Saltar ao contido

Elrond

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Elrond (en élfico Bóveda de estrelas) é un medio elfo, un personaxe pertencente á saga d'O Señor dos Aneis a quen corresponde unha pequena parte na historia d'O Silmarillion. Chamado o Medio Elfo, Elrond era fillo de Eärendil e Elwing e bisneto de Beren e Lúthien. O irmán de Elrond era Elros Tar-Minyatur, o primeiro dos Altos Reis de Númenor. Ó finalizar a Primeira Idade, ós fillos de Eärendil permitíuselles escoller a que liñaxe pertencer. Elros decidiu compartir o destino dos homes, e foi elixido rei das Tres Casas dos Homes e dirixiu ó seu pobo a Númenor. Elrond, en cambio, preferiu ser contado entre os Primeiros Nados, os Elfos, e ficou na Terra Media, como heraldo de Ereinion Gil-galad, o último dos altos reis dos Noldor.

Dise que Elrond era o máis sabio entre os Eldar excepto quizais Galadriel. Era un gran mestre da ciencia e un poderoso guerreiro, que en máis dunha ocasión encarou a Sauron, primeiro na invasión de Eriador, fronte ás portas de Eregion, e por último en Mordor.

Elrond casou con Celebrían, filla de Celeborn e Galadriel, e deles naceron Elladan, Elrohir, que eran irmáns xemelgos e, posteriormente, Arwen, chamada Undómiel.

Ó finalizar a Primeira Idade, a maioría dos Noldor exiliados regresaron a Aman. Porén, Gil-galad, e moitos con el, quedaron na Terra Media. Elrond, Galadriel e outros señores dos Noldor escolleron quedar, pois a Terra Media era fermosa e non querían despedirse aínda dela.

Durante a Segunda Idade, Sauron volveu a manifestarse e foi primeiro entre os Elfos Noldorin de Eregion, disfrazado e baixo o nome de Annatar, señor dos dons, e malia que Elrond, Gil-galad e Galadriel aconsellaban precaución, os Gwaith-i-Mírdain aceptárono. Celebrimbor creou os Tres Aneis dos Elfos, e coa axuda de Sauron creou os sete aneis dos ananos e os nove aneis dos homes. Pola súa parte, Sauron creou o Anel Único, que os gobernaba a todos.

Cando se puxo o Anel Único, descubriuse o seu disfrace e as tropas que estaban agardando longamente en Mordor desencadeáronse con toda a súa furia en Eregion. Elrond chegou desde Lindon cun exército, pero Celebrimbor xa estaba morto e só puido reunir ós superviventes e fuxir ó refuxio de Imladris, que escondeu contra as miradas do Inimigo, e onde sufriu un longo asedio.

Antes de partir á Guerra da Última Alianza, Gil-galad confiou Vilya a Elrond, o Anel do Vento e o de maior poder dos Tres Aneis dos Elfos, e nomeouno vicerrexente de Eriador. Porén, Elrond non asumiu o posto de Alto Rei dos Noldor despois da morte de Gil-galad, e os Altos Elfos quedaron sen rei na Terra Media.

Ó acabar a Guerra da Última Alianza, Isildur arrincou o Anel Único da man de Sauron, e Elrond e Círdan recomendáronlle destruílo. Isildur fixo caso omiso dos seus consellos e gardou o Anel para si. A partir daquel momento, Elrond entendeu que Sauron volvería a reaparecer tarde ou cedo, e retirouse a Valfendido mentres o poder dos elfos na Terra Media ía minguando.

Elrond ten unha breve aparición no relato O Hobbit, cando Bilbo Bulseiro e a compañía de Ananos liderada por Thorin pasan por Valfendido na súa viaxe ó leste.

Nos acontecementos que desencadearon a Guerra do Anel, Elrond tivo escasa participación. Na súa casa Erestor, xefe dos Elfos de Valfendido, convocou o Consello de Elrond, no que representantes dos Pobos Libres deliberaron ata decidir que facer co Anel Único e crear a Irmandade do Anel.

Elrond permaneceu en Valfendido ata a destrución do Anel Único. O 29 de setembro do 3021 TI abandonou a Terra Media cos portadores dos Tres Aneis e con Bilbo, Frodo e Gandalf, para vivir no reino de Valinor, nas Terras Imperecedoiras.

Película

[editar | editar a fonte]
Hugo Weaving.

Na película de Peter Jackson, o actor encargado de interpretalo foi o australiano Hugo Weaving, tamén recoñecible como o Axente Smith na triloxía de películas Matrix.