Saltar ao contido

Osgiliath

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Osgiliath é unha cidade fortaleza ficticia creada polo escritor británico J. R. R. Tolkien para ambientar parte das historias do seu legendarium que se desenvolven na Terra Media. Osgiliath é a antiga capital do reino de Gondor.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Osgiliath significa en sindarin ‘fortaleza das estrelas’, pois fórmase coas raíces os- ou ost-, que significa ‘fortaleza’ e giliath, o plural de ‘estrela’.

Localización

[editar | editar a fonte]

Osgiliath atópase ó leste de Minas Tirith, ó oeste de Minas Morgul, ó sur da illa fluvial de Cair Andros e ó norte dos outeiros de Emyn Arnen. Estaba dividida polo río Anduin e as dúas partes da cidade estaban unidas por unha ponte de pedra cuberta de casas. Por el pasaba a calzada de Osgiliath, que a comunicaba con Minas Tirith e con Minas Morgul. Como cidade fluvial dispoñía de varios portos.

Osgiliath foi fundada entre o ano 3320 e 3429 da Segunda Idade do Sol segundo o calendario da Terra Media polos homes de Númenor, habitantes dunha lendaria illa afundida.

Era un punto central entre Minas Anor, - que acabaría sendo capital de Gondor co nome de Minas Tirith - e Minas Ithil, que sería conquistada por Sauron e rebautizada como Minas Morgul.

En Osgiliath atopábase o trono compartido polos reis Isildur e Anárion, no pazo coñecido como Torre da Bóveda, situado no centro da cidade. En dito recinto gardábase a Árbore Branca de Númenor, símbolo sagrado para o reino de Gondor, e a principal das pedras videntes Palantír.

Foi atacada varias veces no transcurso da Terceira Idade. A ponte sobre o río foi destruída e reconstruída en varias ocasións, ata que no ano 2984, o mordomo Denethor II reconquista a praza, estabelecendo unha forte gornición que reconstrúe a ponte.

Na época da Guerra do Anel, Gondor conservaba un posto nas ruínas de Osgiliath para defendela como posición estratéxica que era. Boromir e Faramir loitaron na súa defensa. Trala incorporación de Boromir á Irmandade do Anel, Faramir foi o encargado de defender Osgiliath. Aínda despois dun longo período de defensa exitosa contra as incursións de orcos que atacaban dende Minas Morgul, unha emboscada por parte das forzas de Mordor varreu case por completo ós soldados de Gondor que defendían a cidade.

Un infrutuoso intento de retomar a cidade foi levado a cabo por Faramir, capitaneando unha escuadra de soldados. Esta acción, froito da tolemia de Denethor II, custou a vida de toda a forza de ataque que levou a cabo a acción e case lle custa tamén a do seu fillo Faramir.

As hostes de Sauron cruzan o Anduin durante tres días con dirección a Minas Tirith, dando lugar á coñecida como Batalla dos Campos de Pelennor. Os exércitos da sombra, capitaneados polo Rei Bruxo de Angmar, son derrotados finalmente, sendo Osgiliath paso para as tropas derrotadas de Mordor que esnaquizan as pontes na súa retirada. O 18 de marzo, unha vez reconstruídos os pasos, os exércitos de Gondor, Rohan e os pobos libres da Terra Media cruzan Osgiliath con destino á Porta Negra de Mordor.

Trala coroación de Aragorn en maio de 3019, a cidade é repoboada de novo.