Melanitta americana
Melanita americana | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Macho | |||||||||||||||||||||
Estado de conservación | |||||||||||||||||||||
Case ameazada[1] | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Melanitta americana (Swainson, 1832) | |||||||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||||||
|
Melanitta americana é unha especie de pato mergullador mariño da orde dos anseriformes, familia dos anátidos, e subfamilia dos merxinos, unha das seis integradas no xénero Melanitta.
Xunto con Melanitta nigra forma o subxénero Oidemia e, ás veces, son consideradas unha soa especie.
Taxonomía
[editar | editar a fonte]Descrición
[editar | editar a fonte]A especie foi descrita en 1832 polo naturalista e ornitólogo inglés William John Swainson.[2][3]
Sinónimo
[editar | editar a fonte]Ademais de polo seu nome actualmente válido, a especie coñeceuse como:[2][3]
- Melanitta nigra americana (Swainson, 1832)
Etimoloxías
[editar | editar a fonte]Para a do xénero, ver Melanitta.
O epíteto específico, americana, alude á súa área de distribución (parcial).
Distribución
[editar | editar a fonte]Melanitta americana reprodúcese no extremo norte de América do Norte, en Terra Nova e Labrador, ao sueste da baía de Hudson, en Alasca, e en Siberia, ao leste do estreito de Bering.[4]
Pasa o inverno en zonas temperadas máis ao sur, nas costas do norte dos Estados Unidos e do Canadá, na costa do Pacífico até a rexión da baía de San Francisco, e no Atlántico até o golfo de México, e en Asia até o sur da China.[4][5]
Algunhas aves poden pasar o inverno nos Grandes Lagos. Tamén é un vagabundo moi raro no oeste de Europa.
Características
[editar | editar a fonte]Este gran pato mariño caracterízase pola su forma voluminosa e o seu gran pico. O macho adulto ten toda a plumaxe negra e un pico moi bulboso que é maioritariamente amarelo. A femia ten a plumxe parda coas meixelas pálidas, moi similar á femia do pentumeiro (Melanitta nigra). A femia adulta ten un peso medio de ao redor de 980 g, e 45 cm de lonxitude, mentres que o macho adulto ten un peso medio de 1 100 g, e 49 cm de lonxitude.[6][7]
Esta especie pódese distinguir doutros patos mariños, ademais do pentumeiro, pola falta de branco en calquera parte do corpo e as áreas pálidas máis extensas na femia.
Bioloxía
[editar | editar a fonte]Esta especie mergúllanse en busca de crustáceos e moluscos mentres migran ou pasan o inverno nas costas mariñas. Mentres que cando aniñan, en auga doce, aliméntanse de insectos e das sús larvas, especialmente de tricópteros, ovos de peixes e, máis raramente, de vexetación, como algas mariñas mentres aniñan. Forman grandes bandadas en augas costeiras adecuadas nos cuarteis de inverno. Nestas bandadas están moi apertados e tenden a engalar xuntos; na temporada de reprodución son menos sociais. Suxeriuse que en augas costeiras esta especie prefire enseadas protexidas e posibelmente augas profundas.[8]
Aniñan máis tarde que a maioría dos outros patos de América do Norte. As parellas fórmanse a finais do inverno ou na primavera. O niño, forrado con penuxe, constrúese no solo cerca do mar, de lagos o de ríos, en bosques ou na tundra. As femias poñen de 5 a 7 ovos. Cada ovo pesa de 60 a 74 g, un 8 % do peso corporal da femia. O período de incubación pode oscilar entre 27 e 31 días. As femias crían aos seus pitos durante unhas 3 semanas, despuois do cal as crías que aínda non poden voar deben valerse por si mesmas.
