Saltar ao contido

Ácido carboxiglutámico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ácido gamma-carboxiglutámico»)
Ácido carboxiglutámico
Identificadores
Número CAS 53445-96-8
PubChem 40772
ChemSpider 37241
UNII 16FQV4RZKL
Imaxes 3D Jmol Image 1
Propiedades
Fórmula molecular C6H9NO6
Masa molecular 191,14 g/mol
Densidade 1,649 g/mL
Punto de ebulición 418 °C; 784 °F; 691 K
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.

O ácido carboxiglutámico (ou a súa base conxugada carboxiglutamato) é un aminoácido pouco común que se introduce nas proteínas por medio dunha modificación postraducional consistente nunha carboxilación dun residuo de ácido glutámico. Esta modificación encóntrase, por exemplo, en factores de coagulación e outras proteínas da fervenza da coagulación do sangue. Esta modificación introduce unha afinidade polos ións calcio. Na fervenza da coagulación do sangue, a vitamina K é necesaria para introducir gamma-carboxilacións nos factores de coagulación II, VII, IX, X e proteína Z.[1]

Na biosíntese do ácido -carboxiglutámico, extráese o protón (gamma) do ácido glutámico, e seguidamente engádese CO2. O intermediario da reacción é un -glutamil carbanión.

Esta rección é catalizada por unha carboxilase que require vitamina K como cofactor. Non se sabe exactamente como participa na vitamina K, pero hipotetízase que un residuo libre de cisteína da carboxilase converte a vitamina K nunha base forte activa que á súa vez extrae un hidróxeno do carbono do ácido glutámico. Despois, engádese o CO2 ao carbono para formar o ácido -carboxiglutámico.[2][3]

Dominio Gla rico en ácido gamma-carboxiglutámico

[editar | editar a fonte]

No dominio Gla rico en ácido gamma-carboxiglutámico hai varios residuos de gamma-carboxiglutamato (Gla). Este dominio encóntrase en varias proteínas, como os factores de coagulación X, VII, IX, e XIV, as proteínas S e Z dependentes de vitamina K, a protrombina, transtiretina, osteocalcina, proteína Gla da matriz (MGP), inhibidor da inter-alfa tipsina cadea pesada H2, e na proteína 6 específica da detención do crecemento (Gas6). O dominio Gla é responsable da alta afinidade de unión a ións calcio.[4]

Papel na coagulación do sangue

[editar | editar a fonte]

Os residuos de ácido gamma-carboxyglutámico desempeñan un importante papel na coagulación. Os sitios de alta afinidade polo calcio do dominio Gla do factor IX, que é unha serina protease do sistema de coagulación, median parcialmente na unión do factor IXa ás plaquetas e na activación do factor X.[5] Ademais, cando hai unha lesión mecánica na parede dun vaso sanguíneo, un factor tisular asociado á célula queda exposto e inicia unha serie de reaccións encimáticas localizadas na superficie da membrana. Os residuos Gla dirixen parcialmente a activación e unión dos encimas da coagulación circulantes e cimóxenos a esta superficie exposta da membrana plasmática. Especificamente, os residuos Gla son necesarios para a unión do calcio e para expoñer rexións de unión hidrofóbicas da membrana. A falta destes residuos Gla ten como resultado a imposibilidade da coagulación ou mesmo a anticoagulación, o cal pode orixinar diatese hemorráxica ou trombose.[6]

  1. J Stenflo, and J W Suttie. "Vitamin K-Dependent Formation of γ-Carboxyglutamic Acid". Annual Review of Biochemistry 46: 157–172. doi:10.1146/annurev.bi.46.070177.001105. Arquivado dende o orixinal o 14 de febreiro de 2021. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  2. Furie, Bruce; Bouchard, Beth A.; Furie, Barbara C. (1999-03-15). "Vitamin K-Dependent Biosynthesis of γ-Carboxyglutamic Acid". Blood (en inglés) 93 (6): 1798–1808. ISSN 0006-4971. PMID 10068650. Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2018. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  3. Fig. 1.
  4. "Gamma-carboxyglutamic acid-rich (GLA) domain (IPR000294) < InterPro < EMBL-EBI". www.ebi.ac.uk. Consultado o 2015-12-22. 
  5. Rawala-Sheikh, R.; Ahmad, S. S.; Monroe, D. M.; Roberts, H. R.; Walsh, P. N. (1992-01-15). "Role of gamma-carboxyglutamic acid residues in the binding of factor IXa to platelets and in factor-X activation". Blood (en inglés) 79 (2): 398–405. ISSN 0006-4971. PMID 1730085. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2019. Consultado o 12 de setembro de 2018. 
  6. Kalafatis, M.; Egan, J. O.; van't Veer, C.; Mann, K. G. (1996-01-01). "Regulation and regulatory role of gamma-carboxyglutamic acid containing clotting factors". Critical Reviews in Eukaryotic Gene Expression 6 (1): 87–101. ISSN 1045-4403. PMID 8882309. doi:10.1615/critreveukargeneexpr.v6.i1.60.