Troilo

personaxe da mitoloxía grega, fillo de Príamo

Troilo (en grego antigo Τρωίλος Tróilos, en latín Troilus) é un personaxe lendario que aparece nos relatos da Guerra de Troia polo menos desde a época homérica.

Aquiles agarda emboscado a Troilo. Detalle dunha copa laconia de figuras negras. Ca. 550 – 540 a. C., Museo do Louvre).
Troilo e Crésida nos xardíns de Pándaro, por Valentine Walter Bromley.

Na mitoloxía clásica é un xove príncipe troiano, fillo de Príamo (ou nalgunhas fontes de Apolo) e Hécuba. O seu destino foi ligado por unha profecía ao da cidade, polo que Aquiles lle tendeu unha emboscada e matouno.

Nas versións medievais e renacentistas da lenda, Troilo é o menor dos cinco fillos lexítimos de Príamo con Hécuba, o suficientemente maior como para ser un dos principais xefes dos troianos na batalla. Nun engadido popular á súa historia orixinario do século XII, Troilo namorábase de Crésida, cuxo pai desertara do bando grego. Crésida prometíalle o seu amor, pero cando é enviada polo seu pai a un intercambio de reféns, os seus sentimentos cambian pronto cara ao heroe grego Diomedes. Tanto Chaucer como Shakespeare atópanse entre os autores que escribiron obras sobre este tema.

Tras o século XVII, Troilo perdeu importancia como personaxe literario. Con todo, reapareceu en versións da Guerra de Troia escritas nos séculos XX e XXI.

A historia de Troilo na antigüidade

editar

Aínda que é só un episodio dun relato que abarca varias décadas, a morte de Troilo ten un papel estrutural dentro do ciclo troiano de oito poemas da época arcaica grega que xuntos narran a lenda da Guerra de Troia. O destino de Troilo presaxia as subseguintes mortes do seu asasino, Aquiles, o seu sobriño Astianacte e a súa irmá Políxena[1]. A importancia simbólica adicional do personaxe queda en evidencia coa análise lingüística do seu nome grego, «Troilo», que pode interpretarse como unha elisión dos nomes «Tros» e «Ilo» (que foron os lendarios fundadores de Troia), como un hipocorístico (‘pequeno Tros’), ou mesmo como procedente de «Troië» (‘Troia’) e do verbo «lyö» (‘destruír’). Sexa cal for a auténtica etimoloxía, os antigos gregos verían estas múltiples posibilidades como acentuadoras do vínculo profético entre os destinos de Troilo e da cidade na que viviu[2].

Non se conserva ningunha fonte antiga que recolla a historia completa de Troilo tal como existiu nos períodos arcaico e clásico da antiga Grecia. A maioría das fontes literarias prehelénicas que aluden ao personaxe e todas as que incluían un relato detallado perdéronse ou sobreviven só en fragmentos ou resumos. As fontes escritas posteriores contradinse a miúdo entre si e non sempre coinciden coa forma que os investigadores modernos cren que o mito tería en tempos anteriores.

 
Troilo e Políxena foxen da emboscada de Aquiles. Kílix ática de figuras negras, c. -570/-565, Museo do Louvre (CA 6113). Advírtase que hai dous cabalos moi xuntos, como resulta evidente ao examinar as patas.

A historia das circunstancias da morte de Troilo foi con todo un tema popular entre os antigos pintores de cerámica e outros artistas plásticos dos períodos arcaicos e clásico[3]. As dúas principais referencias académicas respecto diso analizaron tanto as fontes literarias como as pictóricas para lograr comprender a historia de Troilo e as variantes que existiron na época antiga[4].

O mito estándar: Troilo asasinado

editar

Troilo era un raparigo ou efebo, fillo de Hécuba, raíña de Troia. Debido á súa excepcional beleza críase que era fillo de Apolo en lugar do marido de Hécuba, Príamo, aínda que este o trataba con agarimo.

As profecías ataban o destino de Troilo ao da propia Troia. Así, pouco despois de iniciada a guerra, Aquiles foi animado por Atenea a cazar ao raparigo. O xove príncipe adoitaba montar dacabalo, así que Aquiles emboscou a Troilo e á súa irmá Políxena nunha fonte preto do templo de Apolo en Timbra, unha rexión xusto nos arredores de Troia. Aquiles quedou asombrado pola beleza dos dous mozos troianos, quen fuxiron. Foi Troilo a quen Aquiles o dos pés veloces logrou atrapar, baixándoo do seu cabalo polo pelo[5].

Dalgunha forma Troilo logrou escapar do acoso sexual de Aquiles e fuxiu ao interior do templo. Pero o guerreiro seguiuno até alí, matándoo coa súa espada e mutilando o corpo antes de que puidese chegar axuda ningunha. A dor dos troianos pola morte de Troilo foi enorme. Máis tarde Apolo vingaríase do asasino.

Fontes literarias que apoian o mito estándar

editar

Homero e os textos perdidos dos períodos arcaico e clásico

editar

A referencia literaria máis antiga conservada referente a Troilo aparece na Ilíada de Homero. Mentres Príamo reprende aos seus fillos sobreviventes compáraos desfavorabelmente cos que morreron, incluíndo a hippiocharmên[6] Troilo[7].

Crese que o nome de Troilo non foi inventado por Homero e que xa existía unha versión anterior da súa historia. A súa morte era descrita na Cipria, unha parte do ciclo troiano hoxe perdida que cubría os sucesos anteriores á Guerra de Troia e a primeira parte desta. Si se conserva un antigo resumo do seu contido atribuído a Eutiquio Proclo, que no fragmento 1 menciona que Aquiles matou a Troilo, sen dar máis detalles[8].

Os antigos dramaturgos Frínico e Sófocles escribiron senllas obras tituladas Troilos, atribuíndose ademais ao cómico Estratis a autoría dunha parodia. Do considerados nove poetas líricos dos períodos arcaico e clásico, Estesícoro puido aludir á historia de Troilo na súa Iliupersis, e tamén se supón que Íbico escribiu con detalle sobre o personaxe. Todo o que se conserva destes textos son pequenos fragmentos ou resumos e referencias doutros autores.[9] Isto significa que carecemos dos extensos relatos que narraban a historia de Troilo completa tal como existiron na época prehelénica.

