Historia da pintura
A historia da pintura é unha póla da historia da arte que abarca no tempo desde a prehistoria ata o mundo contemporáneo e se estende a todas as diferentes culturas.[1]
A historia da pintura tivo un desenvolvemento cronolóxico e estilístico paralelo en gran medida ao resto das artes plásticas, aínda que con diversas particularidades no tempo e o espazo debidas a numerosos factores, desde os derivados das diversas técnicas e materiais empregados na súa confección ata factores socio-culturais e estéticos, xa que cada pobo e cada cultura desenvolveu ao longo do tempo distintos conceptos de plasmar a imaxe que recibe do mundo circundante.
A pintura é a arte e técnica de crear imaxes a través da aplicación de pigmentos de cor sobre unha superficie, sexa papel, tea, madeira, parede etc. Adóitase dividir en pintura mural (fresco, témpera) ou de cabalete (témpera, óleo, pastel), e igualmente pode clasificarse segundo o seu xénero (retrato, paisaxe, bodegón etc). A pintura foi durante séculos o principal medio para documentar a realidade, reflectindo nas súas imaxes o devir histórico das distintas culturas que se sucederon ao longo do tempo, así como os seus costumes e condicións materiais.
A clasificación da pintura como arte variou ao longo do tempo: na antigüidade era considerada un mero oficio artesanal, mentres que se consideraban actividades artísticas as relacionadas co intelecto. Galeno dividiu no século II a arte en artes liberais e artes vulgares, segundo se tiñan unha orixe intelectual ou manual: entre as liberais atopábanse a gramática, a retórica e a dialéctica -que formaban o trivium-, e a aritmética, a xeometría, a astronomía e a música -que formaban o quadrivium-; as vulgares incluían a arquitectura, a escultura e a pintura, pero tamén outras actividades que hoxe se consideran artesanía..[2] Non foi ata o século XVI que empezou a considerarse que a arquitectura, a pintura e a escultura eran actividades que requirían non só oficio e destreza, senón tamén un tipo de concepción intelectual que as facían superiores a outros tipos de manualidades. Iniciabase así o concepto moderno de arte, que durante o Renacemento adquiriu o nome de arti do disegno (artes do deseño), por canto comprendían que esta actividade -o deseñar- era a principal na xénese das obras de arte.[3] Para rematar, en 1746, Charles Batteux estableceu en As belas artes reducidas a un único principio a concepción actual de belas artes, concepto que fixo fortuna e chegou ata a actualidade.[4]
Na historia da pintura é primordial o estudo dos estilos artísticos: cada período histórico gozará dunhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que irán evolucionando co devir dos tempos. De aí xorden os diversos estilos, que poden ter un orixe xeográfico ou temporal, ou ata reducirse á obra dun artista en concreto, a condición de que se produzan unhas formas artísticas claramente definitorias. Actualmente enténdese como estilo aquela calidade que identifica a forma de traballar, de expresarse ou de concibir unha obra de arte por parte do artista, ou ben, en sentido máis xenérico, dun conxunto de artistas ou obras que teñen diversos puntos en común, agrupados xeográfica ou cronoloxicamente.[5]
Tamén cabe ter en consideración para o estudo histórico da pintura a súa clasificación en diversos xéneros: un xénero artístico é unha especialización temática en que se adoitan dividir as diversas artes. Na actualidade considéranse como principais xéneros pictóricos: retrato e autorretrato, espido, bodegón e vanidades, paisaxe e mariña, pintura de mitoloxía, pintura de historia, pintura relixiosa e pintura de xénero.[6] Para rematar, cabo ter en conta os distintos procedementos técnicos empregados en pintura: acrílico, técnica pictórica onde ao colorante engádeselle un aglutinante plástico; acuarela, técnica realizada con pigmentos transparentes diluídos en auga, con aglutinantes como a goma arábiga ou o mel, usando como branco o do propio papel; augada ou gouache, técnica similar á acuarela, con cores máis espesas e diluídos en auga ou cola mesturada con mel; fresco, realizado sobre un muro revogado de cal húmida e con cores diluídas en auga de cal; miniatura, decoración de manuscritos con láminas de ouro e prata, e pigmentos de cores aglutinadas con cola, ovo ou goma arábiga; óleo, técnica que consiste en disolver as cores nun aglutinante de tipo oleoso (aceite de lináceas, noz, améndoa ou abelá; aceites animais), engadindo augarrás para que seque mellor; pastel, lapis de pigmento de diversas cores minerais, con aglutinantes (caolín, xeso, goma arábiga, látex de figo, cola de peixe, azucre candi etc.), amasado con cera e xabón de Marsella e cortado en forma de barriñas; temple, pintura realizada con cores diluídas en auga temperada ou engrosada con aglutinantes con base de cola (xema de ovo, caseína, cola de figueira, cereixa ou cirola).[7]
Prehistoria
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da pintura na Prehistoria.
