Johann Wolfgang von Goethe
Johann Wolfgang von Goethe ( [ˈjoːhan ˈvɔlfɡaŋ fɔn ˈɡøːtə] (axuda · info)), nado en Frankfurt o 28 de agosto de 1749 e finado o 22 de marzo de 1832, foi un novelista, dramaturgo, poeta, científico, filósofo humanista e, durante dez anos, funcionario do Estado de Weimar. A súa obra Fausto ten sido chamado o mellor poema longo da literatura moderna europea. O súa obra inclúe poesía épica e lírica, escrita en diversas métricas e estilos, prosa e dramas en verso, memorias, unha autobiografía, críticas literarias e estéticas, tratados de botánica, anatomía, e cor, e catro novelas. Ademais, consérvanse numerosos fragmentos literarios e científicos, máis de 10.000 cartas, e preto de 3.000 debuxos.
Unha celebridade literaria á idade de 25 anos, Goethe foi ennobrecido polo Duque de Saxonia-Weimar, Carl August en 1782 despois de tomar a súa residencia alí en novembro de 1775 tralo éxito da súa primeira novela, As mágoas do mozo Werther. Foi participante no movemento literario Sturm und Drang. Durante os seus primeiros dez anos en Weimar, Goethe serviu como membro do consello privado do duque, polo que tomou parte nas comisións de guerra, supervisou a apertura das minas de prata nos arredores de Ilmenau, e implantou unha serie de reformas administrativas na Universidade de Jena. Tamén contribuíu na creación do parque botánico de Weimar e na reconstrución do palacio ducal, que en 1998 foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.[1]
Despois de volver dunha xira por Italia en 1788, publicou o seu mellor traballo científico, a Metamorfose das plantas. En 1791 converteuse en director do teatro de Weimar, e en 1794 comezou a amizade co dramaturgo, historiador e filósofo Friedrich Schiller, cuxas obras estreou ata a morte de Schiller en 1805. Durante este período, Goethe publicou a súa segunda novela, Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister, o verso épico Hermann e Dorothea, e en 1808, a primeira parte do seu celebrado drama, Fausto. As súas conversas e empresas comúns durante a década de 1790 con Schiller, Johann Gottlieb Fichte, Johann Gottfried Herder, Alexander von Humboldt, Wilhelm von Humboldt, August e Friedrich Schlegel teñen sido denominados colectivamente Clasicismo de Weimar.
Arthur Schopenhauer citou a Wilhelm Meister's Apprenticeship como unha das catro novelas máis grandes xamais escritas, e Ralph Waldo Emerson seleccionou a Goethe, xunto con Platón, Napoleón e William Shakespeare, como un dos seis "Homes Representativos" na súa obra homónima. Os comentarios e observacións de Goethe son a base de numerosos traballos biográficos, sendo o máis notable Conversations with Goethe de Johann Peter Eckermann. Hai frecuentes referencias ós proverbios e máximas de Goethe ó longo do traballo de Friedrich Nietzsche e numerosas alusións a Goethe nas novelas de Hermann Hesse e Thomas Mann, así como nos escritos psicolóxicos de Jung. Os poemas de Goethe foron usados polos grandes compositores do século XVIII e XIX, como Wolfgang Amadeus Mozart, Ludwig van Beethoven, Franz Schubert, Robert Schumann, Johannes Brahms, Charles Gounod, Richard Wagner, Hugo Wolf e Gustav Mahler.
De intelixencia superdotada e provisto dunha enorme e enfermiza curiosidade, fixo practicamente de todo e chegou a acumular unha omnímoda cultura. Primeiramente estudou linguas, aínda que as súas inclinacións ían pola arte e nunca, ao longo de toda a súa vida, deixou de cultivar o debuxo; á vez que escribía os seus primeiros poemas, interesouse por outras ramas do coñecemento como a xeoloxía, a química e a medicina.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Vida temperá
[editar | editar a fonte]O pai de Goethe, Johann Caspar Goethe, vivía coa súa familia nunha gran casa (hoxe a Casa Goethe) en Frankfurt, entón unha cidade imperial libre do Sacro Imperio Romano Xermánico. Aínda que estudara dereito en Leipzig e fora nomeado conselleiro imperial, Johann Caspar Goethe non participou nos asuntos oficiais da cidade.[2] Johann Caspar casou coa nai de Goethe, Catharina Elisabeth Textor, en Frankfurt o 20 de agosto de 1748, cando el tiña 38 anos e ela 17.[3] Todos os seus fillos, a excepción de Johann Wolfgang e a súa irmá Cornelia Friederica Christiana (nacida en 1750), morreron a idades temperás.
