Saltar ao contido

Xaxún no islam

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O xaxún no Islam (coñecido en árabe como sawm[1] (صَوْم) ou en farsi como rūzeh (persa: روزه, ), é a práctica de absterse de comer, beber, fumar[2] e de ter actividade sexual. Durante a mes santo islámico do ramadán, o sawm obsérvase entre o alborexar e o anoitecer, cando no solpor soa o adhan (chamada á oración)[3]. O ramadán é o noveno mes do calendario lunar musulmán e o xaxún é o cuarto dos cinco alicerces do islam[4].

O xaxún é unha práctica que se leva practicando dende hai séculos por diferentes relixións como o cristianismo, xudaísmo, Confucianismo, hinduísmo ou taoísmo[5]. No islam a súa base está no Corán:

"Ó vós que credes!: Dispoñerdes do xaxún coma dispuxeron os que vos precederon. Quizais así teñades temor de Deus (2:183)

.

No Corán

[editar | editar a fonte]

A práctica do xaxún menciónase no Corán en varias ocasións. No verso 2:183[4] exprésanse situacións nas que os musulmáns se poden abster de xaxuar e presenta solucións alternativas, tales como darlles de comer a persoas necesitadas. Tamén se enfatiza no verso 2:183-185 que non é necesario que fagan xaxún aquelas persoas que están a viaxar ou enfermas, xa que se pode pospoñer ata "outro número de días igual". Segundo o versículo 5:95, entre outras cousas, pódese usar o xaxún para reparar certos pecados, como matar un animal durante un estado de ihram. O verso 2:185 tamén afirma que o Corán se revelou no mes de ramadán.[4] Outro versículo, o 97:1, afirma que se revelou na "noite do destino", unha das dez últimas noites do ramadán.

Definición

[editar | editar a fonte]

O xaxún é, principalmente, un exercicio de devoción polo que de xeito voluntario a persoa renuncia, durante un período definido de tempo, a todos os apetitos corporais para forxar unha disciplina espiritual e o autocontrol[6]. O islam prescribe a prohibición de comer ou beber dende o amencer (fajr) ata o solpor (maghrib). Considérase que se ha comezar o xaxún cando unha persoa que está no exterior pode distinguir o fío branco do negro[7].

Condicións

[editar | editar a fonte]

Intención (niyyah)

[editar | editar a fonte]

"A intención (niyyah) significa ter a resolución de xaxuar. É esencial ter a intención a noite anterior, e logo noite tras noite, en Ramadaan"[8], xa que para realizar o xaxún é preciso a intención[9].

Condicións xerais

[editar | editar a fonte]

Ao longo de toda a duración do xaxún os musulmáns hanse abster de determinados actos que o Corán premite en condicións normais: comer, beber e ter relacións sexuais[5]. É un engadido á obriga estándar que teñen os musulmáns de evitar o que non é admisible baixo o Corán ou a xaria, como poden ser as murmuracións, conversas indecentes, discusións, pelexas ou pensamentos lascivos. Sen cumprir a norma xeral, o xaxún é inútil e só é un acto de inanición, pois este xaxún ha ser un motivo para ter máis benevolencia co próximo, e así segundo a tradición islámica considérase a caridade cos pobres e necesitados neste mes unha das veneracións con maior recompensa.

Están exentos do xaxún os enfermos, as mulleres no período de aleitaren ou os que están a viaxar. Pero ten que se facer, sempre que a persoa sexa capaz, antes do seguinte ramadán. Segundo o Corán, para todos os outros casos, non realizar o xaxún só se admite cando pode ser potencialmente perigoso para a saúde, por exemplo vellos ou embarazadas que poden romper o xaxún, pero hase compensar co pagamento dun fidyah[10]. Os ulemas musulmáns estableceron que o xaxún está prohibido para as mulleres a menstruar. Así e todo, ao cesar o período, deben bañarse e continuar co xaxún e os días que non se puido realizar o xaxún hanse compensar antes do seguinte ramadán. A razón desta postura é un texto no Corán que afirma que a menstruación constitúe un desconforto.

Unha muller musulmá que non poida facer o xaxun, aínda está en condicións de realizar a U dhikr (lembranza de Alá) e mais a dua (súplicas a Alá) durante este tempo[3]

Unha persoa está na obriga de facer xaxún se cumpre cinco condicións:[3]

  1. Ser musulmán
  2. Pasar a idade da pubertade.
  3. Está en condicións de facer o xaxún.
  4. Non estar de viaxe.
  5. Non hai impedimentos que impidan o xaxún: enfermidade, extrema dor por feridas, lactación ou embarazo.