A arte prehistórica é a desenvolvida polo ser humano desde a Idade de Pedra (paleolítico, 25.000-8.000 a.C.; mesolítico, 8.000-6.000 a.C.; e neolítico, 6.000-3.000 a.C.) ata a Idade dos Metais (3.000-1.000 a.C.), períodos onde xurdiron as primeiras manifestacións que se poden considerar como artísticas por parte do ser humano.
Paleolítico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pintura paleolítica.
O paleolítico tivo as súas primeiras manifestacións artísticas ao redor do 25.000 a.C., tendo o seu apoxeo no período magdaleniano (±15.000-8.000 a.C.). As primeiras manifestacións pictóricas aparecen en covas -a chamada pintura rupestre-, como medio de expresar a interrelación entre o ser humano primitivo e a natureza. Como material pictórico utilizaban principalmente vermello de óxido de ferro, negro de óxido de manganeso e ocre de arxila. A pintura rupestre desenvolveuse principalmente na rexión franco-cantábrica: son pinturas de carácter máxico-relixioso, de sentido naturalista, con representación de animais, destacando as covas de Altamira, Tito Bustillo, Trois Frères, Chauvet e Lascaux.[8]
Neolítico
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Arte neolítico.
Este período -iniciado ao redor do 8.000 a.C. no Próximo Oriente- supuxo unha profunda transformación para o antigo ser humano, que se volveu sedentario e dedicouse á agricultura e a gandería, xurdindo novas formas de convivencia social e desenvolvéndose a relixión. Na pintura levantina -datada entre o mesolítico e o neolítico- deuse a figura humana, moi esquematizada, con notables exemplos en El Cogul, Valltorta, Alpera e Minateda. Tamén se deu este tipo de pintura no norte de África (Atlas, Sáhara) e na zona do actual Cimbabue. A pintura neolítica adoitaba ser esquemática, reducida a trazos básicos (o home en forma de cruz, a muller en forma triangular). Son de destacar igualmente as pinturas rupestres do Río Pinturas na Arxentina, especialmente na Cueva de las Manos.[9]
Arte antiga
[editar | editar a fonte]Mesopotamia
[editar | editar a fonte]Son moi poucos os exemplos conservados da pintura mesopotámica, destacando sobre todo a pintura ao fresco nos templos, con escenas relixiosas e mitolóxicas. A policromía de estatuas e relevos perdeuse na súa maior parte; mentres que os frescos non son tan abundantes como na pintura exipcia e só aparecen excepcionalmente (palacio de Zimri-Lim en Mari -século XVIII a. C.-, palacio de recreo de Teglatfalasar III en Til Barsip -século VIII a. C.-)[10]
Exipto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Historia da pintura en Exipto.
En Exipto xurdiu unha das primeiras grandes civilizacións, con obras de arte elaboradas e complexas que supoñen xa unha especialización profesional por parte do artista/artesán. A súa arte era intensamente relixiosa e simbólica, cun poder político fortemente centralizado e xerarquizado, outorgando unha gran relevancia ao concepto relixioso de inmortalidade. Iniciado ao redor do 3.000 a.C., a arte exipcia perdurou ata a conquista de Alexandre o Grande, aínda que a súa influencia persistiu na arte copta e no bizantino.
A pintura exipcia caracterízase principalmente por presentar figuras xuxtapostas en planos superpostos. As imaxes representábanse con criterio xerárquico, por exemplo: o faraón ten un tamaño máis grande que os súbditos ou os inimigos que están ao seu lado. Predominaba o canon de perfil, que consistía en representar a cabeza e as extremidades de perfil pero os ombreiros e os ollos de fronte.[11]
- Véxase tamén: Historia da pintura en Creta.
Grecia
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pintura da Antiga Grecia.
En Grecia desenvolvéronse as principais manifestacións artísticas que marcaron a evolución da arte occidental, cun estilo baseado na natureza e no ser humano, onde preponderaba a harmonía e o equilibrio, a racionalidade das formas e os volumes, e un sentido de imitación («mímese») da natureza que sentaron as bases do chamado arte clásica. Tras uns inicios onde destacaron as culturas minoica e micénica, a arte grega desenvolveuse en tres períodos: arcaico, clásico e helenística.
A pintura grega desenvolveuse sobre todo na cerámica, en escenas cotiás ou de temática histórica ou mitolóxica. Adóitase estabelecer dúas épocas, en función da técnica utilizada na confección de cerámica pintada: «figuras negras sobre fondo vermello» (ata o século VI a.C.) e «figuras vermellas sobre fondo negro» (desde o século VI a.C.). Aínda que non chegaron numerosas mostras ata a actualidade, tense constancia por fontes históricas do nome de varios famosos pintores gregos, como Zeuxis, Apeles, Parrasio, Eufranor, Polignoto etc.[12]
Roma
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Pintura da Antigua Roma.
Cun claro precedente na arte etrusca, a arte romana recibiu unha grande influencia da arte grega. Grazas á expansión do Imperio Romano, a arte clásica grecorromana chegou a case todos os recunchos de Europa, norte de África e Próximo Oriente, sentando a base evolutiva da futura arte desenvolvida nestas zonas.