O seu pai e os seus titores particulares deron ao mozo Goethe leccións de materias comúns da súa época, especialmente linguas (latín, grego, hebreo bíblico (brevemente),[4] francés, italiano e inglés). Goethe tamén recibiu clases de baile, equitación e esgrima. Johann Caspar, sentíndose frustrado nas súas propias ambicións, estaba decidido a que os seus fillos tivesen todas aquelas vantaxes que el non tiña.[2]
Aínda que a gran paixón de Goethe era o debuxo, axiña se interesou pola literatura; Friedrich Gottlieb Klopstock (1724–1803) e Homero estaban entre os seus primeiros favoritos.[5] Tamén tiña unha devoción polo teatro e estaba moi fascinado polos espectáculos de monicreques que se organizaban anualmente na súa casa; isto converteuse nun tema recorrente na súa obra literaria Wilhelm Meisters Lehrjahre (A aprendizaxe de Wilhelm Meister).
Tamén lle gustaba moito ler obras sobre historia e relixión. Sobre este período escribe:
Tiven desde neno o singular costume de aprender sempre de memoria os comezos dos libros e as divisións dunha obra, primeiro dos cinco libros de Moisés, e logo da Eneida e das Metamorfoses de Ovidio. ... Se unha imaxinación sempre atareada, da que ese relato pode dar testemuño, levábame de aquí cara alá, se a mezcolanza de fábula e historia, mitoloxía e relixión, ameazaba con desconcertarme, fuxía presto a esas rexións orientais, mergullábame nos primeiros libros de Moisés, e alí, entre as dispersas tribos de pastores, atopábame á vez na maior soidade e na maior sociedade.[6]
Goethe tamén coñeceu aos actores de Frankfurt.[7] Nos seus primeiros intentos literarios mostrou un namoramento de Gretchen, que máis tarde reaparecería no seu Fausto, e as aventuras coa que describiría concisamente en Dichtung und Wahrheit.[8] Adoraba a Cáritas Meixner (1750–1773), filla dun comerciante rico de Worms e amiga da súa irmá, que máis tarde casaría co comerciante G. F. Schuler.[9]
Carreira xurídica
[editar | editar a fonte]Goethe estudou dereito na Universidade de Leipzig desde 1765 a 1768. Detestaba aprender de memoria as ancestrais normas xudiciais, preferindo no seu lugar asistir ás leccións do poeta e profesor universitario Christian Fürchtegott Gellert. En Leipzig, Goethe namorouse da filla do artesán e hostaleiro Anna Katharina Schönkopf e escribiu alegres versos sobre ela no xénero rococó. En 1770, publicou anonimamente Annette, a súa primeira colección de poemas. A súa admiración acrítica por moitos poetas contemporáneos desvaneceuse ao interesarse por Gotthold Ephraim Lessing e Christoph Martin Wieland. Para entón, Goethe xa escribira moito, pero refugou case todas estas obras excepto a comedia Die Mitschuldigen. O restaurante Auerbachs Keller e a súa lenda da viaxe en barril de Johann Georg Faust en 1525 impresionáronlle tanto que Auerbachs Keller converteuse no único lugar real do seu drama de armario Fausto Primeira Parte. Como os seus estudos non progresaban, Goethe viuse obrigado a regresar a Frankfurt a finais de agosto de 1768.
Goethe enfermou gravemente en Frankfurt. Durante o ano e medio que seguiu, por mor de varias recaídas, a relación co seu pai empeorou. Durante a convalecencia, Goethe foi coidado pola súa nai e a súa irmá e coñeceu a monxa Susanne von Klettenberg, amiga de súa nai, que o introducio no misticismo relixioso pietista. En abril de 1770, Goethe abandonou Frankfurt para terminar os seus estudos na Universidade de Estrasburgo.
En Alsacia Goethe floreceu. Non describiu ningún outro paisaxe con tanto agarimo como a cálida e ampla rexión do Rin. En Estrasburgo, Goethe coñeceu a Johann Gottfried Herder, cuxos Discursos á nación alemá tanto influíron no Romanticismo alemán. Os dous fixéronse amigos íntimos e, fundamentalmente para o desenvolvemento intelectual de Goethe, Herder espertou o seu interese por William Shakespeare, Ossian e pola noción da Volkspoesie (poesía popular). Nunha viaxe en outubro de 1770 á aldea de Sessenheim, Goethe namorouse de Friederike Brion,[10][11] que lle inspirou a caracterización da maioría das súas personaxes femininas, pero a relación rematou en agosto de 1771.[12] O 14 de outubro de 1772 Goethe celebrou unha reunión na casa dos seus pais en homenaxe a Shakespeare ao que lle consagrou o primeiro "Día de Shakespeare" en Alemaña. O seu primeiro coñecemento das obras de Shakespeare descríbese como o seu espertar persoal na literatura.[13]
A finais de agosto de 1771, Goethe obtivo o título académico de licenciado en dereito pola Universidade de Estrasburgo e estableceu un pequeno bufete de avogados en Frankfurt. Aínda que nos seus traballos académicos había expresado a ambición de facer a xurisprudencia progresivamente máis humana, a súa inexperiencia levouno a proceder con demasiado vigor nos seus primeiros casos, polo que foi amoestado e perdeu outros casos. Isto puxo fin prematuramente á súa carreira de avogado tras só uns meses de exercela. Nesta época, Goethe coñeceu a corte de Darmstadt, onde encomiaron a súa inventiva. Deste contorno saíron Johann Georg Schlosser (que máis tarde se convertería en cuñado de Goethe) e Johann Heinrich Merck. Goethe tamén volveu perseguir plans literarios; e esta vez, o seu pai non tivo nada en contra, e mesmo lle axudou. Goethe obtivo unha copia da biografía dun nobre salteador de camiños da guerra dos campesiños alemáns. Nun par de semanas a biografía foi reelaborada nun colorido drama. Titulada Götz von Berlichingen, a obra chegou directamente ao corazón dos contemporáneos de Goethe.
