Saltar ao contido

Ramón Serrano Suñer

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRamón Serrano Suñer

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(es) Ramón Serrano Súñer Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento12 de setembro de 1901 Editar o valor en Wikidata
Cartaxena, España Editar o valor en Wikidata
Morte1 de setembro de 2003 Editar o valor en Wikidata (101 anos)
Madrid, España Editar o valor en Wikidata
Procurador en Cortes
3 de xullo de 1964 – 15 de novembro de 1967
Procurador en Cortes
31 de maio de 1961 – 6 de xuño de 1964
Procurador en Cortes
16 de maio de 1958 – 18 de abril de 1961
Procurador en Cortes
14 de maio de 1955 – 14 de abril de 1958
Procurador en Cortes
14 de maio de 1952 – 13 de abril de 1955
Procurador en Cortes
13 de maio de 1949 – 5 de abril de 1952
Procurador en Cortes
12 de maio de 1946 – 6 de abril de 1949
Procurador en Cortes
16 de marzo de 1943 – 24 de abril de 1946
Ministro de Exteriores
16 de outubro de 1940 – 3 de setembro de 1942
← Juan Luis Beigbeder (pt) TraducirFrancisco Gómez-Jordana Sousa (pt) Traducir →
Ministro de Gobernación
decembro de 1938 – 16 de outubro de 1940 – Valentín Galarza Morante (pt) Traducir →
Ministro do Interior de España
30 de xaneiro de 1938 – decembro de 1938
Deputado nas Cortes republicanas

22 de febreiro de 1936 – 2 de febreiro de 1939

Circunscrición electoral: Zaragoza (capital) (en) Traducir
Deputado nas Cortes republicanas

29 de novembro de 1933 – 7 de xaneiro de 1936

Circunscrición electoral: Zaragoza (capital) (en) Traducir

Datos persoais
RelixiónCatolicismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónUniversidade Central
Cor dos ollosAzul Editar o valor en Wikidata
Cor do peloCabelo loiro escuro Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Madrid Editar o valor en Wikidata
Ocupacióndiplomático, avogado do estado, político, avogado, falanxista Editar o valor en Wikidata
Partido políticoFalange Española Tradicionalista y de las JONS Editar o valor en Wikidata
Membro de
Familia
CónxuxeRamona Polo Martínez-Valdés (1932–1993) Editar o valor en Wikidata
ParellaSonsoles de Icaza (1940–) Editar o valor en Wikidata
FillosFrancisco Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés
José Felipe Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés
Fernando Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés
Jaime Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés
María del Pilar Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés
Carmen Díez de Rivera
 () Sonsoles de Icaza
Ramon Serrano-Suñer Polo
 () Ramona Polo Martínez-Valdés Editar o valor en Wikidata
ParentesCarmen Polo, irmá da esposa
Francisco Franco, concuñado Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1123415 Dialnet: 1018256

Ramón Serrano Suñer, nado en Cartaxena o 12 de setembro de 1901 e finado en Madrid o 1 de setembro de 2003, foi un político e avogado español, coñecido polo seu papel durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura franquista.

Durante a Segunda República foi deputado nas Cortes republicanas. Neses anos mantivo contactos con numerosas personalidades políticas da época, como José Antonio Primo de Rivera ou José María Gil Robles, líder da CEDA. Tras o estalido da Guerra Civil foi detido e encarcerado, aínda que conseguiría escapar á zona sublevada.

Era coñecido popularmente como o Cuñadísimo (era cuñado de Carmen Polo, esposa de Francisco Franco). Ramón Serrano Suñer foi o principal autor da construción do «Novo Estado» organizado arredor da figura de Franco, o que incluíu numerosas leis e decretos. Entre 1938 e 1942 foi seis veces ministro nos primeiros gobernos franquistas. Ocupou as carteiras de Gobernación e Asuntos Exteriores e presidiu a Xunta Política da Falange Española Tradicionalista y de las JONS nese período. Tamén participou na fundación da ONCE e a Axencia EFE.[1]

Durante a segunda guerra mundial mantivo unha estreita relación coa Alemaña nazi e promoveu o envío da División Azul, unha unidade militar integrada na Wehrmacht, para loitar contra a URSS. Froito do seu labor diplomático reforzouse a cooperación política e policial entre ambos Estados. Estivo presente na Entrevista de Hendaia entre Franco e Hitler o 23 de outubro de 1940.

O seu papel no goberno e na Falanxe xeroulle moitos inimigos dentro do Réxime. Co declive da Alemaña nazi tamén decaeu a súa boa estrela política. Foi destituído en 1942 e marxinado polo Réxime.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Nado en Cartaxena, era fillo de José Serrano Lloveres e de Carmen Suñer Font de Mora.[2][3] A familia paterna era orixinaria de Tivissa (Tarragona) e a materna de Gandesa (Tarragona). O pai era un enxeñeiro de camiños destinado temporalmente en Cartaxena. Tamén o estivera en Castelló de la Plana e finalmente en Madrid. Precisamente, na Universidade Central cursou Ramón a carreira de Dereito, da que se licenciou con premio extraordinario en 1923.

Presidiu a Asociación Profesional de Estudantes. Na facultade coñeceu a José Antonio Primo de Rivera, secretario da mesma asociación estudantil, fillo do ditador Miguel Primo de Rivera e posterior fundador da Falanxe Española. Serrano era bo amigo de José Antonio (xunto con Raimundo Fernández Cuesta sería o seu testamenteiro) e compartía con el o republicanismo inicial e as ideas de subversión do poder establecido. A súa ideoloxía derivou nunha admiración á Italia fascista de Benito Mussolini.

