Saltar ao contido

Raimundo de Borgoña

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRaimundo de Borgoña

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1070 (Gregoriano) Editar o valor en Wikidata
Besançon, Francia Editar o valor en Wikidata
Morte20 de setembro de 1107 Editar o valor en Wikidata (36/37 anos)
Grajal de Campos, España Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturacatedral de Santiago de Compostela Editar o valor en Wikidata
Conde de Galicia

← Rodrigo OvéquizPedro Froilaz de Traba →
Reino de Galicia
Conde Magno

← Rodrigo Ovéquiz Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónmonarca Editar o valor en Wikidata
Outro
TítuloConde
Conde Magno Editar o valor en Wikidata
FamiliaAnscáridas (pt) Traducir e Casa de Borgoña Editar o valor en Wikidata
CónxuxeOrraca de León (1095 (Gregoriano)–) Editar o valor en Wikidata
FillosSancha Raimúndez, Afonso VII Editar o valor en Wikidata
PaisGuillerme I de Borgoña Editar o valor en Wikidata  e Estefanía de Borgoña Editar o valor en Wikidata
IrmánsSibila de Borgoña
Clemencia de Borgoña
Xisela de Borgoña
Reinaldo II, Conde da Borgonha
Estevo I de Borgoña
Calisto II
Ermentrud of Burgundy Editar o valor en Wikidata
Sinatura Editar o valor en Wikidata

WikiTree: Bourgogne-51 Find a Grave: 67221138 Editar o valor en Wikidata

Raimundo de Borgoña, tamén coñecido como Reimundo de Borgoña,[1] nado en Besançon cara a 1070 e finado en Grajal de Campos no 24 de maio de 1107, foi un nobre do Condado de Borgoña, fillo do conde Guillerme I e irmán do papa Calisto II.

No ano 1087 acudiu á Península Ibérica, xunto con outros nobres franceses, para deter o avance dos exércitos almorábides, vencedores das forzas cristiáns na batalla de Zalaca. Durante a súa estadía foi concertada unha alianza política que incluía o seu casamento coa infanta Urraca, filla e herdeira do rei Afonso VI, o que o colocou no primeiro posto da liña sucesoria. O rei Afonso confioulle dúas importantes tarefas, o goberno dun Reino de Galicia no que se desencadeara recentemente unha revolta nobiliaria que ameazaba coa secesión do territorio, e a defensa das terras fronteirizas cos reinos musulmáns, en especial da recentemente anexionada taifa de Toledo.

Froito dos seus esponsais con Urraca naceron dous fillos, a infanta-raíña Sancha Raimúndez e o futuro emperador Afonso VII, primeiro rei da chamada dinastía de Borgoña nos reinos de Galicia, León e Castela.

Antecedentes familiares

[editar | editar a fonte]
Miniatura do papa Calisto II, irmán de Raimundo de Borgoña, no prólogo do códice calixtino

Raimundo de Borgoña foi membro dunha poderosa familia aristocrática do Condado de Borgoña, territorio do Sacro Imperio Romano Xermánico posteriormente coñecido como Franco Condado.

O seu visavó foi o conde Otón Guillerme de Borgoña, primeiro conde dun condado de Borgoña nado após a desaparición do reino de Arlés, tamén chamado das dúas Borgoñas. O seu avó, Rexinaldo I de Borgoña era fillo e herdeiro de Otón, e o seu pai, fillo de Rexinaldo, foi o conde Guillerme I de Borgoña. Raimundo foi o terceiro dos dez fillos que o conde Guillerme tivo coa súa esposa Estefanía de Borgoña.

Durante os seus primeiros anos, Raimundo gobernou como conde o pagus de Amous, unha das catro divisións administrativas do Condado borgoñón[2]. A maioría dos seus irmáns ocuparon tamén importantes cargos na aristocracia europea do seu tempo: O seu irmán mais vello, Rexinaldo II, herdou o condado do seu pai. Faleceu en Terra Santa na primeira cruzada; o segundo irmán, Estevo I, asumiu a rexencia do condado á morte de Rexinaldo. Acudiu tamén ás cruzadas onde morreu no 1102; Hugo de Borgoña, foi arcebispo de Besançon; Sibila de Borgoña, foi duquesa de Borgoña (Reino de Francia) polo seu casamento co duque Eudes I de Borgoña; Xisela de Borgoña foi condesa de Savoia etc...[3]

Entre todos os irmáns destaca pola súa importancia, Guido, cuarto fillo do conde Guillerme. Guido foi arcebispo de Vienne desde o ano 1088 e posteriormente, no ano 1109, alcanzou o pontificado baixo o nome de Calisto II. Moi relacionado con Galicia, foi un firme defensor dos dereitos hereditarios do fillo de Raimundo, o seu sobriño Afonso VII. Tamén foi o impulsor das peregrinacións xacobeas ao conceder á sé eclesiástica de Compostela a dignidade metropolitana de Mérida[4] e instaurar o ano santo xacobeo[5]. Atribuíuselle a autoría de parte do códice calixtino, manuscrito que porta o seu nome.

Chegada á Península Ibérica

[editar | editar a fonte]
Condado de Borgoña (Sacro Imperio Romano Xermánico) e Ducado de Borgoña (Reino de Francia). Raimundo era fillo do Conde Guillerme I de Borgoña (1020-1087). Henrique do duque Henrique de Borgoña (1035-1066)
(...) o rei (Afonso VI) pasou a considerar e buscar dilixentemente con quen, sen prexuízo da súa honra, puidese unir en casamento a súa filla, chamada Urraca, que tivera coa súa lexítima esposa.