Goethe non podía subsistir sendo un dos redactores dunha revista literaria (publicada por Schlosser e Merck). En maio de 1772 volveu exercer a avogacía en Wetzlar. En 1774 escribiu o libro que lle daría fama mundial, Die Leiden des jungen Werthers (As mágoas do mozo Werther). A forma exterior da trama da obra está amplamente tomada do que Goethe viviu durante a súa época en Wetzlar con Charlotte Buff (1753-1828)[14] e o seu prometido, Johann Christian Kestner (1741–1800),[14] así como polo suicidio do amigo do autor Karl Wilhelm Jerusalem (1747–1772); nela, Goethe fixo unha paixón desesperada polo que en realidade era unha amizade cordial e relaxada.[15] A pesar do inmenso éxito de Werther, non lle trouxo moito beneficio económico a Goethe porque as leis de copyright daquela época eran esencialmente inexistentes. (Nos anos posteriores Goethe evitaría este problema autorizando periodicamente edicións "novas e revisadas" das súas Obras completas).[16]
Primeiros anos en Weimar
[editar | editar a fonte]En 1775, Goethe foi convidado, grazas á súa fama como autor de As mágoas do mozo Werther, á corte de Karl August, Duque de Saxonia-Weimar-Eisenach, que se convertería en Gran Duque en 1815. (Carlos Augusto tiña entón 18 anos, Goethe 26.) Goethe foi vivir a Weimar, onde permaneceu o resto da súa vida.[17] e onde, ao longo de moitos anos, ocupou unha sucesión de cargos, entre eles o de superintendente da biblioteca ducal,[18] e foi amigo e conselleiro principal do duque.[19][20]
En 1776, Goethe estableceu unha estreita relación con Charlotte von Stein, unha muller maior e casada. O vínculo íntimo con ela durou dez anos, despois dos cales Goethe marchou bruscamente a Italia sen avisar á súa compañeira. Ela estaba emocionalmente angustiada nese momento, pero finalmente reconciliáronse.[21]
Goethe, ademais dos deberes oficiais, tamén era amigo e confidente do duque Karl August e participaba nas actividades da corte. Para Goethe, os seus primeiros dez anos en Weimar ben poderían describirse como unha acumulación dun grao e dunha gama de experiencias que quizais non se puideran conseguir doutro xeito. En 1779, Goethe asumiu a Comisión de Guerra do Gran Ducado de Saxe-Weimar, ademais das comisións de Minas e Estradas. En 1782, cando o chanceler de Facenda do Ducado deixou o seu cargo, Goethe accedeu a actuar no seu lugar e fíxoo durante dous anos e medio; este cargo converteuno practicamente no primeiro ministro e no principal representante do ducado.[22] Goethe foi ennobrecido en 1782 (así o indica o "von" do seu nome). Ese mesmo ano, Goethe trasladouse á que sería a súa residencia principal en Weimar durante os 50 anos seguintes.[23]
Como xefe da Comisión de Guerra de Saxe-Weimar, Goethe participou no recrutamento de mercenarios no exército prusiano e británico durante a Revolución Americana. O autor W. Daniel Wilson afirma que Goethe dedicouse a negociar a venda forzosa de vagabundos, criminais e disidentes políticos como parte destas actividades.[24]
Italia
[editar | editar a fonte]A viaxe de Goethe á península italiana e Sicilia entre 1786 e 1788 tivo unha grande importancia no seu desenvolvemento estético e filosófico. O seu pai realizara unha viaxe similar, e o seu exemplo foi un importante factor de motivación para que Goethe realizase a viaxe. Con todo, o máis importante foi que a obra de Johann Joachim Winckelmann provocaralle un renovado interese polos clásicos da arte da antiga Grecia e da antiga Roma. Así, a viaxe de Goethe tivo algo de peregrinación. No transcurso da súa viaxe, Goethe coñeceu e estableceu amizade cos artistas Angelika Kauffmann e Johann Heinrich Wilhelm Tischbein, ademais de atoparse con personaxes tan notables como Lady Hamilton e Alessandro Cagliostro.