Consecuencias do rompemento do xaxún

[editar | editar a fonte]

Durante o ramadán, se accidentalmente hai un rompemento no xaxún por comer ou beber, a continuación, hase continuar o xaxún o resto do día e o xaxún permanece válido. Se ese rompemento é intencionado, haino que compensar xaxuando outro día. Romper o xaxún para ter relacións sexuais haino que compensar coa liberación un escravo, e se isto non é posible hase xaxuar dous meses consecutivos e se isto tampouco é posible hai que lle dar de comer ou vestir a sesenta persoas necesitadas[11].

Durante os xaxúns voluntarios, se accidentalmente se rompe, pódese seguir o resto do día e permanece válido. Se é intencionalmente non se comete pecado, ao se facer de xeito voluntario [12].

Se unha persoa fai un xuramento para xaxuar e polas circunstancias haino que romper, ou se é deliberado, hai que expialo (kaffara) liberando un escravo, ou dándolles alimento ou roupas a dez persoas necesitadas utilizando como medida o precisa a propia familia, ou se non é posible hai que realizar un xaxún de tres días[13].

Comezo e fin

[editar | editar a fonte]
Remate do xaxún nunha mesquita

Segundo a tradición, que os musulmáns consideran transmitida por Mahoma, antes do comezo da abstinencia cómese o suhur, antes do amencer e hai que acabar de beber e comer antes do adhan do fajr, a chamada a oración previa ao amencer. Ao contrario das oracións zuhr e maghrib, que teñen claras definicións astrónimas (na tarde e despois da postura de Sol), hai varias definicións empregadas na práctica, para o momento do "amencer verdadeiro" (al-fajr al-ṣādiq), como se menciona no hadith. Estes varían de cando o centro do sol está entre 12 e 21 graos baixo do horizonte[14] o que equivale a entre 40 a 60 antes do amencer civil. Non hai restricións sobre a comida da mañá, agás as prescricións xerais alimentarias islámicas. Despois de completar o suhur, os musulmáns recitan o fajr e non se pode tomar comida nin bebida ningunha logo. Durante a ablución (wudu) a auga pode entrar na boca pero non se ha tragar. A comida que pon fin ao xaxún coñécese como iftar. Os musulmáns rompen o xaxún con dátiles e auga antes do maghrib, tras o que se pode comer unha comida máis completa.

Aspectos espirituais

[editar | editar a fonte]

O xaxún precríbese aos musulmáns como unha forma de obriga relixiosa para manter a luxuria e o desexo dentro dun límite para control da persoa e evitar converterse nun escravo dos apetitos. O Corán afirma que, se os seres humanos non se poden precaver dos desexos, entón non poden acadar a salvación: "Pola contra, quen tema comparecer ante o seu Señor e refreara a súa luxuria, ha ter por morada o Paraíso" (79: 40-41).

Segundo as crenzas islámicas, esta abstención de normas admisibles da vida diaria por mor dun mandato de Alá é para fortalecer o autocontrol e aumentar a conciencia do Señor. Non se prescribe como un castigo sobre as persoas ou para inflixir prácticas onerosas. É unha formación moral e espiritual coa idea subxacente de ensinar a moderación e a disciplina espiritual de xeito que as tentacións humanas non desborden a disciplina moral adoptada polo islam. Ademais, o obxectivo de absterse de comida e bebida permite que un individuo sinta no seu corpo o sentimento de pobreza e de fame[6].

Días de xaxún

[editar | editar a fonte]

Mes de ramadán

[editar | editar a fonte]

O xaxún no mes de ramadán está considerado fard (deber).[15]

Xaxún por xuramento

[editar | editar a fonte]

Pódese facer xuramento de cumprir xaxún, considérase obrigatorio e rompelo ten a consideración de pecado.

Días de xaxún voluntario

[editar | editar a fonte]

Existen máis días nos que moitos musulmáns xaxúan de forma voluntaria ao longo do ano, en especial no noveno e o décimo, ou o décimo e o undécimo, de muharram, o primeiro mes do ano. O décimo día, o ashurah, é tamén un día de xaxún para os xudeus (Yom Kippur). Os musulmáns tamén adoitan xaxuar[16]:

  • 6 días no mes seguinte ao ramadán, o shawwal
  • Os luns e os xoves.[10]
  • Os días 13, 14 e 15 de cada mes lunar (islámico)
  • O día de arafah (9 de Dhu ' I-Hijja))
  • Tantas veces como sexa posible nos meses de rajab e sha'aban, antes de ramadán
  • Primeiros nove días de Dhu ' I-Hijja (pero non para os que estean a realizar a Hajj)

Prohibición de xaxún

[editar | editar a fonte]

Aínda que o xaxún está considerado un acto piadoso no islam, hai momentos nos que a maioría dos ulemas sunnitas consideran que está prohibido, ou non é recomedable, xaxuar:

  • Eid al-Adha e os tres días posteriores.
  • Eid al-Fitr
  • Está prohibido escoller os venres e só xexuar cada venres.
  • Xaxuar cada día do ano.[17]

Así e todo, o Corán non contén prohibición ningunha sobre os días de xaxún.