E como en terras hispánicas, non encontrou ninguén que parecese digno de ser xenro dun rei, mandou chamar das terras de Borgoña, que están ao lado do río Arar, coñecido vulgarmente como Saona, un varón nobre, valente coas armas, moi famoso , adornado con boas maneiras, o conde en suma Raimundo, con quen casou a súa filla Urraca.

—Chronica latina regum Castellae[6]

Após a anexión da Taifa de Toledo por Afonso VI no ano 1085, os almorábides, respondendo á petición dalgúns dos reis das restantes taifas andalusís, interviron militarmente na Península Ibérica derrotando os exércitos dos reinos cristiáns na batalla de Zalaca. A alarmante derrota, que ameazaba con recuperar para o islam o territorio toledano, obrigou a Afonso VI a reclamaren axuda cristián para a defensa das novas fronteiras. No ano 1087, dentro do espírito da Cruzadas, tropas francas comandadas polo duque Eudes I, cuñado de Raimundo de Borgoña, acudiron á chamada do rei Afonso para frear o avance almorábide. Na súa chegada atoparon que o exército sarraceno abandonara xa a península de regreso ao norte de África polo cal foron convidados a atacar Tudela, na taifa de Zaragoza[7].

Esta alianza francesa, tecida pola orde de Cluny en torno ao matrimonio do rei Afonso con Constanza de Borgoña, garantía o fluxo de parte do ouro tributado polas taifas cara á orde relixiosa e resultaba imprescindíbel na península para neutralizar o poderío almorábide[8]. É por isto que o rei Afonso procedeu a consolidala mediante o casamento das súas dúas fillas, Urraca e Teresa, con dous dos nobres borgoñóns incluídos na cruzada, Raimundo e Henrique de Borgoña[9].

Henrique, irmán do Duque Eudes I de Borgoña (Reino de Francia), desposou a Teresa, filla natural de Afonso VI e a aristócrata Ximena Muñoz. Raimundo, fillo do Conde Guillerme I de Borgoña (Sacro imperio Romano Xermánico), casou coa infanta Urraca, filla do rei Afonso e Constanza de Borgoña. Na altura, Urraca era a lexítima herdeira dos reinos do seu pai, polo que, co casamento, Raimundo pasou a ser considerado o futuro monarca. Foille concedido o goberno do reino de Galicia, lugar onde o sitúan as primeiras referencias documentais xa no 1087[10], data da súa chegada á península e, posibelmente, tamén da voda coa princesa Urraca[11].

Goberno do Reino de Galicia

[editar | editar a fonte]
Reinos da península ibérica no século XI.

O rei García II recibira no ano 1065 a coroa do Reino de Galicia como herdanza á morte do seu pai Fernando I. O goberno deste reino foille arrebatado polo seu irmán Afonso VI no ano 1072, data no que o prendeu e encerrou no castelo de Luna, na montaña leonesa. A consecuencia destes feitos Afonso enfrontouse a un alzamento da aristocracia galega liderado polo conde Rodrigo Ovéquiz e o bispo de Compostela Diego Páez, que proxectaba repoñer no trono o rei García e casalo cunha filla de Guillerme de Normandia[12].

Para poñer remedio á inestábel situación, nun momento no que medraba no sur a ameaza almorábide, Afonso confiou ao seu xenro Raimundo e á súa filla Urraca o goberno do reino galego.[9] Raimundo alcanzou entón enormes cotas de poder, suplantando a autoridade do rei e comportándose como un auténtico príncipe feudal.[13] Da súa independencia e autoridade falanos a creación arredor da súa figura da estrutura administrativa propia dun monarca, con mordomo, meiriño e chanceler propios[14], así como as fontes documentais nas que é designado empregando formulas propias da realeza[10]. Na documentación obsérvase tamén como bispos e condes extra-galegos asisten a Raimundo como confirmantes e como este exerce a súa autoridade en Zamora ou Salamanca o que indica que a zona leonesa era tamén recoñecida como parte do seu dominio[15].

Raimundo e Urraca contaron desde moi cedo coa aceptación do clero e da nobreza galega, en especial da poderosa casa de Traba, é constante a presenza do conde Pedro Froilaz e outros membros do clan familiar nos diplomas do período[16]. Co seu apoio o conde Raimundo gobernou con man firme un reino galego que abranguía na altura gran parte da faixa occidental peninsular, desde o mar Cantábrico até o sur de Coímbra.

Medidas de goberno

[editar | editar a fonte]
Raimundo de Borgoña no Tombo A de Compostela. O conde, grande benefactor da igrexa, é representado coa espada desenvainada o que o identifica como "defensor Ecclesiae"[17]
Imaxe de Raimundo de Borgoña no Compendio de Crónicas de Reyes (séc. XIV)
Catedral de Salamanca. No ano 1102, Raimundo de Borgoña restaurou a diocese de Salamanca, sufragánea da arquidiocese de Compostela desde o 1120.

Baixo o mandato de Raimundo de Borgoña iniciouse en Galicia a chamada Era Compostelá, un período de prosperidade que abrangueu tamén o reinado dos seus descendentes: o seu fillo Afonso VII, o seu neto Fernando II e o seu bisneto Afonso VIII. Durante esta época, grazas á estabilidade política e factores de orde económica (prosperidade agraria, apertura do comercio marítimo, intensificación das rutas xacobeas) proliferaron as construcións románicas por todo o país, erguéronse as catedrais actuais, redactouse a Historia Compostellana e o Codex Calixtinus e espallouse a lírica galego-portuguesa.