Tamén viaxou a Sicilia durante este tempo e escribiu que "Ver Italia sen ter visto Sicilia é non ter visto Italia en absoluto, porque Sicilia é a pista de todo".[25] Mentres estaba no sur de Italia e Sicilia, Goethe atopou, por primeira vez, a arquitectura grega xenuína (en oposición á romana), e quedou bastante sorprendido pola súa relativa sinxeleza. Winckelmann non recoñecera a distinción dos dous estilos.
Os diarios de Goethe deste período constitúen a base do libro de non ficción Italienische Reise (Viaxe a Italia). Viaxe a Italia só cobre o primeiro ano da visita de Goethe a Italia. O ano restante non está documentado na súa maior parte, salvo o feito de que pasou gran parte del en Venecia. Esta "lagoa documental" deu lugar a numerosas especulacións ao longo dos anos.
Nas décadas que seguiron inmediatamente á súa publicación en 1816, Viaxe a Italia inspirou a incontables mozos alemáns a seguir o exemplo de Goethe. Isto aparece, de xeito algo satírico, na Middlemarch de George Eliot.[Cómpre referencia]
Weimar
[editar | editar a fonte]A finais de 1792, Goethe participou na batalla de Valmy contra a Francia revolucionaria, axudando ao duque Karl August de Saxe-Weimar-Eisenach durante a errada invasión de Francia. De novo durante o asedio de Maguncia, axudou a Carl August como observador militar. O seu relato escrito destes acontecementos pódese atopar dentro das súas Obras completas.
En 1794, Friedrich Schiller escribiu a Goethe ofrecéndolle amizade; anteriormente só tiñan unha relación mutuamente cautelosa desde que se coñeceron por primeira vez en 1788. Esta amizade de colaboración durou ata a morte de Schiller en 1805.
En 1806, Goethe vivía en Weimar coa súa amante Christiane Vulpius, irmá de Christian A. Vulpius, e o seu fillo August von Goethe. O 13 de outubro, o exército de Napoleón invadiu a cidade. Os "gardas de culler" franceses, os soldados menos disciplinados, ocuparon a casa de Goethe:
Os "gardas da culler" entraron, beberon viño, armaron un grande alboroto e chamaron o señor da casa. O secretario de Goethe, Riemer, relata: Aínda que xa desvestido e vestindo só o seu amplo camisón... baixou as escaleiras cara a eles e preguntou que querían del..... A súa digna figura, o seu impoñente respecto e a súa actitude espiritual pareceron impresionarlles mesmo a eles". Pero non durou moito. A altas horas da noite irromperon no seu dormitorio coas baionetas caladas. Goethe quedou petrificado, Christiane armou moito ruído e mesmo se encerellou con eles, outras persoas que se refuxiaran na casa de Goethe apresuráronse a entrar, e así os merodeadores acabaron por retirarse de novo. Foi Christiane quen comandou e organizou a defensa da casa no Frauenplan. Ela encargouse de atrincheirar a cociña e o soto contra os salvaxes soldados saqueadores. Goethe anotou no seu diario: "Incendios, rapina, unha noite espantosa... Conservación da casa grazas á constancia e á sorte". A sorte foi de Goethe, a constancia de Christiane.[26]
Días despois, o 19 de outubro de 1806, Goethe lexitimou a súa relación de 18 anos casando con Christiane nun tranquilo servizo matrimonial na Igrexa de Santiago de Weima. Xa tiñan varios fillos xuntos por aquel entón, incluído o seu fillo, Julius August Walter von Goethe (1789–1830), cuxa esposa, Ottilie von Pogwisch (1796–1872), coidou do vello Goethe ata a súa morte. en 1832. August e Ottilie tiveron tres fillos: Walther, Freiherr von Goethe (1818–1885), Wolfgang, Freiherr von Goethe (1820–1883) e Alma von Goethe (1827–1844). Christiane von Goethe morreu en 1816. Johann reflexionou: "Non hai nada máis encantador de ver que unha nai co seu fillo nos brazos, e non hai nada máis venerable que unha nai entre varios dos seus fillos".[27]
ültimos anos
[editar | editar a fonte]Despois de 1793, Goethe dedicou os seus esforzos principalmente á literatura. En 1820, Goethe gozaba dunha boa amizade con Kaspar Maria von Sternberg.
