Antologia poética. Cancioneiro rosaliano

compilación literaria de Rosalía de Castro

Antologia poética. Cancioneiro rosaliano é unha recompilación de obras de Rosalía de Castro publicada por Ernesto Guerra da Cal en 1985 co motivo da conmemoración do centenario da morte da autora. A obra consta de dúas partes: unha "antoloxía" con sesenta e dous poemas seleccionados de tres dos seus libros, máis dous non presentes en ningún deles, e un "cancioneiro" con sesenta composicións de corenta e oito poetas ibero-románicos, todos dedicados á escritora.

Antologia Poética. Cancioneiro Rosaliano
Autor/aRosalía de Castro
OrixePortugal
LinguaGalego
ColecciónPoesía e verdade
Xénero(s)Antoloxía
EditorialGuimarães Editores
Data de pub.1985
Páxinas336
EditorErnesto Guerra da Cal
editar datos en Wikidata ]

A obra foi publicada en Lisboa como ápice da súa defensa do modelo reintegracionista para a lingua galega. Traballou na “selección e organización, adaptacións ao galego, versións do español, catalán e inglés, presentación e notas”. A obra consta de “Apresentação”, “Nótula bibliográfica”, “Agradecimentos”, “Antologia”, “Cancioneiro rosaliano”, “Iconografia” e “Índices”. En 1988 o propio Guerra da Cal publicou Seis Poemas a Rosalia de Castro.[1]

Estrutura

editar

Presentación

editar

Na presentación o autor introduce a figura de Rosalía como misterio, milagre, mito, rebelde como galega, escritora e criatura humana. Destaca as varias facetas de Rosalía: santa, poetisa rexional, agresiva, comprometida co seu pobo, radicalmente cristiá mais tamén católica e devota e en ocasións agnóstica e de pensamento libre. Despois procede unha biografía da escritora mais chea de interrogantes.

Resalta o bilingüismo da escritora, que empregaba o galego, a súa lingua materna, na forma dialectal, escrito como é falado, sen regras. Mentres que o castelán, como lingua de España, aprendida na escola, utilizada con máis coidado e precaución (deliberadamente pensada em castelhano depois de ter sido intimamente sentida em galego[1]).

Tamén subliña a fidelidade da poetisa a uns particulares temas e obxectivos que veñen determinados polo "condicionante étnico", a súa galeguidade consciente e a "galeguicidade", inmanente da súa alma. Remata coa mención da influencia de Rosalía na lírica española e nos poetas da Xeración do 27 e xustificando a publicación da antoloxía:

Este volume representa o preito renovado de Portugal à "poética nudez esplendorosa" desta universal voz lírica da comunidade lusíada, vinda da mais antiga e a mais moderna das literaturas de expressão portuguesa.[1]

Ao final da presentación Ernesto Guerra da Cal advirte sobre a falta de estudos rosalianos e recomenda a organización da súa produción. Contribúe engadindo unha lista de estudos publicados en Portugal, nos Estados Unidos de América, México, Porto Rico, Cuba e o Brasil.

Antoloxía poética

editar

Guerra da Cal destaca o seu descontento polo descoñecemento de Rosalía en Portugal e a xa mencionada falta de bibliografía galega en Portugal e viceversa. Con todo, aínda que a xente da rúa non a coñeza, si é gratamente recoñecida entre intelectuais e por iso, o Cancioneiro conta coas contribucións de numerosos poetas lusos. O que dificulta a presenza da poetisa en Portugal é principalmente o vocabulario e a grafía, como formas vernáculas mesturadas con castelanismos e arcaísmos non recoñecidos polos lectores portugueses. Co fin de facilitar a divulgación de Rosalía nos países lusófonos, os poemas non foron traducidos, senón transcritos ou adaptados. Isto case non afectou á rima e á métrica. No caso da poesía en lingua española, si foi necesario traducir, intentando aproximalos o máximo posíbel.

Contidos

Na antoloxía hai en total sesenta e dous poemas, todos, excepto dous, seleccionados dos seus libros: seis de Cantares gallegos, trinta e tres de Follas novas e dezasete de En las orillas del Sar. Alén diso, inclúe dous poemas que non pertencen a ningún das obras mencionadas anteriormente. O primeiro, dedicado a Luís de Camões; e o segundo, é un poema póstumo dedicado a Pilar Castro y Alván.

