Carlos VII de Francia
Carlos VII de Francia o Vencedor ou o Ben Servido, nado en París en 1403 e finado en 1461, foi rei de Francia (1422 - 1461).
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Orixes familiares
[editar | editar a fonte]Fillo máis novo do rei Carlos VI de Francia e Isabel de Baviera. Era neto pola liña paterna do rei Carlos V de Francia e Xoana de Borbón, e pola liña materna do duque Estevo III de Baviera e Taddea Visconti. Cos matrimonios das súas irmás emparentou cos reis Ricardo II de Inglaterra e Henrique V de Inglaterra así como co duque Filipe III de Borgoña.
Orixe dos seus alcumes
[editar | editar a fonte]Carlos VII é coñecido polo vitorioso grazas á súa vitoria sobre os ingleses na Guerra dos Cen Anos, así como ben servido pola súa habilidade para rodearse dos mellores conselleiros e facerse valer deles para lograr as súas vitorias.
Os primeiros anos
[editar | editar a fonte]En 1418, catro anos antes da morte do seu pai, o novo delfín tivo que se facer cargo da rexencia aos quince anos debido á delicada saúde mental do seu pai.
Ao ano seguinte, o mozo rexente viu como os partidarios do seu pai asasinaban ao duque Xoán I de Borgoña, curmán do rei francés, que se sublevara contra o propio rei e apoiara a presenza inglesa en Francia.
En 1420 polo Tratado de Troyes, enmarcado na Guerra dos Cen Anos, Carlos VI de Francia recoñeceu a Henrique V de Inglaterra como o herdeiro lexítimo do reino e desherdou aos seus fillos. Así Filipe III de Borgoña, fillo de Xoán I, conseguiu facer valer as acusacións contra o delfín de ter conspirado, manobrado, incitado, preparado, dirixido e instigado ao asasinato do seu pai.
Morte de Carlos VI de Francia
[editar | editar a fonte]Á morte do seu pai, un baleiro apodérase de Francia. Dous reis loitaron polo trono, Carlos VII como lexítimo herdeiro e Henrique VI de Inglaterra como herdeiro do seu pai Henrique V, lexitimado polo Tratado de Troyes: os armagnacs contra os borgoñóns.
Daquela o delfín Carlos estaba baixo a tutela de Iolanda de Aragón. Ela, partidaria dos Armagnac, opúxose ás pretensións da raíña viúva Isabel de Baviera de devolvelo á corte de París. Xoán de Lancaster, irmán de Henrique V, gobernou como rexente en Inglaterra e puxo sitio á cidade de Orleans.
Iolanda de Aragón mantivo ao delfín Carlos o máis lonxe posíbel da súa familia e prometeuno coa súa propia filla María. Iolanda de Aragón permitiu que unha xove doncela francesa visitase o delfín no castelo de Chinon o 25 de febreiro de 1429. Esta doncela, chamada Xoana de Arco, convenceu a Carlos de Francia para que lle permitise dirixir un exército contra Orleans para levantar o cerco.
A partir dese momento, Xoana de Arco converteuse na valedora do trono do xove delfín. Cos seus éxitos logrou levantar o cerco de Orleans e pola batalla de Patay o 17 de xullo de 1429 Carlos foi coroado rei na catedral de Reims. Un ano despois Xoana de Arco foi capturada polos ingleses, xulgada e queimada na fogueira.
Henrique VI de Inglaterra é francófilo e pacifista e tiña a soberanía sobre París e Normandía. En 1435, o duque Filipe III de Borgoña deixou a alianza cos ingleses e aliouse con Carlos VII de Francia, curmán seu no Tratado de Arras[1], e reorganizou o reino. Con esta axuda conseguiu expulsar aos ingleses da cidade de París, deixando nas súas mans Montreau, que foi tomada en 1437[2], e Pontoise, que caeu en 1441[3].
O rei Carlos VII asumiu unha actitude e unha posición enérxica. Esnaquizou o movemento revolucionario da "Praguería", iniciado polos nobres contra o seu poder totalitario. Entre 1444 e 1453 conseguiu, coa axuda do exército, liberar a Francia do poder inglés, agás o enclave de Calais.
Matrimonios e descendentes
[editar | editar a fonte]En 1422 casou con María de Anjou, filla de Lois II de Anjou e Iolanda de Aragón. Desta unión naceron:
- O Príncipe Lois XI de Francia (1423 - 1483), rei de Francia.
- Príncipe Xoán de Francia (1424 - 1425).
- Princesa Radegunda de Francia (1428 - 1444).
- Princesa Catarina de Valois (1428 - 1446), casada en 1440 co duque Carlos I de Borgoña.
- Príncipe Xaime de Francia (1432 - 1437).
- Princesa Iolanda de Valois (1434 - 1478), casada en 1452 co duque Amadeu IX de Savoia.
- Princesa Xoana de Valois (1435 - 1482), casada en 1452 con Xoán II de Borbón.
- Princesa Margarida de Francia (1437 - 1438).
- Princesa María de Francia (1438 - 1439).
- Princesa Xoana de Francia (1438 - 1446).
- Princesa Magdalena de Francia (1443 - 1486), casada en 1462 con Gastón III de Castellbò.
- Príncipe Carlos de Valois (1446 - 1472), duque de Berry e Normandía.
Carlos VII morreu o 22 de xullo de 1461 en Mehun-sur-Yèvre, departamento de Cher, e foi enterrado na catedral de Saint-Denis.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Tilley, Arthur Augustus (2010). Medieval France: A Companion to French Studies (en inglés). Cambridge University Press. p. 135. ISBN 1108017150.
- ↑ Michelet, Jules (1857). History of France, Volume 2 (en inglés). G. H. Smith. p. 181.
- ↑ "Le siege de Pontoise en 1441" (PDF). Memoires (Société Historique et Archeologique de Pontoise). vol.IX: 48. 1886.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carlos VII de Francia |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Allmand, Christopher (2014). Henry V. Yale University Press.
- Ashdown-Hill, John (2016). The Private Life of Edward IV. Amberley Publishing. ISBN 978-1445652450.
- Fletcher, Stella (2013). The Longman Companion to Renaissance Europe, 1390-1530. Routledge. ISBN 978-1138165328.
- Hanawalt, Barbara (1998). The Middle Ages: An Illustrated History. New York: Oxford University Press. ISBN 0-19-510359-9.
- Taylor, Aline (2001). Isabel of Burgundy: The Duchess who played Politics in the Age of Joan of Arc, 1397–1471. Madison Books. ISBN 1-56833-227-0.
- Pernoud, R.; Clin, M. (1999). Joan of Arc: her story. Traducido por Jeremy Adams. St. Martin's Griffin. ISBN 978-0-312-22730-2.
- Vale, M. (1 October 1974). Charles VII. University of California Press. ISBN 978-0-520-02787-9.
- Wagner, J. (2006). Encyclopedia of the Hundred Years War (PDF). Greenwood Press. ISBN 978-0-313-32736-0. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 July 2018.
- Ward, A.W.; Prothero, G.W.; Leathes, Stanley, eds. (1934). The Cambridge Modern History. Cambridge at the University Press.
- Wylie, James Hamilton (1914). The Reign of Henry the Fifth: 1413-1415. Cambridge University Press.