Mark Knopfler
Mark Freuder Knopfler, nado o 12 de agosto de 1949, é un cantante, compositor, guitarrista e produtor musical británico. Nado en Escocia e criado en Inglaterra, foi o guitarrista principal, cantante e compositor da banda de rock Dire Straits. Dedicouse á súa carreira en solitario tras a disolución da banda en 1988. Dire Straits reuniuse de novo en 1990, mais disolveuse outra vez en 1995; Knopfler agora é un artista independente.
Naceu en Glasgow, Escocia, e foi criado en Blyth, preto de Newcastle, en Inglaterra, desde que tiña sete anos. Após se graduar na Universidade de Leeds e traballar durante tres anos de profesor universitario, Knopfler fundou Dire Straits co seu irmán máis novo, David Knopfler. A banda gravou seis álbums, incluíndo Brothers in Arms (1985), un dos discos máis vendidos da historia. Despois de se disolver en 1995, Knopfler empezou unha carreira en solitario e ten producido nove álbums.[1] Ten composto e producido bandas sonoras para nove filmes, incluíndo Local Hero (1983), Cal (1984), The Princess Bride (1987), Wag the Dog (1997) e Altamira (2016).[2] Ten producido álbums para Tina Turner, Bob Dylan e Randy Newman.
Descrito por Classic Rock como un virtuoso,[3] Knopfler é un guitarrista de fingerstyle e foi colocado no cuadraxésimo cuarto posto na listaxe dos cen mellores guitarristas da historia da revista Rolling Stone.[4] En 2009 el e Dire Straits venderan máis de 120 millóns de discos.[5][6] Gañador de catro premios Grammy, Knopfler foi galardoado co premio Edison, o premio Steiger e o premio Ivor Novello, ademais de lle seren outorgados tres doutorados honorarios en música por universidades no Reino Unido.[7][8] Knopfler foi admitido no Salón da Fama do Rock como membro de Dire Straits en 2018.[9]
Xuventude (1949—1976)
[editar | editar a fonte]Mark Freuder Knopfler naceu o 12 de agosto de 1949 en Glasgow, Escocia, de nai inglesa, Louisa Mary (Laidler de solteira) e de pai xudeu húngaro, Erwin Knopfler.[10][11][12][13][14] A súa nai era mestra e o seu pai era un arquitecto e xogador de xadrez que deixou a súa Hungría natal en 1939 para escapar dos nazis.[15] Knopfler describiu máis tarde o seu pai como un marxista agnóstico.[16]
A familia Knopfler viviu na área de Glasgow onde naceu David, o irmán novo de Mark, o 27 de decembro de 1952. A irmá vella de Mark, Ruth, naceu en Newcastle, onde casaron os seus pais en 1947.[17] A familia mudouse a Blyth, a cidade natal da nai de Knopfler, preto de Newcastle, no Nordeste de Inglaterra, cando el tiña sete anos. Mark foi á escola primaria de Bearsden en Escocia durante dous anos; ambos irmáns foron ao instituto Gosforth en Newcastle.
Inspirado inicialmente pola harmónica do seu tío Kingsley e o estilo de piano boogie-woogie, Mark familiarizouse rapidamente con moitos estilos musicais. A pesar de lle insistir ao seu pai para que lle comprara unha cara guitarra eléctrica Fender Stratocaster Fiesta Red como a de Hank Marvin, tivo que conformarse cunha Höfner Super Solid de duplo captador de 50£, máis acorde cos ingresos familiares.[18]
En 1963, cando tiña 13 anos, aceptou un traballo os sábados no xornal Evening Chronicle de Newcastle por seis xilins con seis peniques. Alí coñeceu o vello poeta Basil Bunting, quen era editor do xornal.[19] Os dous tiñan pouco que dicirse entre eles, mais en 2015 Knopfler escribiu unha canción no seu honor.
Nesta época Knopfler viaxou polo país maiormente á bolea, ademais de facelo tamén por Europa unhas cantas veces.[20]
Na década de 1960 formou e uniuse a varias bandas e escoitaba música como a do Elvis Presley e a de guitarristas como Chet Atkins, Scotty Moore, B.B. King, Django Reinhardt, Hank Marvin e James Burton. Con dezaseis anos fixo unha aparición na televisión local como parte dun dúo harmónico coa súa compañeira de aula Sue Hercombe.[18]
En 1967, após estudar Periodismo durante un ano no Harlow College,[18][21] Knopfler foi contratado como reporteiro novel en Leeds para o Yorkshire Evening Post.[22] Nesta etapa coñeceu un restaurador de mobles local, entusiasta do country blues e intérprete a media xornada Steve Phillips, un ano máis vello ca el, de cuxa colección de discos e estilo de tocar a guitarra Knopfler adquiriu un enorme coñecemento dos primeiros artistas de blues e os seus estilos. Os dous formaron un dúo chamado The Duolian String Pickers e tocaron en sitios locais de folk e blues acústico. Dous anos despois Knopfler decidiu ampliar a súa educación e graduouse máis tarde en Inglés na Universidade de Leeds.[23] En abril de 1970, mentres vivía en Leeds, gravou a demo dunha canción orixinal súa, "Summer's Coming My Way". A gravación contaba con Knopfler (guitarra e voz), Steve Phillips (segunda guitarra), Dave Johnson (baixo) e Paul Granger (percusión). Johnson, Granger e o vocalista Mick Dewhirst tocaron con Knopfler nunha banda chamada Silverheels; Phillips uniríase máis tarde a Knopfler de novo no efémero proxecto paralelo a Dire Straits The Notting Hillbillies.