Durante os anos de goberno do conde Raimundo en Galicia foron emitidas unha serie de medidas lexislativas que contribuíron ao desenvolvemento dos núcleos urbanos, fomentando a súa economía e protexendo os seus cidadáns e comerciantes dos abusos da nobreza. Estas medidas, favorábeis aos intereses dos bispos, que ostentaban o señorío nas cidades, resultaban prexudiciais para a aristocracia laica, privada de recursos humanos e económicos. É este un proceso de fortalecemento das estruturas monárquicas, iniciado no século XI, e que foi unha das causas das sucesivas revoltas nobiliares [18] durante os reinados de Fernando I (revolta do conde Munio Rodríguez[19]); García II (revolta do conde Nuno II Mendes); e Afonso VI (revolta do conde Rodrigo Ovéquiz). Esta última rebelión, acaecida no mesmo ano da chegada do conde Raimundo á península, veu predecida da retirada por Afonso VI de bens territoriais en Rábade, Sobrado, Chamoso, Pallares, Portomarín e Ulloa para entregalos ao couto xurisdicional da catedral de Lugo[20].

Dous casos exemplificadores das normativas impulsadas polo goberno de Raimundo e Urraca son as referentes ás cidades de Lugo e Compostela.

No caso da cidade de Santiago, no ano 1095, foille concedido un salvoconduto aos seus comerciantes, asiduamente asaltados e roubados cando transitaban alén dos muros da cidade pola propia nobreza feudal[21][22]. Este salvoconduto é considerado un logro dos cidadáns de Compostela que aparecen deste xeito por primeira vez como protagonistas. O seu acusado dinamismo levaraos en anos posteriores a tentar asumir mesmo o control da cidade[23]. No ano 1105, confirmouse a cidadanía plena de todos os moradores da urbe. Esta decisión impulsou a demografía da vila pois significaba o abandono das duras condicións da servidume feudal para todas as persoas que trasladasen a súa residencia á cidade[24], ademais retirouselles aos cidadáns composteláns toda unha serie de obrigas e cargas fiscais que pesaban sobre eles, por exemplo, estaban exentos do pago dos impostos de fosadeira, luctuosa e caritel e non estaba obrigados a acudir ao fosado, é dicir á guerra, a non ser que puidesen ir e volver no mesmo día, o que limitaba de facto a súa acción á propia terra de Santiago[25].

Similares normativas foron implementadas na cidade de Lugo, á que se concedeu unha carta foral arredor do ano 1090, e na que se iniciou un necesario proceso repoboador[26][27], pois aínda acusaba os efectos demográficos da recente revolta do conde Rodrigo Ovéquiz, ocasión na que vila foi asediada e asaltada polo exército de Afonso VI[12]. No 1102, reguláronse as actividades comerciais cunha serie de normas que as fomentaban e daban seguridade a comerciantes e clientes e no 1106 emitiuse un salvoconduto para a protección dos mercadores nos seus desprazamentos polos distintos dominios señoriais[28].

Xunto a isto, observase un favorecemento continuado do estamento clerical mediante a confirmación dos seus privilexios e a cesión de bens patrimoniais e territoriais. Existe documentación deste tipo para a maioría dos bispados do reino galego do tempo: Compostela, Lugo, Mondoñedo, Tui, Ourense, Coímbra e Salamanca, diocese esta última restaurada polo conde Raimundo no ano 1102. Como bispo da mesma o conde nomeou o cluniacense Xerónimo de Perigueux[29].

Algúns exemplos son a cesión no ano 1094 do mosteiro da Vacariça á catedral de Coímbra[30], a igrexa de san Xiao de Nois e outra posesións ao bispo de mondoñedo Gonzalo Froilaz (irmán do conde de Traba) no 1096[31], a confirmación dos límites xurisdicionais da catedral de Tui no 1095 e os da catedral de Lugo no 1102, a concesión de inmunidade aos cóengos desta última catedral no 1106. E xa na hora da súa morte, no 1107, o conde Raimundo cedeu os mosteiros de Chantada e San Mamede á sé Compostelá[32].

As excelentes relacións do conde Raimundo coa igrexa, non hai que esquecer o patrocinio exercido pola poderosa orde de Cluny, reflíctense no tratamento que as fontes históricas de orixe compostelán lle outorgan. O conde é magnificado na Historia Compostellana e figura idealizado e nun lugar destacado no Tombo A, nas páxinas correspondentes aos monarcas[33].

A curia galega do Conde Raimundo

[editar | editar a fonte]
Curia e oficialidade de Raimundo de Borgoña no Reino de Galicia (1094-1107)[34]
Ano Alférez Mordomo Meiriño Mor Meiriño Chanceler
1094 Fernan Raimúndez Froila Díaz Diego Xelmírez
1095 Xoán Ramírez Diego Xelmírez

Pedro Muñoz

1096 Soeiro Nunez Froila Díaz Diego Xelmírez
1097 Xoán Ramírez Munio Sisnándiz
1098 Soeiro Bermúdez Xoán Ramírez

Odoario Ordóñez

Arias Savaríquez

Munio Sisnándiz
1101 Afonso Núnez Froila Díaz Ero Armentáriz Luzo Arias
1102 Afonso Núnez Paio Nunez
1104 Ero Armentáriz

Fernando Ordóñez

1105 Munio Paez Xoán Ramírez Ero Armentáriz
1107 Pedro Díaz

A documentación permite a reconstrución da estrutura de poder creada en torno á figura dos condes Raimundo e Urraca, esta curia propia, organo consultivo e de goberno, estaba formada pola alta aristocracia galega[35]. A primeira referencia a esta curia, o palatium, aparece na diplomatura condal no ano 1095 cando nun documento que confirmaba os límites do couto da Catedral de Tui alúdese a el coa fórmula "omni palacio meo", ou na concesión dun salvoconduto aos mercadores de Compostela onde se refire a ela como "nostri palatii"[36].

