Saltar ao contido

Balea anana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Balea anana
Caperea marginata

Rango fósil: mioceno - actualidade

Caperea marginata

Comparación do tamaño co dun humano
Comparación do tamaño co dun humano

Estado de conservación
DD (datos insuficientes) [1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Cetacea
Suborde: Mysticeti
Familia: Neobalaenidae
Gray, 1874 - Miller, 1923 [2]
Cetotheriidae
Fordyce & Marx, 2013 [3]
Subfamilia: Neobalaeninae
Fordyce & Marx, 2013 [3]
Xénero: Caperea
Gray, 1864
sin. Neobalena, Gray, 1870 [4]
Especie: C. marginata
Nome binomial
Caperea marginata
(Gray, 1846) [5]
Diustribución de Caperea marginata
Diustribución de Caperea marginata

Diustribución de Caperea marginata
Sinonimia
  • Balaena marginata Gray, 1846 [5]

A balea anana,[6] Caperea marginata (Gray, 1846), é unha especie da orde dos cetáceos, suborde dos misticetos, o único representante da familia dos neobalénidos (Neobalaenidae).

Taxonomía

[editar | editar a fonte]

Foi descrita en 1846 por John Edward Gray, que traballaba na sección de Zooloxía do Museo Británico, e que a denominou como Balaena marginata, e a situou, loxicamante, na familia dos balénidos.[5]

Efectivamente, esta especie comparte características taxonómicas da familia dos balénidos, como son a falta de dobras gulares e presentar o rostro arqueado como as baleas francas, aínda que con algunhas diferenzas, polo que en 1864 o propio Gray reclasificouna no novo xénero Caperea, así mesmo fundado por el.[4]

As principais diferenzas cos balénidos son a presenza dunha aleta dorsal e un corpo alongado, o que aproxima esta especie aos rorcuais (nome común que se dá aos cetáceos da familia dos balenoptéridos), resultando así como unha especie de características intermedias entre ambas as familias, polo que Gray (en 1874) e Miller, en 1923, reclasificárno na familia monoespecífica dos neobalénidos.[2]

Até hai pouco, esta especie de balea era o único membro do xénero Caperea e da familia dos Neobalaenidae, como quedou dito arriba. Porén, en decembro de 2012, os paleontólogos R. Ewan Fordyce e Felix G. Marx compararon os ósos do cranio da balea anana cos dos cetáceos extintos, e descubriron que a especie estaría moi cerca dos membros da extinta familia dos cetoteríidos (Cetotheriidae), facéndoa un sobrevivente pigmeo desta familia extinguida.[3]

Características

[editar | editar a fonte]

A balea anana é a máis pequena e menos coñecida de todas as baleas con barbas (misticetos), polo que aínda está pouco estudada, e coñécese sobre todo polas súas amplas migracións, sobre todo en Nova Zelandia, sur de Australia e sur de África, pero hai pouca información dispoñíbel.[7]

Os adultos chegan a medir até tan só 6,5 m de lonxitude, a alcanzar un peso de entre 3 e 3,5 t. Como os rorcuais, teñen o corpo alongado e esvelto, e presentan aleta dorsal, pero carecen de dobras gulares. Os seus cranios son máis curtos que os doutras baleas, e o úmero é proporcionalmente máis curto que o dos rorcuais e, na man, teñen 4 dedos en lugar de 5.[2]

Os baleatos, ao naceren, miden entre 1,6 e 2,2 m.[7]

As súas principais características físicas son as seguintes:[7]

  • Boca moi arqueada, coa mandíbula inferior de cor clara, e a superior escura.
    As enxivas e a lingua son brancas, contrastando coa cor escura da parte superior da cabeza. As barbas (de 213 a 230 a cada lado) son de cor marfil.
  • Aleta dorsal pequena, falciforme, rematada en punta, e co bordo posterior cóncavo. Aletas pectorais pequenas e estreitas, coas puntas lixeiramente arredondadas e coas partes superiores de cor escura, que destaca da cor moito máis clara da rexión ventral do corpo. Aleta caudal ancha, cunha escotadura central ben marcada, e as partes superiores de cor gris escura, e as inferiores moi claras, cos bordos escuros.
  • A coloración das partes superiores do corpo é gris escura ou gris azulada, e a das inferiores gris clara pou case branca, que pode ir escurecendo coa idade do animal.
  • Non presentan calosidades na cabeza.