Despois de se graduar en 1973, Knopfler mudouse a Londres e uniuse a unha banda de High Wycombe chamada Brewers Droop, participando no álbum The Booze Brothers.[24] Unha noite, mentres estaba con amizades, só había dispoñíbel unha vella guitarra acústica co brazo moi cambado e con cordas moi finas para poder ser tocada. Aínda así, só foi capaz de tocala cos dedos, desenvolvendo así o seu particular estilo de tocar. Nunha entrevista posterior dixo que «Aí foi cando atopei a miña "voz" na guitarra». Tras un curto período con Brewers Droop, Knopfler aceptou un traballo como profesor no Loughton College en Essex, posto que mantivo durante tres anos. Durante este tempo continuou a tocar con bandas de pubs locais, incluíndo Café Racers.
A mediados da década de 1970, Knopfler concentrou moitos dos seus esforzos musicais no seu grupo Café Racers. O seu irmán mudouse a Londres, onde compartía un piso con John Illsley, un guitarrista que se cambiara ao baixo. En abril de 1977, Mark marchou do seu piso en Buckhurst Hill e mudouse con David e John. Os tres comezaron a tocar música xuntos e Mark convidou rapidamente a John a se unir a Café Racers.[25]
Carreira
[editar | editar a fonte]Dire Straits (1977–1995)
[editar | editar a fonte]As primeiras demos de Dire Straits foron gravadas en tres sesións en 1977, con David Knopfler de guitarrista rítmico, John Illsley de baixista e Pick Withers de batería. O 27 de xullo de 1977 gravaron en cinta as demos de cinco cancións: "Wild West End", "Sultans of Swing", "Down to the Waterline", "Sacred Loving" (unha canción de David Knopfler) e "Water of Love". Máis tarde gravaron "Southbound Again", "In the Gallery" e "Six Blade Knife" para BBC Radio London e, finalmente, o 9 de novembro fixeron as demos de "Setting Me Up", "Eastbound Train" e "Real Girl". Moitas destas cancións baseábanse nas experiencias de Knopfler en Newcastle, Leeds e Londres, e foron incluídas no seu primeiro álbum, o epónimo Dire Straits, sacado á venda o ano seguinte."Down to the Waterline" lembraba imaxes da vida en Newcastle; "In the Gallery" é un tributo a un artista e escultor de Leeds chamado Harry Phillips (pai de Steve Phillips); e "Lions", "Wild West End" e "Eastbound Train" foron tiradas dos primeiros días de Knopfler na capital inglesa.
No lanzamento inicial, o álbum Dire Straits foi recibido con pouco estusiasmo no Reino Unido, mais cando "Sultans of Swing" foi publicada como un sinxelo converteuse un éxito nos Países Baixos e as vendas do disco disparáronse, primeiro por Europa e despois nos Estados Unidos e no Canadá e, finalmente, no Reino Unido. O segundo álbum do grupo, Communiqué, producido por Jerry Wexler e Barry Beckett, seguiuno en 1979.
O seu terceiro álbum, Making Movies, lanzado en 1980, moveuse cara a uns arranxos e unha produción máis complexa, o cal continuou durante a carreira restante da banda. O álbum incluíu moitas das composicións máis persoais de Mark Knopfler, especialmente "Romeo and Juliet" e "Tunnel of Love".
Houbo cambios frecuentes na formación da banda tras Making Movies, con Mark Knopfler, John Illsley e o teclista Alan Clark como únicos membros constantes.
O seguinte álbum de estudio foi Love Over Gold, publicado en 1982. Este contén as cancións "Private Investigations", "Telegraph Road", "Industrial Disease", "It Never Rains" e "Love Over Gold", a cal dá nome ao álbum.
Con Love Over Gold aínda nas listaxes clasificatorias de discos, a banda lanzou un EP de catro cancións titulado ExtendedancEPlay a comezos de 1983. Incluíndo o exitoso sinxelo "Twisting by the Pool", esta foi a primeira produción da banda que contou co novo batería Terry Williams, quen anteriormente fixera parte de Rockpile e de Man e que substituíu a Pick Withers en novembro de 1982. A seguir tivo lugar a xira de oito meses Love over Gold Tour, a cal rematou con dous concertos coas entradas agotadas no Hammersmith Odeon londiniense os días 22 e 23 de xullo de 1983. En marzo de 1984 foi lanzado o duplo álbum Alchemy Live, o cal recolle as gravacións destas dúas actuacións finais. Tamén foi publicado en VHS e chegou ao número tres na UK Albums Chart, alén de ser reeditado en formato DVD e Blu-Ray no 2010.
Durante 1983 e 1984, Knopfler estivo tamén involucrado en outros proxectos como escribir e producir a banda sonora do filme Local Hero, a cal foi un grande éxito[26] e foi seguida en 1984 polas súas composicións para os filmes Cal e Comfort and Joy. Durante esta época tamén produciu o álbum Infidels de Bob Dylan, así como Knife de Aztec Camera. Tamén escribiu a canción "Private Dancer" para o álbum homónimo de regreso de Tina Turner. Aparece tamén canción "She Means Nothing to Me" de Phil Everly e Cliff Richard, incluída no álbum Phil Everly de 1983.
O quinto disco de estudio de Dire Straits, Brothers in arms, foi o máis exitoso con diferenza, gravado nos Air Studios de Montserrat e lanzado en maio de 1985. Converteuse nun éxito de vendas internacional que xa leva vendidas máis de 30 millóns de copias en todo o mundo, sendo o cuarto álbum máis vendido na historia das listaxes británicas.[27][28] Brothers in Arms figurou en varias listaxes de sinxelos, incluíndo o número 1 nos Estados Unidos "Money for Nothing", cuxo vídeo foi o primeiro en ser retransmitido na MTV británica. Foi tamén o primeiro compact disc en vender un millón de copias e acredítaselle a introdución do formato CD, xa que tamén foi un dos primeiros CD tipo DDD xamais lanzados.[29] Outros sinxelos de éxito foron "So Far Away", "Walk of Life" e a canción que dá título ao álbum. A banda embarcouse entre 1985 e 1986 na xira mundial Brothers in Arms, con máis de 230[18] concertos de moi alta asistencia.
