Portal:Francia/Cabezallo
Francia ( pronunciación (axuda · info)) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación (axuda · info)) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675.417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes. Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, en Europa Occidental. O seu territorio insular europeo, comprende a Illa de Córsega e diversos arquipélagos costeiros no Atlántico. En América, son territorio de Francia a Güiana francesa, e as illas e arquipélagos de Martinica, Guadalupe, Saint-Barthélemy, San Martiño e Saint-Pierre-et-Miquelon. No océano Índico, son francesas as illas de Mayotte e de Reunión, así como os arquipélagos de Polinesia Francesa e de Nova Caledonia, estes no océano Pacífico. Francia é un país altamente desenvolvido económica e socialmente, influente no plano xeopolítico. A súa economía é de tipo capitalista cunha intervención estatal non desprezable dende o fin da segunda guerra mundial. Non obstante, dende mediados dos anos 1980, reformas sucesivas arrastraron unha liberación progresiva do Estado de varias empresas públicas. É a sexta economía mundial en termos de PIB, membro do G8, da Zona Euro e do Espazo Schengen, e sede de numerosas multinacionais de primeira orde, líderes en diversos segmentos da industria e do sector primario, e é o primeiro destino turístico mundial, con máis de 75 millóns de visitantes estranxeiros anuais. Francia, fogar da primeira Declaración dos dereitos do home e do cidadán, é membro fundador das Nacións Unidas, do Consello de Europa, un dos cinco membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas e sede da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico e da UNESCO. É tamén unha das oito potencias nucleares recoñecidas e membro da OTAN. |