Libertario
Libertario ou libertaria é unha palabra usada como sinónimo de anarquista. Foi empregada por primeira vez polo francés Joseph Déjacque, contemporáneo de Pierre Joseph Proudhon (o primeiro autodenominado anarquista). Vén da palabra liberdade, e pode interpretarse como partidario da liberdade.
Etimoloxía do termo
[editar | editar a fonte]O termo francés "Libertaire" foi creado por Joseph Déjacque, militante e escritor anarquista, por oposición a «liberal». O neoloxismo, construído seguindo un modelo usado tamén polos socialistas utópicos e socialistas en termos como proletario ou igualitario aparece por primeira vez nunha carta aberta a Proudhon,[1][2]"De l’Être-Humain mâle et femelle - Lettre à P. J. Proudhon", publicada en Nova Orleáns en maio de 1857. Joseph Déjacque opúñase á postura de Proudhon, que percibía como misóxina, acusándoo de «anarchiste juste-milieu, libéral et non LIBERTAIRE...» ("anarquista a medias, liberal e non libertario"). Contra o conservadorismo machista que segundo Déjacque supuña Proudhon, Déjacque revindicaba a paridade das mulleres e a liberdade sexual como proposta e práctica consecuente cunha tendencia anarquista.
Joseph Déjacque utilizou este termo como título dun periódico que se editou en Nova York de xuño de 1858 a febreiro de 1861, "Le Libertaire, Journal du mouvement social", título do que se farían eco numerosas publicacións posteriores. É no último cuarto do século XIX cando o termo se populariza entre os socialistas antiautoritarios, que o adoptan para designar as teorías e prácticas do anarquismo.
A palabra foi volta a empregar e popularizada por Sebastián Faure en Francia ó empezar a dictarse en Europa e logo nos Estados Unidos leis antianarquistas, xa que con tal palabra podían evadir os controles das autoridades. Deste modo libertario converteuse en sinónimo de anarquista nas principais linguas.
Ocasionalmente, emprégase incorrectamente o termo libertario para designar toda actitude ou corrente ideolóxica que se aproxime nas súas ideas ó anarquismo, para catalogar a todo aquilo que, sendo similar, non chega a ser aínda abertamente anarquista, o que se opón por igual tanto ó réxime estadista como ó capitalista e que asume posturas antiautoritarias en múltiples aspectos da vida humana. Pódese dicir que neste caso "libertario" é un máis ou menos inapropiado sinónimo de socialista ou comunista libertario, ou mesmo de ideoloxías afíns como o marxismo libertario ou o comunismo consellista de pensadores como Rosa Luxemburg ou Karl Liebknecht.
Outros sinónimos de libertario, nos sentidos descritos, son anarquizante, anarcoide, antiautoritario etc. Non se debe confundir con libertariano nin con liberal.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "De l’Être-Humain mâle et femelle - Lettre à P. J. Proudhon" Carta de Déjacque a Proudhon (en francés)
- ↑ "De l’Être-Humain mâle et femelle - Lettre à P. J. Proudhon" Arquivado 10 de novembro de 2007 en Wayback Machine. (fragmento en castelán da carta de Déjacque a Proudhon)