A Alexandra

editar

O primeiro texto conservado que contén máis que unha breve mención a Troilo é un poema helenístico do século -III: a Alexandra de Licofrón, un poema formado polos crípticos desvaríos proféticos de Casandra:

Ouh!, eu, para a túa ben criada flor, tamén, eu xemo, ouh cachorro de león, doce amado da dúa familia, que golpeaches con fero feitizo de raios ao fero dragón e atrapaches por un breve momento sen amor nun lazo infalíbel a quen era golpeado, sen ser ferido pola túa vítima: perderás a túa cabeza e mancharás a tumba de teu pai co teu sangue

Esta pasaxe é explicada no escolio do escritor bizantino Xoán Tzetzes como unha referencia a Troilo buscando evitar o asalto sexual de Aquiles para o que busca refuxio no templo do seu pai Apolo. Cando refusa saír, Aquiles entra e mátao sobre o altar[10]. Así pois, Troilo é mozo, popular e fermoso, ten ascendencia divina e foi decapitado por rexeitar ao seu amante grego (Aquiles) e, para Homero, ten relación cos cabalos. A referencia a el como un «cachorro de león» indica a perda dun gran potencial.

Outras fontes

editar

Non existe outra pasaxe extensa sobre Troilo anterior á época de Augusto, cando xurdiron outras versións da historia do personaxe. As fontes conservadas compatíbeis co mito estándar son as seguintes:

  • Ascendencia. Apolodoro enumera a Troilo como último dos fillos de Príamo e Hécuba, un detalle adoptado na tradición posterior, pero engade entón que se dicía que foi procreado por Apolo[11].
  • Mocidade. Un antigo dicionario revela que Sófocles chamou a Troilo andropais, é dicir, un raparigo a piques de converterse en home[12]. Horacio salienta a mocidade de Troilo chamándolle inpubes (‘sen pelo’, é dicir, prepúber ou, figuradamente, non o suficientemente maior como para levar armas)[13]. Dión Crisóstomo ridiculiza a Aquiles no seu discurso troiano, queixándose de que todo o que o suposto heroe lograra antes de Homero foi a captura de Troilo, que era un neno[14].
  • Profecías. O Primeiro Mitógrafo Vaticano menciona unha profecía segundo a cal Troia non sería derrotada se Troilo chegaba á idade de vinte anos[15]. Plauto conta que a morte de Troilo é unha das tres condicións que debían darse antes de que Troia puidese ser derrotada[16].
  • Beleza. Íbico, tratado de encomiar ao seu mecenas, compárao con Troilo, o máis fermoso dos gregos e os troianos[17]. Dión Crisóstomo tamén fala de Troilo como epítome dun tipo específico de beleza[18].
  • Obxecto de amor pederasta. Un fragmento de Frínico alusivo a Troilo fala de «a luz do amor brillando nas súas fazulas coloradas»[19]. Servio, no seu escolio da pasaxe de Virxilio discutido máis abaixo, di que Aquiles atrae a Troilo cara a el cun agasallo de pombas. Troilo morre entón no abrazo do grego. Robert Graves[20] interpreta isto como evidencia do vigor de Aquiles ao facer o amor, mentres Timothy Gantz[21] considera que o «como ou por que» da versión Servio non está claro[22].
  • Lugar da morte. Un comentarista sobre Íbico di que Troilo foi asasinado por Aquiles na rexión de Timbra nos arredores de Troia[23]. Outro fragmento de Sófocles sinala que Troilo estaba a ir a unha fonte cun compañeiro para buscar auga ou abeberar aos seus cabalos[24]. Apolodoro di que Aquiles preparou unha emboscada a Troilo dentro do templo de Apolo Timbreo[25][26].
  • Mutilación. Un último fragmento de Sófocles sinala que Troilo non só foi decapitado, senón que o seu cadáver foi ademais mutilado cun método coñecido como mascalismo, que incluía a amputación das extremidades para atalas baixo as axilas, de forma que se evitase que a pantasma da vítima asasinada volvese para perseguir ao seu asasino[27].
  • Loito. A dor dos troianos e especialmente da súa familia pola morte de Troilo parece ser epitomizado como loito pola morte dun neno na civilización clásica. Horacio, Calímaco[28] e Cicerón[29] aluden a el desta forma[30].

Arte antiga e fontes gráficas

editar
 
Aquiles presto a perseguir a Troilo e Políxena. Kílix ática de figuras negras, c. -570/-565, Museo do Louvre (CA 6113). O outro lado deste vaso mostrando a fuxida dos troianos móstrase máis arriba.

Na arte grega antiga presente en pezas cerámicas e outros restos aparecen con frecuencia tres escenas relacionadas con Troilo.

Na emboscada, Troilo e Políxena achéganse a unha fonte na que Aquiles está a esperalos. Esta escena era o suficientemente popular na antigüidade como para existir unha parodia de c. -400 mostrando a un gordecho Troilo guiando unha mula cara á fonte. Na maioría das representacións serias da escena Troilo monta un cabalo, normalmente con outro xunto a el. Adoita ser retratado, aínda que non sempre, como un mozo imberbe. A miúdo aparece espido, levando o resto das veces unha túnica. Aquiles sempre está armado e leva armadura. Ocasionalmente, Troilo ou Políxena están ausentes, indicando como a emboscada está relacionada con cada unha das súas historias[31]. Na versión máis antiga definitivamente identificada desta historia (unha vasilla corintia c. -580) tamén está presente Príamo, o que resulta pouco usual[32]. É máis común que apareza un paxaro pousado sobre a fonte, normalmente un corvo, símbolo de Apolo e os seus poderes proféticos. Nalgunhas versións Troilo ten un can correndo xunto a el[33]. Nunha vasilla etrusca aparecen pombas voando de Aquiles a Troilo, o que suxire o agasallo amoroso mencionado por Servio. Pode dicirse que o retrato máis famoso da emboscada é o presente na Tumba dos Touros etrusca.

