Saltar ao contido

Escultura do Renacemento

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Escultura renacentista»)
Piedade, obra do Renacemento de Michelangelo.

A escultura do Renacemento enténdese como un proceso de recuperación da escultura da Antigüidade clásica. Os escultores atoparon nos restos artísticos e nos descubrimentos de sitios arqueolóxicos desa época pasada a inspiración perfecta para as súas obras. Tamén se inspiraron na natureza. Neste contexto hai que ter en conta a excepción dos artistas flamengos no norte de Europa, os cales ademais de superar o estilo figurativo do gótico promoveron un Renacemento alleo do italiano, sobre todo no apartado da pintura.[1] O renacer da antigüidade co abandono do medieval, que para Giorgio Vasari «fora un mundo propio de godos»,[2] e o recoñecemento dos clásicos con tódalas súas variantes e matices foi un fenómeno case exclusivamente desenvolvido en Italia. A arte do Renacemento conseguiu interpretar a natureza e traducila con liberdade e con coñecemento en gran multitude de obras mestras.[3]

Características

[editar | editar a fonte]
Camafeo en ágata branca, representando Carlos V, obra italiana do século XVI.
Escultura ecuestre de Bartolomeo Colleoni realizada en bronce por Verrocchio.

A escultura do Renacemento tomou como base e modelo as obras da antigüidade clásica e a súa mitoloxía, cunha nova visión do pensamento humanista e da función da escultura na arte. Como na escultura grega, a representación naturalista do corpo humano espido buscouse cunha técnica moi depurada, grazas ao minucioso estudo da anatomía humana. En Italia convivían os temas profanos cos relixiosos; agás España e Alemaña, onde primaba o tema relixioso.[4]

O corpo humano representaba a beleza absoluta, xa que a correspondencia matemática entre as partes estaba ben definida, e o contrapposto utilizábase constantemente dende Donatello ata Michelangelo. Neste momento produciuse practicamente a liberación da escultura do marco arquitectónico, os relevos foron feitos coas regras da perspectiva e os personaxes mostráronse con expresións dramáticas que provocaron a sensación de gran "terribilidade" nos sentimentos expostos nas esculturas de Michelangelo, como no rostro do seu David.[5]

Un papel fundamental foi a figura dos mecenas, representados pola igrexa e a nobreza que obtiveron, en troques, prestixio social e influencia política, e abranguían todas as materias: relixiosa, retratos mitolóxicos, cotiáns e retratos de personaxes.[6]

No Renacemento reapareceu a glíptica grecorromana, que fora case completamente esquecida durante a Idade Media na talla de pedras preciosas (agás algunhas mostras da arte romana de Oriente), e dende o século XVI labráronse fermosos camefeos de gusto clásico, tan perfectos que ás veces se confunden cos antigos. Malia todo, si que se restabeleceu o uso das tallas de pedras preciosas, tan prezadas polas civilizacións grega e romana. Estes pequenos relevos serviron aos escultores de modelo, unha vez ampliados, para a decoración de grandes medallóns de palacios de Italia e o reino de Francia.[7]

  1. Castelfranchi Vegas, Liana (1996) páx.43
  2. Sureda, Joan, (1988) páx.10
  3. Sureda, Joan, (1988) páx.13.
  4. La Gran Enciclopèdia en català, Volum 7 (2004) Barcelona, Edicions 62, ISBN 84-297-5435-0
  5. Ceysson, Bernard (1996) páx. 70-71
  6. La Gran Enciclopèdia en català, Volum 17 (2004) Barcelona, Edicions 62, ISBN 84-297-5445-8
  7. Ceysson, Bernard (1996), páx. 102

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]