En 1821, tras recuperarse dunha enfermidade cardíaca case mortal, Goethe, de 72 anos, namorouse de Ulrike von Levetzow, que entón tiña 17 anos.[28] En 1823, quixo casar con ela, pero pola oposición da súa nai, nunca llo propuxo. O seu último encontro en Carlsbad o 5 de setembro de 1823 inspirou o seu poema "Marienbad Elegy", que consideraba unha das súas mellores obras.[29][30] Durante ese tempo tamén desenvolveu un profundo vínculo emocional coa pianista polaca Maria Szymanowska, de 33 anos e separada do seu marido.[31]
En 1821, o amigo de Goethe Carl Friedrich Zelter presentoulle ao neno de 12 anos Felix Mendelssohn. Goethe, xa septuaxenario, quedou moi impresionado polo neno, o que levou á que quizais sexa a primeira comparación confirmada con Mozart na seguinte conversación entre Goethe e Zelter:
"Os prodixios musicais ... probablemente xa non son tan raros; pero o que este homiño pode facer ao extemporizar e tocar á vista raia o milagroso, e eu non o creía posible a tan temperá idade." "E con todo, escoitaches a Mozart no seu sétimo ano en Frankfurt?", dixo Zelter. "Si", respondeu Goethe, "... pero o que o teu alumno xa logra, garda a mesma relación co Mozart de entón que a cultivada charla dunha persoa adulta garda coa cháchara dun neno."[32]
Mendelssohn foi invitado a coñecer a Goethe en varias ocasións posteriores,[33] e musicalizou varios poemas de Goethe. Outras das súas composicións inspiradas en Goethe inclúen a abertura Meeresstille und glückliche Fahrt (Mar en calma e feliz navegación) (Op. 27, 1828), e a cantata Die erste Walpurgisnacht (A primeira noite de Walpurgis, Op. 60, 1832).[34]
Morte
[editar | editar a fonte]Goethe morreu en 1832 en Weimar aparentemente dunha insuficiencia cardíaca. As súas últimas palabras, segundo o seu médico Carl Vogel, foron, Mehr Licht! (Máis luz!), pero isto é discutido xa que Vogel non estaba na habitación no momento en que morreu Goethe.[35] Está enterrado na Bóveda Ducal do Cemiterio Histórico de Weimar.
Eckermann pecha a súa famosa obra, Gespräche mit Goethe (Conversacións con Goethe), con esta pasaxe:
Á mañá seguinte da morte de Goethe, embargoume un profundo desexo de contemplar unha vez máis a súa vestidura terreal. O seu fiel servidor, Federico, abriume a habitación na que xacía. Tendido de costas, descansaba como durmido; unha profunda paz e seguridade reinaban nos trazos do seu sublime e nobre aspecto. A súa poderosa fronte parecía albergar aínda pensamentos. Desexei un guecho do seu cabelo, pero a reverencia impediume cortarllo. O corpo xacía espido, só envolvido nunha saba branca; grandes anacos de xeo foran colocados preto del, para mantelo fresco o maior tempo posible. Frederick apartou a saba e quedei asombrado ante a divina magnificencia dos membros. O peito era poderoso, ancho e arquexado; os brazos e as coxas eran elegantes e da forma máis perfecta; en ningures de todo o corpo había rastro de graxa nin de delgadez ou decadencia. Un home perfecto xacía ante min con gran beleza; e o embeleso que me causou a visión fíxome esquecer por un momento que o espírito inmortal había deixado tal morada. Puxen a miña man sobre o seu corazón, fíxose un profundo silencio e deime a volta para dar renda solta ás miñas bágoas reprimidas.
A primeira produción da ópera de Richard Wagner Lohengrin tivo lugar en Weimar en 1850. O director de orquestra foi Franz Liszt, que elixiu a data do 28 de agosto en honra de Goethe, nado o 28 de agosto de 1749.[36]
Descendentes
[editar | editar a fonte]Goethe tivo cinco fillos con Christiane Vulpius. Só o seu fillo maior, August, chegou á idade adulta. Un dos seus fillos naceu morto e os demais morreron prematuramente. A través do seu fillo August e a súa nora Ottilie, Johann tivo tres netos: Walther, Wolfgang e Alma. Alma morreu de febre tifoidea durante a epidemia de Viena, un mes antes de cumprir 17 anos. Walther e Wolfgang non casaron nin tiveron fillos. A lápida de Walther di: "Con el termina a dinastía de Goethe, o nome durará para sempre", marcando o fin da estirpe persoal de Goethe. Aínda que non ten descendencia directa, os seus irmáns si a teñen.
Parentes afastados de Johann Wolfgang von Goethe
[editar | editar a fonte]O pai de Johann Wolfgang von Goethe tiña un medio irmán maior, Hermann Jakob Goethe (1697-1761), do primeiro matrimonio do seu avó Friedrich Georg Goethe. En 1722 casou con Susanna Elisabeth Hoppe (1704-1778), coa que tivo sete fillos, entre eles unha filla, Cornelia, que máis tarde se converteu en antepasada do famoso científico Johann August Streng (de). (1830-1897), que deu nome ao mineral strengita. Cornelia Goethe era filla de Hermann Jacob Goethe e sobriña de Johann Caspar Goethe. En 1749, Cornelia Goethe casou co comerciante Ulrich Thomas Streng, cando naceu Johann Wolfgang von Goethe.
