Calvin and Hobbes
Calvin and Hobbes é unha tira cómica de banda deseñada creada polo debuxante estadounidense Bill Watterson, que foi publicada entre o 18 de novembro de 1985 até o 31 de decembro de 1995. A miúdo considerada como a "mellor tira de banda deseñada dos xornais",[1][2][3] Calvin and Hobbes desfrutou dunha ampla e duradeira popularidade, influencia e interese académico.
Nela nárranse as andainas dun rapaciño de seis anos, Calvin, cunha imaxinación rebordante, en realidade unha caricatura a xulgar polo enorme desaxeitamento entre o tamaño da cabeza e o do corpo (ou precisamente por iso se reflicta ben que é un neno, pola diferenza morfolóxica respecto á proporción das oito cabezas dun adulto).
No cumio da súa popularidade, Calvin and Hobbes aparecía en máis de 2 400 xornais de todo o mundo.[4] En 2010, volvéronse editar as tiras en máis de 50 países, e case 45 millóns de copias dos libros de Calvin and Hobbes foron vendidos en todo o mundo.[4]
Personaxes principais
[editar | editar a fonte]Fillo único, Calvin amósanos moitos aspectos da vida cotiá dende unha óptica infantil, aínda que en realidade se trate dunha banda deseñada destinada máis ben aos adultos. Unha boa parte das situacións tratadas teñen unha relación moi directa coas actividades ou pensamentos infantís: xogando coa zorra en inverno nunha corga próxima á casa ou con globos de auga en verán, os monstros debaixo da cama, a hora do baño, os acenos cando lle están tirando unha fotografía, o colexio, xogando coa comida, a canguro coidadora, os deberes, o almorzo no comedor escolar, a hora de irse deitar, ou outros tipos de diversións fronte á enchente habitual de televisión ("Ou, grande altar de distracción pasiva; derrama sobre min as túas discordantes imaxes a tanta velocidade como cho permita o refresco das túas 625 ringleiras"). Moitas veces formúlanse dinámicas adultas habituais analizadas dende as inferencias dun neno, co cal se chega a moitas situacións cómicas. Outras fontes do seu humor son as trasnadas, a súa linguaxe mesturada de palabras habituais con outras de rexistros elevados ou o recurso á misoxinia ou ó escatolóxico.
Conviven con el na súa casa o seu pai (xornalista) e a súa nai, que deixou de traballar para responsabilizarse del (en palabras do seu pai, "porque o traballo dela antes de nacer [Calvin] era o máis estresante dos dous, e como estaba afeita a iso pensouse que era a máis axeitada"), de educación e cultura máis ben moderna e dialogante (e tamén paciente).
Pero o tebeo ten dous nomes, xa que hai outro personaxe que comparte o protagonismo co pequeno humano: trátase dun tigre de veludo chamado Hobbes, que para o resto da xente é simplemente un boneco mentres que para Calvin ten vida propia. Coma se fosen Don Quixote e Sancho Panza, ás veces Hobbes preséntase coma o contrapunto de Calvin, sobre todo cando se avista que se van enlear polas consecuencias dos seus actos (trasnadas, para un maior). A imaxinación rebordante non pode chegar a explicar todos os actos de Hobbes (dende que se abalanza contra Calvin para atacalo cando entra pola porta vindo do colexio, ata as pelexas ou razoamentos exteriores, pero iso asúmese dentro do pacto de verosimilitude sobre a ficción entre o autor e o lector), pero o contexto real é o grande cariño que Calvin sente por Hobbes, o que leva ás veces a fermosas escenas de exaltación da amizade. Unha mostra deste afecto é a enorme intranquilidade vital que se produce en dous episodios nos que Hobbes deixa de estar con Calvin porque desaparece por certo tempo: cando rouban na casa tras unha viaxe que fai a familia para asistir a unha voda, e onde Hobbes non dá aparecido (e a angustia de Calvin por atopar a Hobbes en contraste coa preocupación pola inseguridade no fogar por parte dos pais) ou cando a rapaza veciña secuestra a Hobbes para recuperar unha boneca que Calvin lle secuestrara antes. Tanto o nome de Calvin coma o de Hobbes proceden de dous filósofos: o primeiro é Calvino, tamén reformador protestante do século XVI, e o segundo é Thomas Hobbes, do século XVII e quen segundo o creador da banda deseñada tiña unha visión escura e pesimista da natureza humana.