A pintura romana é coñecida sobre todo polos restos achados en Pompeia, onde se perciben catro estilos: o de incrustación, que imita o revestimento en mármore; o arquitectónico, chamado así por simular arquitecturas; o ornamental, con arquitecturas fantásticas, grilandas e puttos; e o fantástico, mestura dos dous anteriores, con paisaxes imaxinarias, variadas formas arquitectónicas e escenas mitolóxicas.[13]
Idade Media
[editar | editar a fonte]Idade Moderna
[editar | editar a fonte]Idade Contemporánea
[editar | editar a fonte]O século XX
[editar | editar a fonte]- Dadaísmo
- Postimpresionismo
- Puntillismo
- Fauvismo
- Expresionismo
- Cubismo
- Neocubismo
- Abstracción
- Surrealismo
- Pop
- Hiperrealismo
- Rectoversión
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Bruce Cole; Adelheid M. Gealt (15 de decembro de 1991). Simon and Schuster, ed. Art of the Western World: From Ancient Greece to Post Modernism. ISBN 978-0-671-74728-2. Consultado o 8 de setembro de 2011.
- ↑ Tatarkiewicz (2000), vol. I, p. 318.
- ↑ Tatarkiewicz (2002), p. 45.
- ↑ Tatarkiewicz (2002), p. 46-48.
- ↑ Souriau (1998), p. 540-541.
- ↑ Souriau (1998), p. 612.
- ↑ Fuga (2004), p. 92-132.
- ↑ Honour-Fleming (2002), p. 36-44.
- ↑ Onians (2008), p. 20-25.
- ↑ Mesopotamian art... - Painting... en Britannica.
- ↑ Azcárate (1983), p. 29-34.
- ↑ Azcárate (1983), p. 64-74.
- ↑ Azcárate (1983), p. 76-88.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Historia da pintura |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- AA.VV. (1991). Enciclopedia del Arte Garzanti. Barcelona: Ediciones B. ISBN 84-406-2261-9.
- Abad Carlés, Ana (2004). Historia del ballet y de la danza moderna. Alianza Editorial, Madrid. ISBN 84-206-5666-6.
- Azcárate Ristori, José María de; Pérez Sánchez, Alfonso Emilio; Ramírez Domínguez, Juan Antonio (1983). Historia del Arte. Anaya, Madrid. ISBN 84-207-1408-9.
- Beltrando-Patier, Marie-Claire (1996). Historia de la música. Espasa, Madrid. ISBN 84-239-9610-7.
- Chilvers, Ian (2007). Diccionario de arte. Alianza Editorial, Madrid. ISBN 978-84-206-6170-4.
- Cirlot, Lourdes (1990). Las últimas tendencias pictóricas. Ed. Vicens-Vives, Barcelona. ISBN 84-316-2726-3.
- Dempsey, Amy (2002). Estilos, escuelas y movimientos. Blume, Barcelona. ISBN 84-89396-86-8.
- Fuga, Antonella (2004). Técnicas y materiales del arte. Electa, Barcelona. ISBN 84-8156-377-3.
- González, Antonio Manuel (1991). Las claves del arte. Últimas tendencias. Planeta, Barcelona. ISBN 84-320-9702-0.
- Honour, Hugh y Fleming, John (2002). Historia mundial del arte. Ed. Akal, Madrid. ISBN 84-460-2092-0.
- Lázaro Carreter, Fernando y Tusón, Vicente (1982). Literatura española. Anaya, Madrid. ISBN 84-207-1758-4.
- Lladó, Mariantònia y García, Montserrat (1999). Breu història de la literatura universal. La Magrana, Barcelona. ISBN 84-8264-198-0.
- Oliva, César y Torres Monreal, Francisco (2002). Historia básica del arte escénico. Cátedra, Madrid. ISBN 84-376-0916-X.
- Onians, John (2008). Atlas del arte. Ed. Blume, Barcelona. ISBN 978-84-9801-293-4.
- Porter, Miquel y González, Palmira (1988). Las claves de la historia del cine. Ariel, Barcelona. ISBN 84-344-0453-2.
- Riquer, Martín de y Valverde, José María (2007). Historia de la literatura universal I. Gredos, Madrid. ISBN 978-84-249-2875-9.
- Riquer, Martín de y Valverde, José María (2007). Historia de la literatura universal II. Gredos, Madrid. ISBN 978-84-249-2876-6.
- Robertson, Alec y Stevens, Denis (2000). Historia general de la música I. De las formas antiguas a la polifonía. Istmo, Madrid. ISBN 84-7090-034-X.
- Sougez, Marie-Loup (2007). Historia general de la fotografía. Cátedra, Madrid. ISBN 978-84-376-2344-3.
- Souriau, Étienne (1998). Diccionario Akal de Estética. Akal, Madrid. ISBN 84-460-0832-7.
- Tatarkiewicz, Władysław (2000). Historia de la estética I. La estética antigua. Madrid: Akal. ISBN 84-7600-240-8.
- Tatarkiewicz, Władysław (2002). Historia de seis ideas. Madrid: Tecnos. ISBN 84-309-3911-3.