Após isto, Dire Straits parou de traballar durante un tempo, xa que Knopfler se concentrou principalmente nas bandas sonoras. Uniuse ao grupo benéfico Ferry Aid en "Let It Be" a raíz do desastre do transbordador de Zeebrugge. A canción alcanzou o número 1 nas listaxes de sinxelos do Reino Unido en marzo de 1987. Knopfler escribiu a banda sonora para o filme A princesa prometida, lanzado a finais de 1987.
Mark Knopfler tamén fixo parte nun número cómico do programa French and Saunders titulado The Easy Guitar Book Sketch ('a sátira do libro de tablaturas') co cómico Rowland Rivron e colegas como David Gilmour, Lemmy, Mark King e Gary Moore. Phil Taylor explicou nunha entrevista que Knopfler usou o equipo de Gilmour e conseguiu o seu son persoal cando tocou no número.[30]
Dire Straits uniuse de novo o 11 de xuño de 1988 para a homenaxe ao 70.º aniversario de Nelson Mandela, un concerto que tivo lugar no estadio de Wembley e que eles mesmos encabezaron, acompañados de Elton John e Eric Clapton,[31] sendo este último xa un grande amigo de Knopfler para aquel momento. Pouco tempo despois, o batería Terry Williams deixou a banda. En 1988, Mark Knopfler anunciou a disolución oficial de Dire Straits, alegando que "necesitaba un descanso".[32] En outubro de 1988 foi lanzado un disco de recompilación, Money for Nothing, chegando ao número un no Reino Unido.[33]
En 1989 Knopfler fundou The Notting Hillbillies,[18] unha banda na outra punta do espectro comercial. Inclinábase cara a un estilo de música de raíces estadounidenses: folk, blues e country. Os membros da banda incluían o teclista Guy Fletcher, con Brendan Croker e Steve Phillips. Tanto para o álbum como para a xira contaron coa presenza de Paul Franklin no pedal steel. O único disco de estudio de The Notting Hillbillies, Missing... Presumed Having a Good Time, foi lanzado en 1990 e Knopfler xirou con eles o resto do ano. Afondou aínda máis as súas influencias da música country coa súa colaboración en 1990 con Chet Atkins no álbum Neck and Neck, o cal gañou tres premios Grammy. The Notting Hillbillies xiraron polo Reino Unido a comezos de 1990 nun número limitado de concertos. Nesta xira discreta a banda ateigou recintos pequenos como a universidade de Newcastle.
En 1990, Knopfler, John Illsley e Alan Clark tocaron como Dire Straits no festival Knebworth, xunto con Eric Clapton, Ray Cooper e o guitarrista Phil Palmer, quen nese momento facía parte da banda de Eric Clapton. En xaneiro do ano seguinte, Knopfler, John Illsley e o representante Ed Bicknell decidiron refundar Dire Straits. Knopfler, Illsley, Alan Clark e Guy Fletcher comezaron a gravar o que resultaría ser o seu último álbum de estudio, acompañados do músico acompañante Phil Palmer, o guitarrista de pedal steel Paul Franklin, o percusionista Danny Cummings e o batería de Toto Jeff Porcaro.
A continuación de Brothers in Arms foi finalmente lanzada en setembro de 1991. On Every Street non foi nin remotamente tan popular como o seu predecesor e foi obxecto de críticas dispares, considerado para algúns críticos como un regreso decepcionante tras un parón de seis anos. Con todo, o álbum vendeuse ben e chegou ao número 1 no Reino Unido. O batería de sesión Chris Whitten uniuse a Dire Straits para se embarcaren nunha extenuante xira mundial de 300 concertos e máis de 7 millóns de entradas vendidas. Esta sería a última xira de Dire Straits; non foi tan ben recibida como a anterior Brothers in Arms e, para entón, Mark Knopfler xa tivera abondo con eventos tan grandes. O representante Ed Bicknell foi citado dicindo que «A última xira foi pura miseria. Calquera que fora o zeitgeist do cal faciamos parte xa pasara». John Illsley estaba de acordo, dicindo que «As relacións persoais estaban en perigo e puxo unha presión incríbel sobre todos, emocional e fisicamente. Acabou por nos cambiar».[34] Isto levou a banda á ruína, ocasionando a disolución final do grupo en 1995.
Despois da xira, Knopfler estivo un tempo apartado do mundo da música. En 1993 recibiu un doutoramento honorario en Música pola Universidade de Newcastle. Foron sacados á venda dous álbums máis de Dire Straits, ambos en directo. On the Night, lanzado en maio de 1993, documentou a última xira mundial do grupo. En 1995, seguindo co lanzamento de Live at the BBC (lanzamento contractual de Vertigo Records), Mark Knopfler disolveu discretamente Dire Straits e comezou a súa carreira en solitario. Knopfler recordou máis tarde que «púxenlle punto final porque quería volver a algún tipo de realidade. É autoprotección, instinto de supervivencia. A esa escala é deshumanizante».[35] Knopfler pasou dous anos recuperándose da experiencia, a cal tivo consecuencias negativas tanto na súa vida creativa como privada.
Desde a ruptura de Dire Straits, Knopfler ten mostrado un interese nulo en reformar o grupo. Porén, o teclista Guy Fletcher ten traballado en case todos os traballos de Knopfler en solitario ata o día de hoxe, mentres que Danny Cummings tamén ten contribuído frecuentemente, tocando en catro dos álbums de Knopfler como solista: All the Roadrunning (con Emmylou Harris), Kill to Get Crimson, Get Lucky e Down the Road Wherever. En outubro de 2008, Knopfler rexeitou a suxestión de John Illsley de reformaren a banda. Illsley dixo que unha reunión sería «completamente decisión de Mark»; non obstante, tamén observou que Knopfler estaba a gozar o seu éxito como artista en solitario.[36] Preguntado por unha posíbel reunión, Knopfler respondeu «Oh, non sei se empezar a xuntar todo iso de novo» e que a fama global acadada por Dire Straits na década de 1980 «volveuse moi grande».[36]
En 2018, a banda foi aceptada no Rock and Roll Hall of Fame. Knopfler non acudiu á cerimonia, aínda que si o fixeron John Illsley, Guy Fletcher e Alan Clark para dar o discurso de aceptación en nome da banda. En novembro de 2021 John Illsley publicou a súa autobiografía My Life in Dire Straits, na cal confirma que Knopfler non ten intención de reformar Dire Straits. Por esa época Knopfler aparece na canción de Cliff Richard "Ps Please", incluída no seú álbum Music... The Air That I Breathe, lanzado en 2020.