O macho realiza un movemento típico coa cabeza cara a abaixo cando estira as ás.[7]
Ameazas
[editar | editar a fonte]Debido a unha variedade de efectos, o cambio climático representa potencialmente a maior ameaza para esta especie. A diminución da duración da capa de neve primaveral nas rexións boreais de América do Norte relacionouse coa diminución da poboación de patos mariños, probabelmente debido a un desaxuste trófico,[9] e a futura acidificación dos océanos pode conducir a unha diminución sostida dos moluscos que forman unha gran parte da súa dieta.[10][11] A explotación comercial de moluscos bentónicos é unha ameaza adicional debido á competencia polos recursos alimentarios.[12] Os derramamentos de petróleo e a contaminación crónica por petróleo ameazan á especie no período de muda de inverno, onde se dan concentracións grandes e altamente vulnerábeis da poboación, mentres que os lugaress de extracción de petróleo tamén poderían causar impactos de baixo nivel a través da perturbación humana e a degradación dos recursos alimentarios.[13][14] A caza representa outra ameaza para a especie, cunha media de 9 500 aves que se cazan anualmente nos EE. UU. e 7 000 adicionais por ano en Canadá durante as décadas de 1980 e 1990. Porén, o número real de patos mortos pode ser moito maior, con estimacións máximas que superan os 24 000 nos EE. UU. en 1974 e os 23 000 ao ano en Canadá entre 1974 e 1982.[15] Desde este período, o número de cazadores disminuíu considerabelmente. A especie é susceptíbel á gripe aviar e pode verse ameazada por futuros brotes do virus.[16] Porén, é pouco probábel que a enfermidade afecte á maioría da poboación á vez, e só se encontrou un pequeno número de aves analizadas en varios países. Os transbordadores de alta velocidade poden perturbar a esta especie.[17] Nalgunhas áreas, o hábitat de reprodución está ameazado pola eutrofización debido aos de nutrientes agrícolas.[12]
Estado de conservación
[editar | editar a fonte]A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais cualifica o status desta especie como LC (case amenazada) debido a que se sospeita que está experimentando unha diminución da poboación moderadamente rápida debido a unua serie de ameazas xeneralizadas (como as comentadas no parágrafo anterior).[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 BirdLife International (2021): Melanitta americana na Lista vermella da UICN. Versión 2022-1. Consultada o 19 de novembro de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 Melanitta americana (Swainson, 1832) no GBIF. Consultado o 19 de novembro de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 Melanitta americana (Swainson, 1832) na BioLib. Consultada o 19 de novembro de 2022.
- ↑ 4,0 4,1 Sea Duck Joint Venture (SDJV) (2003): Black Scoter (Melanitta nigra). Sea Duck Information Series. (Texto completo en PDF Arquivado 29 de setembro de 2007 en Wayback Machine.). Consultado o 19 de novembro de 2022.
- ↑ "Some unusual records for San Mateo County, California". Resume en: Littlejohn, Chase (1916): "Minutes of Cooper Club Meetings". Condor 18 (1): 38–40.
- ↑ Godfrey 1986, p. 358.
- ↑ 7,0 7,1 Sibley 2000, p. 98.
- ↑ Deghi, Gary et al. (1998): Environmental Impact Report for the Pillar Point East Harbor Master Plan. San Mateo County Harbor District: Earth Metrics Inc.
- ↑ Drever, M. C. et al. (2011): "Population vulnerability to climate change linked to timing of breeding in boreal ducks". Global Change biology 18 (2): 480-492.
- ↑ Steinacher M. et al. (2009): "Imminent ocean acidification in the Arctic projected with the NCAR global coupled carbon cycle-climate model". Biogeosciences 6: 515-533.
- ↑ Carboneras, C. & Kirwan, G. M. (2017): "Common Scoter (Melanitta nigra). En: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E. (eds.) Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions.
- ↑ 12,0 12,1 Kear, J. (2005): Ducks, geese and swans. Volume 2: species accounts (Cairina to Mergus). Oxford, U.K.: Oxford University Press.
- ↑ Gorski, W. et al. (1977): "Investigation of oil pollution on the Polish Baltic coast in 1974-1975". Przeglad Zoologiczny 21 (1): 20-23.
- ↑ Nikolaeva, N. G. et al. (2006): "Existing and proposed marine protected areas and their relevance for seabird conservation: a case study in the Barents Sea region". En: G. Boere, C. Galbraith & D. Stroud (eds.) Waterbirds around the world, pp. 743-749. The Stationery Office, Edinburgh, UK.
- ↑ Bordage, D. & Savard, J. L. (2011): "Black Scoter (Melanitta americana)", Version 2.0. En The Birds of North America. Ithaca, NY: A. F. Poole, Editor.
- ↑ Melville, D. S. & Shortridge, K. F. (2006): "Migratory waterbirds and avian influenza in the East Asian-Australasian Flyway with particular reference to the 2003-2004 H5N1 outbreak". En: G. Boere, C. Galbraith & D. Stroud, eds. Waterbirds around the world, pp. 432-438. The Stationery Office, Edinburgh, U.K.
- ↑ Larsen, J. K. & Laubek, B. (2005): "Disturbance effects of high-speed ferries on wintering sea ducks". Wildfowl 55: 99-116.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Melanitta americana |
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Melanitta americana |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- del Hoyo, Josep; Elliott, Andrew; Sargatal, Jordi (1992): Handbook of the Birds of the World. Volume 1 Ostrich to Ducks. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-8733-410-8.
- Godfrey, W. Earl (1986): Birds of Canada. Toronto: University of Toronto Press. ISBN 978-0-6601-0758-5.
- Sibley, David Allen (2000): The Sibley Guide to Birds. New York: Alfred A. Knopf. ISBN 978-0-6794-5122-8.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Black Scoter Species Account and Photo Gallery – Sea Duck Joint Venture
- Vídeos, fotos, e sons de Melanitta americana na Internet Bird Collection
- Galería de fotos de Melanitta americana en VIREO (Universidade de Drexel)
- Black Scoter Species Account – Cornell Lab of Ornithology