Fausto
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Fausto (Goethe).
A mellor obra dramática de Goethe é sen dúbida o Fausto, que pasou a ser unha obra clásica da Literatura Universal. A primeira versión, o Urfaust ou Fausto orixinal, estaba acabada en 1773. Pero o autor seguiuna retocando até 1790; xa en abril de 1806 estaba completo, pero as guerras napoleónicas demoraron dous anos a publicación até 1808; a segunda parte só sería publicada en 1833, un ano despois do falecemento do autor. A primeira parte desta complexa traxedia articúlase ao redor de dous centros fundamentais; o primeiro é a historia de como Fausto, fatigado da vida e decepcionado da ciencia, fai un pacto co diaño que lle devolve a mocidade a cambio da súa alma; o segundo é a historia de amor entre Fausto e Gretchen, que Mefistófeles manipula de forma que Fausto chegue ao homicidio - mata ao irmán da súa amada - e Gretchen teña un embarazo indesexado, que lle conduce primeiro ao infanticidio e logo a ser executada por asasinar o seu fillo.
A historia de Fausto inspírase, como moitas lendas, en feitos certos. Existiu un tal Johann Faust que naceu cara a 1490 no sur de Alemaña e se doutorou na Universidade de Heidelberg en 1509. Tras deixar a universidade, emprendeu unha vida de aventuras marcada por unha fuxida constante por mor das múltiples acusacións de bruxaría que se lle fixeron. Deixou unha biblioteca que incluía libros de medicamentos, matemáticas e maxia negra. Esta pintoresca vida deu orixe á lenda popular, aproveitada por autores de pezas de monicreques e marionetas, e servira ademais para inspirar lendas populares. O primeiro libro sobre este mito editouse en 1587 por parte de Johannes Spiess, quen, no seu prólogo, advertiu que omitira referir fórmulas máxicas para evitar que quen tivese o libro fose acusado de bruxaría. Outros libros e libretos teatrais trataron o tema do pacto co diaño para lograr o dominio sobre a natureza: no teatro de monicreques dos séculos XVI e XVII, a historia pechábase sempre cos demos levándose a Fausto, pero Goethe alterou este argumento facendo que se salvase Gretchen ao final da primeira parte, anticipando a salvación de Fausto ao termo da segunda, cando os demos que queren levar a súa alma teñen que retirarse ante a chegada dunha lexión de anxos. Ademais Goethe cambia o impulso que move a Fausto: o desexo que o achegaba á bruxaría non é cobiza, maldade ou vagancia, senón a ansia de saber, o desexo de grandeza, de plenitude, de totalidade. O carácter moralizante que pode ter a obra será que ese desexo de coñecemento leva á miseria moral.
A obra foi interpretada en época moderna por Walter Benjamin, por Thomas Mann na súa novela Doktor Faustus e polo fillo deste, Klaus Mann en Mephisto, na que concibe o pacto co diaño como unha metáfora do pacto de Alemaña con Hitler.
Obra
[editar | editar a fonte]Drama
[editar | editar a fonte]- 1768: Die Laune des Verliebten (O antollo do namorado).
- 1769: Die Mitschuldigen (Os cómplices).
- 1773: Götz von Berlichingen.
- 1774: Ein Fastnachtsspiel vom Pater Brey.
- 1774: Jahrmarktsfest zu Plundersweilern.
- 1774: Hanswursts Hochzeit.
- 1774: Götter, Helden und Wieland.
- 1774: Clavigo.
- 1775: Egmont.
- 1775: Erwin und Elmire.
- 1776: Die Geschwister.
- 1776: Stella.
- 1777: Der Triumph der Empfindsamkeit.
- 1778: Proserpina.
- 1779: Iphigenie auf Tauris (Ifigenia en Táuride).
- 1780: Torquato Tasso.
- 1790: Faust. Ein Fragment (Fausto, Primeira Parte).
- 1792: Der Groß-Cophta.
- 1793: Der Bürgergeneral.
- 1797: Faust. Eine Tragödie.
- 1802: Mahomet der Prophet.
- 1803: Die natürliche Tochter.
- 1807: Pandora.
- 1832: Faust. Der Tragödie zweiter Teil (Fausto, Segunda Parte) Obra póstuma.
Novela
[editar | editar a fonte]- 1774: Die Leiden des jungen Werther (As mágoas do mozo Werther).
- 1776: Wilhelm Meisters theatralische Sendung.
- 1795: Unterhaltungen deutscher Ausgewanderten.
- 1796: Wilhelm Meisters Lehrjahre (Os anos de aprendizaxe de Wilhelm Meister).
- 1797: Novelle.
- 1807: Wilhelm Meisters Wanderjahre.
- 1809: Die Wahlverwandtschaften (As afinidades electivas).