Dire Straits segue a ser unha das bandas británicas de rock máis populares, así como unha das máis exitosas a nivel comercial no mundo, con máis de 120 millóns de álbums vendidos.[37]
Carreira en solitario (1996–presente)
[editar | editar a fonte]O primeiro álbum de Knopfler en solitario, Golden Heart, foi lanzado en marzo de 1996; contén o sinxelo "Darling Pretty". As sesións de gravación do disco axudaron a Knopfler a crear a súa banda de apoio, tamén coñecida como The 96ers ('Os do 96'), contando co seu antigo colega Guy Fletcher nos teclados. Esta formación inicial xa ten unha duración maior ca calquera das formacións de Dire Straits. En 1996 Knopfler tamén gravou a guitarra para a versión tributo de Ted Christopher de Knockin' on Heaven's Door polo masacre de Dunblane.
Knopfler compuxo a súa primeira banda sonora en 1983 para Local Hero. En 1997 Knopfler gravou a banda sonora para o filme Wag the Dog. Durante ese mesmo ano a revista Rolling Stone fixo a listaxe das 500 cancións que lle deron forma ao rock and roll, incluíndo "Sultans of Swing", o primeiro éxito de Dire Straits. No 2000 viu a luz o segundo disco de Knopfler en solitario: Sailing to Philadelphia. Este é o máis exitoso ata hoxe, posibelmente axudado polo número de contribucións notábeis coas que conta o álbum, como Van Morrison. O 15 de setembro de 1997, Knopfler estivo no concerto Music for Montserrat no Royal Albert Hall de Londres xunto con outros artistas como Sting, Phil Collins, Elton John, Eric Clapton e Paul McCartney.[38]
En 2002 Knopfler deu catro concertos solidarios cos antigos membros de Dire Straits John Illsley, Chris White, Danny Cummings e Guy Fletcher, tocando antigo material dos anos na banda. Os concertos tamén contaron con The Notting Hillbillies con Brendan Croker e Steve Phillips. A estes catro concertos (tres dos catro foron no Shepherd's Bush, o cuarto no Beaulieu, na costa sur) uniuse Jimmy Nail, quen fixo os coros no tema de Knopfler de 2002 "Why Aye Man".
Tamén en 2002 Knopfler lanzou o seu terceiro álbum, The Ragpicker's Dream. En marzo de 2003 estivo involucrado nun accidente de moto en Grosvenor Road, Belgravia, (Londres) e rompeu a clavícula, a omoplata e sete costelas.[39] En consecuencia, a xira de The Ragpicker's Dream tivo que ser cancelada, mais Knopfler recuperouse e volveu aos palcos en 2004 polo seu cuarto disco, Shangri-La.
Shangri-La foi gravado no estudio Shangri-La en Malibú, California, en 2004, onde The Band fixera gravacións anos atrás para o seu filme documental The Last Waltz. Na promoción de Shangri-La na súa páxina oficial dixo que a súa banda actual con Glenn Worf (baixo), Guy Fletcher (teclados), Chad Cromwell (batería), Richard Bennett (guitarra) e Matt Rollings (piano) «toca as cancións de Dire Straits mellor do que os Dire Straits as tocaban». A xira Shangri-La levou a Knopfler por vez primeira a países como a India e os Emiratos Árabes Unidos. Na India, os seus concertos en Mumbai e Bangalore foron ben recibidos, con máis de 20 000 persoas en cada concerto.
En novembro de 2005 lanzouse a compilación Private Investigations: The Best of Dire Straits & Mark Knopfler, con material da maioría dos álbums de estudio de Dire Straits e con material en solitario e das bandas sonoras de Knopfler. O álbum foi lanzado en dúas edicións: como CD simple (con cuberta gris) e como CD duplo (con cuberta azul), e foi ben recibido. A única canción no disco sen publicar previamente é "All the Roadrunning", un dúo coa cantante country Emmylou Harris, que foi seguido en 2006 por un álbum de duetos do mesmo nome.
Lanzado en abril de 2006, All the Roadrunning alcanzou o número 1 en Dinamarca e Suíza, número 2 en Noruega e Suecia, número 3 en Alemaña, os Países Baixos e Italia, número 8 en Austria e o Reino Unido, número 9 en España, número 17 nos Estados Unidos, número 25 en Irlanda, e número 41 en Australia. All the Roadrunning foi nomeado a mellor álbum de folk rock/americana na 49.ª edición dos premios Grammy (11 de febreiro de 2007), mais perdeu contra o nomeamento do Modern Times de Bob Dylan.
Xunto con Emmylou Harris, Knopfler promocionou All the Roadrunning cun número limitado mais moi exitoso de concertos (15 en Europa, 1 no Canadá e 8 nos Estados Unidos). Unha selección da actuación do 28 de xuño no Gibson Amphitheatre, Universal City, California, foi lanzado nun DVD titulado Real Live Roadrunning o 14 de novembro de 2006. Ademais de moitas composicións que Harris e Knopfler gravaron xuntos no estudio, Real Live Roadrunning inclúe clásicos das carreiras de ambos, así como tres cancións dos días de Knopfler en Dire Straits.