A versión identificada máis antiga da persecución ou caza está datada no terceiro cuarto do século -VII. A seguinte cronoloxicamente é a famosa versión do Vaso François, obra de Clitias[34]. O número de personaxes mostrado nas escenas de cerámica cambia segundo o espazo dispoñíbel e a forma da vasilla[35]. O Vaso François está decorado con varias escenas en franxas longas, o que significa que o friso de Troilo está moi poboado. No centro aparece Troilo fuxindo, montando un cabalo e coas rendas doutro na man. Baixo el aparece a vasilla que Políxena (parcialmente perdida), que lle leva dianteira, deixou caer. Aquiles está perdido en gran parte pero vese claramente que leva armadura. Aparecen correndo cara a Troia, onde Antenor xesticula cara a Príamo. Héctor e Polites, os irmáns de Troilo, emerxen das murallas da cidade coa esperanza de salvalo. Detrás de Aquiles aparecen varias deidades: Atenea, Tetis (a súa nai), Hermes e Apolo (chegando). Dous troianos tamén están presentes, facendo xestos á muller para chamar a atención dun mozo que enche a súa copa. Como as deidades aparecen só nas versións pictóricas da escena, o seu papel é obxecto de varias interpretacións. O profesor e experto en Troilo Piero Boitani ve a Atenea exhortando a Aquiles, e a Tetis preocupada pola chegada de Apolo que, como protector de Troilo, representa unha futura ameaza para o seu fillo, sen indicar nada sobre o que Hermes pode estar a lle dicir. O historiador Thomas H. Carpenter ve a Hermes como un observador neutral, a Atenea e Tetis exhortando a Aquiles e a chegada de Apolo como a indicación do artista sobre o futuro papel do deus na morte do heroe.

 
Aquiles perseguindo a Troilo. Hidria ática de figuras negras, c. -510, Staatliche Antikensammlungen (Inv. 1722).

Os elementos estándar da escena da persecución son Troilo, Aquiles, Políxena, os dous cabalos e a vasilla caída. Sobre un trípode, unha ánfora e unha copa, Aquiles xa ten a Troilo suxeito polo pelo. Unha famosa vasilla conservada no Museo Británico, que deu ao Pintor de Troilo o nome co que se coñece na actualidade, mostra a dos troianos mirando atrás asustados, mentres o fermoso mozo azouta ao seu cabalo. A auga derramándose da vasilla rota baixo el simboliza o sangue de Troilo a piques de ser derramado.

A iconografía das oito patas e cascos dos cabalos pode usarse para identificar a Troilo na cerámica onde o seu nome non aparece, por exemplo nunha vasilla corintia onde o mostran disparando aos seus perseguidores, e nunha pacífica escena dunha crátera calcídica na que as parellas de Paris e Helena, e Heitor e Andrómaca están etiquetadas, pero o mozo montando un par de cabalos non.

Na súa investigación da historia de Troilo ao longo do tempo, Boitani considera importante que dúas vasillas de épocas diferentes relacionen as mortes de Troilo e Príamo mostrándoas nas dúas caras do mesmo xerro, coma se fosen o comezo e o final da historia da caída de Troia.

Unha interpretación posterior do sur de Italia da historia móstrase en dúas vasillas: unha na que Troilo aparece cun só cabalo tentando defenderse dunha lanza que lle guindaron, e outra na que Aquiles está a derrubar o cabalo do novo[36][37].

 
Aquiles a piques de decapitar a Troilo no altar. Kylix de figuras brancas asinada por Eufronio (actualmente en Perugia). Advírtase o uso dos tamaños dos personaxes para salientar a brutalidade do asasinato[38].

As representacións máis antigas coñecidas da morte ou asasinato de Troilo son bandas de escudos de finais do século -VII e principios do -VI achados en Olimpia. Nelas aparece un guerreiro cunha espada disposto a apuñalar a un mozo espido nun altar. Nunha, Troilo aférrase a unha árbore, que Boitani toma polo loureiro consagrado a Apolo. Na última das bandas de escudos un galo, a miúdo un agasallo amoroso, aparece baixo Troilo resistíndose. Unha crátera contemporánea deste último mostra a Aquiles no altar suxeitando ao espido Troilo cabeza abaixo mentres Héctor, Eneas e un descoñecido troiano chamado Deitinos chegan coa esperanza de salvar ao rapaz. Nalgunhas representacións Troilo está a suplicar piedade. Nunha ánfora, Aquiles leva ao combativo Troilo sobre o seu ombreiro mentres vai ao altar.

Algunhas pezas cerámicas mostran a Aquiles, tras matar a Troilo, usando a cabeza cortada deste como arma cando Héctor chega demasiado tarde para salvalo, aparecendo nalgunhas Atenea, ocasionalmente con Hermes[39].

Ás veces intercámbianse detalles das moi parecidas mortes de Troilo e Astianacte[40]. A idade da vítima é con frecuencia indicativa de que historia se relata, pero é común mesmo para Astianacte aparecer moito máis pequeno que o seu asasino. Outros factores decisivos poden ser a presenza de Príamo (o que suxire a morte de Astianacte), a de Atenea (típico da morte de Troilo) e o que a escena se sitúe fóra das murallas de Troia (de novo, Troilo).

Algunhas pezas de cerámica posteriores mostran outras versións da morte de Troilo. Nunha famosa copa de figuras vermellas obra de Oltos Troilo aparece axeonllado, no proceso de empuñar a súa espada cando Aquiles xa lle lanzou a súa lanza, mentres Eneas loita para salvalo. Troilo leva un casco, pero teno levantado para revelar o seu fermoso rostro.

Unha variante do mito: Troilo, o atafegado raparigo soldado

editar

Esta imaxe de Oltos suxire unha versión diferente da morte de Troilo que tamén era común na época antiga. Nela aparece derrotado na batalla, e case sempre o seguen mostrando como un mozo.

Virxilio

editar

Esta versión da historia aparece na Eneida de Virxilio, nunha pasaxe que describe unha serie de pinturas que decoran a parede dun templo de Xuno[41]. A pintura inmediatamente seguinte a esta de Troilo mostra a morte de Reso. Non é unha coincidencia que as dúas historias estean relacionadas con profecías conectadas á caída de Troia. Outras pinturas da serie mostran igualmente asuntos calamitosos.

Nunha descrición deseñada para salientar o pathos Troilo é un infelix puer (‘neno infeliz’) que se atopa con Aquiles nun combate «desigual». Os cabalos de Troilo foxen mentres el, suxeitando aínda as rendas, colga do carro, de forma que a súa cabeza e cabelos van deixando un rastro, á vez que a lanza debuxa trazos no po. (O Mitógrafo Vaticano explica isto con maior detalle, explicando que o corpo de Troilo é arrastrado directamente cara ás murallas de Troia[42]).

No seu comentario sobre a Eneida, Servio considera esta historia como unha diverxencia deliberada da versión «verdadeira», censurada para facela máis adecuada para un poema épico. Interprétaa como unha presentación de Troilo superado nunha loita directa. Gantz, con todo, argumenta que isto pode seguir sendo unha elaboración da historia da emboscada. Para el, Troilo non porta armas porque saíu sen esperar un combate.

Un problema aquí é a ambigüidade da palabra congressus (‘encontro’), que a miúdo alude a enfrontarse en combate pero pode tamén usarse para encontros pacíficos. Unha ambigüidade parecida aparece en Séneca, cando Casandra se lamenta de que Troilo atopase a Aquiles demasiado pronto[43].