Personaxes secundarios
[editar | editar a fonte]Outros personaxes que aparecen con certa profusión son:
- Susie Derkins, esta rapazola veciña antes mencionada, que tamén está na mesma clase. Susie Derkins é unha nena aplicada a quen Calvin lle ten manía (non se pode dicir que a odie) e motivo polo cal Calvin creou o club "A.S.C.O" (Asociación sen chicas obtusas). Ás veces preséntanse situacións nas que comen xuntos no comedor e Calvin aproveita para falar de cousas nauseabundas e escatolóxicas que incomoden á neniña. A pesar de que a actitude de Calvin é misóxina, case sempre dá a impresión de que a Hobbes lle gusta;
- o típico abusón do colexio, que nos seus diálogos aparece cun tipo de letra específico en contraste con tódolos demais personaxes. Este cambio de letra aparece tamén aplicado aos monstros debaixo da cama, o cal leva a pensar que amosa os elementos aos que Calvin lle ten pánico (non medo exactamente, porque non se dá nos moitos casos nos que Calvin escapa da súa nai enfadada);
- a señorita Caruncho (carcoma en castelán e Wormwood en inglés), profesora de matemáticas, e o director do colexio, a quen Calvin visita moitas veces castigado. A señorita Carcoma é unha fumadora e está a piques de xubilarse.;
- Rosalyn, a canguro adolescente coidadora con quen Calvin sempre ten problemas;
Ademais deles, debido a que os temas máis recorrentes na imaxinación de Calvin son os dinosauros, as aventuras espaciais e certos obxectos que cobran vida propia (a bicicleta, os bonecos de neve, as mesas, moi habitualmente a comida e sempre Hobbes), moitas veces aparece el mesmo representado nas súas historias imaxinarias coma dous posibles alter ego:
- Estupendo-man, un superheroe no que se converte cando se pon a capa e a carapucha que lle fixo a súa nai;
- O capitán Spiff, un intrépido piloto dunha nave espacial que habitualmente acaba aterrizando nalgún inhóspito planeta, xeralmente habitado por horrendos e malignos seres chamados Zork;
- Un detective privado propio de novela negra (La Bala en castelán, Tracer Bullet no orixinal inglés);
- Un home adulto deseñado ao estilo do cómic clásico americano (cando xoga con Susie Derkins), así como moi ocasionalmente o capitán Napalm ou Safari Al;
Por outra parte, algunhas das súas aventuras parten tamén de certas alteracións das leis e principios da física do mundo coñecido: un duplicador de persoas, unha alteración gravitacional ou da perspectiva, o crecemento progresivo de Calvin ata o tamaño da Galaxia, viaxes no tempo (ao pasado), a ausencia ou inversión das cores etc.
Formato
[editar | editar a fonte]As bandas deseñadas teñen un formato ambiguo: constan de tres ringleiras de catro cadros ou viñetas cada unha (salvo ás veces a primeira) que a maioría das veces son tres escenas diferentes. Aínda que cun fío condutor común, en moitos casos estas ringleiras son interpretables tamén se se presentan e son comprensibles independentemente (ás veces grazas á recontextualización ou á anáfora). Así, pódese compoñer certa continuidade en historias longas ou presentar as ringleiras por separado para cando o espazo de edición é reducido. A pesar das dificultades de manter esta ambivalencia, o recurso está suficientemente ben elaborado como para aproveitarse comercialmente para estes dous tipos diferentes de formatos. Como xa se dixo, as fontes son sempre iguais agás as do matón e dos monstros de debaixo da cama pero, en todo caso, sempre en versais (salvo tamén a do abusón, polo menos na edición en castelán). Normalmente son en branco e negro (polo menos nos volumes que se citan a continuación) aínda que aparecen alternadamente páxinas enteiras a cor (polo menos no número 5). O estilo da ilustración depende do narrado, probablemente para que o lector se decate máis facilmente do contexto da narración: varía en función de se está no mundo real, na imaxinación de Calvin só con Hobbes, nalgunha aventura dos seus alter ego ou, sobre todo, se está na imaxinación conxunta de Calvin e Susie nas moi contadas ocasións nas que acepta a xogar con ela. Nos primeiros casos, ten unha tendencia de certo parecido coas ilustracións de Snoopy.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Suellentrop, Chris (7 de novembro de 2005). "Calvin and Hobbes: The last great newspaper comic strip". Slate. Arquivado dende o orixinal o 03 de novembro de 2015. Consultado o 16 de decembro de 2015.
- ↑ O'Hehir, Andrew (13 de novembro de 2013). Salon, ed. "'Dear Mr. Watterson': Remembering the last great newspaper comic". San Francisco, California: Salon Media Group. Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 21 de novembro de 2015.
'Calvin and Hobbes' has been immensely influential – but mostly in TV animation, in stand-up and sketch comedy, and in graphic novels and in Internet culture. The newspaper comic, like the newspaper itself, has lost its social meaning.
- ↑ Hingston, Michael (2018). Let's Go Exploring: Calvin and Hobbes. ECW Press. ISBN 9781773051796.
- ↑ 4,0 4,1 Campanelli, John (1 de febreiro de 2010). The Plain Dealer, ed. "'Calvin and Hobbes' fans still pine 15 years after its exit". Cleveland, Ohio. Arquivado dende o orixinal o 07 de xuño de 2011. Consultado o 16 de decembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Calvin and Hobbes |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Watterson, Bill (1995). The Calvin and Hobbes Tenth Anniversary Book. Kansas City, Missouri: Andrews and McMeel. ISBN 0-8362-0438-7.
- Watterson, Bill (2001). Calvin and Hobbes: Sunday Pages 1985–1995. Kansas City, Missouri: Andrews McMeel Publishing. ISBN 0-7407-2135-6.
- Watterson, Bill (2005). The Complete Calvin and Hobbes. Kansas City, Missouri: Andrews McMeel Publishing. ISBN 0-7407-4847-5.
- Martell, Nevin (2010). Looking for Calvin and Hobbes: The Unconventional Story of Bill Watterson and His Revolutionary Comic Strip (Revised ed.). Continuum Books. ISBN 978-1-4411-0685-8.
- Heit, Jamey (2012). Imagination and Meaning in Calvin and Hobbes. Jefferson, North Carolina: McFarland & Company. ISBN 978-0-7864-9031-8.
- Watterson, Bill (2015). Exploring Calvin and Hobbes: An Exhibition Catalogue. Kansas City, Missouri: Andrews McMeel Publishing. ISBN 978-1-4494-6036-5.
- Suellentrop, Chris (7 de novembro de 2005). "Calvin and Hobbes: The last great newspaper comic strip". Slate. Arquivado dende o orixinal o 08 de xaneiro de 2012. Consultado o 24 de novembro de 2019.
- Calvin and Hobbes at Don Markstein's Toonopedia. Archived from the original on 13 de abril de 2012.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficialArquivado 20 de novembro de 2019 en Wayback Machine. (en inglés)