Gañou por oposición unha praza de avogado do Estado cando era aínda menor de idade. Foi destinado a Castelló, mais unhas semanas despois pasou a Zaragoza, onde se instalaría por varios anos. Coñeceu alí a Ramona «Zita» Polo, cuxa irmá, Carmen, estaba casada co xeneral Franco, naquela época director da Academia Xeral Militar. Tras uns anos de noivado, contraeron matrimonio o 6 de febreiro de 1932. A voda tivo lugar en Oviedo, cidade de orixe e residencia da noiva, na igrexa San Juan el Real. Por parte do noivo foron testemuñas Franco e José Antonio Primo de Rivera, quen se coñeceron con ocasión desta cerimonia.

Segunda República

[editar | editar a fonte]

Serrano Suñer entrou oficialmente en política en 1931. Presentouse ás Cortes republicanas por Zaragoza para ocupar o escano que deixara libre Niceto Alcalá-Zamora, quen tamén saíu elixido por Xaén e optou por representar esa circunscrición. A súa candidatura, improvisada polo sector máis poderoso da economía local, tomou o nome de Unión de Dereitas de Zaragoza, aínda que finalmente non saíu elixido.[4] Volveu presentarse por Zaragoza nos comicios de 1933. Desta volta logrou un escano coaligado na Confederación Española de Dereitas Autónomas (CEDA). Malia inscribirse na minoría parlamentaria da CEDA, non se converteu en membro formal da formación. Iso non lle impediu participar na concentración da CEDA en El Escorial en abril de 1934, onde deu un discurso no que criticou duramente a «dexeneración» das democracias.[5]

Serrano Suñer alcanzaría a madurez da súa formación política e ideolóxica durante a Segunda República. Tal e como sinala Gonzalo Redondo, era unha persoa eminentemente conservadora e de dereitas, procedente das filas do maurismo, e na práctica máis próximo aos postulados de Acción Española que da CEDA.[6]

Coñeceu ben a José María Gil Robles, aínda que non chegaron á amizade polas súas diverxencias ideolóxicas e metodolóxicas. Seguiu en contacto con José Antonio Primo de Rivera, que entón xa era deputado nas Cortes e líder da Falange Española de las JONS. Nas eleccións de 1936 Serrano volveu obter acta de deputado por Zaragoza. En datas previas aos comicios (que gañou a coalición da Fronte Popular) organizou unha reunión entre o xeneral Franco e José Antonio Primo de Rivera, encontro que finalmente non tivo éxito.[7] Serrano Suñer comentaría sobre aquela reunión:

Foi unha entrevista pesada e para min incómoda. Franco estivo evasivo, divagador e aínda cauteloso. Falou moito tempo; pouco da situación de España, da súa e da disposición do Exército, e moito de anécdotas e circunstancias do comandante e o tenente coronel tal,... [...] José Antonio quedou moi decepcionado e pouco despois de pecharse a porta do piso tras a saída de Franco (tomaramos a precaución de que entrasen e saísen por separado) desfíxose en sarcasmos até o punto de deixarme a min mesmo molesto, pois eu fora quen os recibira na miña casa. "O meu pai —comentou José Antonio— con todos os seus defectos, coa súa desorientación política era outra cousa. Tiña humanidade, decisión e nobreza. Pero estas xentes...".[8]

As eleccións tiveron que repetirse nas circunscricións de Cuenca e Granada, polo que a CEDA ofreceulle a Franco un posto na lista por Cuenca coa garantía de saír elixido, o cal aceptou. Porén, na mesma lista presentábase José Antonio Primo de Rivera, que non admitiu compartir lista con Franco e vetouno. Por consello de Primo de Rivera, Serrano Suñer viaxou a Canarias (onde se atopaba destinado Franco como comandante xeral do arquipélago) coa misión, en teoría, de convencer o seu cuñado para retirarse. Tras unha longa conversa con Franco, malia os titubeos do seu cuñado, Serrano logrou finalmente que este renunciase a presentarse. Franco, con todo, non quedou satisfeito coa situación e, de feito, a súa opinión sobre Primo de Rivera empeorou.[9]

Daquela José Antonio atopábase en prisión e as actividades da Falanxe ficaran suspendidas por orde xudicial. Serrano Suñer visitou o seu antigo amigo no cárcere, mentres que nas Cortes realizou unha decidida defensa da acta de deputado que Primo de Rivera non lograra por Cuenca por apenas uns centos de votos.[10] Amais realizou algunha xestión ante o presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, para conseguir o traslado de Primo de Rivera a unha prisión no norte, como Burgos ou Gasteiz. Malia non converterse formalmente en membro de Falange Española de las JONS, na primavera de 1936 animou a militancia das Juventudes de Acción Popular a unírense en masa á Falanxe.[11]

Serrano tivo coñecemento da conspiración cívico-militar que estaba en marcha contra o goberno da Fronte Popular. O 14 de xullo (o día seguinte ao asasinato de José Calvo Sotelo) reuniuse en Madrid co seu amigo José Finat para entregarlle uns documentos confidenciais que debía entregarlle ao líder principal da conspiración, o xeneral Emilio Mola, con quen de feito se entrevistaría Finat en Pamplona.

A guerra civil

[editar | editar a fonte]

O estalido da guerra civil sorprendeu a Serrano Suñer en Madrid, xunto á súa familia, debido ao recente falecemento do seu pai.[12] Tras comprobar a difícil situación que existía na cidade polo fracaso da sublevación alí, aceptou o ofrecemento do exministro republicano Ramón Feced de aloxarse con el na súa vivenda, o que lle ofrecía unha certa garantía fronte a posíbeis perigos. Porén, malia a súa condición de parlamentario, axiña foi detido. Foi recluído no Cárcere Modelo polas autoridades republicanas, onde xa se atopaban numerosos presos dereitistas e falanxistas.