Verso
[editar | editar a fonte]Outros
[editar | editar a fonte]- 1795: Römische Elegien (Elexías romanas).
- 1811: Aus meinem Leben: Dichtung und Wahrheit (Poesía e verdade, Parte I).
- 1816: Italienische Reise (Viaxe a Italia).
- 1819: Westöstlicher Diwan (Diván de Oriente e Occidente).
- 1821: Wilhelm Meisters Wanderjahre, oder Die Entsagenden (Os anos de peregrinación de Wilhelm Meister).
- 1823: Marienbader Elegie (Elexía de Marienbad).
- 1833: Aus meinem Leben: Dichtung und Wahrheit (Poesía e verdade, Parte II).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ UNESCO (ed.). "Classical Weimar UNESCO Justification". Justification for UNESCO Heritage Cites. Consultado o 7 de xuño de 2012.
- ↑ 2,0 2,1 Herman Grimm: Goethe. Vorlesungen gehalten an der Königlichen Universität zu Berlin. Vol. 1. J.G. Cotta'sche Buchhandlung Nachfolger, Stuttgart / Berlin 1923, p. 36
- ↑ Catharina era filla de Johann Wolfgang Textor, xerife (Schultheiss) de Frankfurt, e de Anna Margaretha Lindheimer.
- ↑ Kruse, Joseph A. (2018). "Poetisch-religiöse Vorratskammer – Die Hebräische Bibel bei Goethe und Heine". En Anna-Dorothea Ludewig; Steffen Höhne. Goethe und die Juden – die Juden und Goethe (en alemán). Walter de Gruyter. p. 71. ISBN 9783110530421.
- ↑ Oehler, R 1932, "Buch und Bibliotheken unter der Perspektive Goethe – Goethe's attitude toward books and libraries", The Library Quarterly, 2, pp. 232–249
- ↑ Goethe, Johann Wolfgang von. The Autobiography of Goethe: Truth and Poetry, From My Own Life, Volume 1 (1897), translated by John Oxenford, pp. 114, 129
- ↑ Valerian Tornius: Goethe – Leben, Wirken und Schaffen. Ludwig-Röhrscheid-Verlag, Bonn 1949, p. 26
- ↑ Emil Ludwig: Goethe – Geschichte eines Menschen. Vol. 1. Ernst-Rowohlt-Verlag, Berlin 1926, pp. 17–18
- ↑ Karl Goedeke: Goethes Leben. Cotta / Kröner, Stuttgart around 1883, pp. 16–17.
- ↑ Herman Grimm: Goethe. Vorlesungen gehalten an der Königlichen Universität zu Berlin. Vol. 1. J. G. Cotta'sche Buchhandlung Nachfolger, Stuttgart / Berlin 1923, p. 81
- ↑ Karl Robert Mandelkow, Bodo Morawe: Goethes Briefe. 2. edition. Vol. 1: Briefe der Jahre 1764–1786. Christian Wegner, Hamburg 1968, p. 571
- ↑ Valerian Tornius: Goethe – Leben, Wirken und Schaffen. Ludwig-Röhrscheid-Verlag, Bonn 1949, p. 60
- ↑ Robyn Lowrie. MY FRENCH QUEST Adventures in Literature, French Culture and Language Acquisition, ed. "Goethe on Shakespeare, A Tribute (1771)". Consultado o 10 de febreiro do 2023.
- ↑ 14,0 14,1 Mandelkow, Karl Robert (1962). Goethes Briefe. Vol. 1: Briefe der Jahre 1764–1786. Christian Wegner Verlag. p. 589
- ↑ Mandelkow, Karl Robert (1962). Goethes Briefe. Vol. 1: Briefe der Jahre 1764–1786. Christian Wegner Verlag. páxs. 590–592
- ↑ Ver Goethe e os seus editores.
- ↑ Robertson, John George (1911). "Goethe, Johann Wolfgang von". En Chisholm, Hugh. Encyclopædia Britannica 12 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 183.
- ↑ Gosnell, Charles F., and Géza Schütz. 1932. "Goethe the Librarian." Library Quarterly 2 (xaneiro): 367–374.
- ↑ Hume Brown, Peter (1920). Life of Goethe. pp. 224–225.
- ↑ "Klassik Stiftung Weimar". www.klassik-stiftung.de (en alemán). Consultado o 10 de febreiro do 2023.
- ↑ Chisholm, Hugh, ed. (1911). "Stein, Charlotte von". Encyclopædia Britannica 25 (11ª ed.). Cambridge University Press (en inglés). p. 871.
- ↑ "Johann Wolfgang von Goethe". Enciclopedia Britannica.
- ↑ "The Goethe Residence". Klassik Siftung Weimar. Consultado o 12 de febreiro do 2023.
- ↑ Craig, Gordon A.; Wilson, W. Daniel. "The Goethe Case | W. Daniel Wilson". The New York Review of Books 2022 (en inglés). ISSN 0028-7504. Consultado o 12 de febreiro do 2023.