Temas
  • Cantares gallegos (1861-1863): Rosalía é “vox populi”; identifícase como parte do pobo e fala desde dentro. Foi a primeira testemuña (e manifesto) lírica do nacionalismo galaico. O mundo da infancia de Rosalía, contou con risas mais tamén con dores. O obxectivo do libro é a defensa po pobo de Galiza: paisaxe, pobo e lingua. Con este libro, Rosalía deu un novo significado a lingua e nación, e redescubriu e revalorizou a paisaxe cultural e humana galega.
  • Folhas novas (1880): foi unha expresión máis íntima e persoal. Non presenta unidade temática, senón que está dividida en cinco libros- "Vaguedades", "Do íntimo!", "Varia", "Da terra" e "As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos". Estes títulos non sempre parecen corresponder aos poemas que conteñen, senón que parecen máis composicións individuais. Hai unha gran variedade de poemas: algúns parecen influenciados polos Cantares, hai poemas de protesta social, e outros dun estilo intimista-metafísico (este pertence á máis alta Rosalía, a que deixou de comunicarse coa natureza e deixou de ser alegre e matutina, e pasou a ser sobria e dolorosa). O vocabulario é reducido en riqueza mais gaña en concentración. O poemario representa un retorno ao tema, e parcialmente á técnica, dos Cantares, en termos máis dramáticos que descritivos, e con frecuentes insercións de intimismo confidencial. En "Vaguedades" todas as composicións son sobre a desolación interna, saídas do seu pensamento. Os temas son o desespero vital, o medo escuro do indefinido, a morte e a saudade. A atención do poeta é introspectiva. É un canto á traxicidade de existir. En "Do íntimo!" e "Varia" volta aparecer a paisaxe e o sentimento da natureza, mais non como elemento de alegría. Tamén reaparece a faceta social de Rosalía, mais non hai ningún elemento que ligue o contigo con Galiza ou calquera outro sitio.
  • En las orillas del Sar (1884): escrita en castelán. Trata os problemas nunha perspectiva máis xeral, distante, e cunha actitude obxectiva. Só hai un “eu” autorial como único personaxe, e poucas veces o poema tenta falar como “outro” ou conta “unha historia” de “outra”. A “persoa” omnipresente da autora aparece varias veces ao longo do libro como un camiñante que percorre as diversas paraxes do val do Sar. A saudade existencial é a materia da que están feitos os poemas deste libro. Aínda así, nun terreo interno e universal, Rosalía non deixa de ser galega, non se desapega da súa realidade labrega, nin da constante presenza da paisaxe local (presente xa no título). Todo isto fai que, inclusive no plano obxectivo, apareza neste libro Galiza como tema- o sentimento de xustiza social rosaliano, tan claro na súa obra galega, tamén presente no libro.

Cancioneiro rosaliano

editar

O Cancioneiro rosaliano está formado por un total de sesenta composicións de corenta e oito poetas distintos procedentes das ramas literarias galaico-lusa-brasileira, a castelán (e hispano-americana) e a catalá (e valenciana). Todas elas constitúen un discurso de louvanza de Rosalía, quen é admirada pola súa produción e especialmente pasado un século. Os corenta e oito poetas están ordenados cronoloxicamente por nacemento, incluíndo unha breve biografía dos xa falecidos e dos contemporáneos, tras previo consentimento, limítase a listar as súas bibliografías poéticas. Independentemente da lingua orixinal dos versos, Guerra da Cal os traducirá ao portugués mais nos casos nos que están en español, catalán e inglés inclúe as versións orixinais.