O 19º epitafio de Ausonio, narrado polo propio Troilo, segue a Virxilio[44]. Foi arrastrado polos seus cabalos desbocados tras caer nun combate desigual con Aquiles. Inclúe a mesma ambigüidade de congressus. Unha referencia a Héctor suxire que a súa morte sucede máis tarde que no relato tradicional, algo que Boitani cre que tamén sucede en Virxilio.

Outros escritores

editar

Quinto de Esmirna, nunha pasaxe cuxa atmosfera describe Boitani como triste e elexíaca, retén o que para este son os dous temas principais da historia antiga: que Troilo estaba condenado polo Destino e que o seu fracaso en continuar a súa liñaxe simboliza a caída de Troia. Neste caso non hai dúbida de que Troilo entrou en batalla a propósito. Nas Posthoméricas a armadura de Troilo é un dos agasallos funerarios tras a morte do propio Aquiles. Quinto salienta repetidamente a mocidade de Troilo: é imberbe, virxe de noiva, infantil, fermoso, o máis divino de todos os fillos de Hécuba. Pero foi levado polo Destino á guerra sen coñecer o medo e derrubado pola lanza de Aquiles igual que unha flor ou espiga que non deu sementes é segada polo xardineiro[45].

No Diario da Guerra de Troia de Dictis Cretense Troilo volve ser un guerreiro derrotado, pero esta vez capturado xunto co seu irmán Licaón. Aquiles ordena vengativamente que sexan degolados en público, debido ao seu enfado porque Príamo fracase nas negociacións sobre o matrimonio de Políxena. O relato de Dictis está libre de deuses e profecías pero conserva a perda de Troilo como algo moi doloroso:

Os troianos lanzaron un grito de pena e, laiándose ruidosamente, choraron o feito de que Troilo achase unha morte tan penosa, pois lembraban o novo que era, quen nos seus primeiros anos de adulto era o favorito da xente, o seu querido, non só pola súa modestia e honestidade, senón máis especialmente pola súa beleza

A historia de Troilo nas épocas medieval e renacentista

editar

Nas fontes consideradas até agora, a única función narrativa de Troilo é a súa morte. Hai dúas desviacións principais do mito clásico nas que a historia de Troilo se desenvolveu durante os períodos medievais e renacentista até o momento en que o personaxe deixa de ser un personaxe literario importante coa obra neoclásica de Dryden. Primeiro, convértese nun importante e activo protagonista na procura da propia Guerra de Troia. Segundo, convértese nun amante heterosexual activo, en lugar da vítima da pederastia de Aquiles. Ao final desta época o trazo que define ao personaxe é a súa historia de amor fracasado con Crésida.

Para os primeiros escritores medievais, as dúas fontes máis influentes sobre a Guerra de Troia foron os relatos supostamente presenciais de Dares Frixio e Dictis Cretense, conservados ambos nas súas versións latinas. Na Europa occidental favorecíase ao bando troiano, e por tanto preferíase a Dares sobre Dictis[46][47]. Aínda que o relato de Dictis sitúa a súa morte máis tarde, confirma a visión antiga de consideralo un guerreiro menor se é que chegaba a selo. A Historia da caída de Troia de Dares presenta ao personaxe como un heroe que participa en sucesos posteriores á historia tradicional da súa morte.

Autores medievais como Alberte de Estade e Xosé Iscano seguiron reelaborando a lenda da Guerra de Troia en latín nunha versión baseada no relato de Dares, permanecendo Troilo como un dos guerreiros máis importantes do bando troiano. Con todo, foron Benoît de Sainte-Maure no seu romance francés en verso e Guido delle Colonne na súa historia en prosa latina quen definirían a historia de Troilo no período medieval posterior, incluíndo a súa concepción como amante. Os detalles dos seus relatos da guerra foron copiados, por exemplo, nos Libros de Troia de Laud e Lydgate, e no Recueil des histoires de Troie de Raoul Lefèvre, que grazas á tradución de Caxton impresa en 1474 se había converter na versión máis famosa da historia de Troia na Inglaterra renacentista, influíndo a Shakespeare entre outros. Mentres tanto, a historia de Troilo o amante sería retomada independentemente por Boccaccio, Chaucer e outros que tamén influirían en Shakespeare.

Troilo como segundo Héctor, baluarte de Troia

editar

Como se acaba de sinalar, a concepción de Troilo como un importante guerreiro foi transmitida á época medieval grazas ás obras de Dares Frixio. Con todo, algúns autores afirman que a tradición de Troilo como gran guerreiro pode ser anterior. A pasaxe da Ilíada descrito máis arriba é interpretada por Boitani como indicio de que Príamo puña a Troilo ao mesmo nivel dos seus mellores fillos guerreiros. A súa descrición nesa pasaxe como hippiocharmên é traducida por algúns estudosos como ‘guerreiro auriga’ máis que como alguén a quen lle gustan os cabalos[48]. Poida que moitas das fontes literarias perdidas ou fragmentarias o incluísen como tal heroe, aínda que só se conserva unha vasilla antiga que o retrate como un guerreiro caendo en batalla.

Dares Frixio

editar

En Dares Frixio Troilo é o máis novo dos fillos de Príamo, belicoso cando se suxiren treguas ou a paz, e igual a Héctor en bravura, «grande e o máis belo... bravo e forte para a súa idade, e desexoso de gloria.» Mata a moitos gregos, fere a Aquiles e Menelao, aniquila aos mirmidóns máis dunha vez antes de que o seu cabalo caia e o atrape dando a Aquiles a oportunidade de acabar con el[49]. Memnón rescata o seu corpo, algo que non sucede en moitas versións posteriores da historia. A súa morte acaece preto do final da guerra e non ao principio. Troilo sobrevive pois a Héctor e sucédeo como gran xefe dos troianos na batalla. Así, é en resposta á morte de Troilo que Hécuba trama o asasinato de Aquiles.

A medida que na tradición do Troilo guerreiro avanza no tempo, as armas e formas do combate cambian. Xa en Dares é un guerreiro dacabalo, non en carro ou a pé, algo anacrónico ao relato épico. En versións posteriores será un cabaleiro coa armadura apropiada á época do relato que loita contra outros cabaleiros e duques. A súa conduta esperada, incluíndo os seus amores, estará de acordo á tradición cortesá e outros valores da época.