Nesta curia galega sobresaían os persoeiros que ostentaban a dignidade condal, durante o período de goberno de Raimundo constátase a presenza de cinco destes comites ou consules: Pedro Froilaz de Traba[37], Froila Díaz de Sarria[38], Soeiro Bermúdez de Rábade[39], Nuno Vásquez de Celanova[40] e Sancho Pérez de Monterroso[41].

O cargo máis importante do palatium de Raimundo, o de mordomo, isto é o de principal intendente do señor, foi ocupado desde o inicio do seu señorío por un destes condes, Froila Díaz.

O resto dos cargos e oficios do goberno eran ocupados non só polos comites senón tamén por outros integrantes da curia de inferior rango nobiliar. Entre eles abundan os membros das parentelas condais, por exemplo, Munio Páez[42] e Bermudo Pérez[43], xenro e fillo de Pedro Froilaz ou Munio Vélaz, vastago do defunto conde Vela Ovéquiz, e parente do conde Soeiro Bermúdez.

Así, o irmán do conde de Traba, Rodrigo Froilaz[44], foi designado para o cargo de almirante, o encargado da defensa das costas do reino, no ano 1102[45]. Para o posto de chanceler, secretario e notario do gobernante, que era tradicionalmente ocupado por un membro da igrexa, foi escollido o xove clérigo compostelán Diego Xelmírez[46]. No cargo de alférez, o armiger comites, e dicir do responsábel do comando da milicia, consta nun primeiro momento un certo cabaleiro Fernando Raimúndez, a quen a xulgar polas datas, correspondeu portar o estandarte do conde na fracasada ofensiva contra lisboa do ano 1094[47]. A función de meiriño mor, oficial da xustiza que coordinaba os meiriños territoriais, foi asignada a Ero Armentáriz, nobre que chegou a ser anos máis tarde mordomo do rei Afonso VII[48].

Actividade militar

[editar | editar a fonte]
Murallas de Ávila. Reconstruídas baixo o mandato de Raimundo de Borgoña[49].

Raimundo de Borgoña asumiu tamén a defensa militar da parte occidental da fronteira da estremadura (terras do extremo). O obxectivo estratéxico do exército cristián era a protección do recentemente anexionado Reino de Toledo, seriamente ameazado pola irrupción na península dos exércitos almorábides. A caída de Toledo suporía un desastre, toda vez que a monarquía amistosa e tributaria previa a anexión cristián, transformaríase nas mans almorábides nunha inmellorábel base para a realización de incursións de saqueo nos territorios a sur do Douro.

Para a protección de Toledo foi creada unha liña defensiva na súa retagarda mediante a fortificación dos pasos montañosos do sistema central. Lugar desde o cal sería posíbel socorrer á cidade no caso dun asedio das forzas musulmáns[50] e que permitiría a protección dos territorios do norte diante dunha hipotética caída da cidade.

O conde Raimundo procedeu a organizar para a guerra toda unha serie de vilas e cidades na marxe sur do río Douro. Nestas poboacións fronteirizas asentáronse novos continxentes de poboación necesarios para defensa do territorio[51]. A función guerreira destes "colonos" das terras da fronteira era de obrigado cumprimento, a lexislación lembraba continuadamente a obriga de acudir ao fosado, especialmente para aqueles que posuísen unha cabalgadura[52].

Neste período repobouse e fortificouse a cidade de Segovia, que protexía os pasos da Serra do Guadarrama; a cidade de Ávila, que dominaba o paso de Arrebatacapas, acceso directo a Toledo; e a cidade de Salamanca, situada na Vía da Prata e que protexía o estratéxico cruzamento do río Tormes, a través do cal se desprazarían os exércitos cristiáns de auxilio a Toledo[53].

Asedio de Lisboa

[editar | editar a fonte]
Selo de Raimundo de Borgoña.
Cando o mesmo arcebispo, (...) estaba no cerco, en compañía do Conde Raimundo e os nobres de Galiza, coa intención de extirpar a perfidia dos xentís, os sarracenos, con homes recollidos de toda a parte, nunha inmensa multitude de guerreiros, atacaron os campamentos dos cristiáns que rodeaban as proximidades de Lisboa. (...) Despois, cando uns cristiáns caían e outros eran apresados, o mesmo [arcebispo] inerme, protexido da multitude de mísiles, de tanta efusión de sangue pola destra do omnipontente evadiuse do centro mesmo das mans dos sarracenos, libre e incólume.
Historia Compostellana - Capítulo LIII - Libro II

No ano 1090, os almorábides volveron á península coa intención de incorporar definitivamente ao seu imperio todo o territorio de Al-Andalus. Dos tres monarcas andalusís que reclamaran inicialmente a axuda almorábide contra os cristiáns dous foron forzados ao exilio, Abd’Allah de Granada e Al-Mutamid de Sevilla, o terceiro, Al-Mutawákkil rei da taifa de Badaxoz, tributaria do reino galego, optou por ceder Santarem, Lisboa e Sintra na primavera de 1093 a cambio da axuda e protección cristián.

Raimundo confiou a defensa dos novos territorios do reino a Soeiro Mendes da Maia[54], mais, cando na campaña do ano seguinte, os almorábides atacan Badaxoz, a taifa cedeu tan axiña que non permitiu organizar a súa defensa[55].

