Miss Lonelyhearts
Miss Lonelyhearts | |
---|---|
Título orixinal | Miss Lonelyhearts |
Autor/a | Nathanael West |
Orixe | Estados Unidos |
Lingua | inglés |
Xénero(s) | Novela |
Editorial | Liveright |
Data de pub. | 8 de abril de 1933 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Miss Lonelyhearts é unha novela de Nathanael West, publicada en 1933. É unha comedia negra expresionista, ambientada en Nova York durante a Gran Depresión.
Trama
[editar | editar a fonte]Miss Lonelyhearts ("señorita Corazóns Solitarios") é un columnista nun xornal que escribe unha columna dando consellos aos lectores que lle escriben. O equipo do xornal mira a columna como unha broma, pero a lectura de cartas desesperadas dos neoiorquinos provócalle a caída nun ciclo de fonda depresión, período no cal adoita beber en exceso e participar en peleas de taberna. Tamén é vítima das brincadeiras do seu editor, "Shrike" ("picanzo").
Miss Lonelyhearts fai varios intentos por escapar da terrible dor que lle provocan as cartas que recibe, refuxiándose na relixión, viaxando cara ao interior do país coa súa noiva Betty, e fodendo coa esposa de Shrike e coa señor Doyle, unha lectora da súa columna. Con todo, os seus esforzos non parecen mellorar a súa situación. Despois do encontro sexual coa Sra Doyle, atopa o seu home, un miñaxoia. Os Doyle invítano a cear con eles, e ao chegar a Sra Doyle intenta seducilo de novo, pero el responde mordéndoa, e ela dille ao marido que Miss Lonelyhearts intentou violala.
Na última escena, o señor Doyle leva unha pistola escondida nun xornal enrolado para vingarse de Miss Lonelyhearts, que logo de tres días doente experimentara unha iluminación relixiosa e corre cara Doyle para abrazalo. A arma "explota", e os dous homes caen rodando escaleiras abaixo.
Temas
[editar | editar a fonte]O ton xeral da novela é unha desilusión extrema coa época da Depresión entre a sociedade americana. Con todo, é unha comedia negra, caracterizado polo uso do humor negro e a ironía. Justus Neiland sinalou o uso do riso bergsoniano, en que "as actitudes, xestos e movementos do corpo humano fan rir na exacta proporción en que o corpo nos fai lembrar unha máquina"[1][2].
A novela pode ser lida como unha condena da alienación e da colonización da vida social pola acomodación, anticipándose ao situacionismo, concretamente a Guy Debord. Miss Lonelyhearts é incapaz de cumprir o seu rol de dar consellos nun mundo no que tanto a sociedade como a publicidade (en forma de anuncios de xornal, por exemplo) son producidos en masa. As persoas son máquinas co único propósito de traballar, ao tempo que o resto da sociedade está cuestionado (de aí o nome de Miss Lonelyhearts), e calquera consello para eles é producido en masa, como un manual para unha máquina. Lonelyhearts é incapaz de atopar unha solución para os seus problemas persoais, porque teñen causas sistémicas. West, que traballara no xornalismo antes de escribir a novela, é tamén un aconsellador en tanto que novelista. Miss Lonelyhearts é unha especie de détournement, pois fai unha crítica a algo do mesmo xeito que fai o criticado. A novela tamén se condena a si mesma ao condenar a arte, que aparece ridiculizada varias veces por Shrike, e comparara a relixión como o opio do pobo[3][4].
Alternativamente, a novela pode ser tratada como unha meditación sobre o tema da teodicea, ou o problema de por que o mal existe no mundo. O protagonista da novela está psicolóxica e espiritualmente subxugado pola súa percepción do mal. Daquela, busca diferentes enfoques para resolver esta cuestión (a relixión, a lóxica, o amor, o existencialismo), pero todos eles acaban por ser insuficientes.
Moitos dos problemas descritos na novela reflicten as condicións económicas durante a Gran Depresión en Nova York, aínda que a novela evita coidadosamente as cuestións de política nacional. Ademais, a novela é particularmente importante debido á súa importancia existencial. Os personaxes parecen estar vivindo nun mundo amoral, polo que recorren ao alcol, ao sexo e ás festas. Miss Lonelyhearts ten un "complexo de Cristo", que representa a súa crenza na relixión como unha solución para un mundo carente de valores. Porén, achégase ao estado dun heroe absurdo na medida en que as súas conviccións relixiosas aínda o afunden máis na súa depresión e desilusión.
Adaptacións
[editar | editar a fonte]A novela foi adaptada xa en 1933 na película Advice to the Lovelorn, protagonizada por Lee Tracy. Con todo, hai grandes cambios respecto ao libro. In 1957 foi adaptada por Howard Teichmann nun musical de Broadway co título de Miss Lonelyhearts, dirixido por Alan Schneider. Foi estreado o 3 de outubro, e aguantou no cartel doce representacións.
En 1958 foi levada de novo ao cinema co título de Lonelyhearts, protagonizada por Montgomery Clift, Robert Ryan, e Myrna Loy. Aínda que era máis fiel á obra orixinal ca Advice to the Lovelorn, contaba con bastantes cambios. Foi levada ao cinema outra vez en 1983, co título de Miss Lonelyhearts.
En 2006 o compositor Lowell Liebermann fixo unha ópera en dous actos co nome de Miss Lonelyhearts, con libreto de J. D. McClatchy.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Nieland, J.: "West's Deadpan: Affect, Slapstick, and Publicity in Miss Lonelyhearts". Novel 38.1 (2004): 57-85 (en inglés).
- ↑ Bergson, H. "Laughter". Comedy: An Essay on Comedy, Laughter. Ed. Wylie Sypher. New York: Doubleday, 1956. 61-190 (en inglés).
- ↑ Barnard, Rita. "The Storyteller, the Novelist, and the Advice Columnist: Narrative and Mass Culture in Miss Lonelyhearts". Novel 27.1 (1993): 40-61 (en inglés).
- ↑ Hoeveler, Diane. "The Cosmic Pawnshop We Call Life: Nathanael West, Bergson, Capitalism and Schizophrenia". Studies in Short Fiction 33.3 (1996): 411-423 (en inglés).