Saltar ao contido

Soiuz 11

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A versión para imprimir xa non se actualiza e pode conter erros de renderizado. Actualice os marcadores do seu navegador e empregue mellor a función de impresión propia do navegador.
Soiuz 11
Tripulación da Soiuz 11.
TipoTripulada
Data de lanzamento6 de xuño de 1971, 4:55 GMT[1][2][3][4]
Foguete portadorSoiuz 11A511[2][5]
Sitio de lanzamentoCosmódromo de Baikonur[2][6]
Duración da misión23,77 días[6]
Obxectivo da misiónAcoplamento coa estación espacial Saliut 1.[2][6]
Regreso29 de xuño de 1971[1][6]
NSSDC ID1971-053A
Masa6565,0 kg[2][5][6]

Soiuz 11 foi o nome da segunda misión espacial tripulada enviada cara a estación espacial Saliut 1. Foi lanzada o 6 de xuño de 1971 mediante un foguete Soiuz 11A511 desde o cosmódromo de Baikonur e tras unha misión exitosa os tres cosmonautas morreron durante a reentrada atmosférica.[2][3][5]

Características

A misión de Soiuz 11 foi acoplarse coa primeira estación espacial da Historia, a Saliut 1, despois do intento errado da Soiuz 10. A bordo da cápsula ían o comandante Georgi Dobrovolski, o enxeñeiro de voo Vladislav Volkov e o enxeñeiro de investigación Viktor Patsaiev. A que era a tripulación de reserva pasou a ser a principal despois da indisposición de Kubasov, membro da primeira tripulación, xunto con Kolodin e Leonov. A nave era unha Soiuz 7KT-OK.[2][3][4][5]

Despois do lanzamento a Soiuz 11 manobrou durante o primeiro día de voo para igualar a súa órbita coa da Saliut 1. Os controis automáticos para o acoplamento foron activados a unha distancia de entre 6 e 7 km da Saliut. O sistema Igla levou ambas naves a uns 100 m de distancia, momento no cal os cosmonautas tomaron o control. O acoplamento en si durou algo máis de tres horas, dende o contacto físico, o aseguramento das conexións mecánicas, hidráulicas e eléctricas até o igualamento de presión entre as naves. Rematadas as manobras, a tripulación pasou ao interior da estación. O primeiro en entrar, Patsaiev, informou de olor a queimado e incomodidade na atmosfera da estación. A atmosfera tardou 20 horas en ser reciclada e limpada, polo que os cosmonautas pasaron a primeira noite na Soiuz.[2][3][4][5]

A estación dispoñía, entre outros, dun telescopio (que non funcionaba debido a que o seu cobertor non foi exectado despois de entrar en órbita), un espectrómetro, un electrofotómetro e cámaras de televisión. Durante a estancia tivo lugar un pequeno incendio que a tripulación logrou controlar.

Alén diso, déronse outros pequenos incidentes e incomodidades, así como o feito de que a tripulación non puido seguir o plan de exercicio físico necesario para manterse en forma en gravidade cero. Ante isto, o control de terra decidiu que os cosmonautas regresaran aos 22 días de misión en lugar de aos 30 planeados, durante os cales fixeron diversos experimentos e probas.[2][3][4][5]

O 29 de xuño a tripulación cargou os diversos espécimes con que fixeron experimentos, as películas fotográficas, as cintas e o resto do material na cápsula Soiuz e subiron a bordo para abandonar a estación. A reentrada foi normal, aínda que a comunicación coa tripulación non se deu restablecido. A aterraxe foi levada a cabo polos sistemas automáticos. Cando o equipo de rescate chegou ata a cápsula atopou os tres cosmonautas mortos nos seus asentos. A investigación posterior revelou que morreron durante a reentrada por embolia pulmonar debida á descompresión a grande altura producida por un escape de aire na cápsula a través dunha válvula aberta por accidente durante a separación entre a cápsula e o módulo orbital. A válvula debía abrirse aos 4 km de altura e non pouco antes da reentrada. Os cosmonautas non levaban ningún tipo de traxe de presión, polo que faleceron en segundos.

En misións posteriores fíxose obrigatorio o uso de traxes durante a reentrada.[2][3][4][5]

Véxase tamén

Outros artigos

Notas

  1. 1,0 1,1 N2YO (2017). Real Time Satellite Tracking, ed. "SOYUZ 11" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2017. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 NASA (21 de marzo de 2017). "Soyuz 11" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2017. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 "Letter dated 14 July 1971 from the Permanent Representative of the Union of Soviet Socialist Republics addressed to the Chairman of the Committee on the Peaceful Uses of Outer Space" (PDF) (71-15156). 30 de xullo de 1971: 4. Consultado o 31 de agosto de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Claude Lafleur (2017). "Soyuz 11" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2017. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 5,6 Gunter Dirk Krebs (2017). Gunter's Space Page, ed. "Soyuz 10, 11 (7KT-OK)" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Mark Wade (2017). "Soyuz 11" (en inglés). Consultado o 31 de agosto de 2017.