No ano 1094, o conde Raimundo convocou o seu exército e, coa nobreza galega en pleno, iniciou unha expedición militar cara ao sur para retomar as prazas perdidas[47]. A incursión fracasou. Os musulmáns permitiron que os galegos establecesen asedio sobre Lisboa para atacar despois desde diversas direccións, dispersando o exército e forzando os sobreviventes a procurar refuxio nas murallas de Coímbra. No asalto ao campamento cristián o propio conde e o seu secretario Diego Xelmírez fuxiron por pouco de seren capturados polos sarracenos[56].

Pacto Sucesorio

[editar | editar a fonte]
Reinos da Península Ibérica no século XII.

A derrota de Lisboa supuxo unha perda de prestixio militar para o conde Raimundo, o que para parte da historiografía (sobre todo portuguesa), explica a detracción da zona sur do seu feudo, o condado portucalense, e a súa entrega a Henrique de Borgoña no ano 1096[57]. Esta parte do territorio, malia que formalmente mantiña a preitesía feudal ao reino galego, privaba a Raimundo do seu dominio directo[58].

Porén, o motivo principal da decisión do rei Afonso, foi o nacemento no 1093 dun novo herdeiro varón, Sancho Afónsez, concibido fóra do matrimonio coa princesa Zaida de Sevilla. O nacemento deste infante implicaba unha mudanza na liña sucesoria, o conde Raimundo pasaba de sucesor potencial a competidor polo título rexio. Este feito facía conveniente, para os intereses de Afonso, a mingua do poder do conde de Galicia e a introdución da discordia entre as fileiras do partido raimundista conducido pola orde de Cluny[59][60].

As desavinzas creadas entre os nobres borgoñóns pola división territorial[61] motivou que o abade Hugo de Cluny, enviase á península un delegado, Dalmacio Geret, mais adiante bispo de Compostela, coa misión de arranxar un acordo entre os condes. Os obxectivos deste pacto sucesorio, do que se descoñece a datación exacta[62], eran manter a concordia co vello rei Afonso VI á espera da seu falecemento e favorecer a coroación de Raimundo establecendo de xeito claro as asignacións feudais correspondentes a Henrique como vasalo seu. Segundo o texto do acordo, Raimundo cedería a Henrique un terzo do tesouro real e o reino de Toledo, e no caso de non poder ser este, completar coa parte norte todo o reino de Galicia baixo o seu señorío[63][64]. É probábel que o pacto alcanzase os seus propósitos, pois o conde Raimundo, desaparecido desde finais do 1093, volveu a incorporarse á curia real e a figurar como confirmante na diplomatura rexia desde o ano 1097[59].

Derradeiros anos

[editar | editar a fonte]
O apóstolo Santiago na fachada das pratarías da Catedral de Compostela. Apreciase á súa esquerda a inscrición "ANFUS REX", realizada para sinalar a coroación no 1111 de Afonso VII, fillo de Raimundo de Borgoña, como rei de Galiza[65][66].
Este (Afonso VI), o ter apartado o destino ao seu xenro o cónsul Raimundo da visión da luz presente e o ser presentado seu fillo (...) falou así a todos os nobres de Galiza: "(...) declárovos sen dúbida servidores do seu fillo, meu neto, a quen lle deixo toda Galiza en herdanza se a súa nai Urraca contrae novo matrimonio; nin por razón do señorio de Galiza, esixireille servizo, nin obsequio ningún. E para que sobre esta cesión non poida caber dúbida ningunha, é a miña vontade que aquí, na presenza do arcebispo de Vienne (tío do mencionado rapaz) e nas mans do discreto varón D. Diego II, bispo de Compostela, prestedes todos xuramento de recibir como Señor a este neno que tedes á vista e de defendelo como a tal e con todas as vosas forzas, aínda contra min mesmo, se eu, por ventura, atentase algún día contra a dignidade que acabo de conferirlle."
Historia Compostellana - Capítulo XLVI - Libro I

Despois do pacto sucesorio e a recondución das relacións entre Raimundo e o rei Afonso, a situación política entrou nunha fase de espera. Afonso VI continuaba a tentar enxendrar un herdeiro lexítimo que o sucedese. Após o falecemento no 1093 de Constanza de Borgoña, o rei casou con Berta da Lombardía[67]. Este matrimonio durou até o 1100 e tampouco proporcionou o ansiado herdeiro, o que motivou que trala morte de Berta, o rei desposase a Zaida, nai do seu fillo Sancho, para lexitimalo como herdeiro. O casamento coa princesa Zaida achegaba ao rei toda unha serie de importantes fortalezas fronteirizas que axudaban a asegurar o recentemente conquistado Reino de Toledo en disputa coas forzas almorábides[68].

A lexitimación de Sancho resultaba fatal para os intereses franco-galegos representados por Raimundo e Urraca os que, para complicar aínda mais a situación, xa tiñan un herdeiro propio desde marzo do 1105, data na que naceu o futuro emperador Afonso VII. No verán dese mesmo ano Diego Xelmirez desprazouse até Borgoña para acordar unha nova estratexia co abade Hugo de Cluny[69], mais, os acordos non puideron prever a rápida mudanza do panorama político nos anos seguintes.

Raimundo de Borgoña faleceu en outubro do ano 1107, a consecuencia do pasamento celebrouse unha curia en León para solventar definitivamente o problema sucesorio. A esta xuntanza asistiron o conde Pedro Froilaz, Diego Xelmírez e Guido de Borgoña, para defender os dereitos do fillo de Raimundo, Afonso. Afonso VI resolveu conceder o trono do reino galego á súa filla Urraca coa condición desta non voltase a casar, caso no cal o reino pasaría a ser gobernado polo seu fillo Afonso Reimúndez. O rei tomou a continuación xuramento aos nobres galegos de que farían respectar esta decisión[70].