Un evento benéfico en 2007 saíu mal: unha Fender Stratocaster asinada por Knopfler, Clapton, Brian May e Jimmy Page debía ser poxada por 23 000 € para recadar diñeiro para un hospital infantil de coidados paliativos, mais a guitarra foi perdida no proceso de transporte. Desapareceu tras ser enviada desde Londres a Leicestershire, Inglaterra. Parcelforce, a empresa responsábel, acordou pagar 17 000 € pola perda.[40][41]
Knopfler lanzou o seu quinto álbum de estudio en solitario Kill to Get Crimson o 14 de setembro de 2007 en Alemaña, o 17 de setembro no Reino Unido e o 18 de setembro nos Estados Unidos. Durante o outono de 2007 tocou unha serie de concertos íntimos de presentación en varias cidades europeas para promocionar o álbum, seguidos por unha xira por Europa e Norteamérica no 2008.
A seguir cun ritmo de alta produtividade na súa carreira solista, Knopfler comezou a traballar no seu seguinte álbum, titulado Get Lucky, en setembro de 2008, co seu compañeiro a longo prazo Guy Fletcher, quen fixo de novo un diario gráfico do proceso de gravación na súa páxina web.[42] O álbum foi lanzado o 14 de setembro do ano seguinte e Knopfler embarcouse nunha extensa xira por Europa e Norteamérica. O álbum tivo un éxito moderado nas listaxes europeas, chegando ao número 1 só en Noruega, mais alcanzando os cinco primeiros postos na meirande parte dos grandes países europeos como Alemaña, Italia e os Países Baixos). O álbum chegou ao número 2 no Billboard European Album e ao número 5 no Billboard Rock Album.[43]
As actuacións de Knopfler en solitario poden ser descritas como relaxadas, case competentes. Emprega moi pouca produción no palco, salvo por algúns efectos de luz para acompañar as dinámicas das cancións. É coñecido por ter bebido té en directo; Richard Bennett, quen leva tocando con el nas xiras desde 1996, tamén ten tomado té con el nos concertos. O 31 de xullo de 2005, no Queen Elizabeth Theatre en Vancouver, o té foi substituído por whisky como unha especie de brincadeira polo último concerto da xira.[44]
En febreiro de 2009, Knopfler deu un concerto íntimo no Garrick Club de Londres. Knopfler fixérase membro había pouco tempo do exclusivo club de cabaleiros para persoas intelectuais.[45] En 2010 Knopfler apareceu no EP Amerikana de Thomas Dolby, tocando na canción "17 Hills".[46] En febreiro de 2011, Knopfler comezou a traballar no seu próximo álbum Privateering, con Guy Fletcher máis unha vez. En xullo dese ano anunciouse que Knopfler se tomaría un tempo sen gravar para facer parte dunha xira europea con Bob Dylan durante outubro e novembro.[47] O ano seguinte Knopfler fixo unha versión da canción "Restless Farewell" de Bob Dylan para o 50.º aniversario de Amnistía Internacional.[48]
O 3 de setembro de 2012 Knopfler lanzou o seu sétimo álbum en solitario, Privateering.[49] Este foi o primeiro álbum dobre de Knopfler, con vinte cancións. Após outra xira con Bob Dylan nos Estados Unidos en outubro e novembro,[50] a xira europea de Privateering tivo lugar na primavera e no verán de 2013[51] e unha pequena rolda de cinco concertos en outuno nos Estados Unidos.[52] Knopfler comezou a traballar noutro álbum de estudio en setembro de 2013, de novo no seu estudio British Grove en Londres xunto con Guy Fletcher coproducíndoo.[53] O 16 de setembro de 2014 anunciouse que o seu novo álbum sería chamado Tracker e que sería lanzado a comezos de 2015; tamén se anunciaron datas para unha xira na primavera e no verán de 2015.[54] En 2016 colaborou co cantante italiano Zucchero Fornaciari en "Ci si arrende" e "Streets of Surrender (S.O.S.), do álbum Black Cat.
Co lanzamento de Down the Road Wherever en novembro de 2018 anunciouse unha xira de promoción para 2019. En entrevistas, Knopfler deu a entender que sería a súa última xira. Esta comezou cun concerto o 25 de abril en Barcelona[55] durante o cal Knopfler ao público que esa xira sería a última. Porén, durante a xira, esta afirmación foi suavizada[56] dicindo que continuaría a facelo porque lle encanta, bromeando que se non estaría desempregado e non sabería que facer.
Knopfler escribiu a banda sonora para a versión de musical de Local Hero, incluíndo novas cancións e engadindo letra ás versións instrumentais orixinais, reuníndose de novo con Bill Forsyth.[57]
Música country
[editar | editar a fonte]Ademais do seu traballo en Dire Straits e en solitario, Knopfler ten feito diferentes contribucións á música country. En 1988 formou a banda The Notting Hillbillies,[18] con Guy Fletcher, Brendan Croker e Steve Phillips. O único disco de The Notting Hillbillies, Missing... Presumed Having a Good Time foi lanzado en 1990 e incluíu o sinxelo "Your Own Sweet Way". Knopfler acentuou as súas influencias country coa súa colaboración con Chet Atkins Neck and Neck, tamén lanzado en 1990. "Poor Boy Blues", sacado deste mesmo disco, alcanzou o número 92.
Outras contribucións de Knopfler inclúen escribir e tocar a guitarra no sinxelo de John Anderson "When It Comes to You", do seu álbum de 1992 Seminole Wind. En 1993 Mary Chapin Carpenter tamén lanzou unha versión da canción de Dire Straits "The Bug". Randy Travis lanzou outra canción de Knopfler: "Are We in Trouble Now" en 1996. Nese mesmo ano, o sinxelo de Knopfler "Darling Pretty" alcanzou o número 87.
Knopfler colaborou con George Jones no álbum de 1994 The Bradley Barn Sessions, tocando a guitarra no clásico de J.P. Richardson "White Lightnin". Aparece no álbum de Kris Kristofferson The Austin Sessions, na canción "Please Don't Tell Me How The Story Ends"), lanzada en 1999 por Atlantic Records.