O 22 de agosto de 1936 unha turba violenta asaltou a prisión e provocou unha matanza de prisioneiros. Alí foi testemuña do fusilamento dos falanxistas Fernando Primo de Rivera e Julio Ruiz de Alda, amigos seus.[13] Meses despois conseguiu a través de amigos o traslado baixo custodia a unha clínica privada, por unha presunta ou real úlcera gástrica. O ministro sen carteira Manuel de Irujo autorizou dito traslado.[14] O 20 de xaneiro de 1937 logrou fuxir vestido de muller e refuxiouse na legación diplomática dos Países Baixos. Desde alí, cun falso salvoconduto de militar republicano, chegou até Alacant para reunirse coa súa muller e cos seus fillos, José e Fernando. Trasladado ao consulado arxentino, posteriormente embarcou nun buque de guerra arxentino, o destrutor Tucumán, que o levou a Marsella.[15]

Serrano aínda descoñecía que os seus irmáns máis vellos, recluídos no cárcere de Las Ventas, foran sacados e asasinados nas tapias do cemiterio de Aravaca. Este asasinato afectouno profundamente e provocou nel un profundo resentimento cara ao bando republicano. Segundo o historiador Hugh Thomas, a embaixada francesa rexeitara concederlles asilo político, o que acabaría xerando en Serrano Suñer un forte odio cara a Francia.[16]

Desde Marsella cruzou o sur de Francia até chegar a Biarritz e pasou á zona baixo control franquista a través do posto fronteirizo de Hendaia. Conseguiu chegar a Salamanca, capital provisional do bando sublevado, o 20 de febreiro de 1937. Alí foi acollido polo seu cuñado, recentemente nomeado Xefe do Estado e «Xeneralísimo dos Exércitos».[12] Serrano e a súa familia serían instalados por Franco nunha dependencia do palacio arcebispal.[17] A través da relación entre Carmen Polo e a súa irmá Zita, Serrano Suñer empezou unha estreita relación con Franco.[18] Ambos adoitaban manter frecuentes faladoiros políticos. Coa súa formación xurídica e a súa experiencia política, Serrano foi influíndo de forma decisiva sobre o seu cuñado.[19] En pouco tempo desprazou a Nicolás Franco como primeiro conselleiro do «Xeneralísimo» e o seu crecente poder fixo que a poboación se referise a el como «Cuñadísimo».[18]

Aínda que Franco era o xefe absoluto, na zona sublevada aínda continuaban activos varios grupos políticos. Na primavera de 1937 xa había en curso negociacións entre estes para acadar a unificación política, malia seguiren a existir fortes diverxencias ideolóxicas entre falanxistas e carlistas. Serrano mostrábase partidario da devandita unificación, e de feito a súa chegada a Salamanca acelerou o proceso.[13] O propio Serrano mantivo varias entrevistas con dirixentes políticos e militares da zona sublevada, con quen coincidiu na necesidade da unificación. Algúns autores tamén sinalaron ao tenente de enxeñeiros Ladislao López Bassa como un dos autores ideolóxicos do estabelecemento dunha «Falanxe unificada e franquista».

Aproveitando un conflito no seo da Falanxe, o 19 de abril o Cuartel xeral de Franco promulgou o Decreto de Unificación que fusionou a Falanxe coa Comuñón Tradicionalista nun novo partido único: a Falange Española Tradicionalista y de las JONS (FET y de las JONS).[20] O resto de formacións políticas desapareceron ou integráronse no novo partido. Pola súa banda, o líder falanxista Manuel Hedilla e os seus partidarios resistíronse ás disposicións do decreto, polo que acabaron sendo detidos. Máis adiante Hedilla foi xulgado e condenado á morte, aínda que Franco acabou por lle conceder o indulto, entre outros, por consello de Serrano.[21]

Xa convertido nun estreito colaborador de Franco, Serrano desenvolveu diversas e importantes responsabilidades malia non ocupar ningún cargo. Como dirixente político, chegou a fabricarse un pasado «falanxista», o cal reforzaba a través da amizade que mantivera con José Antonio nos anos de Universidade. Serrano converteuse no home forte da consolidación do incipiente réxime franquista.[22]

En outubro de 1937 creouse o Consejo Nacional del Movimiento, un órgano de carácter consultivo inspirado no Gran Consello Fascista de Italia. Serrano Suñer formou parte do mesmo e xurou o cargo o 2 de decembro de 1937 no mosteiro burgalés de Las Huelgas. Pola súa banda, Franco ficou investido como xefe nacional da FET y de las JONS, aínda que o partido inicialmente non contaba cun secretario xeral. Ese posto foi asumido a finais de 1937 polo «camisa vieja» Raimundo Fernández-Cuesta, quen pasou á zona sublevada mediante un intercambio tras estar encarcerado varios meses na zona republicana. Fernández-Cuesta tivo unha relación tensa co «Cuñadísimo», malia que nunca chegou a manter unha postura política propia. De feito, situouse nunha posición completamente dócil fronte a Franco e Serrano Suñer.[23]

A construción do «Novo Estado»

[editar | editar a fonte]

Acadada a unificación política, Serrano Suñer dedicouse a institucionalizar o réxime franquista. Até entón na zona rebelde non existía unha organización estatal, senón unha serie de organismos inconexos entre si que o propio Serrano Suñer denominaba «Estado campamental». O principal órgano constituíao a Junta Técnica del Estado, presidido polo xeneral Fidel Dávila, substituído posteriormente polo xeneral Francisco Gómez-Jordana. Nos seguintes meses o «Cuñadísimo» redactou a Lei da Administración Central de Estado, que foi aprobada o 30 de xaneiro de 1938. Dita lei levou ao estabelecemento dun executivo con once carteiras ministeriais que substituíu a Junta Técnica del Estado, pouco eficiente até entón.[24]