- ↑ Desmond, Will D. (2020). Hegel's Antiquity. Oxford University Press. p. 10. ISBN 978-0-19-257574-6.
- ↑ Safranski, Rüdiger (1990). Schopenhauer and the Wild Years of Philosophy. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-79275-3.
- ↑ Chamberlain, Alexander (1896). The Child and Childhood in Folk Thought: (The Child in Primitive Culture), p. 385 (en inglés). MacMillan.
- ↑ Gersdorff, Dagmar von (2005). Goethes späte Liebe (en alemán). Insel Verlag. ISBN 978-3-458-19265-7.
- ↑ "Ulrika von Levetzowová". hamelika.cz (en checo).
- ↑ O encontro descríbese no libro de Stefan Zweig de 1927, Decisive Moments in History
- ↑ Briscoe, J. R. (Ed.). (2004). New Historical Anthology of Music by Women (Vol. 1). Indiana University Press. pp. 126–127.
- ↑ Todd 2003, p. 89.
- ↑ Mercer-Taylor 2000, pp. 41–42, 93.
- ↑ Todd 2003, pp. 188–190, 269–270.
- ↑ Carl Vogel: "Die letzte Krankheit Goethe's". In: Journal der practischen Heilkunde (1833).
- ↑ Grove's Dictionary of Music and Musicians, 5th ed., 1954[cómpre nº de páxina]
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galicitas posúe citas sobre: Johann Wolfgang von Goethe |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bell Matthew. 1994. Goethe's Naturalistic Anthropology : Man and Other Plants. Oxford: Clarendon Press.
- Calder, Angus (1983), Scott & Goethe: Romantiscism and Classicism, in Hearn, Sheila G. (ed.), Cencrastus No. 13, Summer 1983, pp. 25–28, ISSN 0264-0856
- Von Gronicka, André. 1968. The Russian Image of Goethe. Volume 1 Goethe in Russian Literature of the First Half of the Nineteenth Century. Philadelphia Pa: University of Pennsylvania Press.
- Von Gronicka, Andrè. 1985 The Russian Image of Goethe. Volume 2 Goethe in Russian Literature of the Second Half of the Nineteenth Century. Philadelphia Pa: University of Pennsylvania Press.
- Hatfield Henry Caraway. 1963. Goethe: A Critical Introduction. Cambridge, MA: Harvard University Press.
- Jane K. n.d. Goethe's Allegories of Identity. Philadelphia Pa: University of Pennsylvania Press.
- Maertz Gregory. 2017. Literature and the Cult of Personality: Essays on Goethe and His Influence. New York, NY:Columbia University Press.
- Robertson, John George; Phillips, Walter Alison (1911). "Goethe, Johann Wolfgang von". Encyclopædia Britannica 12 (11ª ed.). pp. 182–189.
- Robertson, Ritchie. 2016. Goethe : A Very Short Introduction. Oxford: Oxford University Press.
- Santayana, George (1910). "Goethe's Faust". Harvard Studies in Comparative Literature, Volume 1: Three Philosophical Poets: Lucretius, Dante, and Goethe, Critical Edition. Cambridge, MA: Harvard University Press. pp. 139–202. Consultado o September 22, 2022.
- Viëtor Karl and Bayard Quincy Morgan. 1950. Goethe the Thinker. Cambridge Mass: Harvard University Press.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]- Literatura do Romanticismo
- Dora Stock
- Goethe Basin
- Johann-Wolfgang-von-Goethe-Gymnasium
- W. H. Murray
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Autobiografía de Goethe: Verdade e Poesía, da Miña Propia Vida vol 1 (1848) (en inglés)
- Autobiografía de Goethe: Verdade e Poesía, da Miña Propia Vida vol 2 (1881) (en inglés)
- Goethe en inglés en Poems Found in Translation
- The Lied and Art Song Texts Page Poemas de Goethe con música
- Enciclopedia Británica, Johann Wolfgang von Goethe
- "Goethe's Delicate Empiricism", de Janus Head Arquivado 26 de decembro de 2008 en Wayback Machine.
- Poemas de Goethe (do alemán a outras linguas) Arquivado 01 de abril de 2007 en Wayback Machine.
- Estatua de Goethe – Lincoln Park en Chicago, Illinois, Estados Unidos de América
- Afinidades electivas
- Escritores en lingua alemá
- Escritores de Alemaña
- Poetas de Alemaña
- Filósofos de Alemaña
- Nados en Frankfurt
- Nados en 1749
- Finados en 1832
- Cabaleiros da Lexión de Honra
- Membros do Instituto Arqueolóxico Alemán
- Poetas en lingua alemá
- Dramaturgos de Alemaña
- Novelistas de Alemaña
- Botánicos de Alemaña
- Avogados de Alemaña
- Zoólogos de Alemaña