En 2006, Knopfler e Emmylou Harris fixeron un álbum country titulado All the Roadrunning, seguido por un CD e DVD en directo titulado Real Live Roadrunning. Knopfler tamén ten aparecido con dous sinxelos nas listaxes de música country do Canadá. De novo en 2006, Knopfler contribuíu coa canción "Whoop De Doo" para o álbum de Jimmy Buffett Take the Weather with You. En 2013 escribiu e tocou a guitarra na canción "Oldest Surfer on the Beach" para o álbum de Buffett Songs From St. Somewhere.
Estilo musical
[editar | editar a fonte]Knopfler é zurdo, mais toca a guitarra como un destro.[58] Na recensión de 1985 do Brothers in Arms de Dire Straits, Spin comentou: «Mark Knopfler pode ser o máis lírico de todos os guitarristas de rock».[59] No mesmo ano, Rolling Stone comentou que o seu evocativo estilo de tocar a guitarra.[60] Segundo Classic Rock en 2018: «A economía básica das cancións de Knopfler e os seus vertixinosos arranxos coa guitarra eran un soprido de aire fresco entre os pesados dinosauros rockeiros e os punkarras malladores e unidimensionais de finais dos 70. Non tiña comparación como artesán e virtuoso, capaz de se conectar á liñaxe clásica do rock e mesturala ás veces con formas salvaxes. Tamén escribiu cancións xeniais: pequenos dramas tensos de escuras profundidades, melodías brillantes e floreos líricos»[3]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Knopfler casou tres veces, primeiro con Kathy White, a súa moza de adolescencia. Separáronse antes de que Knopfler se mudara a Londres para se unir a Brewers Droop en 1973.[18] O segundo casamento de Knopfler en novembro de 1983 con Lourdes Salomone deu dous fillos xemelgos, nados en 1987.[18] O seu matrimonio acabou en 1993. O día de San Valentín de 1997, en Barbados, Knopfler casou coa actriz e escritora británica Kitty Aldridge, a cal coñecía desde había tres anos.[61] Knopfler e Aldridge teñen dúas fillas: Katya Ruby Rose[62][63][18] e Isabella.[64][65]
Knopfler é seareiro do Newcastle United F.C.[66] O equipo usa a canción "Going Home (Theme of the Local Hero)" como himno nos partidos na casa.
Knopfler posúe unha colección de coches clásicos os cales conduce e leva a exhibicións, incluíndo un Maserati 300S e un Austin-Healey 100S.[67][68]
Estímase que Knopfler ten unha fortuna de 86 millóns de euros segundo a Sunday Times Rich List de 2018, converténdoo nunha das corenta persoas máis ricas na industria musical británica.[69]
Discografía
[editar | editar a fonte]Dire Straits[70]
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Dire Straits (1978)
- Communiqué (1979)
- Making Movies (1980)
- Love Over Gold (1982)
- Brothers in Arms (1985)
- On Every Street (1991)
Álbums en directo
[editar | editar a fonte]- Alchemy (1983)
- On the Night (1993)
- Live at the BBC (1995)
EP
[editar | editar a fonte]- ExtendeDancEPlay (1983)
- The Honky Tonk Demos (2015)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- Money for Nothing (1988)
- Sultans of Swing (The Very Best of Dire Straits) (1998)
- Private Investigations: The Best of Dire Straits & Mark Knopfler (2005)
En solitario[71]
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Golden Heart (1996)
- Sailing to Philadelphia (2000)
- The Ragpicker's Dream (2002)
- Shangri-La (2004)
- Kill to Get Crimson (2007)
- Get Lucky (2009)
- Privateering (2012)
- Tracker (2015)
- Down the Road Wherever (2018)
- One Deep River (2024)
EP
[editar | editar a fonte]- The Trawlerman's Song (2004)
- One Take Radio Sessions (2005)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- The Studio Albums 1996-2007 (2021)
Colaboracións[72]
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Missing... Presumed Having a Good Time (The Notting Hillbillies, 1990)
- Neck and Neck (con Chet Atkins, 1990)
- All the Roadrunning (con Emmylou Harris, 2006)
Álbums en directo
[editar | editar a fonte]- Real Live Roadrunning (con Emmylou Harris, 2006)
Bandas sonoras[73]
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Local Hero (1983)
- Cal (1984)
- Comfort and Joy (1984)
- The Princess Bride (1987)
- Last Exit to Brooklyn (1989)
- Wag the Dog (1998)
- Metroland (1998)
- A Shot at Glory (2001)
- Altamira (2016)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- Screenplaying (1993)
Premios e distincións
[editar | editar a fonte]- Premio BRIT por Mellor Grupo Británico (con Dire Straits) (1983)[74]
- Premio Grammy por Mellor Grupo Vocal de Rock (con Dire Straits) por "Money for Nothing" (1986)[75]
- Premio Grammy por Mellor Actuación Instrumental de Country (con Chet Atkins) por "Cosmic Square Dance" (1986)[75]
- Premio Juno por Álbum Internacional do Ano (con Dire Straits) por Brothers in Arms (1986)[76]
- Premio BRIT por Mellor Grupo Británico (con Dire Straits) (1986)[77]
- Premio BRIT por Mellor Álbum Británico (con Dire Straits) por Brothers in Arms (1987)[78]
- Premio Grammy por Mellor Colaboración Vocal de Country (con Chet Atkins) por "Poor Boy Blues" (1991)[79]
- Premio Grammy por Mellor Actuación Instrumental de Country (con Chet Atkins) por "So Soft, Your Goodbye" (1991)[80]
- Doutor Honorario en Música pola Universidade de Newcastle (1993)[81]
- Doutor Honorario en Música pola Universidade de Leeds (1995)[82]
- Orde do Imperio Británico (1999)[83]
- O Masiakasaurus knopfleri, unha especie de dinosauro, foi nomeada no seu honor (2001)[84]
- Premio Edison por Éxito Destacado na Industrial Musical (2003)[85]
- Doutor Honorario en Música pola Universidade de Sunderland (2007)[7]
- Premio do Music Producers Guild por Mellor Estudio para o British Grove Studios de Knopfler (2009)[86]
- Comunidade do Son da Association of Professional Recording Services (2009)[87]
- Premio ao Legado Musical da PRS (2009)[87]
- Premio Steiger (2011)[88]
- Premio Ivor Novello por Éxito Vitalicio (2012)[87]
- O asteroide 28151 Markknopfler foi nomeado no seu honor[89]
- Dire Straits foi aceptado no Rock and Roll Hall of Fame (2018)
- Premio Scottish Music por Lenda Viva (2018)[90]
Referencias
[editar | editar a fonte]- ↑ "Solo | MarkKnopfler.com". www.markknopfler.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "The Biography Channel - Mark Knopfler Biography". web.archive.org. 2008-02-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de febreiro de 2008. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ 3,0 3,1 published, Classic Rock (2018-05-21). "Album Of The Week Club Review: Dire Straits - Brothers In Arms". loudersound (en inglés). Consultado o 2022-12-16.