Serrano convenceu ao seu cuñado da necesidade de substituír a Junta por un verdadeiro goberno organizado en ministerios. Ambos negociaron a súa composición, que incluía falanxistas, monárquicos afonsinos, carlistas e militares. No seo do novo gabinete, Serrano converteuse no home máis poderoso, á fronte do Ministerio do Interior, aínda que as competencias de Orde Pública estaban baixo o control do xeneral Martínez Anido. No novo goberno houbo algunhas ausencias notábeis, como as de Nicolás Franco e José Antonio de Sangróniz, con quen Serrano non conxeniaba. Estes foron nomeados embaixadores en Portugal e Venezuela, respectivamente.[25]

Serrano Suñer (dereita) con Pilar Primo de Rivera, nunha celebración do bando franquista en 1939 en Donostia

Un dos primeiros obxectivos de Serrano Suñer foi acabar coa ampla autonomía que o xeneral Queipo de Llano tiña en Andalucía. Tras asumir a carteira de Interior, en febreiro de 1938 puxo fin ás charlas radiofónicas de Queipo de Llano desde Radio Sevilla, que lle deran moita popularidade na época. Amais, nomeou a Pedro Gamero del Castillo gobernador civil de Sevilla co fin de diminuír o poder do chamado «Virrey de Andalucía». Cando chegou a Sevilla, Gamero del Castillo destituíu ao alcalde Ramón de Carranza. A medida provocou grande indignación en Queipo, quen chegou a viaxar a Burgos para protestarlle a Serrano e esixir a destitución do gobernador civil.[26]

Coa formación do novo gabinete comezou a construción dun novo Estado fascista que rompese coa tradición dos Estados liberais procedentes do século XIX. Baixo o impulso de Serrano, a Xunta Política de FET y de las JONS redactou o Foro do Traballo, a primeira das Leis Fundamentais do Estado franquista. O Foro do Traballo, promulgado o 9 de marzo de 1938, que rexía a convivencia laboral, inspirábase na Carta del Lavoro italiana de 1927.[27]

O Ministerio de Interior tiña, entre moitas outras competencias, os servizos de prensa e propaganda, que ficaron baixo o control de Serrano.[28] Neste sentido destacou a Lei de Prensa e Imprenta, promulgada o 22 de abril de 1938, que sometía á censura previa todos os medios de comunicación nacionais. A norma foi redactada por José Antonio Giménez-Arnau por proposta do propio Serrano Suñer. O 26 de abril Serrano tamén decretou a creación da Delegación del Estado para la Recuperación de Documentos (DERD) para localizar, clasificar e almacenar toda a documentación pertencente ou relacionada cos partidos políticos, organizacións, sindicatos e persoas «hostís e desafectas ao Movemento Nacional».[29] Pretendíase facilitar a localización e posterior represión dos «inimigos do réxime». Outro dos organismos nados na época foi a Dirección Nacional de Regiones Devastadas y Reparaciones. Dirixida polo enxeñeiro Joaquín Benjumea Burín, este colaborou estreitamente con Serrano no labor de reconstrución.[28]

Conforme avanzaba a contenda, Serrano Suñer mostrouse en varias ocasións abertamente contrario a calquera negociación ou compromiso co goberno da República. Por exemplo, cando en maio de 1937 o ministro de Exteriores británico Anthony Eden propuxo unha mediación entre republicanos e sublevados, Serrano respondeu que iso «deixaría a porta aberta a unha regresión ao estado de cousas que fixo inevitábel a guerra». Nunha reunión do consello de ministros, Serrano chegou mesmo a propor que a cidade de Madrid fose desposuída da capitalidade como castigo pola súa fidelidade á República.[30] Volvería manifestarse de xeito semellante en marzo de 1939, despois do Golpe de Casado e de que se fixeron propostas de rendición desde a zona republicana. Suñer dixo desde Radio Nacional en Burgos:

Xentes que traizoaron os máis puros valores humanos e esmagaron a honra; agora, tras a conquista de Barcelona, a guerra perdida, queren acabala dunha forma humanitaria e honrosa. Esqueceron que a nós os nosos mortos e a propia noción do saber nos exixían que só a vitoria e o seu absoluto vencemento fosen o termo desta proba terribelmente dura, da que é preciso deducir, dunha vez para sempre, todas as consecuencias positivas para afirmar sobre elas, no mundo, a voz e a vontade de España.[31]

Cando se produciu o traslado do goberno franquista a Madrid, Serrano recomendoulle a Franco non instalarse no Palacio Real como pretendía para non ofender os sectores monárquicos. No ámbito político, Suñer logrou refacer os estatutos da Falange Española Tradicionalista y de las JONS. Así, traspasou a maior parte do poder da organización a un novo cargo, o presidente da Xunta Política, en detrimento do secretario xeral. El mesmo sería nomeado para devandito cargo o 9 de agosto de 1939.[32] O xeneral Agustín Muñoz Grandes foi nomeado secretario xeral do partido, mais acabou tendo relacións tensas con Serrano Suñer e con Pedro Gamero del Castillo, vicesecretario do partido. Muñoz Grandes, quen antes de 1939 non tivera experiencia política, acabou por dimitir en marzo de 1940 e reintegrarse no exército. O cargo de secretario xeral de FET e das JONS quedou vacante até maio de 1941, o que deixou a Serrano Suñer como home forte do partido e do réxime, tras o propio Franco.[33]

Ao termo da guerra civil tamén se produciu unha profunda reorganización das forzas de seguridade. En setembro de 1939 Serrano Suñer nomeou director xeral de Seguridade a José Finat y Escrivá de Romaní, próximo a el. Mediante unha lei con data de 23 de setembro reorganizou a estrutura orgánica da Dirección Xeral de Seguridade e creou un novo corpo encargado da orde pública, a Policía Armada. O 8 de marzo de 1941 promulgouse a «Lei de Reorganización dos Servizos de Policía», mediante a cal foron reestruturadas as forzas policiais como elemento de represión e mantemento da orde pública.[34]