Descrición de Troilo nos textos medievais

editar

Os textos medievais seguen a estrutura do relato de Dares ao describilo cos seus pais e o seu catro irmáns: Heitor, Paris, Deífobo e Héleno.

A descrición de Benoît de Sainte-Maure no seu Poema de Troia (demasiado longa para citala aquí) influíu sobre as posteriores. Benoît entra en detalles do personaxe e a súa expresión facial obviados por outros escritores. Conta que Troilo era «o máis belo dos mozos de Troia» con:

fermoso cabelo, moi encantador e naturalmente relucinte, ollos brillantes e cheos de alegría... Non era insolente nin altivo, alegre e feliz e amoroso. Bo era cando amaba, e bo cando non.

Xosé Iscano, no seu De bello troiano, describe o personaxe así:

Troilo desprega espaciosamente os seus erguidos membros; xigante polo seu carácter, neno pola súa idade, e non cede ante ninguén en ousadía para as obras de valor; un atractivo fulgor marca, en combinación coa forza, o seu rostro luminoso

A Historia Destructionis Troiae de Guido delle Colonne di:

O quinto e último chamábase Troilo, un mozo tan valente como era posíbel na guerra, sobre cuxo valor hai moitos relatos que a presente historia non omite máis tarde

O raparigo que nos textos antigos non estaba á altura de Aquiles converteuse agora nun novo cabaleiro, un digno opoñente dos gregos.

Cabaleiro e xefe guerreiro

editar

Na tradición medieval e renacentista, Troilo é un dos partidarios da guerra contra os gregos no consello de Príamo. En varios textos, por exemplo O libro de Troia de Laud, di que aqueles que discrepan con el son máis adecuados para sacerdotes. Guido, e os escritores que o seguen, fan que Héctor, sabendo o testán que pode ser o seu irmán, aconselle a Troilo non ser imprudente antes da primeira batalla.

Nos textos medievais, Troilo é un bravo cabaleiro durante toda a guerra, como en Dares, onde tras a morte de Héctor pasa a ocupar o lugar de principal guerreiro do bando troiano. De feito, é chamado «un segundo Héctor» por Chaucer e Lydgate. Estes dous poetas seguen a Boccaccio ao narrar que Troilo matou un milleiro de gregos.

Para Xosé Iscano, Troilo é máis grande que Alexandre, Héctor, Tideo, Belona e mesmo Marte, e mata a sete gregos cun só golpe da súa porra. Evita golpear as pernas dos seus opoñentes porque iso menosprezaría a súa vitoria. Só loita con cabaleiros e nobres, desdeñando enfrontarse con guerreiros comúns.

Alberte de Stade vía a Troilo tan importante que é o personaxe que titula a súa versión da Guerra de Troia. É «a muralla da súa terra natal, a protección de Troia, a guía do exército...»[50].

A lista de xefes gregos aos que Troilo fere amplíase nas diversas reelaboracións do relato, desde os dous en Dares, para incluír a Agamenón, Diomedes e Menelao. Guido, ao manter a súa promesa do prólogo de narrar todas as valorosas fazañas de Troilo, describe moitos incidentes respecto diso. Troilo adoita vencer pero é capturado nunha das primeiras batallas por Menesteo antes de que os seus amigos o rescaten. Este incidente repítese nos imitadores de Guido, como Lefèvre e os Libros de Troia de Laud e Lydgate.

Na maioría das versións medievais, Aquiles apártase da guerra porque vai casar con Políxena. Finalmente, morren tantos dos seus seguidores que decide volver á batalla, o que leva á morte de Troilo e, así, a que Hécuba, Políxena e Paris tramen o asasinato de Aquiles.

Alberte de Stade e Xosé Iscano seguen a Dares facendo que Aquiles decapite a Troilo cando este tenta levantarse despois de que o seu cabalo caia. En Guido e os autores aos que influíu, Aquiles busca especificamente a Troilo para vingar un enfrontamento previo no que este o feriu. Por isto ordena aos mirmidóns que o busquen, rodeándoo e evitando que acudan a rescatalo.

No libro de Troia de Laud, isto débese a que Aquiles estivo a piques de matar a Troilo nun enfrontamento previo pero os troianos rescatárono. Aquiles quere asegurarse de que isto non suceda de novo. Este segundo combate líbrase como un duelo directo entre os dous, sendo a vitoria para Aquiles, o guerreiro máis grande.

Pero para Guido, Lefèvre e Lydgate as cousas son diferentes. Aquiles espera ata que os seus homes mataron o cabalo de Troilo e o desposuíron da súa armadura. Só entón Aquiles o ataca e o decapita.

Nun eco da Ilíada, Aquiles arrastra o cadáver tras o seu cabalo. Así se reforza a comparación co Héctor homérico e ao mesmo tempo lémbranse aspectos do destino do Troilo clásico.

Troilo namorado

editar

O último aspecto do personaxe de Troilo que falta por desenvolver na tradición converteuse naquel polo que é máis coñecido. Tanto o Troilo e Creseida de Chaucer como o Troilo e Crésida de Shakespeare céntranse en Troilo como amante. Este tema foi introducido por primeira vez por Benoît de Sainte-Maure no Poema de Troia e desenvolvido por Guido delle Colonne. O Filostrato de Boccaccio é o primeiro libro en tomar a historia de amor como tema principal. Henryson e Dryden son outros autores que lle dedicaron obras.

A historia de Troilo e Crésida

editar
 
Unha escena de Troilo e Crésida, por Angelica Kauffmann.

Troilo adoitaba burlarse da estupidez dos asuntos amorosos doutros mozos. Pero un día ve a Crésida no Templo de Atenea e namórase loucamente dela. Crésida é unha moza viúva filla de Calcante que desertou do campamento grego.

Avergoñado de haberse convertido exactamente na clase de persoa da que adoitaba rirse, mantén o seu amor en segredo. Pero suspira por Crésida e vólvese retraído. Finalmente o seu amigo Pándaro persuádeo para que revele o seu amor. Pándaro ofrécese a facer de mensaxeiro, mesmo a pesar de ser parente de Crésida e ter que gardar a súa reputación. Crésida corresponde ao amor de Troilo e durante un tempo os dous están felizmente unidos.

Pero entón Calcante convence a Agamenón para que lle devolva a Crésida como parte dun intercambio de prisioneiros, a cambio de Antenor. Os dous amantes quedan angustiados e mesmo pensan en fuxiren. O intercambio lévase a cabo. A pesar da intención inicial de Crésida de permanecer fiel a Troilo, o guerreiro grego Diomedes gaña o seu corazón. Troilo chega a sabelo e busca vingarse de Diomedes e os gregos, morrendo en batalla. Igual que Crésida traizoou a Troilo, Antenor traizoaría máis tarde a Troia.