- ↑ Stone, Rolling; Stone, Rolling (2015-12-18). "100 Greatest Guitarists". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Dire Straits | TheAudioDB.com". www.theaudiodb.com. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Dire Straits given plaque honour" (en inglés). 2009-12-04. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ 7,0 7,1 "Sunderland honours Sultan of Swing". web.archive.org. 2013-10-19. Archived from the original on 19 de outubro de 2013. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "markknopfler.com news : Third Honorary Degree". web.archive.org. 2011-07-14. Archived from the original on 14 de xullo de 2011. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Dire Straits | Rock & Roll Hall of Fame". www.rockhall.com. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Erwin Knopfler". billwall.phpwebhosting.com. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Chess Scotland". web.archive.org. 2013-08-10. Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2013. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "AHF Presents: Nobel Prize Winners and Famous Hungarians: The Ameican Hungarian Federation, founded 1906 (hires magyarok es olimpiai bajnokok) - Film, Arts and Media". www.americanhungarianfederation.org. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "BIOGRAPHY: Mark Knopfler Lifetime". web.archive.org. 2014-07-02. Archived from the original on 02 de xullo de 2014. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Knopfler, Mark (Freuder) 1949- | Encyclopedia.com". www.encyclopedia.com. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Chess Scotland". web.archive.org. 2013-08-10. Arquivado dende o orixinal o 10 de agosto de 2013. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ Irwin, Colin (1994). Dire Straits. Orion. ISBN 1-85797-584-7.
- ↑ "Chess Scotland". www.chessscotland.com. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 18,6 18,7 18,8 Kilburn, Terry (3 de decembro de 1999 [actualizado 7 de setembro de 2012]). "MARK KNOPFLER. AUTHORIZED BIOGRAPHY". archive.vn (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2012. Consultado o 17 de decembro de 2022.
- ↑ Robson, Ian (2015-03-18). "Mark Knopfler immortalises The Chronicle in song on new album". ChronicleLive (en inglés). Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Mark Knopfler Live @ Madison Square Garden 2019 Revisited. Full concert.". Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Harlow College - Home". www.harlow-college.ac.uk. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Mark Knopfler: timeline". www.telegraph.co.uk. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Who's been here | About the University | University of Leeds". web.archive.org. 2006-10-16. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2006. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Brewers Droop - The Booze Brothers Album Reviews, Songs & More | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "MARK KNOPFLER BIOGRAPHY". web.archive.org. 2011-09-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2011. Consultado o 2022-12-16.
- ↑ "Mark Knopfler - Local Hero [Original Motion Picture Soundtrack] Album Reviews, Songs & More | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2022-12-18.
- ↑ "Mark Knopfler hurt in crash" (en inglés). 2003-03-18. Consultado o 2022-12-18.
- ↑ "Queen head all-time sales chart" (en inglés). 2006-11-16. Consultado o 2022-12-18.
- ↑ Mitchell, Brian (2007-08-16). "Philips Celebrates 25th Anniversary of the Compact Disc". ecoustics.com (en inglés). Consultado o 2022-12-18.
- ↑ "DVD Draw | The Blog". web.archive.org. 2014-01-05. Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2014. Consultado o 2022-12-18.
- ↑ https://archive.today/20120910021236/http://www.mark-knopfler-news.co.uk/biogs/mark.html. Arquivado dende o orixinal o 10 de setembro de 2012. Consultado o 16 de decembro de 2022. Falta o
|title=
(Axuda) - ↑ "MARK KNOPFLER GOES SOLO IT'S ALL OVER WITH DIRE STRAITS - The Boston Globe (Boston, MA) | HighBeam Research". web.archive.org. 2013-08-09. Arquivado dende o orixinal o 09 de agosto de 2013. Consultado o 2022-12-18.
- ↑ Gregory, Andy (2002). The International Who's Who in Popular Music 2002 (en inglés). Psychology Press. ISBN 978-1-85743-161-2.
- ↑ Rees, Paul (Xuño de 2015). "The sultan of swing". Classic Rock (210): 124.
- ↑ "Mark Knopfler: how did we avoid disaster?". www.telegraph.co.uk. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ 36,0 36,1 "Knopfler declines Straits reunion" (en inglés). 2008-10-07. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Dire Straits given plaque honour" (en inglés). 2009-12-04. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ Inc, Nielsen Business Media (1997-09-06). Billboard (en inglés). Nielsen Business Media, Inc.
- ↑ "Copia arquivada". web.archive.org. Archived from the original on 23 de novembro de 2007. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Star-signed guitar lost in post" (en inglés). 2007-12-07. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "PR-Inside.com Entertainment News » LEGENDS’ GUITAR LOST IN POST". web.archive.org. 2008-03-15. Archived from the original on 15 de marzo de 2008. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Guy Fletcher, home of Dr Fletch, Mark Knopfler Keyboard Player and Solo Artist Inamorata". web.archive.org. 2009-10-02. Archived from the original on 02 de outubro de 2009. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "The Official Community of Mark Knopfler". web.archive.org. 2009-05-31. Archived from the original on 31 de maio de 2009. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Guy Fletcher, home of Dr Fletch, Mark Knopfler Keyboard Player and Solo Artist Inamorata". web.archive.org. 2011-10-07. Archived from the original on 07 de outubro de 2011. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Pandora: Cable is plugged in for stage show". The Independent (en inglés). 2009-02-18. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Thomas Dolby - Press Release". web.archive.org. 2011-07-26. Archived from the original on 26 de xullo de 2011. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "MarkKnopfler.com". web.archive.org. 2011-07-18. Archived from the original on 18 de xullo de 2011. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "MarkKnopfler.com". web.archive.org. 2012-03-05. Archived from the original on 05 de marzo de 2012. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "News - MarkKnopfler.com". web.archive.org. 2012-10-27. Archived from the original on 27 de outubro de 2012. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Guy Fletcher, home of Dr Fletch, Mark Knopfler Keyboard Player and Solo Artist Inamorata". web.archive.org. 2014-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2014. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "2013 Mark Knopfler European Tour Diary by Guy Fletcher". web.archive.org. 2014-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2014. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "2013 MK USA Tour". web.archive.org. 2014-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2014. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Guy Fletcher, home of Dr Fletch, Mark Knopfler Keyboard Player and Solo Artist Inamorata". web.archive.org. 2014-09-26. Archived from the original on 26 de setembro de 2014. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "New album and European tour dates :MarkKnopfler.com". web.archive.org. 2014-09-21. Arquivado dende o orixinal o 21 de setembro de 2014. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ https://web.archive.org/web/20190511225320/https://www.musicnewsnet.com/2018/10/mark-knopfler-announces-2019-down-the-road-wherever-world-tour.html. Arquivado dende o orixinal o 11 de maio de 2019. Consultado o 20 de decembro de 2022. Falta o
|title=
(Axuda) - ↑ Masley, Ed. "Mark Knopfler makes a solid case for not retiring when 2019 tour hits Phoenix". The Arizona Republic (en inglés). Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Mac's back: Scotland's treasured Local Hero is reborn as a musical". the Guardian (en inglés). 2019-03-11. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "10 Famous Left-Handed Guitarists Who Play Right-Handed". www.ultimate-guitar.com (en inglés). Consultado o 2022-12-20.
- ↑ Brooks, E (agosto de 1985). "Dire Straits - Brothers in Arms". Spin: 30.
- ↑ Schruers, Fred (19 de decembro de 1985). "The Year in Records 1985". Rolling Stone (463-464): 150.
- ↑ https://www.questia.com/read/1G1-61105962https://www.questia.com/read/1G1-61105962. Falta o
|title=
(Axuda)[Ligazón morta] - ↑ "Dire Straits legend loses planning battle". Daily Echo (en inglés). Consultado o 2022-12-20.
- ↑ Palmer, Katie (2021-06-23). "Issy Knopfler dad: Who is the Before We Die star's famous father?". Express.co.uk (en inglés). Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Cultureshock". the Guardian (en inglés). 2007-04-07. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Before We Die: This cast member has a very famous dad – find out more". HELLO! (en inglés). 2021-06-16. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ Bateman, Anthony (2008). Sporting Sounds: Relationships Between Sports and Music. Routledge. p. 186.
- ↑ "- YouTube". www.youtube.com. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Race Intl". web.archive.org. 2012-09-04. Arquivado dende o orixinal o 04 de setembro de 2012. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Paul McCartney tops 2018 Sunday Times list of richest musicians". www.musicweek.com (en inglés). Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Dire Straits | MarkKnopfler.com". www.markknopfler.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2022. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Solo | MarkKnopfler.com". www.markknopfler.com. Arquivado dende o orixinal o 18 de abril de 2009. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Collaborations | MarkKnopfler.com". www.markknopfler.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2022. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "Soundtracks | MarkKnopfler.com". www.markknopfler.com. Arquivado dende o orixinal o 20 de decembro de 2022. Consultado o 2022-12-20.
- ↑ "History". BRIT Awards (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 21 de outubro de 2012. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ 75,0 75,1 "Grammy Award Nominees 1986 - Grammy Award Winners 1986". www.awardsandshows.com. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Artist Summary | The JUNO Awards". web.archive.org. 2013-12-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "History". BRIT Awards (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2012. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "History". BRIT Awards (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2021. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Rock On The Net: 33rd Annual Grammy Awards - 1991". www.rockonthenet.com. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Rock On The Net: 33rd Annual Grammy Awards - 1991". www.rockonthenet.com. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Knopfler opens students' studios" (en inglés). 2001-12-04. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Linn Records - Mark Knopfler". web.archive.org. 2014-07-22. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2014. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "BBC News | NEW YEARS HONOURS | OBE civil (K - Z)". news.bbc.co.uk. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ Perlman, David (2003-04-03). "Scientists find cannibal dinosaur / Meat-eater's bones show telltale bite marks". SFGATE (en inglés). Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Mark Knopfler - What It Is [Edison Music Awards -03]". Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "British Grove wins Best Studio accolade | AMS Neve". web.archive.org. 2013-12-03. Arquivado dende o orixinal o 03 de decembro de 2013. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ 87,0 87,1 87,2 "Linn Records - Mark Knopfler". web.archive.org. 2014-07-22. Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2014. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Preisträger". web.archive.org. 2013-10-14. Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2013. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Small-Body Database Lookup". ssd.jpl.nasa.gov. Consultado o 2022-12-25.
- ↑ "Stars out in force for Scottish music awards". News and Star (en inglés). Consultado o 2022-12-25.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Mark Knopfler |