O cénit da súa carreira

[editar | editar a fonte]

Ao remate da contenda, Serrano Suñer era unha das persoeiros máis destacados do réxime. En xuño de 1939 acompañou ás tropas italianas durante o seu regreso a Italia e a chegada ao porto de Nápoles. Posteriormente trasladouse a Roma, onde mantivo un encontro amigábel con Benito Mussolini.[35] Tamén visitou a Cidade do Vaticano e entrevistouse co papa Pío XII, recentemente elixido. Con el tratou, por encargo de Franco, a cuestión do nomeamento dos bispos.[9]

O 1 de setembro de 1939 estalou a segunda guerra mundial. O Cuñadísimo non simpatizou coa teórica neutralidade de España ante o conflito e, de feito, non agochaba a súa alegría ante a evolución favorábel para a causa alemá. Tanto Serrano Suñer como o ministro do Aire, o xeneral Juan Yagüe, eran firmes partidarios de entrar na guerra do lado do Eixo en canto o fixese Italia.[36] Na primavera de 1940 o Terceiro Reich conquistou Dinamarca, Noruega, Luxemburgo, Países Baixos e Bélxica. En apenas seis semanas de loita derrotou tamén ao exército francés.

A fulgurante sucesión de vitorias das forzas do Eixo, amais da fama e a preponderancia de Serrano, fixo que a relación coa Alemaña nazi chegase ao seu punto culminante nos primeiros anos da guerra. Por contra, o ministro de Asuntos Exteriores, o anglófilo Juan Luis Beigbeder, atopábase practicamente marxinado.[37] A preponderancia e o protagonismo que Serrano empezou a ter en política exterior convertérono na persoa ideal para ocupar a carteira de Exteriores.[37] En efecto, o 16 de outubro de 1940 foi nomeado ministro de Asuntos exteriores en substitución de Beigbeder.

No verán de 1940 Serrano empezou a mostrar interese polos miles de españois republicanos exiliados en Francia, agora baixo ocupación alemá. Pouco despois da derrota francesa, Serrano fíxolle saber ao embaixador francés Robert Renom de la Baume o interese da España franquista por neutralizar os dirixentes republicanos que se atopasen na Francia de Vichy.[34] As autoridades de Vichy comezaron a facer redadas policiais, mais numerosas peticións de extradición foron rexeitadas, para frustración das autoridades franquistas. Serrano Suñer indignouse ao descubrir que varios dirixentes republicanos destacados, como Indalecio Prieto ou Juan Negrín, lograran escapar coa conivencia das autoridades francesas.[38]

Visita a Berlín de Serrano Suñer, acompañado doutros cargos españois e de Heinrich Himmler

O 13 de setembro de 1940, Serrano realizou unha viaxe á Alemaña nazi como enviado especial de Franco. Acompañárono varias persoas partidarias do nacionalsocialismo, entre elas Demetrio Carceller Segura, Miguel Primo de Rivera, Dionisio Ridruejo, Antonio Tovar, Manuel Halcón e Manuel de Mora-Figueroa.[39] Na viaxe de ida fixeron unha breve parada en París. Na capital alemá Serrano reuniuse con Heinrich Himmler, xefe das SS, e outros dirixentes nazis, como Wilhelm Frick, Joachim von Ribbentrop e Robert Ley. Posteriormente a comitiva viaxou pola antiga Fronte Occidental e visitaron algúns campos de batalla en Bélxica e Francia.[40] A comitiva española ficou en xeral impresionada coa organización alemá.

A mediados de outubro, Himmler visitou España, pasando por cidades coma Madrid, Toledo, Barcelona e Donostia. O líder nazi recibira o convite de visitar España de parte do director xeral de Seguridade, José Finat, invitación que reiterou o propio Serrano. En Madrid Himmler foi recibido por destacados dirixentes do réxime e do partido, como Franco, Serrano Suñer, Pilar Primo de Rivera ou Gerardo Salvador Merino.[41] Mantivo varios encontros con Serrano, tras os cales se alcanzou un acordo que reforzaba a cooperación política e policial entre ambos Estados. A Gestapo estabelecería unha oficina na embaixada alemá de Madrid e o Sicherheitsdienst (o servizo de intelixencia das SS) estabelecería delegacións en cada consulado xermano en solo español. Ao mesmo tempo, os axentes nazis que actuasen en solo español terían inmunidade diplomática e os axentes españois que actuasen en Alemaña e na Francia ocupada tamén a terían. Himmler tamén se asegurou de que un adxunto seu que xa operaba en España, Paul Winzer, instruíse a nova policía secreta española.

O xefe das SS visitou varios cárceres e campos de concentración franquistas, dos cales sacou unha mala impresión. Non compartía a dureza da represión franquista e chegou a comentar con Franco e Serrano o absurdo de exterminar unha man de obra tan valiosa cando se necesitaba con urxencia para a reconstrución do país.[41]

Nese contexto de achegamento hispano-alemán, o 23 de outubro produciuse na localidade fronteiriza de Hendaia unha entrevista entre Franco e Hitler co obxectivo de negociar a posible entrada en guerra de España no lado do Eixo. Con todo, o encontro non deu resultados positivos.[39] Referíndose aos alemáns, Franco comentáralle a Serrano Suñer: «Estes tíos queren todo e non dan nada».[42] Hitler tampouco saíu satisfeito da reunión. Segundo o intérprete de Joachim von Ribbentrop, Hitler maldixo do «xesuíta» Serrano e do «ingrato» Franco, de quen dixo: «Débenolo todo e agora non se vai unir a nós».[43] O 19 de novembro Serrano e Hitler reuníronse na localidade bávara de Berchtesgaden, mais non alcanzaron ningún acordo.