Benoît e Guido

editar

No Poema de Troia de Benoît, a filla de Calcante á que ama Troilo é Briseida. Isto menciónase por primeira vez cando o intercambio de reféns xa se acordou:

Aínda que estivesen felices ou gozosos, Troilo sufría aflición e pena. Era pola filla de Calcante, á que amaba profundamente. Entregáralle todo o seu corazón; tan poderosamente estaba posuído polo seu amor que só pensaba nela. Ela entregáraselle, en corpo e alma. A maioría dos homes o sabían.

Para Guido, o amor de Troilo e Diomedes chamábase tamén Briseida. A súa historia é máis moralista e menos conmovedora, eliminando a complexidade psicolóxica da de Benoît[51].

Troilo, porén, tras ter coñecemento da intención de seu pai de seguir adiante e liberar a Briseida devolvéndoa aos gregos, viuse abrumado e completamente invadido por unha gran dor, e case totalmente consumido polas lágrimas, os suspiros angustiados e os lamentos, pois a quería co maior fervor do amor xuvenil e deixárase conducir polo excesivo ardor do amor no intenso desexo da brillante paixón. Non había ninguén entre os seus seres queridos que o puidese consolar.

Briseida queda igualmente afectada. Troilo vai ás súas habitacións e pasan a noite xuntos, tentando confortarse o un ao outro. Troilo forma parte da escolta para entregala ao día seguinte. Cando xa está cos gregos, Diomedes queda inmediatamente prendado da súa beleza. Aínda que non é hostil, Briseida non pode aceptalo como amante. Mentres, Calcante dille que acepte para si mesma que os deuses decretaron a caída de Troia e que está máis segura cos gregos.

Pronto ten lugar unha batalla e Diomedes descabalga a Troilo. Os gregos envían o seu cabalo como agasallo a Briseida coa explicación de que pertencera ao seu antigo amor. En Benoît Briseida quéixase a Diomedes de que busque cortexala humillando a Troilo, pero en Guido todo o que permanece do seu longo discurso é que «non podo seguir odiando a quen me ama con tal pureza de corazón»[52].

Diomedes pronto se gaña o seu corazón. En Benoît lógrao mostrándolle o seu amor, dándolle Briseida a súa luva como peza. Troilo búscao na batalla e derrótao completamente. Salva a vida de Diomedes só para que poida levarlle unha mensaxe do desprezo de Troilo. En Guido, o cambio de parecer de Briseida sucede despois de que Troilo fira gravemente a Diomedes. Briseida cóidao e decide entón tomalo como amante, debido a que non sabe se se volverá atopar con Troilo de novo.

Nos relatos medievais posteriores da guerra, o episodio de Troilo e Briseida/Crésida é recoñecido e a miúdo dado como razón para que Diomedes e Troilo se busquen un ao outro na batalla. Pero a historia de amor tamén se converte nunha que se narra independentemente.

Boccaccio

editar

A primeira obra importante en tomar a historia do amor errado de Troilo como tema central foi o Filostrato de Boccaccio[53]. O título significa ‘o que caeu namorado’[54]. Hai un obxectivo manifesto no texto. No proemio o propio Boccaccio é Filostrato e sinala ao seu propio amor que o rexeitou[55].

Boccaccio presenta varias das características da historia que haberían de ser tomadas por Chaucer. A máis obvia é que o amor de Troilo chámase agora Criseida ou Crésida[56]. Troilo é caracterizado como un home novo que expresa todos os seus estados de ánimos vehementemente. Choroso cando o seu amor fracasa, xeneroso cando triunfa.

Boccaccio completa a historia anterior ao intercambio de reféns como segue. Troilo búrlase das miradas resentidas doutros homes que confían nas mulleres antes de caer el mesmo namorado cando ve a Crésida, entón unha xove viúva, no Paladio, o templo de Atenea. Troilo mantén o seu amor en segredo e vólvese desgraciado por el. Pándaro, o mellor amigo de Troilo e primo de Crésida nesta versión da historia, fai de intermediario tras convencer a Troilo de que lle explique a súa angustia. De acordo coas convencións do amor cortés, o amor de Troilo permanece en segredo salvo para Pándaro, ata que finalmente Casandra adiviña a razón da súa angustia[57].

Despois de que se acorde o intercambio de reféns, Troilo suxire fuxir, pero Crésida razoa que el non debe abandonar e que ela debe protexer a súa honra. A cambio, promételle atoparse con el en dez días. Non interveñen cabalos nin tramas no coñecemento de Troilo de que Crésida cambiou de amor. No seu lugar, un soño indícalle o que sucedeu, e entón a verdade vese confirmada cando un broche —orixinalmente un agasallo de Troilo a Crésida— aparece prendido nas roupas de Diomedes. Mentres tanto, Crésida finxiu na súa correspondencia que segue amando a Troilo. Despois de que se confirme a súa traizón, Troilo convértese nun guerreiro aínda máis fero.

Chaucer e os seus seguidores

editar

Case un terzo do texto do Troilo e Crésida de Geoffrey Chaucer está adaptado do moito máis breve Filostrato deixando oco para unha relato moito máis detallado e caracterizado. O poema de Chaucer reflicte unha visión do mundo máis humorística que o de Boccaccio. (Chaucer non tiña un amor ferido propio que mostrar e por tanto permítese un distanciamento irónico dos feitos).

A Crésida de Chaucer é dominada por Diomedes mediante a manipulación do seu medo. Pándaro é agora o tío de Crésida, máis coñecedor do mundo e activo no que sucede, polo que Troilo é menos activo[58]. Unha diferenza na caracterización de Troilo é que non é misóxino ao principio. En lugar de burlarse dos amantes por dar a súa confianza ás mulleres, búrlase deles por como o amor lles afecta[59].

Pouco cambiou en canto a trama da estrutura de Boccaccio. Os feitos só son máis detallados, con Pándaro, por exemplo, implicando a Deífobo durante as súas manobras para lograr unir a Troilo e Crésida. Faise referencia non só ao broche de Boccaccio senón á luva, ao cabalo capturado e ás batallas dos dous amantes dos relatos anteriores. Unha escena que engade Chaucer e que influíu sobre Shakespeare é cando Pándaro sinala a Crésida as virtudes de Troilo sobre as de Héctor e entón os dous son testemuñas do regreso de Troilo da batalla con moito dano no seu casco. Na palinodia Troilo mira cara a abaixo rindo desde o ceo, finalmente consciente do insignificante das emocións mundanas.