Autores
  1. Joaquim Rubió i Ors, “A la Memória de Dona Rosalia de Castro”
  2. Eduardo Pondal, “Rosalia Castro”
  3. Teodor Llorente, “A la bona Memória de la poetisa Rosalia Castro”
  4. Valentín Lamas Carvajal, “À Rola da Galiza, Rosalia Castro de Murguia”
  5. Manuel Curros Enríquez, “A Rosalia”
  6. Alfredo Brañas, “À boa Memória de Dona Rosalia Castro de Murguia”
  7. Miguel de Unamuno, “Galicia”
  8. Ramón Cabanillas, “Ofrenda floral a Rosalia de Castro. Diante do Monumento de Santiago”
  9. Teixeira de Pascoaes, “A Rosalia de Castro”
  10. Juan Ramón Jiménez, “Rosalía de Castro”
  11. Francisco Rodríguez Marín, “Rosalía de Castro. (Tríadas)”
  12. Luís Pimentel, “A Rosalia”, “Outra vez Rosalia”
  13. Federico García Lorca, “Velha Cantiga”
  14. José González Carbalho, “Rosalía. Canción de su recuerdo”, “Cementério de Adina”, “Todavía”
  15. Francisco Luís Bernárdez, “Oración a Rosalía”
  16. Cecília Meireles, “Rosalia”
  17. Fermín Bouza Brey, “A Rosalia. Na visita de D. gala Murguia ao Mausoléu da sua Mãe”
  18. Pedro Homem de Melo, “Homenagem a Rosalia”, “Saudação à Galiza”
  19. Augusto Casas, “Nova Elegia a Rosalia de Castro”
  20. Francisco Moreira das Neves, [“Rosalia”], “Rosa de cem Folhas”
  21. Guilherme de Faria, “À Alma de Rosalia”
  22. Florencio Delgado Gurriarán, “Resposta a Rosalia. No cabo do século dos seus Cantares galegos”
  23. Emilio Pita, “Cantigas a Rosalia”
  24. Aquilino Iglesia Alvariño, “Rosalia de Castro”
  25. Ricardo Carvalho Calero, “Madrigal a Rosalia”, “A Rosalia”
  26. D. C. Warnest, “A tragic Celtic rose”
  27. Hernâni de Lencastre, “Rosalia”
  28. Ernesto Guerra da Cal, “Rosalia. (Visão em dois tempos). I. Perfil da Sombra. II. Chamada a ela no Apocalipse da Galiza”
  29. Celso Emilio Ferreiro. “Dizemos Rosalia”
  30. Salvador Espriu, “Cançó tòpica de les dones gallegues a Rosalia”
  31. Gualter Póvoas, “Fado galego”
  32. Natércia Freire, “Saudade nossa, comoção galega”, “Ah, Rosalia! Ah, Muller”
  33. Amândio César, “Verão de São Martinho”
  34. Sophia de Mello Breyner Andresen, “Estátua de Rosalia”
  35. António Manuel Couto Viana, “Rosa em Padron”
  36. Pedro da Silveira, “A Rosalia de Castro”
  37. Luz Pozo Garza, “Perguntas a Rosalia”, “Falando a Rosalia”
  38. Eugénio de Andrade, “Dez ou doze versos para Rosalia”
  39. Ana Hartherly, “Diálogo do Poeta com o seu Eco”
  40. Manuel María, “A Rosalia”
  41. Xohana Torres, “Rosalia”, “Mulher, figura intacta”
  42. Gilberto Mendoça Teles, “Paisagem galega”, “Nome, nume”
  43. Salvador García-Bodaño, “A Rosalia” “A Rosalia de Castro, camponesa na Eternidade”
  44. Xosé Luís Franco Grande, “A Rosalia”
  45. José Carlos González, “Lição de Rosalia”
  46. Fernando Assis Pacheco, “O meu Avô não lia versos”
  47. Joaquim-Francisco Coelho, “Rosalíada”
  48. Arcadio López-Casanova, “Palavras na tarde para Rosalia”

Iconografía rosaliana

editar
 
Rosalía nun debuxo feito pola súa filla Alejandra.

O Cancioneiro rosaliano presenta ao final da obra unha serie de oito imaxes que representan a Rosalía de Castro en forma de retratos e alén diso, estatuas.

  • Retrato a lapis de Rosalía, moza, feito por Alexandra Murguía, filla da poeta, probabelmente a partir dunha fotografía
  • Retrato fotográfico de Rosalía, adolescente
  • Retrato fotográfico de estudio de data indeterminada
  • Retrato fotográfico de estudio, que se supón ser de data próxima ao fin da súa vida
  • Vista xeral do monumento de Compostela
  • Pormenor da figura escultórica de Rosalía no monumento de Santiago de Compostela
  • Perspectiva lateral da figura de Rosalía no monumento erixido no Porto, por iniciativa da Cámara Municipal
  • Retrato debuxado en gouache, obra de Salvador Barata Feyo

O Cancioneiro na crítica

editar

A antoloxía recibiu críticas positivas tras a súa publicación. Albano Martins no volume de xaneiro-febreiro de 1987 da revista Colóquio Letras afirma que “Da Cal ven restituíndo a súa dimensión exacta e salienta a súa lusofilia, sen esquecer a polémica polas versións de poetas galegos”[2]. Tamén José Luis Valinha Reguera describe a obra como “un memorábel libro sobre Rosalia de Castro, punto de partida e rumbo para futuras tentativas de mostrar Rosalia ao mundo lusófono” na súa publicación Um livro lusófono sobre a Galiza: “Antologia poética. Cancioneiro rosaliano”, de Ernesto Guerra Dacal.[cando?]

  1. 1,0 1,1 1,2 Guerra Da Cal, Ernesto (1985). Antologia poética. Cancioneiro rosaliano. Guimarães Editores. 
  2. Gômez, Joel R. (2002). Fazer(-se) um nome. Eça de Queirós-Guerra da Cal: Um duplo processo de canonicidade literária na segunda metade do século XX. Ediciós do Castro. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Gômez, Joel R. (2002). Fazer(-se) um nome. Eça de Queirós-Guerra da Cal: Um duplo processo de canonicidade literária na segunda metade do século XX. Ediciós do Castro.
  • Gômez, Joel R. (2015). Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal. Através Editora.
  • Guerra Da Cal, Ernesto (1985). Antologia poética. Cancioneiro rosaliano. Guimarães Editores.
  • Valinha Reguera, José Luis. Um livro lusófono sobre a Galiza: “Antologia poética. Cancioneiro rosaliano”, de Ernesto Guerra Dacal. [cando?]