Andrómeda (mitoloxía)
Na mitoloxía grega Andrómeda (en grego antigo Ἀνδρομέδα, 'gobernante dos homes') era filla de Cefeo e de Casiopea, reis de Etiopía.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Casiopea, presumindo de ser tan bela como as Nereidas, provocou a furia de Poseidón, quen enviou unha inundación sobre a terra e un monstro mariño, Ceto, para que acabase con homes e gando. Sabendo polo oráculo de Amón que non poderían atopar unha solución ata casar a súa filla Andrómeda co monstro, o rei Cefeo deixouna encadeada a unha rocha, espida e con xoias.
Perseo, cabalgando polo aire co seu cabalo alado Pegaso de volta tras matar a Gorgona, viu a Andrómeda e namorou dela. Baixou á praia a falar con Cefeo e Casiopea para pedir a súa man se a libraba do monstro mariño. Os pais aceptaron de mala gana. Perseo con Pegaso loitou co monstro mariño, matouno e usou a cabeza da Medusa (que convertía en pedra a quen a miraba e que conseguira cortar Perseo anteriormente) para petrificar o animal e convertelo en coral. Despois desatou a Andrómeda e, cando querían casar, Casiopea negouse porque xa lle prometera a man de Andrómeda ao príncipe Agenor. Perseo loitou contra Agenor e o seu séquito e logo de matar a moitos viuse obrigado a usar a cabeza da Medusa e petrificou os que quedaban. Andrómeda casou felizmente con Perseo.
Andrómeda marchou tras o seu marido a Tirinto en Argos, e converteuse na nai de seis fillos (os Perseides): Perses, Alceo, Méstor, Heleo, Electrión e Esténelo, e unha filla, Gorgófene. Os seus descendentes gobernaron Micenas desde Electrión ata Euristeo, tras quen Atreo obtivo a coroa, e inclúe ao grande heroe Heracles. Segundo esta mitoloxía, Perses é o devanceiro dos persas.
Tras a súa morte, Andrómeda foi situada por Atenea entre as constelacións do ceo do norte, preto de Perseo e Casiopea. Sófocles e Eurípides (e en época máis recente Pierre Corneille) escribiron varias traxedias a partir da historia, e os seus incidentes foron representados en numerosas obras de arte antigas.
Andrómeda é representada no ceo do hemisferio norte pola constelación Andrómeda, que contén a galaxia de Andrómeda.
Este mito foi representado nunha versión modificada da película de 1981 Furia de titáns.
Representacións
[editar | editar a fonte]A figura de Andrómeda encadeada á rocha representa o aspecto feble da muller arquetípica que atopa no home o seu defensor natural. Esta visión inspirou moitas obras de arte clásicas. A estrutura do mito repítese en moitos filmes, nos que o heroe rescata a muller indefensa.
-
Andrómeda; Pintura de Tiziano
-
Andrómeda, Joachim Wtewael, Louvre
-
Andromeda encadeada ás rochas (Rembrandt, 1630)
-
Pintura de Edward Poynter
-
Os pais de Andrómeda agradecen a Perseo por salvala (1679) Pierre Mignard
-
Andrómeda encadeada á rochas polas Nereidas (1840) de Théodore Chassériau
-
Andrómeda de Piero di Cosimo
-
(1892) de M. Arosa
-
Andrómeda. Escultura de Domenico Guidi.
-
Andròmeda e Perseo de Giorgio Vasari,
-
Debuxo de Eugène Delacroix
-
Andrómeda de Carlo Saraceni
-
«Perseo libera a Andrómeda» de Peter Paul Rubens
Fontes
[editar | editar a fonte]- Apolodoro, Biblioteca mitolóxica ii.iv.3-5
- Ovidio, Metamorfoses iv.668-764
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Andrómeda |