A solución acordada non solucionou o problema pois no ano seguinte, 1108, faleceu o príncipe Sancho na Batalla de Uclés, e o propio Afonso VI, nunha nova curia leonesa, decidiu que a súa filla e de novo herdeira, Urraca desposase a Afonso I de Aragón. Esta decisión causou a contrariedade dos defensores da opción franco-galega, a reunión foi significativamente abandonada antes da súa conclusión por Henrique de Borgoña, "ayrado del rei", que pasou os Pireneos na procura de tropas francesas para a guerra que se aproximaba[71].

O rei Afonso VI faleceu no ano seguinte, 1109, subindo ao trono Urraca, que nese mesmo ano casou co rei Afonso de Aragón. O matrimonio iniciou a rebelión da nobreza galega na defensa dos dereitos sucesorios do neno Afonso Reimúndez. O seu aio, o conde Pedro Froilaz de Traba, proclamouno rei de Galicia e coroouno xunto a Diego Xelmírez na Catedral de Compostela no ano 1111. A revolta prolongou a crise política varios anos máis, e finalmente conseguiu no 1126 que o fillo de Raimundo de Borgoña conseguise o que o seu pai non puido, a coroa de todos os reinos do seu avó Afonso VI.

Morte e sepultura.

[editar | editar a fonte]
E Naimes compuxo o oitavo corpo

con flamengos e guerreiros de Frisia.

Eran mais de corenta mil combatentes a cabalo

que nunca abandonarían a batalla.

Así dixo o rei:"Estes serviránme con fidelidade.

Entre Rembalt e Hamón de Galicia

han guialos conforme á arte da cabalaría".

Raimundo de Borgoña (Hamón de Galicia) no Cantar de Roldán [72][73]

Sepulcro no Panteón Real da Catedral de Santiago do infante Fernando Afonso, fillo do Rei Afonso VIII, que foi atribuido tradicionalmente a Raimundo de Borgoña [74].

Raimundo de Borgoña faleceu no ano 1107 en Grajal de Campos, terras incluídas dentro dos seus dominios feudais[75]. Acompañouno nas súas derradeiras horas o seu antigo secretario, agora bispo, Diego Xelmírez, o cal foi o encargado de trasladar os seus restos á Catedral de Compostela onde foron oficiadas as súas exequias[76].

A sepultura do conde foi colocada nun sartego baixo un arcosolio na fachada norte da Catedral, do lado oeste da Porta Francíxena[77], no que hoxe é a Fachada da Acibechería[78]. A arcada baixo a que se colocou o sartego do conde, atópase agora integrada na capela de Santa Catarina e pode ser apreciada facendo de bóveda da mesma[79].

O sepulcro situábase no principal acceso á Catedral da época, paso obrigado para os peregrinos que finalizaban a súa peregrinación polo camiño francés. Esta honrosa disposición é idéntica á da Catedral de Saint-Sernin, coetánea da compostelá e de similar factura, en cuxa Porte des Comtes repousan os restos dalgúns dos condes tolosanos[80][81].

O sarcófago no que se sepultaron os restos do conde de Galicia semella terse perdido nalgún momento, toda vez que o que se lle veu atribuíndo tradicionalmente, é datado polos estudosos a comezos do Século XIII[82] e representa a un home novo carente de barba, espada, anel ou calquera outro atributo institucional. É notoria a diferenza coa imaxe que do conde Raimundo nos ofrece a miniatura do Tombo A de Compostela. A sepultura asignada ao conde pertence na realidade a Fernando Afonso, fillo e herdeiro do rei Afonso VIII[83], soterrado na catedral no ano 1214. Dá testemuña deste feito o historiador Ambrosio de Morales na crónica dunha viaxe a Compostela no século XVI cando afirma que o sepulcro é de "mancebo, sen Coroa... fillo dalgún dos Reis xunto os que esta"[84].

A este ataúde perdido corresponderíalle, continuando o paralelismo cos enterramentos de Saint-Sernin, pertencer ao tipo aquitano; de feito, existen restos dunha tampa de sarcófago, indubidabelmente aquitana, atopados en escavacións arqueolóxicas realizadas na contorna da catedral. Estes restos son conservados no museo das peregrinacións[85]. A descrición do panteón feita por Ambrosio de Morales indica a presenza no mesmo de tres tumbas descoñecidas "tumbas rasas, que non teñen labor, senón só as Cruces planas"[84] algunha das cales podería ser o sartego desaparecido[86].

Co motivo da celebración do ano xacobeo de 2010 foi realizada unha reconstrución virtual da Porta Francíxena e na que é posíbel apreciar a colocación do sartego do conde Raimundo[87].

