo viño bota un traguiño polo san Martiño [17].
  • En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo gallo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto/ xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro.
  • En novembre, cavar non che se lembre; i a aixada de cavar, emprégaa en aburatar [18].
  • En san Martiño remonta cada día un ferradiño.
  • En san Martiño, pan e viño.
  • En Santos, nevan os campos.
Día de san Martiño, proba o teu viño.
  • Ende vindo Todos Santos e pasando San Andrés, viño novo, vello é [19].
  • Entre Santos e Nadal fai inverno carnal [9].
  • Entre Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Entre Santos e Natal, arrieiriño non vaias ó sal, que perderás o caudal [20].
  • Hastra o San Martiño inda pinga o ramalliño; dispois do San Martiño, fame e frío [7].
  • Hastra san Martiño, pan e viño; de san Martiño adiante, frío e fame.
  • Horta de san Martiño mantén ao dono e mais o veciño [21].
  • Horta de San Martiño mantén ó seu dono i o seu veciño [7].
  • Horta de San Martiño, mata ó seu dono e mais ó veciño.
  • No mes de Santos, a máis tardar, ponte a sementar [9].
  • No mes de Santos sacha a horta e capa o rancho.
  • No mes dos mortos mata os teus porcos.
  • No mes dos Santos e Defuntos mata os teus porcos e vai facendo bo caldo cos untos.
  • No mes morto nin sáche-lo horto nin cápe-lo porco.
  • No san Martiño, porco e viño.
  • No san Martiño remonta cada día un ferradiño [22]
  • No san Martiño xa se coñece o bo viño.
  • Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.
  • O burriño de san Sadorniño cada día máis cativiño [23].
  • Non chover nin ventear en Santos e Nadal [24].
  • Non hai cocho bon nin ruín que non lle chegue o seu Sanmartín.
  • Ó chegar o San Martiño, mátase o porco e próbase o viño [7].
  • O que cava en novembre, o tempo perde.
  • O que queira bo alliño, que o bote no san Martiño.
  • O que queira ter bo alliño, que o semente polo san Martiño.
  • O vrán de san Martiño pode ser grande ou pequeniño.
  • O vran de San Martiño son tres días e un pouquiño.
  • O vranciño de san Martiño, tanto grande como pequeniño.
  • O vrau de san Martiño dura mentres o can lambe o fuciño.
  • Planta a horta en San Martiño e plantarás para ti e o veciño.
  • Polo mes de Santos xa baixa a neve ós campos [25].
  • Polo san Andres agarra o porco polos pés, e se non o queres matar, déixao para Navidá.
  • Polo san Andrés hai porcos gordos para vender.
  • Polo san Andrés mata o teu porco coma o tes.
  • Polo san Andrés mata o teu porco como é.
  • Polo san Andrés, o mosto viño é.
  • Polo san Andrés, o viño novo vello é.
  • Polo san Clemente bota a túa semente [26].
  • Polo san Clemente, doble semente.
  • Polo san Martiño, andan as noces a roliño [7].
  • Polo san Martiño, barra o teu viño.
  • Polo san Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo san Martiño, castañas e viño.
  • Polo san Martiño, cata o teu viño.
  • Polo san Martiño deixa a auga e bebe o viño.
  • Polo san Martiño, fabóns ó liño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño.
  • Polo san Martiño mata o teu porquiño e bebe o teu viño [7].
  • Polo san Martiño, mete o porco no cortelliño.
  • Polo san Martiño péchase o camiño.
  • Polo san Martiño, proba o teu viño.
  • Polo san Martiño, tapa o teu viño.
  • Polo san Martiño todo o mosto é bo viño [17].
  • Polo san Martiño todo o mosto é viño [7].
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño.
  • Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo san Amaro, trompos ó tellado [27].
  • Polo san Martiño vende o teu viño, antes ó pipeiro que ó taberneiro.
  • Polo san Martiño, zapa o teu viño [28].
  • Polo san Simón proba o viño, i o porco polo San Martiño [29].
  • Polo santo Tomé, dálle polo pé e se non é groso, nunca é.
  • Por san Andrés, agarra o porco polos pès; e se nono queres matar, déixao pra Navidá [12].
  • Por san Andrés, quen non ten porco, mata á muller.
  • Por san Andrés, toma o porco polo pé [30].
  • Por san Andrés, trompos outra vez.
  • Por san Martiño, atesta o viño.
  • Por san Martiño bólas ó tellado e trompos ó camiño.
  • Por san Martiño cae máis auga do que o borracho bebe viño.
  • Por san Martiño cata o teu viño.
  • Por San Martiño di o inverno:¡alá vou eu! [31].
  • Por san Martiño e san Xudas, piñeiriña das túas uvas [32].
  • Por san Martiño faise o magosto con castañas asadas e mosto [7].
  • Por san Martiño mata o teu porquiño e proba o teu viño.
  • Por San Martiño, nin faba, nin liño.
  • Por san Martiño, nin fabas nin viño.
  • Por San Martiño, non sementes fabas nin liño [7].
  • Por San Martiño, xa se conoce o bo viño [7].
  • Por san Uxío e santa Baia anda o tempo á trocalla [33].
  • Por Santa Erea, toma os bois e semea; por San Martiño, nin fabas nin liño [34].
  • Por Santos e Nadal, inverno caroal.
  • Por Santos inda hai campos verdes e xa hai montes brancos [9].
  • Por Santos nevan os campos.
  • Por Santos, sacha a horta e capa o rancho [9].
  • Pranta a horta no San Martiño e prantarás pra ti e pró veciño.
  • Quen cava no mes de Santos perde o tempo i o traballo [35].
  • Quen queira ter allo fino, que o poña polo san Martiño.
  • San Andrés trae a vela e san Xoán a leva [36].
  • San Martiño sempre quer o seu grauciño, anque sea pequeniño [7].
  • San Martiño, trompos ó camiño.
  • San Martiño, trompos ó camiño; San Amaro, trompos ó faiado [37].
  • San Simón proba o viño e o porco san Martiño.
  • San Xoán come pan e san Andresiño touciño.
  • San Xoán daime o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán e san Andrés, fai Dios que non sexan cada mes.
  • San Xoán e san Martiño foron merendar ó camiño. San Xoán levara o pan e san Martiño o viño.
  • San Xoán garda a chave do pan, san Martiño a do viño e san Andrés a do porquiño.
  • San Xoán trae o fol cheo de pan e san Martiño bota de viño.
  • San Xoán trae o inferno e san Andrés o inverno.
  • Santiago manda o pan, san Migueliño manda o viño, san Francisco manda a landre e san Andrés o touciño.
  • Santos e Natal, inverno carnal.
  • Santos e Nadal, inverno caroal [9].
  • Se no Samartiño non matas cocho ou año, coa fame levarate o diaño.
  • Se queres ter allo fino, plántao no San Martiño.
  • Sembra trigo en San Martiño, cada día un pouquiniño.
  • Sementeira na semana de San Román nin palla nin gran; sementeira na de Santa Baia, gran e mais palla [38].
  • Vaites co mes, que empeza con Santos e acaba con San Andrés [39].
  • Zapa o viño polo San Martiño [40].