Serrano Suñer, Himmler e outros oficiais na sede da división «Adolf Hitler» en Berlín en 1940

En outubro de 1940, o Ministerio da Gobernación quedou vacante, ao facerse cargo Serrano Suñer do Ministerio de Asuntos Exteriores. Con todo, seguiu conservando un gran poder en Gobernación a través de José Lorente Sanz, subsecretario de dito ministerio e home da súa confianza. Con iso, amais da política exterior, seguiu controlando as forzas policiais, a prensa do Movemento e a propaganda do réxime.

Serrano Suñer tamén se asegurou de colocar falanxistas afíns nos postos medios do goberno e a administración estatal. Conseguiu así, por exemplo, que un xermanófilo e «serranista» como Antonio Tovar fose posto á fronte da Delegación de Prensa e Propaganda a finais de 1940.[44] A todo isto sumábase a dirección da Xunta política da Falanxe, o que o convertía no home forte á fronte do partido único.

O 2 de maio de 1941, nunha concentración da FET y de las JONS en Mota del Cuervo, Serrano deu un discurso en que esixiu o poder para os dirixentes falanxistas, a quen se referiu como «a minoría movida pola luz e pola fe».[45]

Para entón xa houbera varios conflitos entre falanxistas e outros sectores políticos do franquismo. Salvador Merino atopábase en Berlín nesas datas e, segundo dixeron entón os seus inimigos, estaría a solicitar apoio do nazismo para un golpe de estado.[45] Todos estes feitos fixeron que Franco empezase a desconfiar do enorme poder retido polo falanxismo.

O 5 de maio Franco puxo o militar Valentín Galarza, furibundo antifalanxista, á fronte do Ministerio da Gobernación. Desde o novo posto, Galarza levou a cabo unha purga dos falanxistas serranistas nos principais postos da administración estatal.[46] Este feito supuxo a saída de postos clave de moitos partidarios de Serrano Suñer. Pasado un tempo, a coñecida como crise de maio de 1941 supuxo un revés para o cuñadísimo. Perdeu o privilexio de ser o único enlace entre Franco e o partido único, tras o nomeamento de José Luis Arrese como Secretario xeral deste. O 12 de maio, no diario Madrid, apareceu un artigo escrito polo xornalista Juan Pujol (instigado por Galarza) que supuña un duro ataque a Serrano Suñer.[47] O cuñadísimo presentou a súa dimisión, aínda que finalmente, tras as presións de Franco, retirouna e permaneceu á fronte do Ministerio de Exteriores.[48]

Ministerio de Exteriores

[editar | editar a fonte]

Con todo, Serrano Suñer seguiu a ser unha das figuras relevantes do réxime. Malia perder o control do estratéxico Ministerio da Gobernación, seguiu a despregar un importantísimo poder desde o Ministerio de Exteriores. En xullo de 1941 conseguiu que o xeneral Eugenio Espinosa de los Monteros, con quen mantiña pésima relación, saíse da embaixada española de Berlín e fose substituído por José Finat, home da súa confianza e entusiasta pronazi. Desde o Ministerio de Asuntos Exteriores, Serrano Suñer tamén lle deu un novo pulo ao Servizo Exterior de Falanxe. Felipe Ximénez de Sandoval foi nomeado xefe do Servizo Exterior. Amais, aumentou notabelmente o orzamento do organismo e intensificáronse as súas actividades.[49]

O 24 de xuño de 1941, dous días despois de que Alemaña invadise a URSS, Serrano Suñer, nun discurso desde un balcón da sede da Secretaría Xeral de Falanxe, defendeu a idea de axudar o exército nazi:

Camaradas, non é hora de discursos, mais si de que a Falange dite nestes momentos a súa sentenza condenatoria. [...] Rusia é culpábel! Culpábel da nosa guerra civil. Culpábel da morte de José Antonio, o noso fundador, e da morte de tantos camaradas e tantos soldados caídos naquela guerra pola agresión do comunismo. O exterminio de Rusia é unha exixencia da historia e do porvir de Europa.[50]

Tras o discurso, algúns manifestantes dirixíronse á sede da embaixada británica en Madrid e apedreárona mentres seguían a berrar contra Rusia.[51] Disque o camión do que os manifestantes tomaron as pedras fora posto alí polas autoridades e o intento de asalto non foi repelido pola policía española, senón polos gardas británicos que custodiaban o recinto diplomático. Un equipo de cinema alemán gravou a escena. O embaixador británico foi ver a Serrano Suñer ao seu domicilio particular para protestar: «Isto só sucede nun país de salvaxes», díxolle.[52]

O mesmo día da invasión alemá da URSS, Serrano Suñer, tras falar previamente con Franco, entrevistouse co embaixador alemán von Stohrer para proporlle o envío de voluntarios falanxistas á fronte rusa. Esta proposta materializouse co envío dunha división, que pouco despois foi coñecida como «División Azul». Estaba integrada por voluntarios, mais comandada por oficiais profesionais, que combatían co uniforme alemán baixo o mando do xeneral pronazi Agustín Muñoz Grandes. Hitler aceptou a oferta. Porén, cando o ministro de Asuntos Exteriores alemán, von Ribbentrop, lle pediu ao seu homólogo español que o goberno de Franco lle declarase a guerra á URSS, Serrano negouse por temor ás represalias británicas.[53]

A finais de novembro de 1941 foi convidado a Berlín, onde asinou a prórroga do Pacto Antikomintern en representación de España.[54]

Declive e caída en desgraza

[editar | editar a fonte]

A crise política de maio de 1941 causada pola desconfianza de Franco do falanxismo non derrubara a Serrano Suñer. Porén, supuxo unha importante perda de poder para o cuñadísimo. Serrano pensou que ditos feitos non terían incidencia sobre o seu poder e que, malia a presenza de José Luís Arrese na secretaría xeral de Falanxe, el seguiría tendo preeminencia sobre o partido único, coma na época de Fernández-Cuesta.[55] Así, ao longo dese ano estivo a preparar e promover unha nova «Lei de Organización do Estado» que imitaba o sistema político da Italia fascista. Porén, para finais de 1941 a presión dos sectores militares e non falanxistas do réxime fixeron que Franco frease dito proxecto.[56]

Durante o verán e o outono de 1941, os xenerais monárquicos apremaron a Franco para que Serrano Suñer fose relevado. En xaneiro de 1942 os xenerais monárquicos tentaron de novo derrubar ao Cuñadísimo, probablemente inspirados pola embaixada británica, mais Franco non lle retirou o seu apoio.[57]

Serrano Suñer co califa marroquí Muley Hassán, tras a súa chegada á Estación de Atocha en 1942

Os reveses alemáns na URSS e a posterior entrada dos EUA na guerra comezaron a cambiar a evolución da contenda a prol do bando aliado. Durante 1942 o poder de acción exterior de Serrano Suñer foi minguando cada vez máis.[58] A comezos de ano a Dirección Xeral de Marrocos e Colonias, até entón competencia do Ministerio de Exteriores, pasou a depender da Presidencia do Goberno (é dicir, do propio Franco). Pouco despois Serrano tamén se viu privado do seu principal colaborador no ministerio, Ximénez de Sandoval, quen fora destituído de todos os seus cargos tras un incidente entre falanxistas e monárquicos. Segundo Stanley G. Payne, o principal responsable da caída en desgraza de Ximénez de Sandoval foi o xefe do partido, Arrese. De feito, Arrese viña mantendo contacto regular con Hans Thomsen, o xefe do Partido nazi en España, e con Gardemann, o conselleiro da embaixada alemá en Madrid. Arrese mesmo os convenceu de que a caída de Serrano Suñer suporía implicitamente unha maior cooperación entre o franquismo e a Alemaña nazi.[37]

En clave interna, os incidentes entre falanxistas e outros grupos políticos da ditadura franquista, principalmente carlistas e monárquicos, multiplicáronse durante a primavera de 1942. En ocasións mesmo chegaron ao uso de armas de fogo e multitudinarias pelexas rueiras. Durante aquel verán tamén se produciron numerosos enfrontamentos internos no falanxismo, principalmente entre os seguidores de Arrese e os de Serrano Suñer.[59]

Nese contexto, o 15 de agosto un grupo de falanxistas lanzou dúas granadas contra a xente que saía dunha misa presidida polo xeneral José Enrique Varela, ministro do Exército, na basílica de Begoña (Bilbao) polos carlistas caídos durante a Guerra Civil. Os altos mandos militares estaban liderados polo propio Varela e este, á súa vez, secundado polo xeneral Galarza, ministro da Gobernación. Consideraron o atentado como un «ataque ao Exército» por parte da Falanxe e esixiron a destitución de Serrano Suñer. Franco rexeitou castigar o partido e considerou as esixencias de ambos militares unha insubordinación ao seu poder. Ante iso, destituíu a Varela e Galarza e substituíunos por militares máis obedientes.

Porén, seguían a ser moitos os sectores que desexaban ver a Serrano fóra do goberno. O subsecretario de Presidencia, Luis Carrero Blanco, recomendoulle a Franco prescindir de Serrano para evitar que o estamento militar puidese pensar que a Falanxe saíra vitoriosa dos cesamentos de cargos políticos tras o incidente de Begoña.[60] En setembro de 1942 Serrano Suñer foi apartado definitivamente do Ministerio de Asuntos Exteriores e da presidencia da Xunta Política de Falanxe.

Hitler celebrou a caída de Serrano, xa que segundo el puña «fin ao xogo de facerse pasar por amigo do Eixo mentres evitaba que España se unise á coalición».[61]

Non se nomeou sucesor para o posto da Xunta Política, pois Franco asumiu as súas funcións. Serrano Suñer non foi recompensado con ningún tipo de posto no Estado, polo que volveu exercer a súa profesión de avogado. Canto á relación entre as dúas familias, «volveuse friamente cortés» e Carmen Polo distanciouse da súa irmá Zita, esposa de Serrano Suñer.[62]

Vida posterior

[editar | editar a fonte]

Tras o fin da segunda guerra mundial, chegou a modificar a súa posición políticas e envioulle unha carta a Franco, recibida por este o 3 de setembro de 1945, na que lle recomendaba a formación dun goberno de transición con intelectuais liberais «non vermellos» no exilio. Malia a súa saída do goberno, mantivo os cargos de procurador nas Cortes franquistas e de conselleiro nacional até 1967.[63]

En 1949 patrocinou a visita do líder fascista británico Oswald Mosley a España, e levouno a ver a tumba de José Antonio. En 1961 Serrano Suñer foi o principal apoio do xeneral francés Raoul Salan durante a estadía deste último en España e preparou o seu traslado a Alxeria para levar a cabo o chamado «Putsch de Alxer» en abril contra o presidente francés Charles De Gaulle. Nesas datas Serrano tamén actuou como enlace entre Raoul Salan e o ditador portugués Oliveira Salazar, quen apoiaba con entusiasmo as intencións golpistas de Salan.[64]

En decembro de 1971 sufriu un gravísimo accidente de caza, mais puido recuperarse satisfactoriamente.[65] Os últimos anos da ditadura marcaron distancias co Réxime, malia manter reticencias a volver á democracia, polo menos como en 1936. Consideraba que o desenvolvemento político avanzaba con lentitude e á vez preconizaba que cumpría canalizalo e dirixilo. Nas súas memorias, publicadas en 1977, afondou na crítica ao franquismo e chegou a caracterizar con franqueza a represión da posguerra como «xustiza ao revés».[66]