As narracións en inglés da Guerra de Troia tenderon a ignorar os engadidos de Boccaccio e Chaucer, aínda que algunha pode recoñecer a este último, como Caxton. Lydgate é unha excepción[60]. No seu relato aparecen elementos de Chaucer como Pándaro, aínda que o marco xeral da historia aínda segue a Guido. A firmeza de Troilo contrasta coa inconstancia de Crésida. No relato da propia guerra, a valentía de Troilo en batalla aumenta cando advirte que Diomedes gañou o corazón de Crésida[61].

Noutros autores o auténtico Troilo, a falsa Crésida e o compracente Pándaro convértense finalmente en tipos ideais aos que aludir, como en Shakespeare. No poema de Henryson O testamento de Creseida a protagonista é abandonada por Diomedes e logo enferma de lepra, volvéndose irrecoñecíbel para Troilo. Este apiádase da leprosa na que se converteu e móstrase xeneroso con ela porque lle lembra ao ídolo que garda na súa mente, pero segue sendo un virtuoso cabaleiro pagán que non logra alcanzar a redención. A pesar diso, seguindo a Henryson Troilo considérase unha representación da xenerosidade.

Shakespeare e Dryden

editar
 
William Shakespeare, Troilo e Crésida: edición en cuarto de 1609.

Outra aproximación á historia de amor de Troilo nos séculos seguintes a Chaucer é tratalo como un parvo, algo que Shakespeare fai nas alusións a el noutras obras anteriores a Troilo e Crésida. Na «obra de tese» de Shakespeare hai elementos de Troilo o parvo. Pero isto pode explicarse porque o presentan como un mozo case imberbe[62]. Mostra unha mestura de idealismo sobre os amantes eternamente fieis e de realismo, condenando o «vicio da piedade» de Héctor[63]. Tamén mostra unha mestura de constancia (no amor e apoiando a continuación da guerra) e inconsistencia (cambiando de opinión dúas veces na primeira escena sobre se entrar en batalla ou non).

Shakespeare escribiu nunha época na que as tradicións do amor cortés estaban mortas. O seu tratamento do tema do amor de Troilo é moito máis cínico que o de Chaucer, e o personaxe de Pándaro é grotesco. As fontes de Shakespeare inclúen a Chaucer, Lydgate, Caxton e Homero, pero hai tamén creacións propias[64]. Ao final da obra, rotas as súas ilusións de amor e morto Héctor, Troilo pode mostrar sinais de madurez ao rexeitar a Pándaro e falar de vinganza polo seu irmán máis que por un corazón roto e un cabalo roubado[65].

A acción aparece comprimida e truncada, empezando á metade da historia, con Pándaro xa traballando para Troilo e sinalando as súas virtudes a Crésida sobre os outros cabaleiros que ven regresando da batalla. A parella pasa xunta só unha noite antes de que se realice o intercambio de reféns. Intercambian unha luva e unha manga como pezas de amor, pero a seguinte noite Ulises leva a Troilo á tenda de Calcante. Alí é testemuña de como Diomedes logra seducir a Crésida tras quitarlle a manga de Troilo. O mozo troiano loita contra o que os seus ollos e oídos lle din, desexando non crelo. Ao día seguinte Troilo e Diomedes enfróntanse dúas veces, levándose este o cabalo de Troilo para Crésida e vingándose daquela o primeiro. Na batalla definitiva non é Troilo senón Héctor a quen os mirmidóns rodean e axudan a asasinar, sendo o seu corpo o arrastrado tras o cabalo de Aquiles. Troilo conserva a súa vida.

Un setenta anos tras a primeira representación do Troilo de Shakespeare, John Dryden reelaborouno, segundo o seu punto de vista reforzando o personaxe de Troilo e de feito a obra completa ao retirar moitas das ambigüidades[66]. Troilo discute brevemente con Héctor sobre a entrega de Crésida, quen permanece fiel. A súa escena con Diodemes que presencia Troilo é o seu intento «por mentir aos mentireiros»[67]. Bótase aos pés dos seus belicosos amantes para protexer a Troilo e suicídase para demostrar a súa lealdade. Incapaz de deixar con vida a Troilo neste momento, como Shakespeare fixo, Dryden recupera a morte do protagonista a mans de Aquiles e os seus mirmidóns pero só despois de que Troilo mate a Diomedes.

Versións modernas

editar

Despois das obras de Shakespeare e Dryden, Troilo é case invisíbel na literatura até o século XX, sendo retratado o amor en formas moi diferentes ás da historia de Troilo e Crésida.

Á parte das reelaboracións da historia de amor, como na ópera de William Walton Troilo e Crésida, Troilo converteuse nun personaxe prescindíbel da historia da Guerra de Troia. Lindsay Clarke e Phillip Parotti, por exemplo, omíteno completamente. Na película Troia non aparece, pero a súa morte nas versións primitivas do mito é repetida por Aquiles ao asasinar os sacerdotes no Templo de Apolo. Hilary Bailey inclúe a Troilo en Casandra, princesa de Troia, pero conserva pouco das versións clásicas e medievais salvo a loita con Diomedes.

Boitani interpreta a repetidamente alterada conclusión da historia de amor, desde a palinodia de Chaucer ao intento de Dryden de atar todos os cabos que Shakespeare deixou deliberadamente soltos, e seguindo coas versións modernas como a da ópera de Walton, como unha loita constante dos autores por atopar unha resolución satisfactoria do triángulo amoroso. Unha dificultade principal é que no relato tradicional Diomedes sobrevive á guerra e Troilo morre a mans de Aquiles, que é alleo ao triángulo amoroso.

Boitani ve as guerras mundiais e o compromiso do século XX «por recuperar todas as clases de mitos antigos» como impulsos do renovado interese por Troilo como ser humano destruído por sucesos fóra do seu control[68]. Tamén sinala a reaparición de Troilo como andropais. Boitani discute estes asuntos nun capítulo titulado «Eros e Tánatos», ‘amor e morte’, sendo o segundo ben unha traxedia en si mesmo ou un símbolo épico da propia destrución de Troia. Para el, estes dous son os elementos fundamentais conservados do mito de Troilo cos que os autores deben xogar, sendo bloqueado o desenvolvemento do personaxe a unha escala heroica polo tratamento que del fixo Shakespeare e pola aparición doutros personaxes como Hamlet e Werther.