Hábitat, distribución e poboación

[editar | editar a fonte]

Distribución

[editar | editar a fonte]

As baleas ananas viven en augas temperadas do hemisferio sur, tanto preto coma lonxe da costa. A maioría das observacións fixéronse entre os 31º S e os 52º S, aínda que existe unha na Terra do Fogo, na punta meridional de Suramérica, a 55º S. O límite real parece ser a temperatura das augas superficiais, entre os 5 e os 20 °C. A maior parte das onservacóns efectuáronse en baías protexidas e pouco profundas, pero tamén se viron exemplares illados en mar aberto. Os individuos xuvenís poden migrar cara a augas costeiras durante a primavera e o verán. Algunhas poboacións son residentes todo o ano, como as de Tasmania.[7]

Aínda que ten unha distribución circumpolar, como quedou dito, hai observacións de que poden subir até os 20º S, polo menos nas costas de Benguela (Angola).[8]

Hai só uns poucos rexistros confirmados de baleas ananas no mar, pero hai moitas citas de varamentos na Arxentina, Illas Malvinas, Namibia, Suráfrica, Chile, costas oeste, sur e leste de Australia e as illas Norte e Sur de Nova Zelandia.[8][9][10][11][12]

Dous individuos foron capturados por un buque baleeiro no Atlántico sur, entre os 34° e os 35° S.[13] Un infrecuente avistamento dun grupo duns 80 individuos produciuse en 1992 a unhas 320 millas náuticas de Cape Leeuwin (suroeste de Australia).[14] E un grupo de 14 exemplares foi avistado en 2001 a 46° S no Pacífico sur, a 450 km ao sueste de Nova Zelandia.[15]

Poboación

[editar | editar a fonte]

A balea anana é unha das especies menos coñecidas dos misticetos, e hai moi poucos rexistros para intentar unha estimación do tamaño da súa poboación. Un único avistamento duns 80 individuos no Índico suroriental,[14] representa máis da metade dos rexistros de individuos vivos avistados. Á parte dos dous grandes grupos antes mencionados, os máis dos avistamentos foron dun ou dous individuos, ás veces en asociación con outras especies de baleas e de golfiños.

Comportamento

[editar | editar a fonte]

As baleas ananas son pouco visíbeis no mar, e o seu sopro respiratorio é pequeno e pouco rechamangueiro. Xeralmente non pasan máis duns poucos segundos fóra da auga, e non se teñen observado saltos nin rabeleadas. Saen á superficie de xeito semellante ao do rorcual alibranco (Balaenoptera acutorostrata), lanzando o fociño fóra da auga pero, a diferenza deste, o dorso (incluíndo a aleta dorsal) adoita quedar oculto; a cola nunca sae de forma clara da auga. Polo xeral nadan lentamente, con ondulacións do corpo, e son incapaces de faceren aceleracións rápidas. Os escasos rexistros indican que as inmersións máis longas duran entre 40 seg e 4 min.[7]

Alimentación

[editar | editar a fonte]

Os estómagos dis dous individuos capturados en operacións de baleeiros rusos [13] e dun individuo inmaturo,[16] contiñan principalmente copépodos.