Adaptación xeográficas

[editar | editar a fonte]

Rexións polares e subpolares

[editar | editar a fonte]

O xaxún no islam está moi ligado ao amencer e ao sol, e son precisas adaptacións para esta práctica no mundo. Aínda que non hai directrices específicas no islam sobre o xaxún nas rexións polares hai un hadith sobre Al-Masih ad-Dajjal[18] que afirma que se han calcular e facer cada 24 horas, e esa é a opinión do do Consello de Ulemas do Reino de Arabia Saudita[19]. Outras recomendación como as da mesquita de Al-Azhar do Cairo, que polas dificultades que suporía realizar xaxúns de máis de 18 horas consecutivas ao día, nos territorios onde as noites son curtas, recomenda seguir os horarios do xaxún de forma idéntica a un país musulmán próximo ou pola Meca pero hai diversidade de opinións entre os expertos[20]. E así, algúns musulmáns prefiren establecer un horario e unha duración persoal que seguir estas instrucións[21].

O astronauta Sheikh Muszaphar Shukor foi o primeiro humano en xaxuar durante o mes do Ramadán no espazo. Con este propósito, o goberno de Malaisia, o seu país de orixe, proporcionoulle un folleto con instrucións de como seguir o ramadán e que establecía os horarios segundo o lugar de lanzamento da misión, Baikonur[21].

Práctica forzada

[editar | editar a fonte]

Nalgúns países de tradición musulmá, ou co islam como relixión oficial, o xaxún é obrigatorio por lei, e non xaxuar pode ser considerado delito e como tal perseguible por lei. Así en 2008 un xulgado de Biskra en Alxeria condenou a seis persoas a catro anos de prisión e multas graves por non xaxuar no ramadán [22] ou en Marrocos o arresto contra persoas non practicantes levou a formación de grupos nas redes sociais para defender os dereitos dos non crentes[23].

Prohibición da práctica

[editar | editar a fonte]

Aos musulmáns uigures da China impónselles numerosas restricións para practicar a súa relixión, como a prohibición de xaxuar no ramadán[24],[25].

  1. "Islam". history.com. 
  2. Quentin Ludwig (2011). L'islam. Eyrolles. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Chittick, William C. e Murata, Sachiko (1994). The Vision of Islam. Paragon House. p. 17. ISBN 9781557785169. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Islam". Encyclopedia Britannica. 
  5. 5,0 5,1 "The Fourth Pillar of Islam: The Fast of Ramadan". islamreligion.com. 
  6. 6,0 6,1 Abdul Hamid Siddiqui. "Introduction to Translation of Sahih Muslim". iium.edu.my. 
  7. André Bueno (2016). Textos sobre história das mulheres. Rio de Janeiro: Ebook. p. 119. 
  8. Fataawa al-Lajnah al-Daa’imah, vol. 10, p. 246.
  9. Ramadanali (2006). Fasting In Islam & The Month of Ramadan. The Light. 
  10. 10,0 10,1 "Sawm: Fasting the Month of Ramadhan". islamtomorrow.com. 
  11. "Breaking one’s fast in Ramadaan deliberately, with no excuse". islamqa.info. 
  12. "It is permissible to break a voluntary fast". islamweb. 
  13. "5:89". Corán. 
  14. Sayyid Muhammad Rizvi. "Al-Fajr As-Sadiq: A New Perspective". Al-Islam.org. 
  15. "The punishment for breaking the fast in Ramadaan with no excuse". islamqa.info. 
  16. "Fasting". Oxford Islamic Studies. 
  17. "The Book of Fasting". Sahih Muslim. 
  18. "The Book of Tribulations and the Signs of the Last Hour". Sahih Muslim. Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2020. Consultado o 28 de abril de 2020. 
  19. "How to pray and fast in countries where the day or night is continuous". islamqa.info. 
  20. "Fasting in countries where the nights are short". Dar-Alifta. Arquivado dende o orixinal o 14 de abril de 2021. Consultado o 28 de abril de 2020. 
  21. 21,0 21,1 "Comment faire le ramadan en Norvège, ou dans l'espace". Slate. 14 de xuño de 2013. 
  22. "Algerians jailed for breaking Ramadan fast". 7 de outubro de 2006. Arquivado dende o orixinal o 11/12/2008. Consultado o 28/04/2020. 
  23. "Maroc. Trois mois de prison pour avoir rompu le jeûne en public". Franceinfo. 28 de agosto de 2012. 
  24. "Is China changing its policy towards Uighur Muslims?". aljazeera.com. 25 de abril de 2016. 
  25. "China bans Muslims from fasting Ramadan in Xinjiang". aljazeera.com. 18 de xuño de 2015.