O 1 de setembro de 2003, tras pasar os últimos anos afectado dunha doenza respiratoria, faleceu aos 101 anos en Madrid. Era o último dirixente principal con vida da Guerra Civil.[2][3]


Tivo seis fillos coa súa esposa Ramona Zita Polo, irmá de Carmen Polo, cinco homes e unha muller. [67]

  • Fernando, quen chegou a ser director de Fomento de Construcciones y Contratas (FCC) 
  • José, casado con Christa von Cramer-Klet. Finado en 2013
  • Ramón, casado con Genoveva de Hoyos y Martínez de Irujo
  • Pilar, casada con Carlos Muguiro Ybarra
  • Francisco 
  • Jaime

O 29 de agosto de 1942 naceu a súa filla Carmen Díez de Rivera, a quen nunca recoñeceu. Foi froito dunha relación extramatrimonial con María Sonsoles de Icaza y de León, esposa de Francisco de Paula Díez de Rivera y Casares, marqués de Llanzol.

  • Entre Hendaya y Gibraltar. Madrid: Ediciones y Publicaciones Españolas (1947)
  • Ensayos al viento. Madrid: Cultura Hispánica. Prólogo de Azorín (1969)
  • Entre el silencio y la propaganda, la Historia como fue. Memorias. Barcelona: Planeta (1977)
  • De anteayer y de hoy. Barcelona: Plaza y Janés (1981)
  • Dictámenes y recursos de casación civil. Madrid: Edersa (1985)
  • Política de España, 1936-1975. Madrid: Editorial Complutense (1995)
  1. Merino 2004, p. 24.
  2. 2,0 2,1 "Fallece a los 101 años Serrano Suñer, ministro de varias carteras durante la dictadura franquista". El País (en castelán) (Madrid). 1 de setembro de 2003. Consultado o 25 de xullo de 2022. 
  3. 3,0 3,1 "Fallece Ramón Serrano Súñer, el ministro de Interior y de Asuntos Exteriores de Franco". El Mundo (en castelán) (Madrid). 2 de setembro de 2003. Consultado o 25 de xullo de 2022. 
  4. Cardona 1986, p. 354.
  5. Redondo 1993, p. 201.
  6. Redonfo 1993, p. 201.
  7. Romero Salvadó 2013, p. 314.
  8. Fernández Santander 1983, p. 58.
  9. 9,0 9,1 Merino 2004.
  10. García Lahiguera 1983, p. 74.
  11. Merino 2004, p. 181.
  12. 12,0 12,1 Romero Salvadó 2005, p. 163.
  13. 13,0 13,1 Thomas 1976, p. 685.
  14. Thomas 1976, p. 686n.
  15. Figallo 1996.
  16. Cabanellas 1977, p. 391.
  17. Gallego & Morente 2005, p. 214.
  18. 18,0 18,1 Thomas 1976, p. 686.
  19. Redondo 1993, p. 202.
  20. Tuñón de Lara 2000, p. 667.
  21. Casanova 2007, p. 354.
  22. García Lahiguera 1983, p. 93.
  23. Thomas 1976, p. 809.
  24. García Lahiguera 1983.
  25. Thomas 1976.
  26. Anderson & del Arco 2014, p. 48.
  27. Coverdale 1975, p. 344.
  28. 28,0 28,1 Reig García 2011, p. 134.
  29. Preston 2013, p. 635.
  30. Thomas 1976, p. 737.
  31. Álvarez Fernández 2007, pp. 83-84.
  32. Montoliú Camps 2005, p. 42.
  33. Bowen 2006, p. 81.
  34. 34,0 34,1 Preston 2013, p. 638.
  35. Montoliú Camps 2005, p. 72.
  36. Merino 2004, p. 68.
  37. 37,0 37,1 37,2 Delgado Gómez-Escalonilla 1988.
  38. Preston 2013, p. 639.
  39. 39,0 39,1 Gallego & Morente 2005, p. 220.
  40. Bowen 2006, p. 90.
  41. 41,0 41,1 Preston 2013, p. 642.
  42. Preston 1998, p. 494.
  43. Suárez Fernández 2011, pp. 184-185.
  44. Gallego & Morente 2005, p. 219.
  45. 45,0 45,1 Gil Pecharromán 2013, p. 45.
  46. Preston 1998.
  47. Preston 1998, p. 541.
  48. Preston 1998, p. 541-542.
  49. Payne 1999, p. 344.
  50. García Lahiguera 1983, p. 194.
  51. Suárez Fernández 2011, p. 202.
  52. Preston 1998, pp. 545-546.
  53. Preston 1998, p. 545.
  54. Garriga 1986, p. 129.
  55. Payne 1999, p. 361.
  56. Gil Pecharromán 2008, p. 60.
  57. Suárez Fernández 2011.
  58. Delgado Gómez-Escalonilla 1988, p. 75.
  59. Heine 1983, p. 258.
  60. Fernández-Longoria 2004, p. 264.
  61. Preston 1998, p. 586; 588.
  62. Suárez Fernández 2011, p. 223-224.
  63. Payne 1999; Tusell 2003.
  64. Macklin 2007.
  65. "Grave accidente de caza de don José Serrano Suñer" (PDF). La Vanguardia (en castelán) (Madrid). 17 de decembro de 1971. p. 11. Consultado o 1 de agosto de 2022. 
  66. Serrano Suñer, Ramón (8 de xullo de 1977). "Las "Memorias", de Ramón Serrano Suñer". El País (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2022. 
  67. Pina, Marina (29 de outubro de 2016). "Los herederos de Serrano Suñer, tensos ante el estreno de la serie". El Mundo (en castelán). Consultado o 1 de agosto de 2022. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]