Ameazas e medidas de protección

[editar | editar a fonte]

Esta especie pouco coñecida nunca foi cazada comercialmente. Non hai ningunha evidencia de ameazas antropoxénicas directas. A especie poden ser naturalmente rara en toda a súa área de distribución, ou simplemente que é difícil de detectar ou identificar, ou talvez aínda non se decubriron as súas zonas de concentración.[1]

Non hai ningunha medida específica para a conservación desta especie, pero esta está asegurada polas medidas de protección xenérica das baleas, figurando tanto no Apéndice I da CITES como no Apéndice II da CMS.[1]

Estado de conservación

[editar | editar a fonte]

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza cualificou en 2008 a situación da especie como "DD" (datos insuficientes), cualificación que mantén no 2013, debido á escaseza de rexistros vivos, á ausencia dunha estimación global do tamaño da súa poboación e o coñecemento limitado do rango das subpoboacións locais. Dada a falta de ameazas coñecidas e á súa probabelmente ampla distribución, é pouco probábel que a balea anana deba cualificarse nunha categoría de ameaza, pero cos poucos datos dispoñíbeis, en ausencia de calquera estimación do tamaño da poboación, non pode avaliarse nalgún dos criterios de ameaza.[1]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Reilly S. B., Bannister, J. L., Best, P. B., Brown, M., Brownell Jr., R. L., Butterworth, D. S., Clapham P. J., Cooke, J., Donovan, G. P., Urbán, J. & Zerbini, A. N. (2008): Caperea marginata na Lista vermella de especeis ameazadas da UICN. Versión 2013.1
  2. 2,0 2,1 2,2 Berta, Annalisa (2006): Marine Mammals: Evolutionary biology. Academic Press. ISBN 0-12-088552-2
  3. 3,0 3,1 3,2 Fordyce, R. E. & Marx, F. G. (2013): "The pygmy right whale Caperea marginata: the last of the cetotheres". Proceedings of the Royal Society B: Biological Sciences 280 (1753): 1–6. Resumo
  4. 4,0 4,1 Caperea Gray, 1864 en ITIS.
  5. 5,0 5,1 5,2 Caperea marginata (Gray, 1846) en ITIS.
  6. Lahuerta e Vázquez (2000), p. 309.
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Carwardine, M. (19995), pp. 48-49.
  8. 8,0 8,1 Hoffmann, M. and Best, P. B. (subeds.) (2005): "Suborder Cetacea. Whales and dolphins". In: J. D. Skinner and C. T. Chimimba (eds.), The Mammals of the Southern African Subregion, pp. 560-615. Cambridge University Press.
  9. Cabrera, E., Carlson, C. A., Galletti, V. M., Cárdenas, J. C. and Brownell Jr., R. L. (2005). "A pygmy right whale (Caperea marginata) from Chiloe Island". Scientific Committee of the International Whaling Commission, Ulsan, Korea.
  10. Kemper, C. M. (2002): "Distribution of the pygmy right whale, Caperea marginata, in the Australasian region". Marine Mammal Science 18 (1): 99-111.
  11. Rice, D. W. (1998): Marine Mammals of the World: Systematics and Distribution. Society for Marine Mammalogy, Lawrence, Kansas.
  12. Ross, G. J. B., Best, P. B. and Donnelly, B. G. (1975): "New records of the pygmy right whale (Caperea marginata) from South Africa, with comments on distribution, migration, appearance, and behavior". Journal of the Fisheries Research Board of Canada 32: 1005-1017.
  13. 13,0 13,1 Ivashin, M. V., Shevchenko, V. I. and Yuchov, V. L. (1972): "The pygmy right whale Caperea marginata (Cetacea)". Zoological Journal 51 (11): 1715-1723.
  14. 14,0 14,1 Matsuoka, K., Fujise, Y. and Pastene, L. A. (1996): "A sighting of a large school or the pygmy right whale, Caperea marginata, in the southeast Indian Ocean". Marine Mammal Science 12 (4): 594-596.
  15. Matsuoka, K., Pitman, R. L. and Márquez, F. F. C. (2005): "A note on a pygmy right whale (Caperea marginata) sighting in the southwestern Pacific Ocean". Journal of Cetacean Research and Management 7 (1): 71-74.
  16. Sekiguchi, K., Best, P. B. and Kaczmariuk, B. Z. (1992): "New information on the feeding habits and baleen morphology of the pygmy right whale Caperea marginata". Marine Mammal Science 8: 288-293.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]