Saltar ao contido

Peixe lúa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Peixe lúa

Peixe lúa no Nordsøen Oceanarium.
Estado de conservación
Datos insuficientes
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Actinopterygii
Orde: Tetraodontiformes
Familia: Molidae
Xénero: 'Mola'
Especie: M. mola
Nome binomial
'Mola mola'
(Linnaeus, 1758)
Probabilidade de presenza do M. mola
Probabilidade de presenza do M. mola

Probabilidade de presenza do M. mola

O peixe lúa (Mola mola), ou peixe roda é o peixe óseo máis pesado coñecido. Ten un peso medio de mil quilogramos. Habita en augas tropicais e temperadas arredor do mundo. Semella unha testa de peixe sen cola, e o seu corpo é aplanado polos laterais. Os peixes lúa poden ser tan altos coma longos cando estenden as súas aletas dorsais e ventrais.

Teñen unha dieta que consiste principalmente en medusas. Como esta dieta é pobre en nutrientes, consómenas en grandes cantidades para desenvolverse e manter a súa medida. As femias poñen máis ovos que calquera outro vertebrado coñecido. As crías semellan peixes globos, con grandes aletas pectorais, unha aleta caudal e espiñas corporais que non son típicas dos exemplares adultos.

Os peixes lúa adultos son vulnerables a poucos predadores naturais, pero os leóns mariños, as candorcas e os tiburóns cómenos. Os peixes lúa acotío quedan accidentalmente atrapados en redes, e tamén son vulnerables a mancarse ou morrer por causa de refugallos flotantes, como bolsas de plástico.

É un membro da orde dos tetraodontiformes, que inclúe ós peixes globo, ós peixes ourizo e ós peixes bésta, cos cales comparte moitos trazos comúns.

Peixe lúa en Galicia

[editar | editar a fonte]

As capturas desta especie son sempre accidentais e adoitan ser noticias da prensa escrita. Aínda así, a sinonimia (e variantes) que recolleu Ríos Panisse nos diferentes portos da costa galega indican unha frecuencia habitual. Ademais dos nomes indicados, peixe lúa e peixe roda (ou, simplemenmte, roda), nomes derivados da súa forma plana e circular, tamén recolleu o de orellán (ou orelló e ourellán), procedentes da similitude das aletas dorsal e ventral con grandes orellas; peixe porco, pola abundancia de parasitos sobre a súa pel; petaca, pola súa forma. Cornide, Franco Grande e Eladio Rodríguez recolleron como vulgares os nomes de mola, moa e peixe moa.

Prohibición do seu consumo na Unión Europea

[editar | editar a fonte]

Entre os humanos, os peixes lúa son considerados unha exquisitez nalgunhas partes do mundo, coma no Xapón, Corea e Taiwán, pero na Unión Europea está prohibido vender a súa carne[1].

  1. Regulamento (CE) nº 853/2004, do Parlamento Europeo e do Consello, de 29 de abril de 2004, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos alimentos de orixe animal (DO L 139, de 30.4.2004), Sección VIII: Produtos da pesca, Capítulo V: Normas sanitarias para os productos da pesca; punto E: "Non se porán no mercado produtos da pesca derivados de peixes velenosos das seguintes familias: Tetraodontidae, Molidae, Diodontidae e Canthigasteridae".

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba, Universidad de Santiago de Compostela, 1977, px. 320-321.

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]