Cantigueiro

  • Mes de Santos, mes de Santos,/ de Santos mes de amarguras:/ inda ben non amañece/ cando xa é noite escura [41].

Notas

  1. Non obstante, Aníbal Otero recolle o seguinte refrán aplicado ó mes de decembro: No mes morto, nin cápe-lo porco nin póña-lo horto (Aníbal Otero: Vocabulario de San Jorge de Piquín, 1977, s.v. morto).
  2. Constantino García González.
  3. Apéndice a Eladio Rodríguez González.
  4. Eladio Rodríguez González, s. v. porco; s. v. San Martiño. En sentido figurado, significa que ó final todo o mundo ten o seu merecido.
  5. Eladio Rodríguez González, s. v. Martiño.
  6. Santa Catarina celébrase o 25 de novembro. O tal cordonazo é o temporal de borrascas, tiempo aturbonado y revuelto que en el equinocio de otoño suele presentarse en las costas de España, Francia e Inglaterra, atravesando a veces el océano Atlántico, y que se conoce comúnmente por "cordonazo de San Francisco" (Eladio Rodríguez González).
  7. 7,00 7,01 7,02 7,03 7,04 7,05 7,06 7,07 7,08 7,09 7,10 7,11 Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  8. Probable erro por fame e frío.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 9,8 Eladio Rodríguez González, s. v. Santos.
  10. Día de Tódolos Santos, 1º de novembro; San Uxío, 15 de novembro; San Andrés, 30 de novembro. Eladio Rodríguez González, s. v. Santos.
  11. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  12. 12,0 12,1 Eladio Rodríguez González, s. v. porco.
  13. Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
  14. Eladio Rodríguez González, s. v. viño, s. v. día.
  15. Eladio Rodríguez González, s. v. día.
  16. Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño. No orixinal: i-auga.
  17. 17,0 17,1 17,2 Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  18. Eladio Rodríguez González, s. v. novembre.
  19. Juan Sobreira Salgado: Papeletas. No orixinal: vello he.
  20. Elixio Rivas Quintas, (1978).
  21. Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
  22. Este refrán adianta o crecemento dos días un mes antes dos refráns paralelos, que sitúan este momento ó redor de Santa Lucía, 13 de decembro. Fonte: Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño.
  23. San Sadurniño, 19 de novembro.
  24. Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
  25. Eladio Rodríguez González, s. v. neve.
  26. San Clemente, 23 de novembro.
  27. San Amaro, 15 de xaneiro.
  28. Zapar é pechar o bocoi coa zapa. Zapa é o tapón co que se pecha o burato por onde se enchen o bocoi, e tamén o burato mesmo.
  29. San Simón, 28 de outubro. Eladio Rodríguez González, s. v. viño.
  30. San Andrés, 30 de novembro.
  31. Eladio Rodríguez González, s. v. San Martiño. No orixinal: .
  32. San Xudas, 28 de outubro.
  33. San Uxío, 15 de novembro; Santa Baia debe ser o 10 de decembro (Santa Baia de Mérida), aínda que podería ser o 12 de febreiro (Santa Baia de Barcelona).
  34. Santa Irea ou Erea, 18 de setembro; San Martiño, 11 de novembro.
  35. Eladio Rodríguez González, s. v. cavar.
  36. Por san Andrés (novembro) cómpre alumarse cunha candea, que xa non será necesaria cando chegue san Xoán (xuño).
  37. Elixio Rivas Quintas (1978).
  38. San Román de Antioquía, 18 de novembro; santa Baia de Mérida, 10 de decembro.
  39. Eladio Rodríguez González, s. v. mes.
  40. Ver nota a Polo San Martiño, zapa o teu viño.
  41. Xaquín Lorenzo Fernández, 97.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos