Saltar ao contido

Socialfascismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Socialfascismo foi unha tese defendida pola Internacional Comunista (Komintern) entre 1928 e 1935. Sostiña que a socialdemocracia era equivalente ao fascismo xa que ambos se opuñan á revolución comunista. Neses anos, os líderes da Internacional Comunista, con Iósif Stalin á fronte, argumentaron que a sociedade capitalista entrara no "terceiro período". Isto significaba que era inminente revolución da clase obreira, mais podería ser impedida pola socialdemocracia e outras forzas "fascistas". O termo foi utilizado de forma pexorativa para desacreditar os partidos socialdemócratas e progresistas, e tamén a disidencia interna da Komintern.

En 1928, durante o 6º Congreso da Komintern, proclamouse o final da estabilidade capitalista e o comezo do "Terceiro Período". Esperábase que o final do capitalismo chegase en pouco tempo, cunha revolución da clase obreira. A socialdemocracia era identificada, así, como o principal inimigo do comunismo. Esta teoría da Komintern baseábase nos argumentos de Grigori Zinoviev de que a socialdemocracia internacional era unha á do fascismo. Esta visión foi aceptada por Iósif Stalin, quen describiu o fascismo e a socialdemocracia como "irmáns xemelgos", e argumentaba que dependían do apoio mutuo.[1] Despois de ser exposta durante o 6º Congreso, a teoría do socialfascismo foi aceptada polo movemento comunista.[2]

A tese, defendida no VI Congreso polo comunismo alemán co apoio de Stalin, consideraba a socialdemocracia (socialfascismo) como a principal inimiga da revolución por aceptar a «democracia burguesa». Porén, Bujarin e Togliatti opuxéronse a esta interpretación. Togliatti criticou o que consideraba a «presentación demasiado mecánica que se está dando do fascismo e da socialdemocracia como dous métodos dos que se serve a burguesía», de maneira alternativa, segundo as circunstancias.

Finalmente, o termo «socialfascismo» non se incorporou á resolución final do Congreso. Con todo, mantívose a tese sostida por alemáns e rusos dos «dous métodos» (fascismo e socialdemocracia) da burguesía, polo que se aceptou que a socialdemocracia podía desenvolver «tendencias fascistas». Así, o termo «socialfascismo» acabaríase impondo especialmente tras a represión policial da manifestación comunista do 1 de maio en Berlín de 1929, levada a cabo polo goberno do que formaba parte o SPD. Así o decidiu o X Pleno Ampliado do Comité Executivo da Internacional Comunista (CEIC) na reunión de xullo de 1929. Dende entón, o movemento comunista comezou a considerar a socialdemocracia como o principal instrumento da «contrarrevolución burguesa».[3]

Pola súa banda, o Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), liderado polo chanceler alemán Hermann Müller, acordou cos demais partidos anticomunistas que "vermello (Partido Comunista de Alemaña) equivalía a marrón (Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores)".[4] Isto, xunto coa acción policial do 1 de maio e a represiva lexislación anticomunista que seguiu, serviu para afianzar a tese de que a socialdemocracia era, de feito, "socialfascismo".[5][6]

En agosto de 1931, co fin de capitalizar a súa crecente popularidade, o Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP) propiciou a celebración dun referendo para derrocar o goberno socialdemócrata en Prusia. Ao principio, o KPD rexeitouno. Porén, tres semanas antes da votación, seguindo ordes do Komintern, a militancia uniuse ao NSDAP para facer caer o "principal inimigo a bater", o Partido Socialdemócrata.[7]

O comunismo alemán seguiu a negar calquera diferenza entre o nazismo e a socialdemocracia mesmo tras as eleccións do 5 de marzo de 1933, en que o NSDAP de Adolf Hitler obtivo a maioría. Durante a campaña electoral, o 23 de febreiro o SPD propúxolle ao KPD unírense antes de que o desastre fose total. Porén, Ernst Torgler, o líder do grupo comunista no Reichstag, respondeu que primeiro cumpría que o NSDAP tomase todo o poder. Así, logo podería producirse a "revolución do proletariado", que estimaba que ocorrería "catro semanas despois".[8]

O KPD, baixo o liderado de Ernst Thälmann, cuñou o slogan "Despois de Hitler é a nosa quenda!", e cría firmemente que non cumpría unha Fronte contra o nazismo. Estaba convencido de que os traballadores recoñecerían que o nazismo, a diferenza do comunismo, non ofrecía unha solución real para os problemas de Alemaña.[9]

Con todo, dous anos antes de chegar Hitler ao poder, algúns partidos comunistas en Europa xa cuestionaban a tese do «socialfascismo». En Francia, nas eleccións de 1928 e de 1932, algúns dirixentes comunistas propuxéronlles aos socialistas que apoiasen na segunda volta a candidatura con máis votos na primeira. En Polonia, a terceira parte da organización de Varsovia, con Isaac Deutscher á fronte, opúxose á liña oficial. Así mesmo, o Comité Central do Partido Comunista de Checoslovaquia acordou en novembro de 1931 situar o fascismo como o inimigo principal, en lugar da socialdemocracia. De feito, o dirixente da Komintern Dmitri Manuilski chegou a queixarse de que a idea da fascistización da socialdemocracia non entrase «no sangue dos partidos comunistas».[10]

En Francia, a crítica "socialfascista" do Partido Comunista Francés (PCF) posicionouse contra a Sección Francesa da Internacional Obreira (SFIO). Porén, tras os disturbios do 6 de febreiro de 1934, percibidos pola esquerda como un intento de golpe de estado fascista, iniciouse unha cooperación entre o PCF e a SFIO.[11]

Trala subida ao poder de Adolf Hitler, o KPD foi ilegalizado e miles dos seus militantes arrestados, incluído Thälmann. Tras estes eventos, a Komintern cuestionou a política que levara a cabo e se sería factíbel unha alianza anterior coa socialdemocracia. A teoría do socialfascismo, así, foi definitivamente abandonada. Durante o 7º Congreso da Komintern, Georgi Dimitrov bosquexou as liñas da nova política da "Fronte Popular" no seu discurso "Pola unidade da Clase Obreira en contra do Fascismo".[12] Isto reflectiríase na posterior formación de diversas "Frontes Populares": en Francia (1935), en España (1936) ou en Chile (1937).