  1. The Tradition of the Trojan War in Homer and the Epic Cycle. Johns Hopkins University Press. ISBN 0-8018-6652-9. 
  2. Boitani (1989).
  3. No sitio web do Arquivo Beazley detállanse 108 obxectos de cerámica ática só dos séculos -VI a -IV que conteñen imaxes de Troilo.
  4. A sección «Troilo e Licaón» de Gantz (1883), pp. 597-603, e o capítulo «Antigüidade e máis alá: A morte de Troilo» de Boitani (1989), pp. 1-19.
  5. Este epíteto homérico é seleccionado para este contexto en March (1999).
  6. A interpretación desta palabra é controvertida, como se explica en «Troilo como segundo Héctor, baluarte de Troia». Para o propósito da versión do mito dada nesta sección, considerarase que ten o significado de ‘amante dos cabalos’.
  7. Homero, Ilíada xxiv.257.
  8. "Homerica: The Cypria (fragmentos), tradución de Hugh G. Evelyn-White". 
  9. Discútese sobre estes textos en Boitani (1989) ou Gantz (1989).
  10. Os comentarios de Tzetzes non son facilmente accesíbeis, pero referéncianse ou discuten en Gantz (1993), Graves (1955) e Boitani (1989).
  11. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica iii.12.5.
  12. Pasaxe dispoñíbel na edición de Loeb dos fragmentos de Sófocles.
  13. Horacio, Odas xx.9.13-16.
  14. Dión Crisóstomo, Discursos xi.91. Este discurso é un intento por demostrar que Troia nunca caíu.
  15. Mitógrafo Vaticano i.120.
  16. Plauto, As dúas báquides 953-954.
  17. Íbico, Polícrates l.41-45.
  18. Dión Crisóstomo, Discurso XXI: Sobre a beleza.
  19. Frínico 3 fr. 13 Sn.
  20. Graves (1955).
  21. Gantz (1993) p. 602.
  22. O texto orixinal latino de Servio pode consultarse no Perseus Project.
  23. Gantz (1993).
  24. Sófocles, fragmento 621.
  25. Apolodoro, Epítome á Biblioteca iii.32 Arquivado 23 de decembro de 2007 en Wayback Machine..
  26. Gantz (1993) esfórzase en dar sentido ao que considera un material contraditorio, especulando con que a emboscada na fonte e o sacrificio no templo sexan dúas versións diferentes da historia ou, alternativamente, con que Aquiles levase a Troilo ao templo para sacrificalo como insulto a Apolo.
  27. Sófocles, fragmento 623.
  28. Calímaco, fragmento 363, citado por Cicerón na seguinte referencia.
  29. Cicerón, Disputacións tusculanas i.39.93.
  30. Horacio, Odas ii.ix.13-16.
  31. Como en esta vasilla.
  32. Carpenter (1991).
  33. Por exemplo, esta.
  34. March (1999).
  35. Woodford (1993).
  36. "Crátera campana, grega, sur de Italia, Época Clásica Tardía (sobre -380/-370)". Arquivado dende o orixinal o 05 de xaneiro de 2007. Consultado o 04 de marzo de 2018. 
  37. "Hidria: Aquiles e Troilo (sur de Italia, -350/-325)". Hermitage Museum (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 29 de xuño de 2012. Consultado o 04 de marzo de 2018. 
  38. March (1999) fala dun «violento contraste entre o enorme guerreiro atacante e o pequeno rapaz indefenso».
  39. "Side A: Achilles and Hektor fighting over body of Troilos".  Vasilla do século -VI decorada cunha imaxe de Aquiles loitando con Héctor sobre o altar. O corpo de Troilo aparece caído e a súa cabeza voando polo aire ou cravada no extremo da lanza de Aquiles. Atenea e Hermes contemplan a escena, aparecendo Eneas e Deitinos tras Héctor.
  40. "Main panel: scene at center, Athena with shield".  Exemplo de vasilla decorada na que non está claro que morte se representa.
  41. Virxilio, Eneida i.474-478.
  42. Mitógrafo Vaticano i.210.
  43. Séneca, Agamenón 748.
  44. Ausonio, Epitaphia 19.
  45. Quinto de Esmirna, Posthoméricas iv.418-435.
  46. Benson (1980).
  47. Gordon (1934).
  48. Carpenter, March e Gantz (e quizais Woodford) interpretan a palabra como ‘amante dos cabalos’; Boitani (citando a Pope) e os dicionarios dispoñíbeis no Perseus Project tradúcena como ‘guerreiro auriga’.
  49. Dares Frixio, De excidio Trojae Historia 12.
  50. Alberte de Stade, Troilo 329-330.
  51. Roberto Antonelli en Boitani (1989).
  52. Tradución de E. M. Meek, xx.90-91.
  53. O texto italiano orixinal pode descargarse de letturelibere.net Arquivado 13 de abril de 2007 en Wayback Machine..
  54. Natali en Boitani (1989) señala que esta etimología es incorrecta.
  55. Parece haber certo debate entre os académicos sobre quen foi esta muller. Nevill Coghill, na súa introdución de 1971 á tradución de Penguin do Troilo e Crésida de Chaucer, suxire a Maria d'Aquino; Natali rexeita esta idea e propón que era alguén chamada Giovanna.
  56. Segundo Frazer, isto posibelmente sexa influencia dun cambio parecido na Fiorita de Armannino de Bolonia.
  57. Coghill (1971) discutindo sobre Lewis (1936).
  58. Discutido por Barry Windeatt en Boitani (1989).
  59. Coghill (1971).
  60. C. D. Benson en Boitani (1989).
  61. A. Torti en Boitani (1989).
  62. R. A. Foakes na súa introdución á nova edición de Penguin de 1987 de Troilo e Crésida. Troilo é case imberbe pois broméase sobre que ten cincuenta e un pelos na súa meixela, un branco (para Príamo) e o resto para os fillos deste (un bifurcado por Paris). Acto I Escena 2ª.
  63. Shakespeare, Troilo e Crésida v.iii.37, discutido por A. Lombardo en Boitani (1989).
  64. Palmer (1982).
  65. Rufini en Boitani (1989) discute e rexeita a afirmación de Tilyard de que Troilo madura; Palmer (1982) é equívoco, dicindo que é o único personaxe que podería ter cambiado no transcurso da obra.
  66. M. E. Novak no vol. 13 da edición de University of California Press das obras de Dryden, Rufini (1989).
  67. Dryden, J. Troilo e Crésida iv.ii.314.
  68. Boitani (1989), p. 289.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar