Saltar ao contido

Mars Reconnaissance Orbiter

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mars Reconnaissance Orbiter
Representación de Mars Reconnaissance Orbiter en órbita marciana.
TipoCientífico
FabricanteLockheed Martin Space Systems
OrganizaciónNASA
Destino actualEn órbita marciana.[1][2][3]
Data de lanzamento12 de agosto de 2005, 11:43 GMT[4][5]
Foguete portadorAtlas V[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro espacial de Cabo Cañaveral, rampla 41[1][2]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte.[1][2]
NSSDC ID2005-029A
Masa1031,0 kg[1]
Potencia1000,0 W[1]

Mars Reconnaissance Orbiter, tamén coñecida polo seu acrónimo MRO, é unha sonda espacial da NASA lanzada o 12 de agosto de 2005 mediante un foguete Atlas V desde o centro espacial de Cabo Cañaveral para estudar Marte.[1][2][3]

Características

[editar | editar a fonte]

Mars Reconnaissance Orbiter foi lanzada orixinalmente para estudar Marte durante un ano marciano completo usando seis instrumentos. Os seus obxectivos principais son estudar o clima actual do planeta e os seus cambios, estudar a súa superficie e buscar signos de auga, buscar zonas de interese para futuros aterraxes e facer de repetidor para as sondas de superficie.[1][2][3]

A estrutura principal está feita de titanio, compostos de carbono e aluminio, con dous paneis solares sobresaíndo e unha antena parabólica de alta ganancia de 3 metros de diámetro. A estrutura principal alberga o sistema de propulsión, telecomunicacións, comando, guiado e os instrumentos científicos. A masa na engalaxe da sonda era de 2180 kg, dos cales 1149 kg eran de hidracina, usada como propelente e almacenada nun único tanque, que alimentan 20 propulsores, dos cales seis, de 170 N de impulso, foron usados na manobra de inserción orbital arredor de Marte, manobra que usou ata o 70% do propelente. Outros seis dos propulsores tiñan un pulo de 22 N e foron usados para corrección de traxectoria, mentres que os oito restantes teñen un pulo de 0,9 N e son usados para control de actitude e apuntado. A nave estabilízase nos tres eixos principalmente mediante volantes de inercia, así como co sistema de propulsión. O coñecemento da posición é proporcionada por 16 sensores solares, dous seguidores de estrelas e dúas unidades de medición inercial, que usan acelerómetros e xiroscopios.[1][2][3]

As comunicacións teñen lugar en banda X, a unha frecuencia duns 8000 MHz, e principalmente a través da antena de alta ganancia. A nave dispón de dúas antenas de baixa ganancia, en banda Ka, montadas no prato da antena de alta ganancia. As taxas de transmisión acadan os 6 Mbit/s. Ademais, MRO leva a bordo o sistema de comunicacións Electra en UHF para comunicarse con outras naves en Marte.[1][2][3]

A alimentación eléctrica é proporcionada polos dous paneis solares, cada un dos cales ten unha área de 10 m² e está composto por 3744 células solares, producindo conxuntamente ata 1000 W de potencia á distancia de Marte, e cargando dúas baterías de níquel-hidróxeno de 50 amperios-hora de capacidade e 32 voltios de tensión de traballo]].[1][2][3]

Instrumentación científica

[editar | editar a fonte]
Insignia da misión.

Mars Reconnaissance Orbiter leva a bordo un total de seis experimentos:[1]

  • HiRISE (High Resolution Imaging Science Experiment): cámara de alta resolución no visible capaz de obter imaxes estereoscópicas. É a cámara máis grande e de maior resolución enviada a Marte.
  • CRISM (Compact Reconnaissance Imaging Spectrometer for Mars): espectrómetro no infravermello próximo e no visible para estudar a composición da superficie.
  • MCS (Mars Climate Sounder): radiómetro infravermello para estudar a atmosfera.
  • SHARAD (Shallow Subsurface Sounding Radar): radar proporcionado pola Axencia Espacial Italiana para estudar a subsuperficie e buscar auga.
  • CTX (Context Camera): cámara gran angular.
  • MARCI (Mars Color Imager): instrumento para estudar as nubes e as tormentas de po.

Desenvolvemento da misión

[editar | editar a fonte]

Mars Reconnaissance Orbiter foi lanzada o 12 de agosto de 2005 ás 11:43 UTC mediante un Atlas V modelo 401 desde Cabo Cañaveral. O voo ata Marte durou sete meses, durante os que se fixeron diversas probas da sonda, calibracións e cinco correccións de traxectoria. A nave chegou a Marte o 10 de marzo de 2006, entrando en órbita marciana tras acender os seus motores durante 27 minutos e quedando nunha órbita de 400 km de periapse e 35.000 km de apoapse, cunha inclinación orbital de case 90 graos. Durante os seis meses seguintes, MRO executou diversas manobras de aerofreada para acadar a órbita final de traballo de 255 x 320 km, co periapse sobre o polo sur e o apoapse sobre o polo norte.[1][2][3]

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 NASA (1 de xullo de 2013). "Mars Reconnaissance Orbiter" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Mark Wade (2011). "Mars Reconnaissance Orbiter" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 3,6 3,7 Gunter Dirk Krebs (2013). Gunter's Space Page, ed. "Mars Reconnaissance Orbiter (MRO)" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  4. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "MRO" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 
  5. Claude Lafleur (2010). "Mars Reconnaissance Orbiter / MRO" (en inglés). Consultado o 17 de agosto de 2013. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]