O primeiro sinal de que a posición da Internacional Comunista sobre a socialdemocracia estaba a cambiar deuse en febreiro de 1933, ao mes seguinte de acceder o nazismo ao poder. A súa Comisión Executiva (CEIC) respondeu o convite do Buró da Internacional Obreira e Socialista cunha proposta de chegaren a acordos a escala nacional. Significaba a primeira rectificación da tese da «fronte única pola base», unha posición política que rexeitaba pactos coa socialdemocracia e defendía que a unión das dúas organizacións produciríase co trasvase da militancia socialdemócrata ao comunismo.

Meses despois, en xuño, tiña lugar na Sala Pleyel de París un congreso «contra o fascismo e a guerra», promovido por Henri Barbusse e Romain Rolland, que continuaba o congreso «contra a guerra imperialista» celebrado en Ámsterdam o ano anterior. Dos dous congresos xurdiu o movemento Ámsterdam-Pleyel, coa constitución en Francia de comités locais. Supuña a primeira mobilización antifascista promovida polo Partido Comunista Francés (PCF).[13]

Tamén foron decisivos os sucesos de febreiro de 1934. En París houbo un intento de asalto da extrema dereita ao poder. Pola súa parte, en Viena consolidouse a ditadura de Dollfuss tras esmagar a revolta obreira da capital austríaca. O cambio definitivo deuse a partir de marzo de 1935. Hitler anunciou o rearmamento alemán, o que convertía a Alemaña nazi nunha ameaza directa á Unión Soviética. Dito rearmamento foi admitido tacitamente polo Reino Unido, en teoría o principal garante do Tratado de Versalles, coa sinatura do Acordo naval anglo-xermano en xuño dese ano.

O 14 de xullo, o Día Nacional de Francia, celebrouse en París unha gran manifestación antifascista en defensa das liberdades democráticas. Convocada polo movemento Ámsterdam-Pleyel, participaron unhas cincuenta organizacións políticas (SFIO, PCF, PR), sindicais (CXT, CGTU) e cívicas (comités antifascistas, a Liga de Defensa dos Dereitos do Home). Esta manifestación considérase como o acto fundacional da Fronte Popular en Francia.[14]

  1. Heinrich August Winkler (1985). Arbeiter und Arbeiterbewegung in der Weimarer Republik. Der Schein der Normalität. 1924-1930. Dietz:Bonn, p. 679
  2. Klaus Hildebrand (1984). The Third Reich, Routledge, ISBN 0-415-07861-X, p. 106
  3. Martín Ramos 2015, p. 30-31.
  4. Adelheid von Saldern (2002). The Challenge of Modernity: German Social and Cultural Studies, 1890-1960, University of Michigan Press, ISBN 0-472-10986-3, p. 78
  5. Heinrich August Winkler (1985). Arbeiter und Arbeiterbewegung in der Weimarer Republik. Der Schein der Normalität. 1924-1930. Dietz:Bonn, p. 681
  6. Martin Kitchen (2006). A History Of Modern Germany 1800-2000, Blackwell Publishing, ISBN 1-4051-0040-0, p. 245
  7. Sewell, Rob. Germany: from Revolution to Counter-Revolution. Chapter 7. Fascism's Rise to Power.
  8. Heiden, Konrad. Der Führer. Hitler's Rise to Power, p.551.
  9. Jane Degras, The Communist International 1919-1943: documents. 3. 1929-1943. Routledge, ISBN 0-7146-1556-0, p. 121
  10. Martín Ramos 2015, p. 31.
  11. Andreas Wirsching (1999). Vom Weltkrieg zum Bürgerkrieg? Politischer Extremismus in Deutschland und Frankreich 1918–1933/39. Berlin und Paris im Vergleich. Oldenbourg: München, pp. 548 & 557–561
  12. "For the Unity of the Working Class Against Fascism."
  13. Martín Ramos 2015, p. 31-32"A dirección comunista, nunha operación á marxe formal dos seus partidos, situou por primeira vez o fascismo como inimigo principal, asociouno á guerra e impulsou unha incipiente mobilización unitaria antifascista (até entón só antiimperialista), limitada ao mundo intelectual e profesional"
  14. Martín Ramos 2015, p. 43.

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Browder, Earl (1933). The Meaning of Social-Fascism: Its Historical and Theoretical Background. New York: Workers Library Publishers.
  • Lovestone, Jay (1937). The People's Front Illusion: From "Social Fascism" to the "People's Front." New York: Workers Age Publishers.
  • Manuilsky, D.M. (1934), Social Democracy — Stepping Stone to Fascism: Or Otto Bauer's Latest Discovery. New York: Workers Library Publishers.
  • Martín Ramos, José Luis (2015). El Frente Popular. Victoria y derrota de la democracia en España. Barcelona: Pasado & Presente. ISBN 978-84-944272-5-1.