  1. López Carreira, Anselmo (2003). Os reis de Galicia. Vigo: A Nosa Terra. p. 118. ISBN 84-96203-44-1. 
  2. BARÓN FARALDO 2017. p. 24.
  3. BARÓN FARALDO 2017. pp. 63-81
  4. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. pp. 7–8. 
  5. López Ferreiro, Antonio (1901). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 4. p. 330. 
  6. Charlo Brea, Luis, ed. (1999). Crónica latina de los reyes de Castilla. Akal. p. 27. ISBN 84-460-0919-6. 
  7. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of Leon-Castilla Under King Alfonso 6, 1065-1109 (PDF) (en inglés). Princeton University Press. ISBN 0691055157. 
  8. Pallares Méndez, María del Carmen; Portela, Ermelindo (2006). La Reina Urraca. Nerea. ISBN 978-84-96431-18-8. 
  9. 9,0 9,1 Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI, 1065-1109 (PDF) (en inglés). Princeton University Press. ISBN 0691055157. 
  10. 10,0 10,1 "Tenentes do Condado de Galiza baixo a monarquía galaico-leonesa (1065-1109)". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 11/10/2020. Consultado o 29/06/2018. 
  11. Reilly, Bernard F. (1982). The Kingdom of León-Castilla under Queen Urraca, 1109-1126 (PDF) (en inglés). Princeton University Press. ISBN 978-0691053448. 
  12. 12,0 12,1 López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 154–159. 
  13. BARÓN FARALDO 2017. p. 450
  14. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (c. 1091-1107)" (PDF). Estudios Mindonienses 27: 533–536. 
  15. LÓPEZ CARREIRA 2008. pp. 350-352
  16. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (c. 1091-1107)" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 540–556. 
  17. Moralejo Álvarez, Serafín (1985). La miniatura en los Tumbos A y B (PDF). Los Tumbos de Compostela (Edilán). p. 49. 
  18. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. pp.14-17.
  19. "Munio Rodríguez (Comiti Munio Roderici)". Xenealoxías do Ortegal. Consultado o 02/10/2018. [Ligazón morta]
  20. BARÓN FARALDO 2017. p. 283.
  21. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. p. 186. 
  22. Falque Rey, Emma, ed. (1994). Historia compostelana. Akal. Clásicos latinos medievales. pp. 117–118. ISBN 84-460-0417-8. 
  23. Portela Silva, Ermelindo (2003). Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Concello de Santiago. pp. 142–153. ISBN 84-9750-137-3. 
  24. Portela Silva, Ermelindo (2003). Historia de la ciudad de Santiago de Compostela. Concello de Santiago. pp. 82–83. ISBN 84-9750-137-3. 
  25. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 288–292. 
  26. De Abel Vilela, Adolfo (2009). La ciudad de Lugo en los siglos XII al XV. Urbanismo y sociedad. Fundación Pedro Barrié de la Maza. p. 32. ISBN 978-84-95892-71-3. 
  27. "Adolfo de Abel Vilela: Raimundo de Borgoña fue quien hizo que la ciudad de Lugo llegara hasta hoy". Diario el progreso. Consultado o 28/09/2018. 
  28. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 305. 
  29. BARÓN FARALDO 2017. p. 145.
  30. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. p. 183. 
  31. Flórez, Henrique (1747). Espana Sagrada: theatro geographico-historico de la Iglesia de Espana 18. p. 116. 
  32. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. p. 296. 
  33. Castiñeiras, Manuel (2002). "Poder, memoria y olvido: La galeria de retratos regios en el Tumbo A de la catedral de Santiago (1129-1134)" (PDF). Quintana (1): 193–194. 
  34. BARÓN FARALDO 2017. p. 249.
  35. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 285. 
  36. BARÓN FARALDO 2017. p. 229.
  37. "Pedro Froilaz". Xenealoxias do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 21/01/2022. Consultado o 12/09/2018. 
  38. "Froila Diaz de Sarria". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 28/12/2019. Consultado o 12/09/2018. Comes Froila Didaci de Sarria 
  39. "Suero Bermudez de Rábade". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 24/02/2020. Consultado o 12/09/2018. Comes en Rábade 
  40. "Nuno de Celanova". pt.wikipedia. Consultado o 14/09/2018. 
  41. Barón Faraldo, Andrés (2011). "Magnates y nobiles en la curia del conde Raimundo de Borgoña. Totius Gallecie Princeps (c. 1091-1107)" (PDF). Estudios Mindonienses (27): 547. comes Sancius de Monterroso 
  42. "Munio Paez". Xenealoxias do Ortegal. Consultado o 14/09/2018. [Ligazón morta]
  43. "Bermudo Pérez". Xenealoxías do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 14/04/2021. Consultado o 14/09/2018. Vermudo Petriz Galleciae 
  44. "Rodrigo Froilaz". Xenealoxias do Ortegal. Arquivado dende o orixinal o 28/12/2019. Consultado o 14/09/2018. Roderici Froylaz Almirante de Galiza Sr. de Trasancos 
  45. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 328. 
  46. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 172–173. 
  47. 47,0 47,1 "A expedição de Raimundo a Lisboa". Terra e Tempo. Arquivado dende o orixinal o 21/08/2018. Consultado o 21/08/2018. 
  48. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 468. 
  49. "La Muralla de Ávila". Terranostrum.es. Consultado o 09/09/2018. 
  50. BARÓN FARALDO 2017. p. 114.
  51. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela. p. 286. 
  52. BARÓN FARALDO 2017. pp. 129-133.
  53. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI, 1065-1109 (PDF). Princeton University Press. ISBN 0691055157. 
  54. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 176. 
