Muiñeira
Muiñeira | |
---|---|
Orixe cultural | Galicia |
Instrumentos típicos | gaita pandeireta |
Derivado de | Muiñeira vella |
Outros nomes | Muiñeira nova Punteada Moliñeira Ribeirana[a] |
Subxéneros | |
Carballesa | |
A muiñeira é un baile e unha composición musical tradicional galega. O baile, que é executado por unha ou varias parellas soltas, recibe distintas denominacións ao longo da xeografía galega. Así, chamaselle tamén punteada na Costa da Morte: moliñeira nos Ancares e no Courel; ribeirana na comarca do Condado; e muiñeira nova cando é necesario distinguila da máis antiga muiñeira vella. Como xénero musical distínguese polo seu compás de 6/8, rápido e alegre, e adoita ser interpretada con gaitas ou pandeiretas.[2]
Orixe
[editar | editar a fonte]Existen diversas teorías, pouco fundamentadas, sobre a orixe da muiñeira. Adxudicaselle unha raíz céltica pola súa proximidade con certos ritmos irlandeses e escoceses e polas mencións nos textos clásicos as danzas guerreiras dos antigos galaicos.[3] A etimoloxía do seu nome, derivada da palabra muíño,[4] permite especular tamén cunha procedencia derivada do son emitido pola moenda.[5][6]
A composición musical máis antiga rexistrada é unha panxoliña de Nadal de 1786, obra de Melchor López, mestre de capela da catedral de Santiago de Compostela. Se ben, na librería musical do rei portugués Xoán IV, xa aparecen recollidas trinta e seis danzas galegas.[7]
Sobre o baile as informacións son case inexistentes, polo que para a súa reprodución partiuse de recollas etnográficas do século XX. Nestes traballos de campo comprobouse a súa extensión por todo o pais[8]. Nalgunhas zonas da costa da morte conservouse tamén outro tipo de muiñeira, máis arcaica, na que as pandeireteiras tocaban sempre co puño e no que as mulleres non bailaban puntos. Algúns estudosos consideran que a muiñeira "moderna" é unha evolución desta muiñeira vella, á que sucede no tempo.[9]
Baile
[editar | editar a fonte]Muiñeira incluída na zarzuela Flor de cardo (1904), de Ricardo Courtier. |
Consérvanse dous tipos principais de muiñeira:
- A muiñeira nova, ou punteada, na que se acentúa a primeira corchea das tres que compoñen o ritmo base. Como baile, a muiñeira nova segue o esquema coreográfico tradicional no que un grupo de parellas de homes e mulleres bailan facendo coreografías baseadas en táboas ou rodas. Normalmente cando se fala simplemente a muiñeira é a este tipo a que nos referimos. Unha variante da muiñeira nova é a carballesa, baile propio das terras do Courel que se executa sempre en roda.
- A muiñeira vella (tamén chamada ribeirana, ou empuñada polo particular xeito de tocarse na pandeireta) na que se acentúa a segunda corchea, producindo unha sensación rítmica diferente. A muiñeira vella pódese bailar en combinacións dun ou dous homes fronte a varias mulleres, dependendo da tradición local. A muiñeira vella como considérase anterior á muiñeira nova e foi conservada só nalgúns concellos da costa da morte. Unha variante conservada é a regueifa, tradicionalmente bailado nos casamentos.
Características
[editar | editar a fonte]A muiñeira nova é unha danza folclórica galega de ritmo rápido. A súa orixe é discutida, pero comunmente afírmase que foi nos muíños onde se moían o trigo e máis o millo onde naceu este baile; dado que as mulleres que traballaban alí tiñan que esperar algún tempo a que o millo estivese a punto, e para pasar o tempo bailaban. Para algúns estudosos é un baile de asimilación recente, non habendo testemuños escritos anteriores ó século XIX.
Como baile tradicional interpretábase en festas, romarías e canta xuntanza social o permitía. Se se dispuña de gaita, preferíase esta; pero senón, un grupo de percusión máis ou menos improvisado. A danza era colectiva, normalmente de tres a oito parellas colocadas fronte a fronte formando unha ringleira. A estrutura musical, composta de copla e volta, reflíctese na danza en xeito de punto e paseo. Un home interpretaba un punto, construído máis ou menos improvisadamente a base de embotados, saltos, picados e outras figuras, e o resto do grupo repite os movementos varias veces, mentres dure a parte da copla. Durante a parte de volta da melodía, o grupo realizaba paseos, en círculo, xirando as filas sobre o seu centro, ou outras figuras coreográficas sinxelas. Tanto punto como paseos execútanse cos brazos en alto ou facendo leves debuxos que dan máis graza á interpretación.
Na muiñeira vella, un ou dous homes bailan con dúas ou máis mulleres. O home realiza puntos complexos, mentres que a muller ten un papel secundario, limitándose a seguir o home con paseos con forma de oito, e con actitude máis recollida.
Tradicionalmente tanto a muiñeira como a xota galega son bailes de carácter lúdico e con compoñente social, ou incluso de galanteo.
Na actualidade o baile da muiñeira séguese a interpretar moito, tanto de forma improvisada en seráns e festas, como en exhibicións e actuacións, onde a compoñente improvisada desaparece en favor dunha maior calidade interpretativa. Certos grupos folclóricos incrementan a complexidade coreográfica ou dos puntos, mentres que outros reflicten só figuras ou esquemas de carácter puramente tradicional.
Variantes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- Referencias
- ↑ Mártinez San Martín (1998). p.119
- ↑ "Muiñeira". Dicionario RAG. Consultado o 19/02/2021.
- ↑ Romero Masiá; Pose Mesura (1987). Galicia nos textos clásicos. Museo Arqueolóxico da Coruña.
- ↑ "Muiñeira". Portal das Palabras. Consultado o 19/02/2021.
- ↑ Iglesias Dobarrio, Baldomero; Rivas Cruz, Xosé Luís. "Músicas da memoria, memoria das músicas". ivoox.com. p. 39m 05s.
- ↑ Varela García, Cesar. "Unha dúbida a loor da orixe da “muiñeira”". www.terraetempo.gal. Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2021. Consultado o 2021-02-20.
- ↑ Martínez San Martín (1998). pp.118-119
- ↑ Martínez San Martín (1998) p.123
- ↑ Martínez San Martín (1998) p.124
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Martínez San Martín, Anxo (1998). Historia e evolución da danza en Galicia (PDF). O feito diferencial galego: Galicia fai dous mil anos. Vol. 1: Música I (Museo do Pobo Galego). pp. 111–139. ISBN 84-88908-09-1.
- Camafeita Longa, Olga (2010). Dicionario Da Música Popular En Galicia (PDF). Rinoceronte Editora. ISBN 8493781657.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Vídeo: "Muiñeira de Fraga", vídeo en Youtube.
- Vídeo: "Muiñeira de Chantada" interpretada con frauta, vídeo en Youtube.
- Vídeo: "Ribeirana cantada", vídeo en Youtube.
- Vídeo: "Muiñeira de Poio"/"Muiñeira de Ourense", por Carlos Núñez e Liam O' Flynn, vídeo en Youtube.