  55. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF) (en inglés). Oxford University Press. 
  56. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 182–185. 
  57. Amaral, Luis Carlos (2012). A condessa-rainha: Teresa. Circulo de leitores. pp. 38–39. ISBN 9724247023. 
  58. LÓPEZ CARREIRA 2008. p. 348.
  59. 59,0 59,1 Portela Silva, Ermelindo (2013). Diego Gelmírez y el trono de Hispania. La coronación real del año 1111. (PDF). O Século de Xelmírez (Consello da Cultura Galega). pp. 51–53. ISBN 978-84-9292353-3. 
  60. Reilly, Bernard F. (1968). "Santiago and Saint Denis: The French presence in Eleventh-century Spain". The Catholic Historical Review (en inglés) 54 (3): 478. 
  61. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. p. 194. 
  62. Estefânio, Abel (2011). "O “pacto sucessório” revisitado: o texto e o contexto" (PDF). Medievalista (10). ISSN 1646-740X. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 18 de agosto de 2018. Consultado o 17 de agosto de 2018. 
  63. Fletcher, Richard A. (1984). Saint James's Catapult: The Life and Times of Diego Gelmírez of Santiago de Compostela (PDF) (en inglés). Oxford University Press. 
  64. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. p. 52.
  65. Castiñeiras, Manuel (2012). Las portadas del crucero de la catedral de Santiago (1101-1111). Alfonso VI y su legado. Actas del Congreso Internacional, Sahagún, 29 de octubre al 1 de noviembre de 2009 : IX Centenario de Alfonso VI (1109-2009) (Diputación de León). p. 217. ISBN 978-84-89410-22-0. 
  66. Williams, John (2015). "¿España o Toulouse? Observaciones medio siglo después" (PDF). Quintana. Revista de Estudos do Departamento de Historia da Arte (Universidade de Santiago de Compostela ed.) (14): 284. ISSN 1579-7414. 
  67. Reilly, Bernard F. (1988). The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VI, 1065-1109 (PDF) (en inglés). Princeton University Press. ISBN 0691055157. 
  68. LÓPEZ CARREIRA 2008. pp. 348-349
  69. Álvarez Palenzuela, Vicente Angel (2010). Alfonso VI: Imperator totius orbis Hispanie. Sanz y Torres. ISBN 978-84-92948-45-1. 
  70. LÓPEZ TEIXEIRA 2013. pp. 53-57
  71. PALLARES e PORTELA 2006. pp. 85-86
  72. Harguindey Banet, Henrique (2009). La Galice, dez séculos de olladas francesas. Universidade de Santiago de Compostela. ISBN 978-84-9887-125-8. 
  73. Gicquel, Bernard (2003). "Généalogie de la Chanson de Roland, suivi des Sources et Modèles". Cahiers de civilisation médiévale, 49e année (en francés) (194). 
  74. Moralejo, Serafin (1990). ¿Raimundo de Borgoña († 1107) o Fernando Alfonso († 1214)?. Un episodio olvidado en la historia del panteón compostelano, (PDF). Galicia en la Edad Media. Actas del Coloquio de Santiago de Compostela 1987. pp. 161–178. 
  75. BARÓN FARALDO 2017. p. 111
  76. López Ferreiro, Antonio (1900). Historia de la Santa a.m. iglesia de Santiago de Compostela 3. pp. 295–298. 
  77. Castiñeiras, Manuel (2011). "La Porta Francigena: una encrucijada en el nacimiento del gran portal románico". Anales de historia del arte. Volume extraordinario (2): 97. ISSN 0214-6452. 
  78. Castiñeiras, Manuel (2013). "Jaca, Toulouse, Conques y Roma: las huellas de los viajes de Diego Gelmírez en el arte románico" (PDF). Publicacións Dixitais. Consello da cultura galega: 256. 
  79. Puente Míguez, Jose Antonio (2002). Estudios sobre patrimonio artístico: homenaje del departamento de Historia del Arte y de la Facultad de Geografía e Historia de la Universidad de Santiago de Compostela a la Prof. Dra. Ma. del Socorro Ortega Romero. Xunta de Galicia. pp. 83–95. ISBN 8445333402. 
  80. "L'enfeu des Comtes". Lieux Sacrés (en francés). Consultado o 01/06/2018. 
  81. Castiñeiras, Manuel (2013). Jaca, Toulouse, Conques y Roma: Las huellas de los viajes de Diego Gelmírez en el arte románico compostelano. (PDF). O Seculo de Xelmírez (Consello da Cultura Galega). p. 256. ISBN 978-84-92923-53-3. 
  82. Chamoso Lamas, Manuel (1979). Escultura Funeraria en Galicia. Instituto de Estudios Orensanos "Padre Feijoo". p. 503. ISBN 84-85319-19-2. 
  83. Moralejo Álvarez, Serafín (1990). ¿Raimundo de Borgoña o Fernando Alfonso? Un episodio olvidado en la historia del panteón real compostelano (PDF). Galicia en la Edad Media (Sociedad Española de Estudios Medievales). 
  84. 84,0 84,1 Flórez, Henrique (1765). Viage de Ambrosio de Morales por orden del Rey D. Phelippe II a los Reynos de León, y Galicia y Principado de Asturias. pp. 126–127. 
  85. BARÓN FARALDO 2017. p. 378
  86. Moralejo Álvarez, Serafín (1990). ¿Raimundo de Borgoña o Fernando Alfonso? Un episodio olvidado en la historia del panteón real compostelano (Galicia en la edad media). (PDF). Galicia en la Edad Media (Sociedad Española de Estudios Medievales). p. 174. 
  87. MagnetoStudio (2010). Porta Francigena de la Catedral de Santiago de Compostela. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]
Os reis e as raíñas da Galiza.
Urraca e Reimundo de Borgoña. Un tempo novo para o Reino da Galiza
(Nós Diario, 12.10.2022)

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]
Raimundo de Borgoña
Nacemento: c. 1070 Falecemento: 24 de maio 1107


Outros títulos Nobiliarios
Precedido por
Rodrigo Ovéquiz


Conde de Galicia
1096–1107
(con Urraca)
Sucedido  por
Pedro Froilaz de Traba
Títulos Honoríficos
Precedido por
Novo título


Emperador de toda Galicia
1096–1107
(con Urraca)
Sucedido  por
Urraca